SARRIA : O SAL ( 825 )

                                                      SARRIA : O SAL ( 825 )

Por moitos séculos o sal foi un produto escaso e caro  que dificilmente chegaba  ás cidades,  vilas e aldeas  grazas  ao esforzo dos  arrieiros que ían na súa percura aos portos coas súas reas de  machos e mulas. Era un produto "estancado", é dicir, que non era suxeito de libre comerzo  e había que recoller os cupos concedidos polos administradores das salinas centrais  ( alfolis ou alfoníns ) que distribuian as moreas de sal por eles custodiadas entre  as diferentes  xurisdicións, onde se establecían  pequenas salinas a onde concorrían os veciños na percura do "sal groso" para o consumo diario e para salgar  as carnes da matalota.

Na Idade Media  as salinas galegas estaban establecidas preferentemente nas Rías Baixas, e a Terra do Salnés recorda aínda hoxe   que ali  aproveitaban os tempos solleiros nas cortes e cortiñas nas que acoutaban as augas salgadas para acelerar a evaporación. Por concesión real o Mosteiro de Samos Mantiña nas mariñas de Dena  as chamadas " salinas samanegas" que aforaban aos homes salineiros que pagaban as correspondentes  rendas. Máis adiante  o sol procedía na súa maior parte das salinas de Aveiro, en Portugal, e aproveitando a navegación de cabotaxe  acabou vindo o sal das salinas andaluzas  de Cádiz e das mediterráneas de Torrevieja.

Malia  á mellor facilidade do transporte  marítimo o establecemento de Alfolís de promción real  a dificultade do tránsito por corredoiras e corgas , a escasa cantidade que cada animal de carga podía  portear  e a condición de  ser produto estancado facían que  fose moi escasa a cantidade da que podía dispoñer cada unha das familias, problema que se agravaba nas terras da Montaña e así , pola escaseza do consumo de sal o bocio aparecía como doenza endémica. Ao non contar cun mínimo de sal , e diante do caro que era, a conservación das carnes  apoiábase fundamentalmente  no afumado  aproveitando os quenzos que había nas lareiras das casas. Os chourios e chouláns adubados con allo e cebolas ( chourizos ceboleiros ou fariñeiros ), xamóns, lacóns e chourizos pendurados   por riba do lume  lareiro  recibían o afumado como método de secado e conservación.

 O sal que chegaba  á Terra de Sárria  viña maioritariamente do " Alfolí de Carlos IV" ( A Factoría  )  de Pontecesures , que era o único autorizado  na Ría de Arousa  para a carga, descarga e distribución do sal . Outros alfolis destacados estiveron  en Tui, Baiona , Cangas , Redondela ,  Vilagarcía, Noia e Ferrol. 

A estrada de Madrid - A Coruña na segunda metade do século XVIII  botou abaixo o curso do sal dende as Rías Baixas  cara as terras lucenses  e  , abandoadas as carreiras  e  corgas  estreitas  e costosas,  os carros tirados por cabalos e mulas permitiron que o sal chegase dende a A Coruña  e Ferrol  ás salinas de rendas estancadas  da cidade de  Lugo, dende onde eran distribuidas con moito  menor sacrificio e custe  ás difrentes comarcas.

No caso da Terra de Sárria a chegada en 1853 da estrada de Nadela a Valdeorras   á vila de Sárria ,  e das estradas de Sárria a Corvelle , de Sárria a Nabás e de Sárria a Samos permitiron  centralzar  na vila  o almacenamento do sal, aínda estancado,  nunhas cantidades até entón decoñecidas e o sal distribuido de maneira xenerosa alcanzou distribución  entre o Miño e as montañas e , por exemplo, as xentes do  Courel, antes do tempo das matalotas , baixan a Sárria en grupos  organizados con nunerosas cabalarías .

A chegada do ferrocarril  á  Pobra de San Xiao. Sárria ( 1880 ) e O Oural (  1882 )  fixo máis doado o transporte de grande cantidades que viaxaban en  amplos vagóns  que  viñan  apilados en moreas ( granel ) que nas estacións eran descargados a man co emprego de palas e dende alí levados até os puntos de distribución  en carros. Neses espazos facían altas moreas  de sal groso, que  eran vendidas ferrado a ferrado ou arroba a arroba, metido en sacos para ser levados ás casas.  Para o emprego  diario do  sal, facíase necesario moer  o sal para o que soían facer uso de botellas de cristal baleiras  que  tivesen relevo.  Ese novo xeito de mercado favoreceu o aumento do salgado e a baixa progresiva do afumado xeralizado, que se conservou para chourizos, chouláns, androllas e botelos, segundo as zonas, e  só se mantivo por pequeno período do tempo para os demáis produtos "levantados do sal" que  se mantiñan no quenzo  por poucos días.

Para faciltar o almacenamento do sal, mentres foi produto estancado,   os concellos de Sárria, O Incio, Láncara , O Páramo , Paradela e Samos, constituidos en  Xunta de Partido, con aportacións proporcinais ao númeto de habitantes de cada un deles , adquiron un terreo propiedade da familia Capón, na Estrada do Mazadoiro á Lamarrigueira ., onde alzaron un edifcio de soto e baixo  onde  se poñían as moreas do sal que se subían dende a estación do ferrocarril  para seren vendidas ao retallo.

