Barrio de San Lázaro ( Sárria )

O BARRIO DE SAN LÁZARO ( SÁRRIA )

Naceu a carón  da cruz das estradas do Mazadoiro a Lamarregueira  e de Sárria a Portomarín , abertas entre 1850 e 1860, darredor da capela de San Lázaro, único resto que quedaba do hospital de gafos ou malatos que en 1700 fora suprimido e que se integrara na Obra Pía dos Hospitais de Santo Antón Abade e San Lázaro da vila de Sárria. A maior parte da documentación procedente deste hospital, manexada nos anos 1940 por Francisco Vázquez Saco, que fixo varias citas nun traballo adicado aos hospitais sarriaos

Capela e Hospital formaban parte da parroquia de San Pedro de Maside ata que en 1891 as terras desa parroquia que quedaban na marxe dereita do río Celeiro ( na Idade Media chamado río Barbadelo) pasaron a formar parte da parroquia de San Salvador de Sárria, constituíndo así o primeiro "ensanche" da vila de Sárria.

Asentaron en San Lázaro , en casas de nova feitura, algunhas  familias, varias procedentes doutras terras, e adicadas ao comerzo ou traballando como xornaleiros, e tamén en terreos de Maside se alzou a Casa da Lama da Gándara, e cando en 1880 se produciu a chegada do ferrocarril xurdiu outro novo barrio, o da Estación.
Pertencían entón a Maside as terras  da marxe esquerda da Corga de Vales ( hoxe rúa Pedro Saco ata o río Celeiro ( As Castiñeiras, Cortiñas de San Lázaro, Cortiñas do Mazadoiro ).
As casas  alzadas na estrada de Valdeorras ( hoxe rúa Matías López ), entre  a cruz de Formigueiros e a Ponte Nova do Mazadoiro eran todas de San Pedro de Maside.

Houbo un proxecto  do Bispado de Lugo polo que trataban de facer unha  nova parroquia, San Lázaro de Sárria, na que pretendían integrar o nacente Barrio de San Lázaro, as de perto da Estación do camiño de ferro e as do treito final da rúa Matías López. Non foi adiante esa creación , e  eses barrios pasaron a seren agregados á parroquia de San Salvador de Sárria, á que, só a efectos eclesiásticos, se enadiron os lugares da suprimida parroquia de Santo Estevo de Requeixo ( Treilán, San Martiño e O Mazadoiro ). A agregación  a San Salvador contou coa protesta das "forzas vivas" da vila , que non vían con bons ollos a integración de fregueses "alleos" ( comerciantes, labregos e ferroviarios )  dentro  da vila. O Bispo de Lugo non fixo caso dos burgueses  e o Concello deu aprobación a que a poboación  se espallase pola veiga, a carón das novas estradas,  deixando o outeiro  histórico ( "A Vila" ) señoreado polas igrexas de San Salvador e Santa Mariña e por una burguesía fachendosa da Rúa Maior que tencionaba distinguirse  dos comerciantes e proletarios  que vivían  beira das estradas.
Cecais nese tempo foi cando naceron as teimas diferencias  entre os fachendosos rendistas  "da Calle" ( A   Vila)  e os  recén chegados , enriquecidos  co exercizo do comerzo.

A vila de Sárria, dende 1891 veu definida polas seguintes estremas : Principiando na Ponte do Lázaro ía ata a Ponte do Mazadoiro e dende alí seguía ata a Cruz de Pradeda, xirando cara o río Sárria e por el arriba alcanzaba a Ribeira dos Cucos, e dende alí seguía á cruz da estrada do Mazadoiro coa Corga dos Fornos de Atrás, de alí ía ata a Ponte da Áspera e polo río abaixo alcanzaba a Ponte do Lázaro.

Os primeiros corenta anos dos barrios agregados foron de crecemento  demorado, e como se entendía que eran " medio rural" recibiron sistemáticamnte o desinterese dos membros do Concello.

No Libro de Defuntos de San Pedro de Maside  constan as seguintes defuncións:

XOANA  ESCUDERO FIGALLEGA ( + 25.01.1881 ). Comerciante, moradora na Casa da Lama da Gándara. Era natural de Castro Gonzalo ( Zamora ) . Filla de Xosé Escudero e  de Fernanda Figallega. Deixou unha  manda de 28 misas en sufraxio da súa alma.

MARÍA SOMOZA FRANCO ( + 24.02.1882 ).- Viviu na Casa do Chino en Lama da Gándara  . Filla de Xesús Somoza e de Dores Franco.
ANTONIA GARCÍA VÁZQUEZ ( + 28.02.1882 ).-  Fillo de Manuel García e Manuela Vázquez, de Begonte. Casada  con Pedro Regueiro. Fillos:  Tareixa, Xoán e Xerardo Reguero García.  Faleceu aos 40 anos de idade.No seu enterro participaron catro cregos , deixou manda de  16 misas  e un responso de "Memento".

MANUEL MARÍA CASTAÑEDA FORTE ( + 7.01.1883 ).- Fillo de Aniceto Castañeda e Leocadia Forte.

PEDRO RIGUEIRO FRANCO ( +9.02.1883).- Fillo de Pedro Rigueiro e Rosa Franco. Faleceu aos tres días de nacer. Enterrado en Maside.

ESPERANZA REIGADA  MINZOY ( + 13.02.1884 ).- Era filla de Xosé Antonio Reigada e de Balbina Menzoy de Piantón ( Asturias). Tiña 5 anos, e foi enterrada en Maside.

EDUARDO REIGADA MINZOY ( + 1.05.1884 ) Era fillo de Xosé Antonio Reigada e de  Balbina Menzoy, de Piantón ( Asturias  ). Faleceu á idade de  15 meses.

TAREIXA REGUEIRO GARCÍA ( + 3.06.1884 ).- Filla de Pedro Regueiro  e Antonia García. Morreu á idade de 8 anos. Enterrada en Maside.

XACOBO QUIROGA  ABUÍN ( + 6.07.1884 ).- Fillo de Pedro Quiroga e de  Rosa Abuín, de Santalla do Alto-O Corgo. Casou con Carolina Maseda. Morreu aos 42 anos. Foi enterrado en Maside. Participaron seis curas nas súas honras , deixou unha manda de  26 misas  e responsos de "Memento".

CARME ACHA MAESTEGUI ( + 30.10.1884 )  Natural de Éibar. Casou con Toribio Martínez. No seu enterro estiveron presentes oito curas . Con permiso do párraco de Maside, foi enterrada no Cemiterio de Sárria.

MANUEL MARÍA QUIROGA CASTRO ( + 1.11.1884 ).- Fillo de Xosé Quiroga e María Castro. Foi enterrado en Sárria e nas honras fúnebres participaron  oito curas.

MARÍA ANDREA AVELINA GONZÁLEZ ( + 25.11.1884 ).- Filla de  Dores González. Enterrada en Maside.
























Comentarios

Publicacións populares