Curiosidades sarriegas
CURIOSIDADES SARRIEGAS
A estrada de Sárria a Becerreá, herdeira das non realizadas de Sárria a Aranza ou de Sárria a Ribadeo , por moitos anos coñecida como ESTRADA DE CORVELLE, principiada darredor de 1860, aínda estaba sen rematar en 1924. En maio dese ano o concelleiro sarriao Augusto Díaz Rodríguez propuxo no Concello " que se xestione todo o posible a construción dun pequeno treito sen facer da estrada que pon en comunicación esta vila coa de Becerreá, por ser de grande interese xeral"...... Máis de 64 anos para facer unha estrada de 30 quilómetros son moitos anos. Despois chamáronlle Estrada de Sárria a Ouviaño e Estrada de Becerreá a Vendas de Narón, e agora é coñecida como Estrada de Sárria a Becerreá.
(30.06.1924 ) O Concello acordou a venda do cabalo que mercara para a parada de sementais " por ser xa innecesario".
Cando en 1924 o Concello de Sárria fala de facer o saneamento da Rúa Maior entre a Calexa e a Igrexa de Santa Mariña, con inversión de 10.000 pesetas , a proposta foi aprobada por maioría. Opúxose o concelleiro Galindo Ferreiro " por non recoñecer a necesidade da obra".
Cincuenta anos despois unha comisión de veciños do Oural xestionou o alcantarillado e unha pequena depuradora , e houbo un reclamante que amosou oposición " porque a obra supoñía un atentado contra a salubridade pública".....
A proposta do concelleiro Manuel López Vizcaíno, feita en 1924, para que se fixese un camiño veciñal por San Sadurniño, Loureiro, Vilar da Torre , Castelo de Loureiro e a Venda de Córneas non alcanzou realidade ata o tempo de posta en funcionamento da factoría de cementos do Oural, aberta que foi para poder trasportar a pedra caliza dende o Val do Mao..... 35 anos non son nada.
Cando entrou en función a Comisión Xestora do Concello de Sárria depois da ocupación, pola Garda Civil, do consistorio ( xullo de 1936 ) , unha das primeiras medidas tomadas foi a de cortarlle o subministro de augas aos frades do Convento da Mercé......
Entre 1860 e os anos 1920 barallouse a apertura dunha estrada entre Sárria e Portomarín, seguindo o trazado da vella Corga Francesa. Aberta ata Mouzós ( Meixente ) alí estiveron paradas as obras por máis de 60 anos. Unha hábil xogada feita polo cacique de Paradela, recollendo sinaturas que pensaban eran para esa proxectada estrada, sustituíndoa por renuncia e metendo de matute petición dunha estrada ata Pacios de Paradela, botou por terra o vello proxecto e así quedaron sen estrada os lugares das parroquia de Meixente, Belante, Biville, A Pinza, Ferreiros. A Laxe e As Cortes, ao levala por Biville , .O Neo e Vilar de Aldixe ata Pacios, incardinada na que se proxectara como estrada de Sárria a San Martiño de Castro.... E con outra hábil xogada caciquil, a que poidera ter sido estrada de Mouzós a Paradela, foi sustituída pola chamada estrada de Santa María ( Nabás-Ortoá ) á Feira de Paradela ( O Palacio, en Vilamaior), pasando polo Mercado da Serra, Taíde e Santo André de Paradela...... que tardaría máis de corenta anos en chegar á Feira do Mosteirovello en Castro de Rei de Lemos.
Comentarios
Publicar un comentario