SAN XOÁN DE SÁRRIA.- AS PAMPÓNIGAS

                   AS PAMPÓNIGAS NAS FESTAS DO SAN XOÁN DE SÁRRIA

                                                                               Xaime Félix López Arias

Un dos elementos máis característicos das festas da Vila de Sárria son as PAMPÓNIGAS , que para ledicia de nenos e nenas, e lembranza dos maiores, percorren rúas e prazas  ao son das gaitas .

                                                    XIGANTES E CABEZUDOS

 Os xigantes e cabezudos  fixeron pasarrúas dende os anos finais do século XIX e as primeiras figuras enteiramente sarriás foron propiciadas  por membros da familia Díaz de Freixo ( Bienvenido e Román ), aos que se debe que as Festas do San Xoán, atá entón festas populares, fosen desprazando en importancia á Festa do Corpuis Christi, que era a oficial do Concello.

A presenza das Pampóigas  está documentada  no San Xoan sarriao conseguintes  referenzas:

1902.- " Dúas parellas de cabezudos correron polas rúas.." 1905.- 1906.-1910.- "Desfile de Xigantes e Cabezudos" 1932. "Xigantes e Cabezudos".- 1953,. " Trouxeron os cabezudos de Lugo ie a Comisión pagou 30 pesetas  polo  trasporte".- 1961.- " 23 de xuño, Pasarrúas.-  1966.- 1968: Pasarrúas.- Saídas das Pampónigas : 1969, 1970, 1971, 1972,1973, 1975, 1976, 1977, 1978, 1980, 1981, 1983, 1985.... 2012, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018, 2019,....2021

En 1932, 1953 e 1961 as Pampónigas viñeron a Sárria prestadas polo Concello de Lugo.

En 1966 a Comisión Oficial de Festas, sendo alcalde Xesús Vázquez Rivas e presidente Xermán Vázquez Losada, comprou dous xigantes  e catro ananos a unha casa especializada de Zaragoza, e encargou que lles fixesen  traxes  axeitados.

Membros da Comisión que comprou as primeiras Pampónigas

Presidente de honra: Xesús Vázquez Rivas

Presidente executivo: Xermán Vázquez Losada. Ramistas : Pedro López Fernández ( "Pedro do Dios".- Xosé López Díaz.- Xesús González González e Xaime González López.

Os xigantes e cabezudos quedaron depositados  na casa do xastre "Pedro do Dios", nos Esqueiredos, e este gardounos nunhas grandes caixas de madeira que preparou para ese fin e atendeunos e vestiunos ata que deixou  de formar parte das comisións de festas no ano 1980..

Como no Concello non se preocupaban por eles  a maior parte apodreceron no baixo da Casa da Cultura.

O lucense Ricardo Segundo López Méndz, profesor do Centro de Educación Permanente de Adultos de Sárria , arranxou  a parella de xigantes e outra das figuras, únicas pezas recuperables d, quedano así reducido o desfile á mínima expresión.

A razón de que deixasen de sair  as brincadeiras figuras  foi que as sucesivas Comisións " para aforrar gastos " non as botaro á rúa e introduciron outras novidades  para os pasarrúas, deixando aos nenos e nenas  orfos da presenza  dos agardados xigantes e cabezudoss, e ao mesmo tempo foron deixando  fora da programación a presenza de grupos de gaiteiros, nunha actitude de esquecemento dos valores tradicionais e dos costumes de antigo consagrados. enteiramente reprobable.

Cos desfiles de "majorettes" , bndas de cornetas e tambores e outros números deixaron esmorecer  a tradición e as Pampónigas  ficaron abandoadas.

 E chegou o seu rexurdimento cando no ano 2012  a Asociación Crearte, baixo da direción artística de  Verónica  Quintela, elaborou " O Xigantón" e  "A Xigantona" para o que se reaproveitaron os vellos "Rei" e "Raíña" e naceron das súas mans  "O Vello dos Contos", "Pispirela", "Iribio" e "O Trasno do Castro".

