A QUEIMADA DO SAN XOÁN DE SÁRRIA (1971 A 2022)
A QUEIMADA DO SAN XOÁN DE SÁRRIA
CREACIÓN DA QUEIMADA POPULAR (1971)
No ano 1971, despois de ter renunciado a comisión oficial patrocinada polo Concello que pretendera que as Festas do San Xoán se celebrasen na parte baixa da vila sin contar con autorización de Obras Públicas).
COMISIÓN DE FESTAS : RAMISTAS AOS QUE LLES COUBO A HONRA DE ORGANIZAR A PRIMEIRA QUEIMADA POPULAR NO CAMPO DA FEIRA DARREDOR DA FOGUEIRA ( 23 DE XUÑO DE 1971,
Formaban a Comisión os seguintes veciños, na súa maior parte residentes na parta alta da vila: a efectos formais Eladio Díaz Rodríguez (dos Americanos) fixo de presidente, xa que operaron con carácter asembleario, sen reparto de funcións; Luis López García (Villesteva); Eliseo Gudín González (Gudín); Xosé Núñez Díaz (Capón de Abaixo); Serafin Gallego (Cochero); Uxío López Prado; Manuel Díaz López (Manolo dos Americanos); Pedro Rivas Barreal (Pedriño da Franca); Pedro López Fernández (Pedro do Dios); Euxenio López Carrozas (Genín Carrozas); Carlos Díaz Losada (Chelo) e Xaime Félix López Arias.
Para organizar as festas a Comisión reuníase diariamente, despois das dez da noite, no Forno de Gudín. Sentados nos sacos da fariña ían artellando a contratación dos grupos musicais e a programación dos actos. Alí, de forma colexiada, tendo en conta a constatación de que a verbea do 23 non presentaba atractivo e a participación da xente nela era mínima, organizouse unha "treboada de ideas" para darlle vida á noite que abría os festexos, na que de xeito intermitente se acendía unha fogueira no Campo da Feira, á que tamén concorrían poucas persoas. O noso desexo de que se recuperase a presenza dun paxe montado a cabalo, e provisto de cornetín, que botase pregón polas rúas da vila, como acontecera anos atrás, houbo que desbotalo porque non achamos cabalo nin cabaleiro a xeito e o pregón versificado que nos meus vinte e un anos escribira quedou exposto no escaparate de "Los Americanos. La Casa de los Saldos".
E dándolle volta aos miolos alguén falou de facer unha QUEIMADA POPULAR no Campo da Feira, que fose complemento da FOGUEIRA DE SAN XOÁN, e a idea foi aceptada por todos os membros da Comisión. Como Pedro do Dios era o máis veterán dos "ramistas guerrilleiros", encargado da conservación e arranxo das pampónigas e de contactar con bandas de música e gaiteiros, acordouse que nesa primeira queimada da augardente levase aos gaiteiros para que amenizasen a nova programación. A idea manexada era a de que a xente que concorrese a tomar a queimada, cando ese acto rematase, como necesariamente tería que pasar pola Praza da Constitución quedaría alí disfrutando da verbea, dándolle así a esta o pulo que viñera perdendo dende dez anos atrás.
Como a casa de Pedro do Dios era a que estaba máis perto do Campo da Feira, e el, xenerosamente sempre estaba aberto a levar o peso de cantas xestións se lle encomendaban, foi o encargado de custodiar os dous canados de augardente comprados pola Comisión e máis a cazola onde se ía mesturar sabiamente co azucre, os grans de café, pel de laranxa, etc. de onde xorde a agarimosa bebida, e foi el, coa axuda de veciños dos Esqueredos, quen tomou ao carrelo a preparación do evento, porque nas horas previas os membros mozos da Comisión, coa axuda doutros mozos amigos, tivemos que andar con toda presa a repartir os Libros-Programa, que non se poideran rematar até a caída do serán.
E cando finalmente poidemos chegar á entrada do Campo da Feira, xa estaba todo disposto para acender a fogueira e facer a queimada, acompañados polo mellor repertorio de "Os Barros".... E con natural sorpresa tomamos coñecemento, de boca de Pedro do Dios, de que tendo en conta o mar de xente que ata alí subira era urxente facer acopio dun número maior de garrafóns do que os franceses chaman "auga de vida", e algúns dos comisionados sairon con coches a mercar augardente, e conseguiron a suficiente como para dar satisfación aos ledos sarriaos e sarriás, que na percura da novidade, subiran até o alto para participaren nun acto que superou todas as nosas expectativas.
A noite do 23 de xuño de 1971, a mítica Noite de San Xoán, abriu unha celebración innovadora, que ano a ano se foi enriquecendo con actuacións musicais, sesións de fogos artificiais, ofrecemento de iscos, chourizos e queimada... até lle dar o formato actual, con participación de grupos musicais sarriaos (Os Eoas adicaranlle composición propia) e de cando en cando esta Noite do Lume vese enriquecida coa actuación de un "corre foc", no que se produce o achegamento entre a tradición sanxoaneira deste noso mundo atlántico e a tradición mediterránea de celebración do solsticio de verán.
Neste ano 2022 celébrase a 50ª QUEIMADA POPULAR... e é de xustiza que se coñezan os nomes de quen foron os creadores do que agora é xa unha tradición consolidada e que é leda apertura do San Xoán sarriao.
***********************
No ano 1974, cando se ía celebrar a cuarta Queimada Popular, como unha ousadía pola miña parte, e para darlle "aval de antigüidade" escribin un CONTO SANXOANIÑO, no que cunha certa trascrición dos feitos do nacemento, quixen enriquecer a súa creación levándoa a uns teóricos lustros antes, coa presenza de persoaxes vilegos que xa viven na memoria colectiva.
