VILLA SANCTI MICHAELIS
A VILLA SANCTI MICHAELIS DO CÓDICE CALIXTINO
Xaime Félix López Arias
Seminario de Estudos Sarriaos "Francisco Vázquez Saco"
EN 1988 O SEMINARIO DE ESTUDOS SARRIAOS IDENTIFICOU O LUGAR DE MONTÁN (SAMOS) COMO A "VILLA SANCTI MICHAELIS" CITADA POLO CÓDICE CALIXTINO ENTRE TRIACASTELA (VILAVELLA) E BARBADELO, E COÑECIDA COMO SAN MIGUEL DE MONTÁN E SAN MIGUEL DA COSTA.
Por moitos anos foron moitos os autores que trataron de fixar o emprazamento da "Villa Sancti Michelis" que o Códice Calixtino cita entre "Triacastela" e "Barbatelleum". Baseados somente en similitudes fonéticas con relación a modernos topónimos de paraxes ou lugares de perto do Camiño de Santiago barallaron diversos puntos e entre eses estudosos. Sen afondar en xustifiaciós, fora do coñecemento da referencia documentada a un "Sancti Michaellis" de Montán, foi o historiador Narciso Peinado Gómez, quen por vez primeira afirma "Pola nosa parte sospeitamos ser este lugar o "Villa Sanctis Michaelis do Códice Calixtino (1120).
O HISTORIADOR NARCISO PEINADO INTUIU EN 1971 QUE EN SANTA MARÍA DE MONTÁN (SAMOS) ESTIVO A MEDIEVAL E XACOBEA "VILLA SANCTI MICHAELIS" (SAN MIGUEL DA COSTA)
Na súa obra "Guía Monumental y Artística de la provincia de Lugo" (1971), Narciso Peinado, nas pàxinas 117-118, dí : " Pasado o Regueiro das Louseiras, séguese polo monte dos Pereiros subindo aos 986 metros, despois do arroxo de Riocobo e, pasado o de Fócora, chegamos a Montán, a 2 quilómetros de San Xil (do Carballo) documentado en pergameo do 1195. como Sancti Michaelis de Montani e no repertorio de Camiños por Pedro de Viluga ( 1546 )- Pola nosa parte sospeitamos ser este lugar o "Villa Sanctis Michaelis" do Códice Calixtino ( 1120 ).
PUBLICACIÓN DA IDENTIFICACIÓN DOCUMENTADA:NO B.S.E.S. ( Nº 3 )
NO ANO 1988 fixei en Santa María de Montán a vella Villa Sancti Michaelis, tamén coñecida como San Miguel da Costa. Esa fixación foi froito do meu coñecemento dos documentos obrantes no TOMBO DE SAMOS, que versionei por enteiro en galego, e tamén porque polo meu labor profesional souben situar sobre o terreo os topónimos medievais que no Tomo aparecen, desaparecidos nalgúns casos da toponimia maior e que perviven nas denominacións de paraxes, correntes fluviais e predios de culttivo- E tal é o caso do vello Burgo de Montán que pasou a ser Santa María de Montán, mentres as anteriores denominación perviviron nos desparecidos Muiños de San Miguel, no regueiro de San Miguel nos prados e leiros de San Miguel e na Costa de San Miguel, aínda vivos hoxe.
NO NUMERO 3 DO BOLETIN DO SEMINARIO DE ESTUDOS SARRIAOS "FRANCISCO VÁZQUEZ SACO, correspondente ao 3º Trimestre de 1988 (páxinas 41 a 47) publiquei o segunte traballo:
A VILLA SANCTI MICHAELLIS: OUTRA POSIBLE UBICACIÓN
Sen que o sangue chegue ao río dende hai algúns anos algúns eruditos e estudosos do CAMIÑO DE SANTIAGO veñen polemizando e dando teorías sobre a ubicación da "Villa Sancti Michaelis" que o Calixtino sitúa entre Triacastela e Barbadelo. De todas estas posibilidades que se teñen estudado inclinanse uns por VILASANTE e outros por SAN MIGUEL, paraxe este da parroquia de Barbadelo e o outro de San Martiño do Fontao. Inda tercian outros dicindo que ben poidera ser que unha primitiva "Villa Sancti Michaelis" fora o antecedente da Vila Nova de Sárria, hoxe Vila de Sárria.
Entre Triacastela e Portomarín podemos aínda hoxe achar as seguintes referencias toponímicas: a) San Miguel de Monseiro; b) San Miguel de Frollais; c) San Miguel (paraxe en Barbadelo); d) San Miguel de Piñeira (antigo mosteiro dependente de Barbadelo); e) San Miguel de Viville (arciprestádego de Paradela); f) San Miguel de Vilapedre; g) San Miguel de Vilapedre.
Máis ou menos alonxadas do camiño tradicional, unha simple eliminación de todas aquelas localidades á marxe, e das que estean máis adiante de Barbadelo, levaríano con toda probabilidade a pensar en San Miguel (Barbadelo) ou na Vilasante do Fontao, sempre que partamos do suposto que a única posibilidade de advocación fora a de San Miguel, e non estiveramos diante dunha "Villa Sancte Andrea", dunha "Villa Sancti Iacobi" ou outro santo.- É dicir que por eliminación rigorosa parecería que só hai unha posiblidade lóxica: A do San Miguel de terras de Barbadelo.
Iso, penso, sería unha conclusión precipitada, pois agora xa se pode ter en conta outra nova posiblidade. Estamos a nos referir a SAN MIGUEL DE MONTÁN ("ex allia parte rivi ecclesiam Sancti Michaelis de Montano " a nomea a conformación do Papa Alexandre III de data 4 de setembro de 1175).
O feito de que esa parroquia sexa hoxe coñecida como SANTA MARÍA DE MONTÁN levaría a tódolos que se preocuparon do tema a non ter en conta esta nova posibilidade .Mais agora, mercede ao TOMO DE SAMOS, é preciso ter en conta esta nova ubicación onde se podería pensar onde estivo a "Villa Sancti Michaelis".
En primeiro lugar, en versión libre, imos referirnos ao documento do ANO 1009, no tempo de don Afonso, o Emperador, onde por primeira vez se fala de "Sanctum Michaelem" ou "Sancte Michaellis", documento cuxo fondo Lucas Álvarez considera bo e valedeiro.