Non durou moito tempo a condición de Alfoli do Sal ( ou Alfonín ) e a Casa da Salina foi abandoada cando se decretou o libre comerzos  do cloruro sódico, branco elemento que rematou en mans de almacenistas particulares, que , polo perigo que supoñía apilado  nos locais da súa actividade  comercial alzaron  casoupas ou almaceniños arredados  das edificacións principais. Esas edificacións  pequenas estaban dotadas de pisos de madeira para evitar o cntacto coa terra , poñendo tamén coidado en que as moreas non tocasen as paredes , porque o salitre podía arruinar  os locais que recibían o nome de " Salinas".

O  turolense e politico  Mariano Zaera  Herrero ( Aliaga, 1934 : Sárria, 1919 )  foi un dos pioneiros  en  poder  establecer  na  vila a venda libre do sal. A Salina de Zaera, a Salina de Vento e as doutros almacenistas de menor importanza  ao tempo que  viron aumentar o consumo até cifras nunca sospeitadas ,  ao estar establizadas oferta e demanda  deron lugar  a un abaratamento do produto, que resultou ser obxecto de  estabilidade nos prezos.  

Como nota curiosa hai que sinalar que na Casa de Vaamonde ( dende 1920 Casa do Concello ) no seu baixo houbo por algún tempo  un pequeno depósito do sal, con resultados funestos para os muros de carga e exteriores  , como é doadamente observable  cando a acción do salitre, máis de cen anos despois de  non haber ali espazo destinado a tal comerzo, que vai minando as pedras graníticas que van esmorecendo  coa formación de ocos que vencen a súa  resistenza .

Pasado o tempo do mercado  do sal en bruto empezou o de ser ensacado, co que foron eliminados os labores manuais de carga nos vagóns en orixe, descarga co emprego de pás nas estacións de ferrocarril, carga e descarga dos carros no Alfoli ou nas Salinas , medida e pesado para  ensacar o sal  para a venda ao retallo aos particulares. 

A venda en sacos deu mellor calidade ao produto que co amoreado  estaba suxeito aos efectos da humidade do ambiente ou do solo e a posible captación de malos olores  e ao mesmo tempo nas tendas de ultramarinos e almacéns xeralizouse a presentación de paquetes de sal  mudo   de medio  ou quilo enteiro para uso culinario.  E de décadas atrás a oferta de sal, maioritariamente procdente de  Torrevieja, viu inccrementadas a oferta de sales mariñas, sal do Himalaia,  Flor de Sal e moitas outras variedades, baixando o consumo para matalotas  por mor do abandono poboacional do medio rural sarriao e o descrédito no que vai caíndo o consumo de sal na alimentación  das familias, xeralizándose en produtos como o pan baixo ou sen sal ( ninguén lle chama pan ácimo )  , e porque as recomendacións veñen aconsellando a supresión do seu uso ou a baixa nas  porcentaxes a aplicar nos distintos alimentos.

Na actualidade o maior consumo de sal groso está presente nas fábricas de pensos  e a súa venda ao retallo está nos almacéns  de  venda de produtos fitosanitarios  e distribuidoras  de produtos para o agro.

Hai que sinalar que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial de Lugo, e en menor escala os concellos da comarca  manteñen no inverno depósitos de sal para esparexelos nas nas estradas , rúas e prazas cando en tempo de inverno  aparecen nevaradas e xiadas que dificultan os desprazamentos  de coches, camións e mesmo das persoas. En  Vila de Mouros ( O Incio ) está o maior deposito de sal  a tal fin destinado.

 Curiosamente o uso ocasioanlde sal groso permanece presente no ofrecemendo do "polbo á feira", especialidade na que os pulpeiros e pulpeiras sarriaos  gozan de merecido prestixio, malia a que non presuman  do seu ben facer.

                                           ....................................................... 

Nota final: Recentemente un establecemento hostaleiro pasou a ser instalado na antiga "Salina da Casa de Vento ", e nalgunha información tense dito que ese   local  estivo destinado á " salazón de carnes " ( Salgado de carnes  ) e nada máis lonxe da realidade, porque  os salgadeiros  eran lugares onde había " baños" onde entre capas de  sal groso se ían colocando as pezas dos porcos sacrificados nas matalotas ou mataznas ), o que non sucedeu no Almacén de  Antonio Sánchez, ou Almacén dos Fillos de Antonio Sánchez ( Casa do Vento )  que ali tiveron o almaceniño onde amoreaban  o sal que porteaban dende  o descargadoiro da estación de Sárria. En resume , a "Salina de Vento" foi un alfolí ou alfonín e non un "salgadoiro".

Por certo hai que dicir que o nome de " Casa  do Vento " ven de que o seu fundador procedía do lugar de Cedrón, na parroquia de San Migel de Piñeira, que por estar  beira do " Camiño Francés de Lugo a Monforte de Lemos ", practicable até algúns anos adiante de 1853, tamén era coñecida esa aldea como " O Vento ", nome que quere dicir " Camiño ".

Lembade a vella cantiga:. / ... e como era cousa de encantameno / fun polo aire e vin polo vento /. 



Comentarios

Publicacións populares