PENA AGUIEIRA-TORRE DO MARISCAL ( O PÁRAMO )
FORTALEZA DA PENA AGUIEIRA EN SANTIAGO DE SÁA DO PÁRAMO
Na parroquia de Santiago de Sáa no concello o Páramo ( Lugo ), moi perto da estrema desta freguesía coa de San Miguel de Vilapedre hai un teso rematado nunha penasqueira que leva o nome de PENA AGUIEIRA a uns centos de metros da CRUZ DE AGUIEIRA. Unha boa parte do monte veciñal en man común da parroquia de San Miguel de Vilapedre tamén e coñecido como "Monte de Pena Aguieira",
A referencia máis antiga de Pena Aguieira aparece na delimitación dos Condados Suevos da diocese lucense ( século VI ) na estrema que comeza onde o río Sárria entra no Neira e segue pola Pena Aguiar e polo Castro Pedroso ( riba do actual lugar do Alvaredo ).
"Quintus Comitatus Paramensis nuncupaur, incipitur ubi intrat Sarria in Neira; & venitad AQULIARE PENAM,& et extenditur ad CASTRUM PETROSUM, & venitad monten Masidi, & procedit indirtectum ad Froillani......" Os puntos sinlados fixan a estrema co Condado Sarriense e todos eles son topónimos aída hoxe vivos: Van da entrada do río Sárria no Neira , de ali a Pena Aguieira ( parroquia de Sáa do Páramo ), Castro Pedroso ( en Moscán -O Pàramo ), Monte Maside ( Monte de Santa Cristiña , en Santalla de Arxemil ou de Maside ) e segue a Froián ( Monte do Oural ).....-----Ano 572--------
..................................
Riba desa famosa pena o Mariscal Älvaro González de Riba de Neira mantivo unha fortaleza que deixou memoria na Terra do Páramo como TORRE DO MARISCAL que foi obxecto da inimiga do Conde de Lemos e do Conde de Trastamara, con ocasión das guerras sostidas entre eles e padecidas polos servos das parroquias de entre Neira e Sárria.
Polas declaracións de testemuñas no moi célebre pleito Fonseca - Tavera a Fortaleza de Pena Agueira resultan datos máis que suficientes para concluir que estaba ubicada na Terra do Páramo na parroquia de Santiago de Saa, en posición moi alta e de dificil acceso dende as terras baixas desa freguesía e con moi doada accesibilidade vindo de Goián ou de Escarlán, non lonxe do camiño que dende Moscán ía , e segue existindo, até o Hospital de Goián no Camiño Francés de Lugo a Monforte, pola Ponte de Neira.
A elevada posición na que se achaba permitía controlar o paso por eses camiños e unha serie de parroquias que sairan do dominio dos Condes de Sárria e Condes de Lemos, e formaban Coutos ( Vilapedre, Vilar, Ronfe, Meixente... ) que os condes pretendían quedasen baixo o seu señorío , discutido polos Riba de Neira.
" el Conde de Trastamara biniera con mucha gente a la villa de Sarrea e comenzara a corregir la dicha fortaleza que se dize la Peña Aguieira... ". Sabemos que a Fortaleza de Sárria era entón do Conde de Trastamar a e que o Conde de Lemos era o señor da Pobra de Sárria.. A Pena Aguieira estaba á unhas tres légoas da Pobra de Sárria seguindo o camiño que pola Ponte do Mazadoiro e Arxemil se unía ao Camiño Francés de Lugo a Monforte no lugar do Hospital de Goián.
" ... derrocaran las fortalezas del derredor de tierra de Lemos , ansí como la fortaleza de Bande - que outra testemuña declara que en de Fernán Díaz " O Vello"- e Pena Aguieira e Anseán , e la dicha fortaleza de Pena Agueira dize que fue derrocalla el Conde de Trastamara..." A fortaleza de Bande estaba na parroquia de San Pedro de Bande, onde aínda garda a súa memoria un paraxe coñecido como "Castelo", A fortaleza de Anseán , no Camiño Francés de Viduedo a Lugo, estaba na terra de Chamoso en terras da Pobra de Adai. A testemuña que sinala que o Conde de Trastamar mandara derrocar Pena Aguieira ven a confirmar a súa presenza nas terras de Sárria e do Páramo con moita xente de armas.