En 2013 : Tomando como base as  creacións de Antonio Vázquez Rivas, "Avary" ( O Tamborileiro ) e de Rubén Santiago ( A Tamborileira ) `presentaron as figuras  do "Tamborileiro Municipal " e da "Tamborileira Municipal"  , bautizadas  na Praza da Constitución o día 21 de xuño, e que constitúen as iconas  que representan  as Festas do San Xoán de Sárria, e cuxas imaxes  están penduradas no balcón da Casa do Concello dende a apeura dos festexos coa lectura do Pregón e o disparo do foguetó atá o Día da Desfeita.

En 2014:, da mán de Verónica Quintela , sairon á rúa  as figuras do mal fadado pelgrín  "Gaucelm  de Bezelac" e a "Meiga Xeitosa" en homenaxe ao escritor sarriao-dominicano  Carlos Esteban Deive e  a Carmela González Ruiz.

En 2015.-  Sairon en pasarrúas, por vez primeira, ofrecidas tamén por Crearte e Verónica Quintela, as figuras do grumete "Pedro de Manán " e "O Aborixe Australaino , recordando aos mariñeiros da expedición da nao "San Lesme", saída do porto da Coruña, e dos que se cre fixeron a descoberta de Australia.  no século XVI.

En 2016 : Crearte e Verónica recrearon  "A Bicha", mitico maligno animal presente nunha lenda da vila de Sárria, referida á cóbrega  voadora que moraba nos sotos da Fortaleza ,. de onde fuxiu ao berro de "para Babilonia eu vou"..

En 2017: En homenaxe ao industrial chocolateiro , politico e filántropo sarriao , don Matías López López, Verónica Quintela e Crearte, deron nacemento ás figuras de " Grosiña" e "Dona Fraca", tomadas dos modelos contidos  na propaganda comercial como "dos gordos e dos fracos".

En 2018: Cearte e Verónica Quintela  fixeron agasallo  da figura do "Padre Leo", en homenaxe  ao labor  relixioso e cultural deste crego residente en Lier, desenvolvido   nas parroquia do medio rural.  e recoñecendo así a súa humanidade , desprendemento e xenerosidade.

                                     AS PAMPÓNIGAS

            Repeniques de tambor / e de gaitas o son ledo /  pregoan de mañá cedo, / coa chegada da calor, /  brincadeiro e corredor/   o desfile dunha tropa / que aos males lles dá estopa / e co seu paso lizgairo / malla ben no pito cairo /  e ao mal fado derrota.

                                            1.- "XIGANTÓN "

            Velaí ven pola rúa / anovado con bigote / volto de vello en mozote / alto como a alta lúa / con un rapaz que ben súa / baixo da mole imponente.../ Asustando a moita xente é pacífico viandante , / afasta á tropa mangante,  / i- évos da ledicia axente..

Representació do esforzo das sucesivas xerazóns de sarriaos que loitando contra todas as adversidades nos regalaron a comunidade viva da que formaTTmos parte.

                                            2,.- " XIGANTONA "

           Ten a face sorridente / de venerable  matrona , /  en toda Sárria ten sona / de moi xeitosa e prudente / e de darlle ben ao dente.... / Cos sorrisos dos meniños / fai vizosos aloumiños  /  e dos zapatos as solas,  ./leda coma as castañolas. / estraga polos camiños.

Representación dos traballos constantes e calados  das mulleres sarriás  que en silenzo sofreron   a iñoranza dos seus valores  e os aferrollamentos opresivos por séculos recibidos, e aínda así sementaron en nós o amor pola vida.

                                            3.-  " O VELLO DOS CONTOS"

            Gardador da tradición / aló ao pé da lareira, / de galeguidade bandeira / ergue este labrego bon./ E en calquera ocasión / tanto nos solta un refrán / como un conto de San Xoán./ Regala soños aos nenos ,/ chusca os ollos, fai acenos / e dá saúdos coa man. 

