PROBLEMÁTICA SARRIÁ EN 1879

 PROBLEMAS DA VILA DE SÁRRIA NO ANO 1879

O DIARIO DE LUGO no seu número de 28 de febreiro de 1879  publicaba a seguinte información  remitida polo seu correspondente na vila de Sárria.

" O noso  ilustrado correspondente de Sárria remítenos  o seguinte escrito que co maior gusto insertamos, desexando que as súas xustas quexas  sexan atendidas:

Na vila de Sárria faleceu hai un anos o párroco castrense  D. Xoán María López, deixando unha herdanza , grande parte da cal se invertirá segundo a súa derradeira vontade en obras piadosas.

Constitúe unha delas  a construción das torres  da Catedral desa cidade . Forma parte tamén do pensamento dos señores testamentarios a edificación dun templño no pobo citado onde naceu, viviu e morreu o doante, cuxa obra   ao tempo que satisfaga unha necesidade  de primeira orde, pois áchase apuntalada  e pechada por ruina a igrexa parroquial,  sirva de perpetuo  e vivo recordo  e decente mausoleo  ás súas cinsas  encerradas hoxe nunha modesta capela ; pensamento  loable e que responde perfectamente aos benéficos desexos do finado e cumpridores da súa vontade.

Mais, ¿ para cando se adía a súa execución ?. Persoas  rectas , coñecedoras  da imperiosa necesidade   da dita obra e con medios para satisfacela, as que se achan á fronte da dita testamentaría, entre as que figuran os dignos Penitenciario do Cabido  e beneficiado Sr. Gamallo ; ¿ Por que  se arredran e diante que obstáculo vacila o seu ánimo ?.

Unha grande calamidade pesa riba deste país, cuxos xornaleiros non teñen pan e aliméntanse de herbas silvestres  e sucumben outros vítimas  da espantosa miseria que sementou en Galicia un rudo temporal de augas , cuxo remate non se albisca.

Por esta causa caen de valuto os inmensos sacrificios de todas partes acugulados para a prosecución das obras da vía-férrea, que servirían dalgún  lenitivo ao mal e xacen emporiso paralizadas. As insólitas enchentes do presente inverno  arrastraron  coa impetuosa corrente dos ríos a maior parte das pontes rurais desta comarca. , arredando aos labregos  dos labores  das súas fincas  que posúen moitos  na beira oposta  a aquela na que viven , así como a flor das súas mellores terras, valados, leñas e gado, e para remate desta obra de devastación acaba de se producir o afundimento da ponte de pedra  sita sobre o río Sárria e no camiño que desta vila  vai a Samos e O Courel, e no antigo camiño real de contino gtrásito  que comunica a Santiago e pobos intermedios  co Bierzo e Castela, cortando intensas relacións comerciais.

A simple enunciación destes feitos que non son máis ca un pálido refrexo  da triste realidade , apena dorosamente o ánimo, e cumprindo un dos máis estreitos deberes  que impón a misión de todo home imparcial, creo estar no deber de chamar a atenmción de vostedes  darredor de tan importantísimo asunto, e rogar ao mesmo tempo aos señores testamentarios citados que se sirvan imprimir  a maior actividade á realización do seu fecundo e brillante pensamento co que ademáis de realizaren  os altos fins  que se propoñen , contribuirán á atenuación da miseria  que o dito país experimenta.

Deber é tamén excitar  o do xefe da vía-férrea para que imprima o maior desenvolvemento na execución das obras da mesma, facendo que os contratistas admitan  a todos os xornaleiros que sendo útiles para o traballo carezan  de pan e os retribúan co salario proporcional  ao sacrificio que fan  e á carestía deste artigo, que para adquirilo foi insuficiente  a moitos o mesquiño salario que lles foi aboado, en virtude  de cuxo sensible feito quedaron nun día desertas e paralizadas as obras .

Tamén creo deber  chamar a atención da Deputación provincial , polos intereses que representa para que habilite provisionalmente a citada ponte de pedra riba do río Sárria, un de cuxos arcos centrais  se afundíu  mandándoo asegurar antes de que se derruben os restantes e dispoña a súa reparación definitiva  polos intereses que perxudica  e amplas relacións  a que afecta , axuntándose  o esforzo posible de todos para combater  tan sensibles calamidades  e remediar a miseria pública deste país.


NOTAS.-

O sartego cos restos mortais de don Xoán María López de Almance  depositado na capela de San Roque , da Casa de Nullán, ou do Barrio ( na rúa Benigno Quiroga ), foi trasladado á igrexa parroquial de Santa Mariña  , costeada pola súa testamentaría, cando a capela, parcialmente derrubada con ocasióndas obras dos Accesos a Galicia , foi feita desaparecer por enteiro cando o Camiño da Ponte Ribeira foi alargado , pasando a chamarse Rúa do Peregrino. No traslado perdeuse parte da obra anexa ao sarcófago e non se trasladou a lápida de mármore alusiva ao Sr. López de Almance. Foi instalado na capela da man dereita da igrexa.

A PONTE RIBEIRA  perdeu un dos arcos centrais, e o mesmo que pasou coa PONTE DE PORTOMARÍN , na que o río Miño levara algúns dos seus arcos, a Deputación Provincial de Lugo  negou  as axudas necesarias para o arranxo e recomposición.  No caso de Sárria a comunicación con Triacastela, Samos e O Courel resultou afectada, xa que o Concello adptou a solución provisoria de  poñer traves de madeira e un taboado que non permitía o paso de carros moi cargados, que se vían forzados  a arrodear pola Ponte Vella de Vilar de Sárria, para entrar na vila.A indiferencia da Deputación , e a conseguinte negacións de fondos,  mantívose durante cincuenta anos .

Eses derrubes de arcos  afectaron ao Camiño de Santiago e en Portomarín, para pasar de San Pedro a San Xoán de Portomarín houbo que establecer barcas para pasar o río Miño.


Comentarios

Publicacións populares