"Aquelo que polos reis é doado ha ter a defensa dos escritos, sendo preciso sexa confirmado co testemuño dos documentos-
Así pois, eu, Adefonso, pola graza de Deus emperador de toda Hespaña., a vós abade don Suario Suarez fágovos carta de doazón e confirmación de Santiago de Barbadelo con todo o seu dereito polos seus coutos , é a saber, segundo consta noutro seu testamento. polas estremas, é a saber: por SAN MIGUEL DE RIÁTICOS (Sanctum Michaelem de Riaticos), e pola auga de REGO DE CERVOS (rívulo Vado), e por BARREIROS (Barrarius) e por SEIXO ALBO (Saxus Album), e polos termos de MARZÁN e por NESPEREIRA (Marciam, Nesperaria), e de alí por SAN MAMEDE (Sanctum Mametum) e pola PEDRA DE SALCEDA (Petram de Salzeda), e de ali á DEVESA DE VILARIÑO (Devesan de Villarino) e atá as AMBAS AUGAS (Aquas ambas- confluencia do río Bao, hoxe Celeiro, e co Río Bao, hoxe Rego de Cervos) o de dentro e o de fora por onde acharte poidas.
Douvos tamén a miña herdade chamada VILAR que está baixo dos ditos termos , con toda a súa herdanza inmediata e de fora por onde acharte poidas ; tamén media herdade de SANCTO MICHAELE DE RIATICOS , desta ermida concédoola en pagamento do bon servizo que a min me deches, é a saber ,novecentos soldos.
Do mesmo modo douvos xa as anteditas herdades de xeito que as teñades toda a vosa vida e fagades dela foro polo día de San Fagundo pois no seu testamento escrito está no mosteiro samonense ; e despois da vosa morte inda teñan estas herdades os vosos achegados, tanto aquel mosteiro como os herdeiros leigos, e fagan dende entón costume escrito no previlexio samonense.
E se en verdade algún home este meu feito intentara desfacer, páguevos a vós ou á vosa voz mil libras de ouro purísimo e o que o invada doble e esta carta sempre sexa firme.
Eu Adefonsus, emperador de toda Hespaña, confirmo ( + ). Comes domnu Ruderius de Sárria, confirmo; Ranemirus Froilaz, de Autares, conformo; Petrus Iohannis, tenente de Monte Roso, confirmo; Pelagius Garsie, confirmo; Munio Romaniz, confirmo; Fernandus Moniz, confirmo; Fernandus Díaz, confirmo; Gundisalvus Pelaiz, confirmo; Pelagius Roderici, confirmo ; Petrus, testemuña; Pelagius, testemuña; Martinus, testemuña.
---------------------------
DO CONTIDO deste documento vese a antigüidade da capela de SAN MIGUEL DE BARBADELO, perto da aldea de Paredes , unha vez pasada a Veiga de Arriba. Trátase da mesma ermida de San Miguel á que alude o testamento do crego de San Salvador de Sárria , don Xoán Díaz de Gutián, que publicamos no número 1 deste Boletín.
Esta ermida referenciada no 1099 segue a ser ermida no século XVII , sen que haxa referencia a algún xeito de poboamento ou vila. Fálase sempre dunha ermida e non dunha vila ou lugar, e na toponimia , unha vez desaparecida a ermida só quedou a advocación. Coido que a única vivenda habitada en séculos foi a casiña dos gardas do ferrocarril, hoxe derrubada, e alzada no ´seculo XIX en terras de Maside , e que por razón da súa proximidade a ese paraxe coñeceuse como a "Casilla de San Miguel".
Eis as razóns polas que , persoalmente , coido que a "Villa Sancti Michaellis" do Calixtino non estivo onde na Idade Media se alzou a ermida de San Miguel de "Riáticos" (das uces por alusión ao monte onde se achaba, seguramente ). :
1º.- As ermidas alzábanse en paraxes isolados, Esta, mesmo na estrema de Barbadelo, tería a función de albergue provisoiro para pelengríns no alpendre que estas edificacións normalmente tiñan.
2º.- No século XVII segue a ser unha ermida, xa ruinosa, polo que para reconstruila fai unha manda don Xoán Díaz de Guitián.
3º,.- Noméase "Santum Michalem" ou "Sancte Michaele" de Riáticos. No Calixtino alúdese a unha "VILA DE SAN MIGUEL".
4º.- Está a moi pouca distancia do antigo mosteiro de Santiago de Barbadelo, co que o esforzo por chegar a este punto de acougo era pouco, e inútil como final de etapa.
5º.- O paraxe onde se achaba a ermida non é de moi boas condicións para o asentamento humán,E a proba está en que nin xiquer a ermida se mantivo, nin o lugar "teórico".Orientado ao norte, en zona lamacenta, só Castro das Paredes (tamén coñecido como de San Miguel ) , alo no alto, tivo poboación en lonxanos tempos , non no das peregrinacións.
A certeza de que a ERMIDA DE SAN MIGUEL DE RIÁTICOS á que alude o documento estaba no paraxe de Barbadelo así coñecido hoxe, dánola a enumeración de estremas . e confírmanola ademais que nas proximidades de Vilar de Barbadelo aínda hai fincas que levan o nome de RIO BAO, coincidente coa denominación medeival do Rego de Cervos ( Rivulo Vado ).
Logo do dito, e como a ubicación en Vilasante é só unha conxetura, imos ver a nova posibilidade que co coñecemto do TOMBO DE SAMOS pode ser tema de discusión e apreciación.
____________________________
Referímonos a SAN MIGUEL DE MONTÁN.
NUNHA ESCRITURA de 28 de xaneiro de 1195 na que se pon remate á tenzón entre a Igrexa de Lugo e o Mosteiro de Samos, o Bispo de Braga sinala como do mosteiro, entre outras moitas, a igrexa de "Sancti Michaellis de Montan".
E no dito TOMBO DE SAMOS , na dita escritura de 2 de novembro de 1068, que agora damos en versión libre, vemos conformadas algunhas das nosa conxeturas.