Alonso do Campo , escudeiro e veciño de Lugo, dixo: "... e bido que aportillaran el Castillo de Lugo e que estubo en el cerco de dicha hermandad tubo contra la fortaleza de Pena Aguieira, que era de Alvaro Gonzalez de Riba de Neira hasta que gela entregara e despues de entregada el testigo oio dezir que la derrocaran porque no se allo presente al derrocamiento della e que oio dezir que derrocaran a Monforte de Lemos e a Sarrea que hera del Conde de Lemos...". O Castelo de Lugo estaba no espazo hoxe coñecido como Campo Castelo. A testemuña dá razón de que a Irmandade botara por terra as fortalezas de Sárria e de Monforte, accións nas que participaron irmandiños chegados de Santiago , de Lugo e doutras partes.
"... a visto derrocar las fortalezas de Pena Aguieira e Villar Moosteiro que eran de Álvaro González de Iba de Neira e la Torre de Goldrame que era del comendador de Portomarín..." Estas tres fortalezas a moi curtas distancias unhas das outras controlaban os camiños de Lugo a Moforte pola Ponte de Neira e o de Portomarín á Ponte de Neira. Hai dúas parroquias co nome de Goldrame-- Gondrame ( Santa María e San Vicenzo de Gondrame ) e gárdase memoria da torre na toponimia sendo edificación militar propiedade da Encomenda de Portomarín da Orde de San Xoán de Xerusalén. Un comendador de Portomarín presentou queixa por os Riba de Neira alzaran unha fortaleza na Terra do Páramo. Perto do Camiño Francés de Lugo a Moforte e dos lugares de Castro de Neira e A Ponte de Neira estaba a fortaleza de Vilarmosteiro, na parroquia de Santa Eufemia de Vilarmosteiro, na que na actualidade se acha o lugar de O Páramo, capitalidade do actual Concello de Láncara.
"...Sabe que la fortaleza de Ansián e a fortaleza de Bande e Pena Aguieira que diz que fueron derrocadas por dicha hermandad e la fortaleza de Baamonde están al presente derrocadas.. " As fortalezas do triángulo Anseán-Bande- Pena Aguieira tan perto unhas de outras, dúas na marxe dereita do Neira e a outra na marxe esquerda complementábanse co triágulo Pena Aguieira- Vilarmosteiro- Gondrame, concentradas en terras do Corgo e do Páramo. As citas desas fortalezas así relacionadas fan que non haxa dúbidas en sinalar as fortalezas paramesas en Sáa do Páramo ( Pena Aguieira ), Vilarmosteiro e Gondrame,
"... Aguieira fue derrocada por el Marqués de Astorga que hera padre de la Condesa de Lemos..."
Lope de San Silvestre, da freguesía de Barbadelo, declarou.... "que o Conde de Trastamara veu á vila de Sárria con moita xente e comezara a corrixir a fortaleza que dicían que era súa e despois foi contra outra fortaleza que din a Pena Aguieira e combatiuna e derrocárona polo pé, porque a testemuña viuna derrocar e que despois tornara para Sárria onde din que morreu e que o levaron a Astorga...."
Alonso do Campo . de Lugo, dixo....."que estivo no cerco de Pena Aguieira atá que se rendeu...
.............................
Na actualidade na Pena Aguieira pódense ver as partes baixas de dous muros de boa cantaría e unha pociña nunha pena a curta distancia , así como o que foi foxo protector ao leste, para dificultar o acceso por esa banda, sendo de notar que máis ao nacente e por riba do foxo hai unha alta penedía que dalgún xeito facía vulnerable a fortaleza que sería visible dende moi lonxe dende as terras dunha e doutra bandas do río "da Neira ".