CONTO DO SAN XOÁN
Unha das mellores cousas do San Xoán de Sárria é a queimada que se fai no campo da feira a carón da fogueira noitarega, entrementras os gaiteiros andan de foliada.
E eu quérovos contar o que lle pasou hai algúns anos a un que de alcume lle din o Virafollas de Vilela, traballador cando lle peta, bon xogador de birisca e grande amigo de tabernas, cafés, bares, adegas, mesóns, tendas de ultramariños e de cantos sitios haxa onde a un cristián lle vendan cousas de beber.
Como vos ía dicindo, o Virafollas de Vilela é fillo do Liortas de Vilachá, casou cunha do Mexericas de Rosende e veu para Sárria cando partiron...
O certo é que os ramistas daquil ano non tiveran moito tempo para pidir e cando se decataron tiñan a augardente por buscar. Mal que ben, xuntaron dúas cántaras e na noite do vinte e tres puxéronse a queimalas, pero ben sabían que non lles chegaban. E foi así. Como sempre que hai cousas de balde a xente botouse ao asalto escontra das perolas e se te vin non te vexo non deixaron pingotada. A xente, que é de bon conformar, puxose a mirar para a fogueira, para ver se tocaban zafarrancho outra vegada.
O Virafollas de Vilela, que quedara con ganas, díxolle ao Retorta dos Esqueiredos que era ramista:
- ¿E non ha haber queimada para un amigo?
- Acabouse, as perolas están que nin lambidas.
- Pois se queredes gastar cartos eu sei onde hai boa augardente.
- ¿Estás de risa?
- Estou... dádeme unha garrafa e traio canta queirades.
Déronlla e voltou con ela chea. A xentiña arrimouse ás perolas e veña de cuncas hasta que volveron a baleiralas.
O presidente da comisión vendo contento ao mundo mandou traguer máis augardente e o Virafollas volveu Murallón abaixo Murallón arriba co garrafón ao lombo.
Cando principiou a verbena a xente nova foi marchando, un pouco enchispada todo hai que dicilo, e só quedaron os da comisión e unha serie de devotos agardando a ver se caía algo máis de vovilisvovilis. E nisto chegaron uns cantos señores e señoras de Lugo, moi ben traxeados, que leran no xornal do día que en Sárria había fogueira e, sobor de todo, queimada e querían ver de perto "algo tan popular y carente de mixtificaciones" no dicir dun diles que falaba moito pero ben se lle notaba que sabía pouco.
As oitenta gorxas veciñais xa secaran as perolas e o Retorta dos Esqueiredos mandou outra volta ao Virafollas na percura da augardente, pois mesmamente aquiles señores eran moi importantes e non podían quedar mal con iles, sobor de todo estando, como alí estaba, o señor alcalde, e il como ben mandado colleu de garrafa e veña pola costa embaixo.
Pasou tempo dabondo. Os de Lugo veña a parolar e parolar, pero como eran educados non preguntaban pola augardente como facían algúns cara de leite fervido que a berros se metían cos da comisión e dicían que valente cousa facían e que aquelo non era queimada nin raios, que había que botarlle un limón, que a apagaran cedo... mais o que é marchar non marchaba ningún.
Como o Virafollas tardaba moito foi a buscalo o tesoureiro, que xa sabía que a traguía da taberna da Ponte Ribeira, e ao chegar á praza de riba das escaleiras atopouno cunha dúcea máis darredor dunha pota onde andaban a facer unha queimada.
- ¡Ai lampantín! Ti de festa e nós cheos de agardar a augardente.
- Xa marchaba agora...- dixeron algúns dos queimadores-.
- Eu, como a costa é grande, baleirei algo da carga para tomarmos forcias eu e máis o burro.
- ¿Que burro?
- O que teño no carro.
- ¿En que carro?
- Nese que ten un pipote cheo de augardente.
E ali estaban o carro e o burro e no carro había unha barrica de douscentos litros.
- ¡Fixéchela boa! ¿E agora quen paga o pipote?
- Non teñas medo, home, que só se paga o que se beba.
E arrincaron pola Rúa Maior enriba. Ao ver o carro co pipote fíxose a desfeita da festa e todos foron detrás berrando e cantando; os gaiteiros, que xa viñan de camiño, pegaron volta e puxéronse diante tocando a muiñeira de Chantada e os músicos baixaron do palque e foron tamén de procisión.
¡Aquil ano non houbo verbena!. Todo o mundo bebeu queimada a fartar e o Virafollas hasta lla quixo dar a probar ao burro. Os de Lugo dicían que nunca cousa igual viran. Os da música quixeron tocar "El sitio de Zaragoza" e saíulles "La Cumparsita". Un rapaz de fora tirou os zapatos ao lume e traballo lles custou aos compañeiros convencelo de que non pasase descalzo de pé e perna riba das brasas. E veña a queimar augardente e o campo cheo de xente con cuncas, vasos e hastra había chuscos que mercaran un ouriñal para ver se lles tocaba máis queimada.
Nas festas daquil ano houbo que tirar menos foguetes e pouco fallou para que a comisión non se empeñara. A augardente correu a cachón e todos estiveron contentos.
- ¡Ai, hom!- dixéronlle os ramistas ao Virafollas-, E se a xente cando te viu pasar pola verbena coa barrica no carro non se ven outra vegada para o campo da feira, ¿para quen traguías tanta augardente?
- Para mín, carafio, para min, que xa me tiñades morto de sede con tanto subir e baixar co garrafón ao lombo.
XAIME FÉLIX LÓPEZ ARIAS
(En lembranza de "Pedro do Dios", gardador e xastre das vellas Pampónigas, amador da música das Bandas e Queimador Maior na Noite do San Xoán de Sárria).
Comentarios
Publicar un comentario