No nome de Deus
Eu Riquila, presbítero, no nome de Deus eterna saúde, Amén
A vontade de boa paz praceume de que fixera pauto e testamento a Deus e a este santo lugar de Sancti Michaelis et Sancti Andree cuxas reliquias están recónditas, na vila chamada MONTÁN , no lugar antedito chaman Campo Testo, igrexa e congregación que ali en vida santa persevere , do circuito desta vila , segundo xaz sen ningún outro herdeiro, IIIIª íntegra, tanto nas casas como nos casares , mesmo nas mazairas e en tódalas árbores , e desta vila de fora a metade íntegra , tanto das trigarizas como dos liñares e cortiñas. e destas mazairas que están fora do circuito do casar por outras partes, a metade íntegra,
Fago testamento, eu, Riquila, presbítero, na basílica e colación de San Miguel, diante de Paio, prebítero, e de Pedro, presbítero, e de Dídaco, prebítero, e da congregación de San Miguel, que aquí está concorrente , de tódalas cousas á igrexa antedita para remedio da miña ánima , de todo canto debo ter da mesma vila e da mesma herdade a miña parte, do xeito que enriba se dixo polas estremas e lugares antigos , terras, montes, fontes, ´sesigas muiñeiras concedo e dou a este LUGAR DE SAN MIGUEL por onde a obtivera dos meus abós e parentes, polos límites de Lousada de Caloine, pola estrema de Quintela atá a Fonte de Estel, por onde din Pena Corval atá a Fervenza en Toca, polo Carballo atáPando, polo Castreo de San Fiz atá Gualari.Por estas estremas segundo encerra a miña parte tanto en montes como en devesas , tanto no bon como no mellor. a miña parte dou e concedo por onde a poias achar.
E se algún home irrompendo viñera contra este noso feito que na carta resoa , duplado e triplado o pague , e ademais sexa excomungado e arredado da fe de Cristo por séculos sempiternos; e para a pena temporal pague cinco libras de ouro e este testamento teña plena confirmación.
Feita a decisión e testamento no día terceiro das nonas de novembro , na Era Centésima Sesta despois da Milésima.
Eu , Riquila, presbítero, neste documento que quixen fose feito coas miñas mans o afirmo ( + ).- Petrus, testemuña.-Pelagius, testemuña,
``````````````````````````````````````
"Sancto Michaelo de Montán " figura tamén nun documento de 1058.
MONTÁN estaba, e está, beira da ruta da pelerinaxe a Compostela. Se non hai hoxe referencia á advocación do Arcanxo , emporiso nesa aba do Monte da Meda e frecuente achar o apelido "San Miguel" e mesmo casas con esa denominación.
Da documentació aportada , podemos tirar algunhas conclusións:
1ª.- Entre Triacastela e Portomarín hai un "San Miguel" que por falla de datos foi esquecido por Vázquez Saco, del Castillo e outros estudosos do Camiño.
2ª,- Ese "Sancte Michaelis" estaba nunha "vila" chamada Montán, no punto coñecido como Campo Testo.
3ª,.- Neste "Sancte Michaelis " aparece haber unha congregación que persevera na vida santa , dito noutras palabras, hai monxes , E se o Mosteiro de Samos queda arredado da "vía francígena" non se sinte arredado do labor hospitalario xa que en "Sancte Michaelis de Montán " e en "Sancto Estephano de Calvor" van prestar servizo de acollida a pelengríns.
4ª.- Montán ocupa unha posición intermedia que fai posible a condición de remate de etapa , con relativa separación con relación a Barbadelo a Portomarín.
Con todo coido que non é o intre de facer conclusións definitivas - E por outra parte, bizantino perder o tempo en disquisicións semellantes, cando mellor é andar a traballar na revitalización da ruta das pelengrinacións . Mais, con todo, é bon que un novo elemento de xuizo entre nesa discusión, pois son os factores expostos os que nos levan a crer , que por riba de calquera outra posibilidade , a " Villa de Sancte Michaelis de Montán " presenta a maior probabilidade de coincidencia coa "Villa Sancte Michaelis" do Códice Calixtino-
Como complemento de canto levamos dito, acompañamos a trascición de traballos de eeruditos cos que se tratou de fixar esa ubicación.
¿ San Miguel de Barbadelo ( de Riáticos ) ? ¿ Vilasante de Fontao ? ¿ Sárria ?. ¿ San Miguel de Montán ( hoxe Santa María )?.
O verdadeiramente importante é que os homes dos tempos antergos recollian aos pelengríns , o que emnos importa é onde. O importante é que ese espiritu viva aínda hoxe.
XAIME F. LÓPEZ ARIAS
.........................................................................................................................................................................
EN 1945 O HISTORIADOR E ACADÉMICO SARRIAO FRANCISCO VÁZQUEZ SACO SINALA COMO UBICACIÓN DA "VILLA SANCTI MICHAELIS" O PARAXE DE SAN MIGUEL, NA PARROQUIA DE SANTIAGO DE BARBADELO ( SÁRRIA ) ONDE ESTIVO A CAPELA DE SAN MIGUEL.
¿ CAL É A VILA SANCTI MICHAELIS DO ITINERARIO CALISTINO
( Francisco Vázquez Saco. Sárria no Camiño das Peregrinacións )
Uns identifícana con Vilasante , lugar da parroquia de San Martiño de Fontao, estremeira con Sárria ; outros prefiren na de San Miguel de Paradela.
Esta última identificación e completamente infundada. San Miguel de Paradela está despois de Barbadelo e o Códice Calistino coloca entre Triacastela e Barbadelo a Vila Sancti Michaelis., ademais separaa da ruta dos peleriños o río Loio, que os peleriños deixaban sempre á súa esquerda.
Tampouco cremos exenta de dificultades a primeira hipotese. A identificación con Vilasante, que só parce fundarse nunha derivación das dúas primeiras palabras do nome completo, Villa Sancti, alonga inútilmente o itinerario dende San Mamede do Camiño, que cortando pola parroquia de Vilar de Sárria, salvaría o río Sárria pola ponte máis antiga da vila , como o demostra o nome que aínda leva hoxe de Ponte Vella e confirma a súa construcción , moi alterada xa por modificacións posteriores.
De persistir a localización de Vilasante, as peregrinacións atravesarían o río pola Ponte Ribeira, á que probablemente se refire unha escritura do arquivo da nosa catedral , pola que o coengo lucense D. Martiño López , véndelle ao Cabido , entre outros bens que tiña en Villam Novam de Sárria e no alfoz desta vila, a cuarta parte dos "muiños da ponte ".
