PORTOMARIN : ( 1212 ) FORO DA PONTE MIÑA- PARTE DO HOSPITAL ( 853 )

 PORTOMARÍN  : ( 1212 )   FORO DA PONTE MIÑA- PARTE DO HOSPITAL. ( 853 )

Na marxe dereita do río Miño a  vila da Ponte Miña , no Camiño de Santiago, pasou a ser coñecida como San Xoán de Portomarín  , señoreada pola Orde de San Xoán do Hospital de Xerusalén que  foi  cabeza da Encomenda do mesmo nome.

Na marxe esquerda  do río  a vila de San Pedro de Portomarín, ponte en medio, foi cabeza da xurisdición e couto de Tras Loio, que foi señoreada polo Arcebispo de Santiago e que séculos andados deu lugar , por aforamentos ,  a pequenos coutos señoreados por fidalgos.

Foron  esas poboacións  dúas vilas e dúas parroquias  cabeceiras de xurisdicións independentes, e non foi senón até 1840 que pasaron a ser unha soa vila, cabeza de concello,  dividida en dúas parroquias  darredor das  igrexas  de San Nicolau e San Pedro. Ese vello Portomarín morreu asolagado polo  encoro de Belesar e no Monte do Cristo xurdeu un novo Portomarín  a onde se levaron as históricas pedras  dos vellos templos . 

A Ponte Miña que dera nacemento aos dous Portomarín   desaparecida  no século XIX  deu paso a un servizo de barcas  que  se mantivo até darredor de 1930, cando se fixo unha nova ponte, que trinta anos despois  quedou asolagada , e para comunicar  o novo Portomarín con Samos  foi construida  a terceira das pontes, que nas últimas décadas asistiu ao renacemento das peregrinacións xacobeas, facendo  da vila miñota  fito importante  para milleiros de peleriños que alí  fan parada e achan pousada.

                                   ( Castronuño, 18 de  maio de 1212  )

A ORDE DE SAN XOÁN DO HOSPITAL  CONCEDE FORO  Á VILA  DA PONTE MIÑA (  PARTE DO HOSPITAL NA MARXE DEREITA DO RÍO MIÑO

Na Era Milésima Bicentésima  Quincuaxésima  no día que foi  o decimoquinto  das quendas de xuño. 

                                                      No nome do Noso Señor  Xesús.Cristo. Amén.

Porque  as cousas no presente tempo xusta e razoablemente establecidas  no futuro  con firmeza  e sen modificacións  deben permanecer , é polo que eu PEDRO OOARI  por dignación de Deus freire do Hospital nos tres reinos da Hispania  exercente Prioiro , co consenso dos freires  e irmás  que están  en Castronuño  no Capítulo  Xeral axudado,  e coa autoridade de El-Rei  leonés  don Afonso , por este escrito perpetuamente  valedeiro, coñecido  facemos á universalidade  das xentes,  tanto aos presentes  como aos futuros , como damos  e concedemos e confirmamos  a todo o Concello  da Ponte Miña, habitadores na parte do Hospital, o seguinte  FORO :

Calquera burgués que habite na vila da Ponte Miña, na parte do dito Hospital , responda por afiuzamento  con cinco soldos  en canto sexan convocados se ten herdade  nesta vila ou no seu alfoz, baixo  de contino constituido , se en verdade  non tivese herdeiro  dea un manlevador o enriba dito afiuzador por cinco soldos.

Enádese  tamén  que ningún burgués  desta  vila non responda de calquera feito  sen autor , agás por homicidio , roubo e rapto  e agás violencia de meiriño  ou vigairo riba dos aveños.

Tamén  que este meiriño  ou vigairo non entre na casa de calquera burgués , se ese burgués  dese afiuzador  segundo enriba  dito é. Pois  se o afiuzador non quixese  dar, pague cinco soldos segundo no principio se dixo.

Se algún burgués  quixese  vender  a casa  ou calquera  outra herdade , dea por iso a décima parte  de prezo  polo que sexa vendido   ao Hospital , con acordo de que a da media parte sexa de conta  do vendedor  e a da outra metade  sexa pola conta do comprador.Mais ningún  burgués  unha herdade  venda ou a doe a ningún home  que sexa vasalo do Hospital  e faga debido foro dela ao  Hospital e non viva nela.

As cabanaxes (* dereito  de superficie do soar )  que sempre son acostumados dar, sempre as dean anualmente  na festa de San Miguel.

Igoalmente trinta soldos  sexan entregados anualmente  cando ao Capítulo quixeren ir.

E que a gaudiosa e a loitosa e a mañería non sexan dadas nin  esixidas en ningunha maneira

Se en verdade  o meiriño ou saión  contra isto enriba escrito  viñese, polo Comendador  do Hospital  e polas  xustizas que ali sexan, sen delación  ningunha sexa obrigado a emendar  o feito.

Tamén mandamos e con razón  é convinte que de entre   os mellores da vila en cada un ano  se constitúan dous que as dereituras  tanto do Hospital  como dos burgueses  con toda dilixenza , onde necesario fose, fagan dar. En verdade  estes  así enriba nomeados  deben constituirse  de tal maneira  que no Concello  elixan  doce de entre os mellores do concello , e os presenten aos comendadores  do Hospital  anteditos , e este elixa dous , os que el quixer , poñendo  a man riba dos Santos Evanxellos , e exerzan con fidelidade  mentres outros  dous sexan elexidos  segundo enriba resoa.

Se calquera, pois, tanto da parte  do Hospital  como da parte do Concello  contra  esta escritura  tencioase  vir espontaneamente  e cause inxuria á outra parte , pague  mil soldos  e este escrito  forza de firmeza obteña para sempre.

Foi feito  en Castronuño  no Capítulo  Xeral, e asinado polo dito Prioiro  do Hospital  Pedro Oarii e por outros  freires no Capítulo  presentes , reinando El-Rei  Afonso, fillo  de El-Rei  Fernando ; Rodrigo  , bispo lucense ;  Pedro Fernandi, príncipe na  Curia rexia ;  Xoán Fernandi,  tenente de Monterroso e Trastamara ; Rodrigo Gonsalvi, tenente de Sárria e Montenegro ;  Gunter Ermigii, prioiro de Castela, confirma ;  Menendo Gunsalvi, prioiro de Portugal, confirma  ; Xoán Fernandi,  prioiro da Ponte Miña, confirma ;  Diego  Monniz, prioiro de Queiroga , confirma ;  Vasallo  Petro, Comendador de Toroño, confirma ;  Sancho Fernandi ,  Comendador de Santa María de Zamora , confirma ;  Álvaro Roderici, Comendador de León, confirma ; Gonzalo  Roderici, Comendador de Castronuño, confirma  e todo o Capítulo, confirma.

                                             Xoán, testemuña ; Diego, testemuña ; Paio, testemuña.

                                                                E Pedro, escribiu.

                                                               *************** 

( Versión libre en galego feita por XAIME FÉLIX LÓPEZ ARIAS, segundo o texto en latín contido  no documento 56 , publicado na obra " Las Encomiendas Gallegas de la Orden Militar  de San Juan de Jerusalén. Estudio  y Edición documental. Tomo I. Época Medieval ", de ISIDRO GARCIA TATO. Santiago de Compostela. MMIV ". Obra editada polo Consello Superior de Investigacións Científicas- Xunta de Galicia- Instituto de Estudios Gallegos " Padre Sarmiento"

                                                         ********************* 

 

a 

a 

a 

 

Comentarios

Publicacións populares