Personificación do saber popular e da forza da palabra e a vitalidade da nosa lingua  mantidas  por cantos sofriron a agresión cotián e desprezo  cara os seus máis puros e nobres valores.

                                            4.- " O TRASNO DO CASTRO"

                El no Castro das Paredes, / ten nun castiro a súa casa  /  e ao peregrino que pasa / facer trasnadas veredes /  e boa sorte teredes / se non vos fai argalladas  , / pois as vellas trapalladas /  que el lle fai ao camiñante / e a moita xente moinante / resólveas con gargalladas.

Homenaxe á nosa literatura popular que nos deu mitos, lendas e saberes que foron forza vidal para  resistirmos os desprezos  froito da opresión e da iñoranza dos que se sinten poderosos sen selo.

                                             5.- " IRIBIO "

                Espiritu da montaña / silandeiro, rexo e forte / repartidor da boa sorte, / sempre ten a mellor maña./ El é  o que mellor se apaña, / alto faro, grande fito, / na nosa tribo foi mito./ El é o pai do río Sárria / e nesta leda fanfarria / sempre  dá  o grande grito.

O Iribio, pai do nso río tribal, o Sárria,  representa a  firmeza dos nosos valores  e a resistenza secular  a cantos tencionaron negalos .

                                                6.- " PISPIRELA

                Regálanos boa adaxe, / bolboreta rebuldeira, / moi risenta e falangueira, / que trae por equipaxe /  cen ferrados de carraxe  / e leva verde basoira./ Na xente mal faladoira, / coa forza da mocidade / zorrega  sen caridade / e  un bon futuro agoira.

Símbolo da forza dos mellores valores da Mocidade: Ledicia  e Xenerosidade 

                                                7.- "GAUCELM DE BEZELAC "

                "  Do bon Gaucelm o camiño, / malpocado pelengrín, / en Sárria tivo a súa fin , / atado polo cariño /  a unha moza e mailo viño: / Queimou horas no mesón, / deixou a peregrinación / e ao quedar enmeigado, / está pagando o pecado / arrastrando a maldición

O Peregrino de Carlos Esteban Deive  que  esqueceu a pelerinaxe, vítima de mal de amores, sofre na súa foxa da Madalena a pena da que só pode ser redemido  polos camiñantes que pidan o seu perdón a un Apóstolo misericordioso.

                                              8.- "MEIGA XEITOSA "

                    "  Contan que Sárria naceu / das bágoas dunha meiguiña / que no corazón aloumiña / malpesares que varreu / e dende entón protexeu  / en todo tempo e idade / garimosa  á mocidade./ Amores dá xenerosa / a boa Meiga Xeitosa / dicíndolle aos mozos : /¡¡¡ Amade !!! "

Homenaxe a Carmela González Ruiz, creadora do himno sarriao, e  na memoria  de  todos os sarriaos e sarriás  que en moitas  noites meigas ,  ao longo dos séculos encheron  de soños  os corazóns  da garulaxe e da xente miuda , como semente e promesa de futuro.

                                               9.- " O TAMBORILEIRO MUNICIPAL"

                    "  Co tamboril abre as festas / esconxurando a alegría / e do San Xoán o día / batendo nas duras testas, / racha nas sombras tan mestas /  que adoito nos atafanan ./ E os pesares nos sanan / os seus ledos repeniques / e alonxa de nós os piques / de amoladores que danan,"

Persoaxe creado por Avelino Pousa Antelo ao que deu vida , e lle fixo o verdadeiro retrato, Antonio Vázquez Rivas ( Avari ).

                                            10.-  "A TAMBORILEIRA MUNICIPAL"

                        " Bate con forza no coiro / esta nova sanxoaneira /  A nosa Tamborileira / rachando no mal agoiro/ co seu ledo varredoiro, / é muller cabal, enxebre, / quere curarnos a febre / na que nos andan metendo / feirantes do merco vendo / que nos dan gato por lebre."