Sen ningún afán polémico e co exclusivo propósito de contribuir ao esclarecemento deste punto, suxerimos a probable identificación da Villa Sancti Michaelis cun paraxe que conserva aínda hoxe o nome de San Miguel, e cuxa ausencia do nomenclator oficial se xustifica pola falta actual de edificacións.
Está situado a poucos metros da estación do ferrocarril, en direción a Barbadelo e báñao o río Celeiro que cruzaban os peregrinos por unha ponte de catro arcos admirablemente conservada na actualidade.
Houbo ali edificacións urbanas , como o demostran as pedras labradas que exhuma adoito o arado do labrego, e aínda permaneces a memoria dunha igrexa ou capela adicada a San Miguel, cuxa imaxe de pedra se garda nunha casa da contorna-
O feito indudable de que por ali discorría o Camiño francés das peregrinacións corrobora a nosa hipotese.
Aínda que só sexa a título de curiosidade temos que consinuar unha tradición que localiza neste lugar o primitivo pobo de Sárria , que, ao ocupar o actual emprazamento se chamou Vilanova de Sárria, extremo este último completamente documentado a partires do século XIII.
( 1945; Boletín de la Comisión provincial
de Monumentos Históricos y Artísticos de
Lugo, Tomo II, nº 16 )
.....................................................................................................................................................................
O HISTORIADOR E ACADÉMICO ANXO DEL CASTILLO IDENTIFICA COMO LUGAR DE ASENTAMENTO A ALDEA DE VILASANTE, NA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE FONTAO ( SÁRRIA ).
Temas de Historia
Da antiga " Vila de San Miguel" perto de Sárria
Apenas comezadas as miñas andanzas arqueoloxicas por Galicia, unha das primeiras comarcas que con máis interese visitei foi a de Sárria , que naquel entón e atraído pola súa importancia histórica e a beleza das súas paisexes , canto puiden percorrer. Foi coa ocasión das manobras de Bóveda, de 1907 , ás que como simple curioso asitín eu , cando tras os interesantes moimentos medievais que aínda conserva ( como as antigas igrexas de Vilar, Barbadelo, Albán e outras , cuxo estudo xa antes iniciara ) polas súas terras fermosas na percura deles, me metín, e cantos puiden examineinos.
As primeiras notas encol dos seus antigos moimentos á estampa din foron en 1906 , sobor da desaparecida igrexa de Santa Mariña , a base dun debuxo da súa antiga fachada , conservaba; logo, da románica de transición de San Salvador , máis tarde , en 1910, tamén falei, e doutras varias, algo en varias ocasións e lugares dixen. Mais o que máis tarde , na fermosa veiga de Sárria, con máis forza o meu interese chamou, e a estudalo todo o meu entusiasmo puxen , foi o famoso "Camiño francés " das antigas peregrinacións compostelás que aínda por ali as súas terras cruza e nalgúns lugares aínda " A Corga francesa" lle chaman. E nefeuto , cando a diocese de Lugo, comisionado pola Sección Arqueoloxica da Exposición Rexional de Santiago, de 1908, na primavera daquel ano, percorrín o dito camiño e os seus moimentos , nesta comarca como noutras , atá onde entón podía, aos vinte e tres anos , estudeu. De todo isto , algo nos xornais dixen, e aínda en diversas conferencias, divulgándoo , expliquei. Falar agora destas cousqas ( e á lixeira e en poucas liñas decilo ) . Só por copracer a quen "algo" para este programa de festas me pido,m quero, nunhas breves liñas , a quen non o saiba , lembrarlle como un dos históricos lugares do dito camiño que máis a este investigador intrigou , foi precisamente un que fora , Sancti Michaellis, que o autor do famoso Códice Calixtino ( escrito cara o ano 1140 ) , entre Triacastela e Barbadellus , sen precisamente concretalo, dunha maneira algo vaga empraza.
E así como no comezo dos meus traballos encol do dito camiño, cando aínda a ilustre escritora norteamericana , miss King, o seu famoso libro "The Way of Saint James", non escribira ), pouco sobor do dito discutido emprazamento reparara despois ( a requerimento alleo, case ), a percurar ex profeso fun, e outravolta o "camiño" con máis acougo , perto de Sárria, cara onde supoñía que estaba eu estudei . E, nefeito, co preciso lugar onde a descoñecida "Vila de San Miguel" estivera, din- E así, pouco máis tarede , ao ilustre hispanófilo , sir Henry Thomas, presidente que foi da "Anglo Spanish Society", morto en 1952 ( que por Galicia andivera e os seus máis interesantes moimentos coñecín ), que tras do dito emprazamento ( para un estudo tiña, e que non chegou a publicar ) andaba , debidamente o informei de como o lugar que aínda o nome de "Vilasante" ( nun dos recantos máis fermosos e interesante do camiño ) conserva , a antiga "Villa Sancti Michaellis", do Calixtino, noutro tempo estaba emprazada.
ANXO DEL CASTILLO ( Cronista oficial da Cidade da Coruña provincia ); presidente Academia de Belas Artes e numerario da Real Academia Galega )
...........................................................................................................................................................................
1994
PRIMEIRO ENCONTRO COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN SOBRE O CAMIÑO DE SANTIAGO
Febreiro. marzo 1994
SÁRRIA ( Lugo ). No VIII Centenario da súa fundación
MILLÁN BRAVO LOZANO , CATEDRÁTICO DE FILOLOXÍA LATINA NA UNIVERSIDADE DE VALLADOLID, DIRECTOR CIENTÍFICO DA EDICIÓN FACSIMIL DO CODEX CALISTINUS MANIFESTA QUE A VILLA SANCTI MICHAELIS ESTABA EN SANTA MARÍA DE MONTÁN
Na súa intervención do día 3 de marzo de 1994, o profesor Bravo Lozano, a quen Antonio Díaz Fuentes lle dera traslado do traballo publicado polo Seminario de Estudos Sarriaos " Francisco Vázquez Saco " no seu nº 3, do terceiro trimestre de 1988, fixo as seguintes afirmacións dentro da ponencia por el presentada:
......" De Sárria, por fin pódese dar por localizada a Villa Sancti Michaelis, en Montán, Non sei se está aquí o cronista oficial da vila, que xa o tiña dito, Vázquez Seijas tamén, pero agora é categórico, Un colaborador meu que está rematando a súa memoria de licenciatura trata encol disto definitivamente. Este tipo de cousas hai que aportalas dende a investigación , ao Camiño de Santiago"
...."Inde est villa Sancti Micaelis". Faivos a finta á Sárria, pero isto é Sárria. Así pois, ven despois a vila de San Miguel, que é, con toda seguridade , Santa María de Montán. Fáltanos unha cousiña, mais aínda que nos saíse contraria a proba , como na analitica dos hospitais, daríanos o mesmo, porque o diagnóstico xa está feito. Villa Sancti Michaelis. Isto estaba en Santa María de Montán e iso é Sárria , a Sárria primitiva, antes da fundación por Afonso IX".
