O MOTIN DE BETOTE ( SÁRRIA ) 1870
O MOTÍN DE BETOTE ( SÁRRIA ) 1870
Os días 12, 13 e 14 de novembro de 1870 un grande número de labregos, especialmente procedentes da zona norte do concello de Sárria amosaron unha forte protesta contra a esixenza de pagamento de impostos ( trabucos ) que os recadadores viñan facendo co apoio dun destacamento do exército ao efecto chamado polas autoridades locais
. Sárria e a Costa de Betote foron os escenarios onde se produciron enfrontamentos que rematarían coa morte de algúns labregos ao recibiren o impacto de balas disparadas polos soldados.
Grazas á publicación de exemplares do Boletín Oficial da Provincia de Lugo( 15.12.1870 ), e tamén da de Ourense podemos coñecer a requisitoria feita polo Xuiz de Instrucción de Sárria, Ramón Guerra Neira, en 9,12,1870, na que fai citación de XOSE NEIRA NEIRA, de San Miguel de Vilapedre, CIDRE FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, de San Vicenzo de Betotem XOÁN FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, de San Salvador de Vilar de Sárria e MANUEL LÓPEZ REAL , de San Martiño de Requeixo para que comparezan " para renderen indagatoria e responderen aos cargos que lles resultan na causa que se instrúe sobor de desordes públicos ocorridos en San Vicenzo de Betote os días 12, 13 e 14 de novembro de 1870"
Podemos así 152 anos despois de se producir aquel alzamento popular de tan fatal desenlace dar os nomes de quen foron considerados "dirixentes " do movemento contestario afogado coa intervención militar e seguido das represalias e condenacións impostas por vía xudicial.
No imaxinario local sarriao , sabendo como se sabía a realidade do movemento contra a abusiva e inxusta imposición, podemos agora incorporar os nomes dos labregos máis comprometidos coa loita contra a opresión que padecían os labregos sarriaos, gravados con impostos, rendas, dereitos clericais, etc. mentres as clases privilexiadas disfrutaban de todas as prebendas ,
A identificación e circunstancias persoais daqueles labregos sarriaos que en 1870 se puxeron á fronte dos seus compañeiros de infortunio na percura dunha sociedade máis xustas , permite que poidamos personificar neles a forza dos primeiros labregos que loitaron, e algúns deles morreron, na defensa dunha vida máis digna.
XOSÉ NEIRA NEIRA : Estatura baixa, cara redonda, cor trigueña, ollos pardos, barba pouca e afeitada, idade 23 anos. Sinais particulares: Ningún. Veste pantalón de pardomente, chaleque de pano negro, chaqueta como o pantalón, chapeu de pano negro ordinario, esclavina de pano cor café e tapabocas de algodón, cruzado, calza borceguís.
CIDRE FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ ; Estatura baixa, cara delgadeira, cor morena, ollos pardos, nariz longo, barba poboada afeitada, idade 45 anos. Sinais particulares : cargado de hombreiros. Veste pantalón de corte catalán, chaleque de pano negro ou corte , garabata de seda negra crúa ,chapeu de feltro branco , capa de pano azul unhas veces e outras esclavina do mesmo, paraugas encarnado , calza botas,
XOÁN FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ: Estatura alta, cara delgaa, cor pálida, ollos azuis, nariz longa , barba poboada , idade de 35 anos. Sinais particulares: Ningún. Veste pantalón de tea, chaleque de pano negro , chaqueta do mesmo, chapeu de palma, esclavina de pano v erde escuro; calza de zapatos de coiro.
MANUEL LÓPEZ REAL ; Estatura alta, cara alongada, cor boa, ollos azuis, nariz longo, barba poboada e afeitada.Iade : 30 anos, Sinais particulares: Ningún. Veste pantalón de estopa, chaleque de pano negro, chaqueta de punto, boina azul e calza zocos.
Xusto é que se coñezan os seus nomes e que se poida render unha sentida homenaxe a quen abriron camiño na loita contra a opresión e a inxustiza.
Comentarios
Publicar un comentario