O MARISCAL ALVAR GONZALEZ DE RIBA DE NEIRA.- Señor da Fortaleza de Pena Aguieira ( Santiago de Sáa do Páramo ) e da Casa da Barreira. Casou con María de Bolaños. Fillos: Diego Sánchez de Riba de Neira, Fernán Díez de Riba de N.eira , Inés de Miranda e Maior Bahamonde de Ribadeira.. Á súa morte deixoulles aos seus fillos a Fortaleza da Barreira e os lugares de Oleiros, Vilapedre e outros e casas na cidade de Lugo .
Foi meiriño maior da Pobra de Sárria e usou o tíduo de "Mariscal" Tomou parte nas capitulacións do Reino de Galicia para o servizo da Súa Maxestade , no tempo das Comunidades de Castelo, feitas en Melide.
Mantivo guerra co Conde de Lemos , Pedro Álvarez Osorio, e o Meiriño de Sárria, Men da Ribeira, ocupoulle os Coutos de Ronfe, Vilambrán , Góo, freguesía de Moscán, Celeiro de Froián ( Casa de Alonso da Revoca ), San Martiño de Requeixo, Treilán, Ribela, Pacio de Corvelle, San Vicenzo de Maside, O Mato, Bricheiro ( en Paradela ), dúas terzas do beneficio de San Martiño de Louseiro, Goián, Meixente Santa Marta do Camiño Francés ( Ortoá ), Casa de Vasco da Vilerma, Oleiros, Vilapedre, San Fiz de Paradela, lugares do Igrexario do Fontao, Igrexario da Vilerma , veciños de Domiz do Couto de Meixente e beneficio de Santiago de Farbán, ocupación que motivou a guerra declarada , e finalmente eses bens foron devoltos á familia oito anos despois da morte de Alvar González, por orde e conta de Pedro Álvarez Osorio. Unha testemuña declarou que cando el moraba no Couto de Meixente o Conde de Lemos lle roubara sete ou oito vacas e que por iso Alvar González roubaba a outros vasalos.
** En 21.03.1483foi presentada en Santo Domingo de la Calzada unha querela do Comendador da Encomenda de Portomarín ( Orde de San Xoán de Xerusalén ), contra Alvar González de Riba de Neira " que edificou unha fortaleza en terra da dita Orde" contra as leis contidas e ditadas por Henrique III nas Cortes de Toro de 1409",
**O 6.03.1484 en Ágreda foi dada comisión a Diego López de Haro para que restituise a Men da Ribeira , veciño de Vilafranca, no Reino de Galicia, a Fortaleza de Toural , da que se apoderara Alvar González de Riba de Neira , veciño do Páramo, en aplicación da Lei de Xoán II , de 1446, e dos Reis Católicos ( Madrigal, 1476 ), prohibindo apresar a persoa algunha ou ocupar os seus bens sen mandado dun xuiz.
**O 31.03.1473 perante do Notario Álvaro Fernández de Pallares , en Sárria , ditou un "Memorial de agravios que eu Álvaro González digo que recibin e recibo do Conde de Lemos". no que se recolleu o testemuño de Ares Balcón, morador en Santa Marta , Gómez Ares, Lope de Río e outros do que consta que o lugar de Santa Marta " que é no Camiño Francés " era lugar exento e non debía serventía a Sárria, nin a chamo de guerra dela" porque pertencía á Encomenda de Portomarín.
** Por resolución dada en Burgos en 6.02,1497 mandaron os reis que se gardasen as cartas a favor de Alvar González de Riba de Neira ( veciño de Lugo ) despois do debate sobre beneficios que tivera con Xoán Arias de Párraga, coengo da Igrexa da dita cidade.