Xaime Félix López Arias ( naquel tempo Cronista Oficial de Sárria ), a quen se referiu do Sr. Bravo Lorenzo ao falar da Villa Sancti Michaelis, interveu facendo algunhas apreciacións encol de aspectos relacionados co Camiño de Santiago:
....." Chámanlle Camiño farncés, mais ¿ non sería tamén un camiño español no momento no que está comezando a nacer a idea hispánica, dunha fronte de loita dividida en varios reinos ?. Poderiamos tamén chamarlle o "Camiño dos Cinco Reinos" Todas as capitalidades da España cristiá están no Camiño de Santiago : Jaca, Pamplona, Estella, Nájera, Burgos León, Santiago, a derivación a Oviendo, Todas as cidades reais da España cristiá están neste Camiño.
Sempre insistimos en que é un camiño europeo, mais vai ser un camiño moi integrador na politica hispana. . o Camiño por onde Xelmírez vai facer politica en Castela, o Camiño por onde Sancho de Navarra vai chegar a Santiago.
¿ Por que non se di que, ademais de francés, porque pasan moitos franceses, é unha vía de interrelación dos reinos cristiáns e que vai traer moitas consecuencias poliitcas ?
Con relación ao dito polo señor Villares, os que vivimos ao longo do Camiño sabemos que sempre estivo vivo e ademáis de camiño de entrada foi camiño de saída. Foi a nosa saída cara Castela, esta foi a nosa vía de penetración e de saída. Como dato anecdótico , en Sárria, en 1822, por cada cen persoas que circulaban con pasaporte - entón había que ir con pasaporte - 98 pasaban polo Camiño de Santiago e 2 ían en direció a Lugo.
O Camiño estivo sempre moi metido no medio onde nós estamos e houbo sempre peregrinos, Aparecen documentados ao longo do tempo e o Camiño foi sempre un camiño vivo."
( As anteriores intervencións están recollidas no libro " Primer encuentro con los medios de comunicación sobre el Camino de Santiago", editado pola Consellería de Cultura, Diercción Xeral para a Promoción do Camiño de Santiago ".
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
" VILLA SANCTI MICHAELLIS" ( Publicado en "El Progreso"
X.F. López Arias
Por moito tempo abrigaron algúns publicistas a teoría de que a actual vila de Sárria ocupaba o soar da antiga "Vila de San Miguel" que o Códice Calixtino nomea entre Triacastela e Barbadelo.
Terciaron na polémica Vázquez Saco, que a levou a terras de Barbadelo, onde estivo a ermida de San Miguel , pasada a Veiga do Pozo, e Del Castillo, que a levou a Vilasante.
Con escaso apoio docuemental ( a referencia primeira estaba nunha bulda papal ), pero con certeira intuición Narciso Peinado aventurou que a citada vila estaría en Montán.Cando se publica o Tombo de Samos, e tomando como base varias investigacións de campo e o aporte documental contido na dita recopilación, publñiquei no Boletín do Seminario de Estudos Sarriaos un artigo da miña autoría ( e vai xá deso para 5 anos ) no que, sen dúbida ningunha, situaba a Villa Sancti Michaelis en San Miguel de Montán, nome medieval da parroquia de Samos que hoxe leva a advocación de Santa María.
Agora, en palabras dun dos mellores estudosos do Camiño, o profesor Millán Bravo, a localización é totalmente seguro.
Por iso, congratulándome de que o que hai tempo lancei á area de discusión, sexa roborado agora, quero deixar constancia de que unha simple frase de Narciso Peinado foi o desencadeante que me levou a abrir unha vía de investigación, que, dunhha vez por todas botase abaixo un dos tópicos que se viñan repetindo sen fundamento.
Sárria non é a "Villa Sancti Michaellis", como tampouco a Flavia Lambris que outros aquí quixeron ubicar. Foi A Vilanova de Sárria-A Pobra de Sárria o xermolo desta vila moderna " e ben urbanizada " que din as guías turísticas.
E Narciso Peinado, que sempre foi rigoroso nas súas apreciacións cando todos sentaban teorías abstrusas, atinou aínda usando poucos dados.
........................................................................................................................................................................
ARTIGO PUBLICADO NO NÚMERO 32 DE "LIBREDÓN" (PUBLICACIÓN DA ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIGOS DO CAMIÑO DE SANTIAGO ( 2018 )
VILLA SANCTI MICHAELIS : SANTA MARÍA DE MONTÁN
Xaime Félix López Arias
Foi obxecto de discusión cal podería ser a ubicación da "Villa Sancti Michaelis" que o Códice Calixtino sitúa entre Triacastela e Barbadelo. Sinalaron algúns autores que estaba en San Miguel ( de Riáticos), na parroquia de Barbadelo, onde houbo unha ermida isolada desaparecida nas primeiras décdas do século XX, que está documentada no Tombo de Samos, e outros levárona a Vilasante ( Villa Sancii ), na parroquia de San Martiño de Fonato, un e outto no actual concello de Sárria.
Obviaron uns e outros que a unha legoa da Vila Vella de Triacastela , á que se refire o Calixtino, se encontraba o lugar de Montán ( San Miguel ), ao que tamén chamaban San Miguel da Costa, e que se cita en diversos itinerarios como lugar de paso e parada de peregrinos.
No Boletín do Seminario de Estudos Sarriaos nº 3, do 3º Trimestre de 1988, identificando a ubicación da vila en Montán, publiquei a versión en galego dun documentop samonense, en latín, de 2 de novembro do ano 1068, no que aparece citado " o santo lugar de Sancti Michaelis et Sancto Andree ", na vila de Montán, onde chanman Campo Testo, identificando así, hai xa trinta anos, a discutida vila coa igrexa de San Miguel de Montán á que se refire unha escritura de 28 de xaneiro de 1195.
