SÁRRIA E SAN XOÁN ( 845 )
SÁRRIA E SAN XOÁN ( 845 )
FRANCISCO VÁZQUEZ SACO ( da Real Academia Galega e Correspondente da da Historia )
Na historia local do noso pobo sucédese todos os anos a páxina das festas de San Xoán , que tradicionalmente se celebran como as patronais e máis solemnes da vila.
Máis dunha acuciounos o desexo de averiguarmos a súa antigüidade e sempre achamos a insuperable dificultade da falla de fontes.
Na antiga igrexa de Santa Mariña, preciosa reliquia románica desaparecida a finais do século XIX ( 1885 ) para edificar a actual , estaba fundada, desde moitos anos atrás , a capelanía de San Xoán.
A fundación tiña na igrexa un altar dedicado ao glorioso precursor e estaba dotada coas rendas suficientes para sustentación dun capelán.
Até os últimos anos do século XVI desempeñara este cargo o presbítero don Pedro Díaz de Mourillón , a cuxo falecemento , o doutor Garibay , provisor do Bispado de Lugo , anunciou a vacante , con emprazamento para cubrila , de todos os que crean teren dereito, a teor das condicións fundacionais . Tal decreto leva a data de 21 de outubro de 1595.
A provisión de vacante producida por Díaz de Mourillón deu lugar a un longo pleito que se conserva no arquivo de provisorado de Lugo, andel 17, A, número 3.
Do legaxo correspondente só interesan algúns datos ao noso obxecto , e son os que transcribimos a continuación.
Un dos litigantes, o presbítero Diego Díaz " por quanto para garda do meu dereito e claridade da miña xustiza teño necesidade de dous letreiros que están nun lado do altar do Señor San Xoán e man do Evanxello, e témome que algún os borrara ...o se caerá o xis en que están escritas , por onde despois non se poderan ver nin declarar tan ben como agora , pide ao notario de Lugo, don Alonso López de Cañas , lle dea un treslado sinado dos ditos letreiros e letras deles ".
A parte que nos interesa da escritura notarial di así : " En cumprimento do qual , eu o dito Alonso López de Cañas, xuntamente co dito Xoán López e con Gómez Ares de Páramo, escribán de El-Rei noso señor e veciños da dita vila de Sárria, e con Francisco Alonso , veciño da cidade de Lugo, e con Pedro Díaz de Guitián e Xoán Díaz de Páramo, testemuñas instrumentais , fomos á igrexa de Santa Mariña ... e cunha vela de cera acesa para que mellor se poideran ler as letras dos ditos letreiros de que no dito requerimento se fai mención , e téndoos lido tres ou catro veces os ditos anteriores de arriba letra por letra nos que se puido ler e entender, din un letreiro após do outro nesta maneira : " Esta capela mandou facer don Fernán González que santa gloria haxa, clérigo que foi da dita capela e dotouna a súa liñaxe e mandou para (....aqui está gastado... e logo prosigue ) catro fanegas de pan para sempre xamais. E un cálice de prata dun marco de ouro. Está enterrado aquí ao pé , e foi o catro ( ....está borrado non se le.... ) era do nacemento do noso señor Xesús Cristo de mil e quiñentos anos ". O outro letreiro di desta maneira : " Sepultura dos antecesores de Rodrigo Alonso de Veiga, clérigo desta capela , que a dotaron e edificaron".
Como se ve, a parte que o notarion non puido ler no primeiro letreiro da inscrición non afecta gravemente a cuestión cronolóxica . No ano 1508 existía xa a capelanía , xa que nesa data foi enterrado Fernán González , clérigo que foi da dita capela.
Enténdase que a mencionada capela fora dotada, non polo crego capelán , senón pola súa liñaxe. Por poucos anos que Fernán González a tivera desempeñado , temos que retroceder a data de fundación ao século quince.
Iso mesmo corroboran as diversas testemuñas que depoñen no pleito iniciado en 1595 ao que aludimos máis arriba. Moitos deles afirman que " dende hai máis de cen anos a esta parte ", os descendentes dos fundadores nomeaban " ao máis propincuo e conxunto aou último posuidor".
Non temos datos para aquilatarmos máis a data da fundación , mais non é pouco poder localizar no século XVI unha capelanía e un altar adicado na igrexa de Santa Mariña de Sárria a San Xoán Bautista.
Agora ben : ¿ Esta fundación foi froito da devoción popular do santo precursor , ou, polo contrario, as festas que anualmente se lle adican son posteriores á capelanía ?-
Non podemos contestar estas preguntas, mentres non aparezan novos documentos.
Ningún coñecemos no que se faga mención específica das festas de San Xoán anterior ao ano 1611. O 4 de xullo do dito ano o Concello de Sárria outorgaba un contrato con Xoán Rivela , gaiteiro de Santa María de Merza ( Pontevedra ) , polo que se obrigaba a concorrer " co seu instrumento de gaita, nas festas de Corpus, San Xoán e as Pascuas de todo o ano e regocixalas , así as danzas que se fixeren como as mascaradas e outros regocixos".
Dicimos mención explícita , porque implicitamente despréndese do mesmo contrato que as festas de San Xoán son anteriores, xa que o Concello manifesta a necesidade de que houbese na vila o dito oficio de gaiteiro para as festas de Corpus " e outras segundo que de moitos anos a esta parte estaban en posesión e costume de habelo e salarialo.
..........................................................................
( Texto publicado no Libro Programa das Festas do San Xoán, ano 1949.- Versionado en galego por Xaime Félix López Arias ).
Comentarios
Publicar un comentario