A Corga de Matavellas

                                                    A CORGA DE MATAVELLAS

         Entre as denominacións de rúas e callellas  da vila de Sárria ningunha resultará máis curiosa  que a da Corga de Matavellas, que é una ruela que poñía en comunicación os Fornos de Atrás coa igrexa de San Salvador.

         Era este en tempos un corguexo súpeto , que facía alasar a quen por el pasaba, de aí o nome que algún humorista de hai séculos tivo a ben darlle.

         A Sárria antiga  tivo una circunvalación sur  que arrincaba na Ponte Ribeira e pola Pedreira e As Airas  seguía polos Esqueiredos  ata a Veiga do Pozo (  que era o nome antigo do que agora chamamos Veiga de Arriba )  e polos peares de San Miguel  entroncaba outra vez  na ruta dos peregrinos  á altura do río Vao, agora  coñecido  como Rego de Cervos.

       Por esa circunvalación pasaban  os que non querían entrar na vila, tendo por se mudaban de idea, a posibilidade  de chegar á Rúa Principal  pola Travesa da Pedreira , polo Calellón de Lois, pola Travesa dos Fornos  e finalmente por esta Corga de Matavellas.

    A Corga de Matavellas desembocaba no Adro de San Salvador e , a partir de 1820,  cando se fixeron os enterramentos fora do templo medieval, é de supoñer que sería menos transitada , porque, queirase ou non, os cemiterios sempre impoñen respecto.

     Aínda que neste caso foi por poucos anos , xa que escasas décadas despois  o cemiterio  de Sárria pasou a ocupar un espazo baixo do desaparecido torreón suroeste da Fortaleza, no soar da Capela de San Marco, que estivera vencellada ao Arcediago de Sárria.

        Cara 1860 suprimiuse  definitivamente o tinglado ou chapicel que había diante de San Salvador , fíxose a espadana das campás  e cerrouse con muros e cancela  o seu adro, de maneira que a Corga de Matavellas, delimitada pola  finca da Porta da Casa de Ferreiró e a horta da Casa de Capón de Riba,  convertiuse nun paso estreito que coa implantación das feiras ( 1820, 1890  ) e a apertura en 1855 da estrada do Mazadoiro á Lama Rigueira, só se usaba ocasionalmente para paso, alcanzando a función de urinario e latrina  a ceo aberto, con evidente desprezo da inmediatez do  edificio relixioso.

     A súpeta corga, en tempo de grandes nevaradas , era aproveitada polos nenos e rapazolos da "Vila"  para facer gozosos  e nada perigosos   descensos  con aterraxe nos Fornos de Atrás,

        Ao cerrar a parte traseira da igrexa con reixa e cancela, hoxe desaparecidas ,e cando arredor de 1960 se ampliou a sancristía de San Salvador ,  a parte alta  alta da Corga perdeu parte da súa función.

       Sendo ecónomo o mercedario Padre Felipe, procedeuse grazas á desinteresada colaboración da familia Ferreiró , que cedeu os tarreos, á ampliación  do Adro de San Salvador e da Corga de Matavellas, de maneira que se suprimiron os muros do adro,  poñendo pedra no chan , mesmo con reaproveitadas lápidas  con inscricións do século  XVII, e tamén se saneou o que fora cemiterio decimonónico  ao tempo que se ancheou a corga ata a rúa Conde de Lemos.

     Máis adiante, sendo alcalde don Claudio Garfrdo, arranxaron o treito inferior colaborando no ancheamento os propietarios colindantes, e convertendo a corga nunha escaleira pola que se pode pasar con seguridade.

        A Escola Obradoiro que iniciu os labores de recuperación da igrexa de San Salvador, só de xeito voluntarioso, que pedía urxente continuidade, por mor do desafortunado resultado conseguido, e  actuou tamén nos laterais leste e sur  da igrexa , empedrando o espazo que fora cemiterio, que mentres non se fagan edificacións na rúa Conde de Lemos , constitúe un curioso miradoiro cara as montañas orientais.
 
As obras de restauro da  igrexa de San Salvador  financidas pola Xunta de Galicia trouxeron a eliminación da Sancristía Nova, covertendo a porta que se abrira para o presbiterio nunha xanela acristalada que amplia a luminosidade da ábsida..Por outra parte  as obras de construción nos vellos soares da Casa de Capón de Riba  van a darlle outra perspectiva  á Corga de Matavellas.

       Unha axeitada actuación de restauro na  igrexa  limitada a recuperar espazo polo sur, a conta do derrube da sancrístía nova, non levou aparellada a reforma da Corga de Matavellas, que presentaba un estado descoidado e mesmo perigoso.
 
    En 2023 o  treito  entre o Adro da Igrexa e a Rúa Conde de Lemos foi acondicionado  con moito coidado, coinciidndo cun arranxo das paredes das fincas particulares, o que, unido ao feito de que a Casa de Capón de Arriba e o espazo da antiga Cortiña da Casa foron  obxecto dun innovador proxecto de mellora  que  fixo que o miradoiro do  adro sur, onde  estivo o primeior cemiterio parroquial  fora do templo, presente un moi coidado aspecto.

       E como pasa cun bon número de rúas de Sárria, ningún letreiro hai que conteña o seu nome.
Desleixamento administrativo se chama esa figura.

    E para que non caia no esquezo un nome tan tradicional  vai aquí a súa historia.

                                          XAIME FÉLIX LÓPEZ ARIAS

Comentarios

Publicacións populares