Foi a súa "vera imaxe"   creación do artista Rubén Santiago, cando  as mulleres sarriás esixiron o recoñecemento activo da súa imprescindible  presenza , dos seus esforzos e do seu pulo  creativo á hora de movermos  todos xuntos as agullas do reloxo común,

                                            11.- " PEDRO DE MANÁN "

                        " Mozo orfo e bon grumete / foivos Pedro de Manán , / movido por louco afán , / que aventureiro  , promete / cando ousado el se mete /  a sete mares pasar, / sendo de considerar  /   a Australia eles chegasen , / e as areas bicasen, / onde foron tropezar".

Pedro de Manán. de San Salvador do Mato, embarcou na Coruña  na descoberta de novas illas no Pacífico. e foi seguido, polos camiños, do mundo por milleiros de sarriaos e sarriás , . e na súa imaxe reflíctense as esperanzas, as ilusións e as angurias  de aqueles que considerando que " o mundo é de todos" non quixeron que as súas vidas fosen couto chouso .

                                            12.- " O ABORIXE AUSTRALIANO"

                            "  A mimosa, o eucalito, / o coral e o bumerán /  a lembranza aquí nos tran / da forza do vello mito. / E da Natureza o grito , / que todos nós afogamos, / xurdirá cando aprendamos / a leción dun aborixe / que nos ensina a orixe  / dun mundo no que non hai amos"

Homenaxe  aos pobos que en direito contacto coa Natureza loitan pola supervivenza das súas culturas.

                                            13.-  " A BICHA "

                             "  Con maldade ela murchaba / aos meniños e ás facendas  ; / cobrando así malas rendas ./  Todos os soños roubaba /mentres o medo medraba . / E temendo ao pobo irado, / con xustiza ben alzado , /para a terra babilónica  / fuxiu coa súa retrónica / e co leite mal mamado.

Representación icónica de todos os creadores de maleficios e malos feitos que ao longo dos séculos trouxeron opresión e mala adaxe  ás xentes da nosa terra.

                                            14.-  "GROSIÑA"

                             " Pola rúa, esplendorosa , / o seu corazón ben late ./ Con onzas de chiculate / vai locindo fachendosa / cariña de linda rosa, / seguindo de Don Matías / consello todos os días : /  Xícaras, cuncas, pociños/ compaña de bombonciños / reforzan as enerxías..." 

Na lembranza de don Matías López López que coas Escolas Públicas nos fixo agasallo  do maior regalo posible: abrir as portas da Educación e a Cultura....

                                        15.-  " DONA FRACA "

                                "  Fraca como un asubío, / e xa ninguén se asombra, / de ve-la pasar sen sombra, /pois o seu corpo é un fío, / teso, esmirrado e frío . / Ledo agarimo do cacau / non pasa pola súa mau, e xa é cousa sabida : Eterno inverno a  súa vida, / nunca coñeceu o verau,

... E don Matías López  abriu a súa man xenerosa  dando axuda  aos máis  necesitados   e seguindo o seu exemplo a súa viuva, dona Andrea Andrés Sánchez  fixo doazón  á vila de Sárria  dun ben dotado Hospital.     

                                        16.- "PADRE LEO "

                            " Cando a aldea esmorece  / pola xente abandoada / quedando muda, calada , / unha homenaxe  merece  / quen por ela viva e rece, / con remedios vivifique , / nas aldeas edifique  /altares de amor, arreo, / como fai o Padre Leo / e viva e ben leda fique.,

Na honra e agradecemento ao Cura de Lier ( Leopoldo  ) pola súa loita xenerosa e vivificadora  no medio rural sarriao.


                                  Salto por riba

                                         do lume de   San Xoán

                                                 para que non me traven 

                                                          nin cobra nin  can



                                        

 




                              

 



Comentarios

Publicacións populares