1. Villa Sancti Michaelis/ San Miguel de Montán. En 1068 o presbítero Riquila, fai pacto e tesamento con Paio, presbítero na basílica e colación de San Miguel, e con Pedro e Paio, presbíteros da congregación de San Miguel, e dalle ao lugar de San Miguel terras, montes , fontes , sésigas muiñeiras e devesas para remedio da súa ánima. Resulta pois que no século XI, en Mont´ñan, había unha igrexa adicada a San Miguel. Noutra escritura do ano 1058 tamén aparece a igrexa baixo esa advocación , e cando remata a longa discusión pola titularidasde de moitas parroquias, entre o bispo de Lugo e o Mosteiro de Samos ( 1195 ), unha das recoñecidas para Samos foi a igrexa de San Miguel de Montán. Este mosteirolo como os de Lousada e Calvor acabará caíndo baixo a influenza de Samos, e covertido en parroquia, Máis adiante a igrexa pasará a estar baixo a advocación de Santa María, que aínda conserva.
2. Burgo de Montám. Entre a documentación medieval da Catedral de Lugo aparece unha escritura referida ao " Burgo de Montán", que xa tiña certa relevancia por estar na vía pública dos peregrinos.
3. San Miguel da Costa. Aparece citado este lugar entre Triacastela e Sárria, entre outros no itinerario do peregrino Arnold von Harff ( 1496 ) , quen sinala os lugares de.."Tre Castell...Sent Micaele la Costa,,,Agiata ...Sarria",,,, E San Miguel da Costa ( que é tanto como dicir San Miguel de Montán ) sitúao a una légoa de Triacastela
4.- Hospital de Montán. Desaparecido o mosteirolo da Villa Sancti Michaelis foi herdeiro da tradición de acollida aso peregrinos o Hospital de Montá, cuxa existenza descubriu anos atrás, e ao que atención a historiadora sarriá Rosa Vázquez Santos, que sacou á luz a segunte referenza gardada nos libros parroquiais do Arquico Diocesano de Lugo: ( 1751 ) " Neste lugar había unha casa ben feita e unha boa subeira dando á rúa na que había un nicho no que estaba unha imaxe dun crucifixo , que aínda no día de hoxe hai no lugar quen o viu. Esta foi feita e fundada para hospital de peregrinos, non hai novas de quen o fundou, tiña para o seu remdio dúas fanegas e media de centeo de renda que se pagaban na cas e lugar de Paraxuá, no lugar e freguesía de San Martiño de Romelle, nesta Abadía, que os cobrou don Alonso Moscán, que morreu hai poucos anos en San Martiño, freguesía de Santa María de Loureiro, sendo hospitaleiro de tal hospital aínda polos anos de 1696, pouco máis ou menos, e despois del levantáronse con ela, e non houbo quen fixese dilixencia ningunha, Este lugar de Paraxuá foi comprado por un tal Soberano da Casa de Aián, porque engrosa a dita casa moita facenda e vendéronllo coa carga e pensión das referidas dúas fanegas e media que se debían pagar ao dito hospital de Montán. Así consta na escritura de venda. Esta casa caeu e non faltou quen a fixese acabar de caer polas súas comenencias de aproveitaren a madeira, levar lousa e outras cousas, que serán boas de probar dando á Súa Reverendísima comisión a un minstro seu para que os veciños digan a verdade. A igrexa levou dous carros de lousa vendo que se perdía toda coa obriga de darlle outra tanta cando se redifique.." ( Arte, Culto e Iconogrfafía del Camino Francés en la Provincia de Lugo ( 1500-1800(. Rosa Vázquez Sanos, Xunta de Galicia, Servicio Central, 2003 )
No Catastro do Marqués de la Ensenada consta que non hai ningún hospital nin mesón na freguesía e que os once veciños manteñen aberta unha taberna temporal.
Da desaparecida institución de acollida de peregrinos non se fala en ningunha das publicacións referidas ao Camiño de Santiago e hoxe só queda lembranza da súa existenza nunha finca que hai no interior do actual lugar de Montán, sinalada como a 605 do poligono catastral de Samos, cunha superficie de 2.159 m/2 que leva a denominación de "Hospital".
5. San Miguel da Costa na toponimia. Aínda que a dbvocación da parroquia foi sustituida pola de Santa María, son numerosas as referenzas que quedan con relación á primitiva titularidade da parroquia:
a) Prados de San Miguel. Os prados que hai na beira do rego de Montán, augas abaixo da igrexa, conservan esa denominación,
b) Paraxe da Costa, Á unha e outra beira do "Camiño dos Maragatos", hai pouco recuperado para o paso de peregrinos . rehabilitando así o acceso á "Villa Sancti Michaelis", e qu desemboca en Montán á altura da igrexa, paraxe e fincas levan o nome de "Costa de San Miguel" ou " A Costa", pervivencia das antigas denominacións do lugar.
c) Os muiños de San Miguel. No Catasrtro do Marqué de la Ensenada ( 1753 ), e no Rego de Montán, sinalan a existenza de dous muiños " de San Miguel" propiedade de Francisco Balboa e Domingos Pèrez, Eses muiños relos na actualidade non existen.
d ) Tras Cabanas. A tradición da existenza dunha primitiva poboación, de casas pallazas, na marxe esquerda do rego de Montán. e perto da igrexa parroquial de "San Miguel-Santa Naría ", ven dada pola denominbación de Tras Cabans, conservada perto do templo, o que nos remite a unha poboación primitiva, abandoada cando o Bujrgo de Montan, na marxe dereita, pasa a ser o núcleo principal.
En conclusión, a importancia do núcleo de Montán como lugar de parada para peregrinos ven dada pola sucesión de "vila, mosteirolo, burgo e hospital" nesa función e das fontes documentais e toponímicas sinaladas derívase que a primitiva "Villa Sancti Michaellis " á que se refire o Códice Calixitino estivo no lugar que hoxe é coñecido como Montán, no Concello de Samos, onde na Idade Media cahamaban "Campo Testo".
............................................................................................................................................................
COUSAS XACOBEAS : O CAMIÑO DOS XACOBITAS EN SANTIAGO DE BARBADELO ( I )
( Publicado en "XORNAL DE LEMOS" )
Xaime Félix López Arias
Pasados o vao e pontón do Rego de Cervos ( o medieval río Vao ), ao pé do Castro das Paredes , o "camiño canónico" entra hoxe na parroquia de Santiago de Barbadelo na percura do Casar das Paredes.