** Entre 1513 e 1519 seguiuse o pleito de frei Xoán Piñeiro, Comendador de Trebejo e Portomarín, contra Alvar González de Riba de Neira sobre a pertenza da fregeuesía de Santiago de Sáa do Páramo coa súa xurisdición civil e criminal á dita Encomenda.
** O ano 1517 seguiu pleito co Concello de Sárria.
** Micer Afonso de la Caballería xunto co Licenciado de Logroño recibiu comisión real remitíndolle o pleito que a Pobra de Sárria tiña con Alvar González de Riba de Neira e os poboadores do Val de Vilapedre que intentaban eximirse da súa xurisdición.
- ................................................................
Na súa obra "Fortalezas de Lugo y su provincia " , Manuel Vázquez Seijas adicou algunhas liñas a dar novas encol da "Torre do Mariscal ", que, sen xustificación algunha, e só fiado á denominación de "Mariscal" atribúea a Pedro Pardo de Cela, cando en Terra do Páramo está ben documentada a presenza do Mariscal Álvaro González de Riba de Neira e o feito de ser o señor da Pena Aguieira. E as novas que dá como recollidas das xdentes da comarca carecen de acreditación por documentos .A figura do Conde Pallares é moi posterior ao tempo no que a Torre do Mariscal ( Pena Aguiera ) foi derrocada. Eis o que Vázquez Seijas dí sobre a Torre.
TORRE DO MARISCAL
Nun alto picouto do famoso Monte do Páramo , en cuxas vertentes se forman varios arroxos que baixan ao Miño e ao Neira , río que corre pola parte de N. , L. e N. até desembocar no Miño , alzábase a Torre chamda do Castelo , en cuxa aba , cara o S.L, , se acha o lugar de Paredes de Abaixo , da freguesía de Santiago de Sáa do Pàramo.
Da Torre só se conservan restos dos muros da súa cimentación , cunha altura aproximada de un metro, formados de pedras de granito . Miden estes muros de longo , na parte que dá ao Medidía , uns seis metros, e uns oito no fronte oposto.
..................
Non poidemos concretar quen foi o fundador da Torre do Mariscal . Acrenza máis acusada é que pertenceu a don Pedro Pardo de Cela, e así parece confirmalo o nome que se lle deu e polo que se seguen coñecendo as súas ruinas . O seu derrocamento atribúese aos irmandiños, na detrutora acomeida levada a cabo en toda a rexión galega.
Outras referenzas fannos coñecer tamén que posteriormente tivo novos donos . entre os que están persoas da ilustre liñaxe dos Sangro, cuxo representante actual é o conde de Almina . e o conde de Pallares, nado en Pallares ( Guntín ) e do que se dí que dende o Picouto do Castelo, onde se achaba a Torre. podía nos días craros divisar a Rúa Travesa de Lugo ( chamada hoxe do Conde Pallares ), onde tiña a súa casa-pazo . que aínda se conserva, aínda que modificada en parte , e en posesión de persoas alleas á familia.
Dinnos ademia , que o conde Pallares estivo desterrado no lugar de San Martiño da Torre, na Barreira, despois dunha batalla , comezada no Castelo e vencida no pobo do Mazadoiro , a carón de Sárria. E enaden que o Mariscal era o señor da Torre e que, como tal, estaba presente en todos os matrimonios que tiñan lugar dentro do seu feudo, sendo precisa, para poder celebtralos a súa autorización.
Contan que na aba do Castelo hai un oco por baixo dunha pena na que se sinte alongado ecoar, e que ali se garda moito ouro e grandes tesouros, e que a cova chega até o lugar de Frades, no concello de Sárria, . Tamén din que do máis alto do picouto do Castelo xorde un manantío de auga que vai desaparecendo e descorrendo cara abaixo , en varios puntos. Contan que se debe aos mouros a súa preparación , co acostumado erro do vulgo de atribuirlles todo o que leva o selo misterioso do descoñecido,
Comentarios
Publicar un comentario