SÁRRIA, DO BERCE Á CINZA: SEMPRE MIÑA ( 839 )

                            SÁRRIA, DO BERCE Á CINZA : SEMPRE SÁRRIA     ( 839 )

                                                                                                         Xaime Félix López  Arias

Porque   fuches berce , banca na escola  , / vieiro   aberto  e corga fonda  /  e o vóo   do son dos  sinos  / da Torre do Reloxo  / de cuarto en cuarto  e de hora en hora  / cantando as horas miñas / os latexos, as angueiras ... / contando  os intres ledos e as longas horas da tristura  /   dende os días  da nenez fuxida  / levadas  río  abaixo  cara o mar do esquezo  /  até os días saudosos  das décadas  do debalo / océano  de entullo , de cinza  e de lembranzas  que agora navegamos.

Ameite, ámote e amareite,  / Sárria, / no onte, hoxe, no mañán lonxano / e dende o alén incerto  / manterei a quentura do remol / do lume  en faíscas  esmorecido,

Bautismado eu coa auga do teu río, / Sárria da dura diáspora e da entullada anovadora,  / Sárria sempre vila nova percurando un novo abrente, /  sinto contigo / o son do latexo solidario / e da brétema e a nugalla  a mágoa e a ferida  /  a tecer  o manto da túa gloria .

Ámote / na lembranza da miña nai querida , / de ti tan namorada,/ de tí e da túa xente pregoeira , / amor  no seu tear tecido / , amor por mín con ela compartido / Unha vila nova / en seiva nova  por ela ofrecida / me regalou na nenez / vivida / nos tempos duros das pesadas laxes ,/ nas horas dos soños tolleitos / polos Atilas ananos mentireiros / cegadores de ollos e conciencias./ encadeados aos  seus elos preguicerios , / ás gaiolas da envexa e as trapelas : / ladróns teimudos dos nobres anceios  e a xustiza.

E  medraches , Sárria , para min / florecendo en rosas / cando as nosas  gorxas deron / os agardados urros pregoeiros /  da liberdade a agromar  nas gándaras e as veigas ,

Ámote, Sárria, na voz da compañeira , / no camiñar dos fillos , / no  recordo  dos seres máis queridos / voltos  en cinza , peleriños  cara ningures ,  /  follas caídas / , amigos rexos , soñadores rente a rente dun futuro /  nesta terra nosa  aberta aos ventos todos / e nunca couto chouso , / porta choída / para cantos aquí  armaron vidas .

Seguirei a amarte, / miña Sárria eterna , / cando acougo eu ache /  na costa da Áspera ao acubillo ,/ no preguntoiro beira do camiño longo  / por onde pasan peleriños  / percuradores de inquéritos  e de respostas  núas /  para soños e matinacións  incertos . / Vieiro que nos leva á longa noite do silenzo mesto/ cara onde imos camiñantes / na escuridade por nós mesmos tecida /, gallofos preguiceiros, / moinantes pechando mil camiños / riba de moreas  de cinsa e de pouso / tecendo / esquezo / do meu apagado remol , esmorecido, /   e   o esquecido  ronsel , tan fuxidío, / aberto  parvamente   no mouro mar /  de cons traidores  / e de monstros abisais  / destrutores de gamelas.

E ti, Sárria,  sempre serás  /bálsamo  de vida  / para min   / na compaña  dos meus , /  de anónimos e alleos / solidarios  nas mil encrucilladas  , / na   lembranza   e na  esperanza / compañeiros .... / sempre   espreitantes agardando  / a chave de ouro  abrideira  /   do mítico tesouro agardado  /  e sempre por todos percurado / tras da trave do alcatrán ardente , / gorentando / achar  a luz prometida  / que non chega.

Sárria , amiga, noiva,  compañeira ... / sempre soñada   / sempre es sinal de boa adaxe  , / fontela  viva /  de augas ben queridas / Sárria , veiga de amor florecida  , / no lecer  e na loita  , /  nas horas de tristura  e nos sorrisos dos nenos presentida , /  pasadas as noites de negrura  / fas agasallo  , vencendo as tebras ,/  de ledos amenceres pregoeiros /  de novos xeitos /   e de vieiros novos / onde nunca virán solpores incertos 

Ámote , Sárria, e quero ser o teu pregoeiro, /  e cando a miña voz se perda / nas lonxanas gándaras e no areal infindo / dun mar pousón  sen ondas /  nun alto cómaro / deixarei chantada a túa bandeira: / outros a collerán  facendo festa  /   celebrando /  a quentura  do sol ma Vila Nova.

 Eu percureite  , Sárria, nas augas esquecidas dos muiños  , / hoxe sen sesigas rebuldeiras nin maquías , /  e atopeite nas terras a poulo, / nas aldeas e casares xa sen nenos , / nos nomes fosilizaodos /  en vellos papeis   e nas lápidas mortuorias... / Acheite viva,  viva só para mín, /  nas vellas cantigas , / nas horas dos vedraños, / nos  ventos xa lonxanos das horas de sangue , fume e ferro / ... nas horas ledas  do amor e da amizade  /  sen reloxos    coutadores de soños ben queridos
 

Sempre  comigo, Sárria, /  anovado proxecto, / fuches faro e fuches guía  / e só por iso /  por tan bon fado /  verbas  de amor eu quero darche / e  grazas por ferrados non rapados  /  ao compás  do son máis garuleiro /  da gaita   de fol amada  / e o ramallo xentil de  mil cantigas   / lembrando aos teus vedraños .

Comín o pan quente dos teus fornos , /  merulleime na auga fría do teu río , /  perocrrín atatallos e camiños, /  brinquei gaioso nas  túas rúas, nas túas prazas  , / ollei pasar por elas  a sombra da sombra dos teus extintos saudosos  /  en mouros cadaleitos..../ 

E regaláchesme, sen nada me pedir, / mundos inospeitados , / horas vagamente presentidas  :  / o  saber pescudado  nos feirantes, mestres de vida, /  nos barbeiros  e  tendeiros  falangueiros , /  nos falares dos que lembraban  cautos diante dos nenos a roubada  vida  /  " de  antes da guerra" / e sementaban en nós curiosidade  / decindo  mouros feitos da " escadra negra" / ... E fumos deprendendo /  ( dixénonos que"  a letra con sangue entra " ) / nas aulas frías / con mestres  de mans lixeiras e castigos de galeotes / a duros bancos amarrados, indefensos /. Deprendendo, pinga a pinga / o que é a vida... /  E despois viñeron  novos tempos. 

/

 

 

a 

 


Comentarios

Publicacións populares