A construcción do camiño de ferro, entre 1880 e 1882 , introduciu unha grande modificación na traza medieval do Camiño que dende a Ermida de San Miguel xiraba cara o Casar das Paredes e Vilei pola man esquerda , subindo polas abas leste e sur do Castro de San Miguel ou Castro das Paredes , camiño este que foi eliminado ao facer a longa trincheira da Rañoá para a instalación da vía do tren.Na ermida de San Miguel , onde confluían a ruta principal e o vieiro que desde a Veiga de Arriba viña aos peares da Rañoá , os pelengríns tiñan outras dúas posibilidades máis de seguir á man dereita : Unha subindo pola ribeira de Cervos en direción a Sabenche e o Mercado da Serra e a outra a que, atravesando o vao ou porto de San Miguel seguía cara Zanfoga , Na actualidade con fitos sobe pola ribeira deixando á man dereita o Rego de Cervos.
A ermida de San Miguel ( San Miguel de Riáticos ) está referenciada nun documento do Tombo de Samos , e estaba isolada ao pé do maxestuoso castro, ao que hoxe se encontran unhas fermosas carballeiras e soutos que piden a berros se lles dea a protección que como espazo natural merecen.
Unha discutida doazón que se lle opón ao rei Afonso VI, como feita no ano 1099, refírese á concesión da metade da ermida de San Miguel de Riáticos e do Couto de Barbadelo en favor do abade Suario Suárez, e sinala as estremas de Barbadelo " Por San Miguel de Riáticos e polo regueiro de Río Vao e por Barreiros e polo Seixo Branco, e por termos de Marzán e por Nespereira , e logo por San Mamede , e pola Pedra de Salceda , e logo pola devesa de Vilariño e polas Ambas Augas". Esta descrición das estremas do Couto de Barbadelo sinala o espazo que, pola súa siñificación xacobea, vai ser obxecto , pola nosa parte, dun demorado , ao que agora adicamos a primeira entrega, referida aos 795 metros que separan o Pontón de San Miguel do Casar das Paredes, cando menos, de outras sete entregas, xa que a parroquia de Santiago de Barbadelo encerra un pasado histórico e xacobeo moi destacados.
A ermida de San Miguel , en espazo covo delimitado polo castro, o río Barbadelo ( Celeiro ) e o río Vao ( Rego de Cervos ) , estaba arredada das poboacións e viría a cumprir a finalidade de asegurar en despoboado o descanso e acollida de pelengríns sorprendidos pola chegada da noite , xa que, como lugares sagrados e fitos referenciais na calzada, as ermidas mantiñan as súas portas sempre abertas e en moitas casos tiñan un cabido ou alpendre frenteiro onde poder agacharse para evitar o mal tempo e tamén os ataques de feras e posibles malfeitores, perigos estes aos que adoito se tiñan que enfrentar os camiñantes.
Afirmación rotunda ; " A Villa Sancti Michaellis" non estivo ao pé do Castro das Paredes, nin na croa, nin no seu antecastro" Houbo autores que ao ler o Codex Calixtinus , só con base na conseravción do topónimo "San Miguel", pretenderon sustentar aquí a ubicación dunha vila, cando a auténtica "Villa Sancti Michaellis" estivo en "San Miguel da Costa" ou "San Miguel de Montán ", na actual parroquia de Santa María de Montán ( Samos ). Hai que ter presente que a denominación de "Barbatellus " , ademáis de no río Barbadelo ( hoxe río Celeiro ) aparece tamén en Santa María de Barbadelo ( capela que houbo a carón do Campo da Feira de Sárria ) e no lugar de Santo Estevo de Barbadelo ( hoxe de Maside ), vencellado aos templarios, e que no dito códice os puntos sinalados como treitos intermedios van de légoas en légoas . Por iso sinalar Barbadelo ( ¿ río ou lugar ? ) entre a Villa Sancti Michaellis e Portomarín, beira do Castro das Paredes , sería un contrasentido por seren dous fitos dun mesmo espazo ( Barbadelo ) , a presunta Vila de San Miguel e Barbadelo-Mosteiro ( "Loci Sancti Iacobi" ), separados só por unha distancia de dous quilómetros, cadno a documentación e a toponimia falan dunha "ermida", que por definición é un pequeno templo isolado e lonxe das poboacións.
Esta ermkida, que acabou sendo chamada capela, quedou finalmente arruinada e unha imaxe en pedra do arcanxo vencedor do príncipe das tebras, que gardaban na Casa das Paredes, acabou sendo vendida e don Francisco Vázquez Saco publicou unha fotografía que permite ter memoria dela.
O Camiño de Santiago vai agora pola Costa da Ribeira de Cervos, deixando á dereita do Souto, paraxe onde vexetan castiñeiros centenarios e onde tamén se pode ver unha "ouriceira" vencellada á recolleita de castañas, por máis que nalgunha voluntariosa guía se lea que é unha edificación prehistórica . Nada máix lonxe da realidade.
Hai que sinalar que unha das árbores máis fotografadas de toda a ruta xacobea está sofrindo decote o maltrato dos peregrinos que depositan nas súas fendas a xeito de "ex votos" pedriñas, estampas relixiosas ou notas manuscritas que non fan senón destacar o pouco resepecto que gardan pola natureza , ao que hai que sumar os plásticos, latas , envases e outras clases de lixo que van deixando tras deles ( "ouriceira" inclusa ) nunha actitude competamente incívica, que dá lugar que, por exemplo e por vía de reparación, os esconates do Colexio da Mercé fagan camiñatas para recolleren canto polo chan tiran os "turigrinos" urbanitas, que despois lle botan culpas aos concellos daquelo que é culpa do seu desleixamento.
Rematada a Costa, o Camiño, deixando á esquerda a Croa do Castro das Paredes, chega ao Casar das Paredes. Toda a terra andada neste treito, que estivo vencellada ao Mosteiro de Santiago de Barbadelo , acabou pertencendo á xurisdición da Abadía de Samos, e despois foi do Concello de Samos e non se integrou no Concello de Sárria senón até o ano 1840.
O Castro das Paredes ( ou de San Miguel ) conserva un alto amurallamento e nel déronse achados de "coviñas rituais " abertas nas penas e de pezas cerámicas e liticas. Hai que insistir na necesidade de que as carballeiras e devesas das abas do castro , e a mesma croa, deben ser obxecto dunha protección especial por ser un dos máis belos espazos vencellados ao Camiño Xacobeo. Na Cha do Agro das Paredes hai unha medorra que debería ser catalogada.
A Casa das Paredes, cabeza que foi dun foral de Samos, é hoxe unha edificación que queda á man esquerda do esquerda do camiño, e como moitas outras do medio rural, perdeu a súa condición de explotación agrícola e gandeira.
Dende As Paredes o pelengrín albisca xa moi perto a aldea de Vilei, actualmente punto de acollida para moitos camiñantes.
NOTAS VARIAS
A FINAIS DO SÉCULO XV ARNOLD VON HARFF PASA POR SAN MICHAELE DE LA COSTA (MONTÁN)
"..... Iten van Trecastelle so SENT MICHAELE DE LA COSTA eyn dorf II lige. Iten van de la Costa zo Agiata , eyn kleyn dorf I lige. Iten van Agiata zo Zaria I lige eyn vrijheyt nat eyne bercloss"
( Pasa por Triacastela, San Miguel da Costa ( Montán ) . A Aguiada e Sárria.
UN PEREGRINO AÓNIMO , NO SÉCULO XV, PASA POR SAN MICHELE L ( MONTÁN )
".... A una legha di Tri Chastella a una legha a San Gilio se andato a San Michele una legha t ' appela una montagnia ti fa qui spedito .una legha vai oi a Finella , una legha vai a misurento , a simili legha truon Villa nuova ....."
( Pasa por Triacastela, San Xil do Carballo, San Miguel ( da Costa ou de Montán ) , A Furela e Vilanova de Sárria )
EN 1679 DOMENICCO LAFFI CONTA OS PASOS DADOS ENTRE TRIACASTELA E PORTOMARIN
"..... á fin chegamos a unha chaira onde está unha Terra non moi grande con boas casas que se chama Triacastela, distante seis légoas. Ali veulle a febre a un daqueles Tudescos que estaban na nosa compaña, os seus compañeiros puxérono riba dunha cabalería para levalo á Terra viciña para facelo medicar. Nós con boa licenza seguimos a nosa viaxe facendo unha grande subida, e pasando moitas montañas. até que comezamos a baixar cara unha vila pequena, que está a dúas légoas ; pasada esta vila sempre indo cara abaixo cheguei a unha chaira bela , e frutífera de toda sorte de froitas, onde hai moitas casas , hortos e xardíns . Pasase un río no que hai moitos muiños e despois súbese un pouco , e chégase a Sárria, distante dúas légoas...... Esta é unha Terra moi bela e rica, con belas casas , onde hai un Convento de frades vestidos de branco , que dan pousada aos Peregrinos; na cima da vila hai un Castelo con murallas moi altas , onde está o Señor desta Terra , que dá pousada e diñeiro aos peleriños que veñen de Santiago de Galicia, quen ali fai xustiza , sendo este Patrono absoluto.. Postos xa aquí fixemos outra grande subida de algunha Montaña , que se chama os Montes de Sárria. Pasado este chegamos a Portomarín , e este treito é de tres légoas. E este é un belo lugar , e polo medio del pasa un grande río abondoso de peixes, e en particular de anguías, e de moi boas troitas das que procuramos unha boa cea. Perto deste lugar están grandes viñas e moitos hortos. A terra está posta dunha metade a outra dunha grande e bela ponte, que agora lle da o seu nome á Terra , que chaman a Ponte do Miño. Dende ali seguimos a Ligonde..."
( "Viaggio in ponente a San Giacomo de Galitia e Finsterre" , Domenico Laffi, 1679 )
( Domenico e os seus compañeiros pasaron por Triacastela, unha vila pequena ( Montán ) , Sárria e Portomarín)
MISS GEORGIANA GODDARD KING , PARA COÑECER SAMOS, NON SEGUIU A RUTA DE MONTÁN
(Dende Triacastela ) O camiño vello segue os altos, pero xiramos cara a Veiga de Samos , para visitar unha igrexa vella e unha igrexa rica e para durmir nunha vila ao lado do tren, deixando de ver, probablemente , por todo isto a "Villa Sancti Mihaellis" , a Vila de San Miguel, á beira do camiño. Alomenos non pasamos a carón de nada que parecera ao Arcanxo. Manrique recolleu unha lenda na que Guillerme de Aquitania , na súa peregrinación , nunca chegou a Santiago senón que morre en arrecendo de santidade no convento de San Miguel , "in ipso itinere quod Gallicum adpelant , a frequentia Francorum peregrinatium.
RASTREXANDO OS VELLOS TOPÓNIMOS NA ACTUAL PARROQUIA DE SANTA MARÍA DE MONTÁN ( SAMOS )
Dende o século XI na actual parroquia de Santa María de Montán mantivéronse invariables os nomes de leiros e outros espazos, que veñen a confirmar a identificación e concreción das referenzas medievais e posteriores, vivas na actualidade.
Catastro do Marqués de la Ensenada ( 1753 ) : 1.- Muiño de San Miguel ( de Francisco Balboa ). 2.- Muiño de San Miguel ( de Domingos Pérez ).
Paraxes : SAN MIGUEL, COSTA DE SAN MIGUEL ,TRAS DA COSTA, CAMPO , CABANAS E TRAS CABANAS
SAN MIGUEL : ( Polígono 7 Parcela 2420 ); ( Polígono 7 Parcela 2260 ): ( Polígono 7 Parcela 2422 ); ( Poligono 7 Parcela 2421 )
A COSTA ( Poligono 6 Parcela 606 )
O CAMPO ( Polígono 7 Parcela 3375 ); ( Poligono 7 Parcela 2424 ); ( Polígono 7 Parcela 2265 )
HOSPITAL: ( Poligono 6 Parcela 605 )
TRAS CABANAS : ( Polígono 7 Parcela 2235 ) ; ( Poligono 7 Parcela 2236 ); ( Poligono 7 Parcela 2237 ); ( Polígono 7 Parcela 2238 ): ( Poligono 7 Parcela 2240 ); ( Poligono 7 Parcela 2247 ): ( Poligono 7 Parcela 2248 )
..........................................................................................................................................................................
Comentarios
Publicar un comentario