ROMANCE DA SÁRRIA NEGRA ( XUÑO DE1936 )

                                     ROMANCE  DA SÁRRIA NEGRA ( XUÑO DE 1936 )

                                    CANTIGA PARA CEGOS QUE NON QUEREN  VER                                                                                             

                                                              I                          

                                        HORAS DE MAL AGOIRO                                         

 ¡ Ai vila de Sárria, vila /  por moitos tan ben amada , / de xente traballadora / e de festas  moi sonadas ./  Polos dias do San Xoán / por ali tarabeleaban /  fascitas que na  verbena /  a luz da festa cortaran ./  O alcalde, Antonio Páramo, / mandou meter na cadea /  a un tal López de San Fiz /  e outros que andaban na mea / Iso non lles gostou moito /  a aqueles amoladores /  e vinganza matinaron /  cando caían solpores /  Esa tropa clandestina /  querendo sementar medo, / con covardía,  na noite, / van atacar o Concello /  e emprendérona a tiros  / en criminal atropelo / disparando aos balcóns / para asustar aos de dentro / Eles nada conseguiron / porque Toñito de Vento / como home precavido /  adiantáranse ao intento /  e para dar proteción / á Casa Consistorial / tiña dous gardas de asalto / tras da porta principal / e ademáis por reforzo a garda municipal / que responderon axiña / e con toda dilixencia / a eses tiros dirixidos /  con maldade e imprudencia / para amedoñar á xente /por sicarios sen conciencia./

Fuxiron na escuridade / e percurando consignas / foron cabo dos seus xefes /  a escoitar ordes indinas. / " Non se pode consentir / hai que lle dar escarmento / polas boas ou por malas / botámolos do Concello" / Darémoslle unha lección / ao avogaducho de Vento / e toda esa garda roxa /  saída do mesmo inferno" /  Un dos que estaban ali, / "O Lexionario" chamado / para sorpresa de todos / e puxo riba da mesa, / moi fortemente alterado ,/ unha pistola cargada /  e un puñal ben afiado./ Cos ollos cheos de sangue ,/  con voz forte, moi irado, /  declarou solemnemente /  "Un a un , eu vou matalos" / E recollendo as súas armas / botou correndo prá rúa / e aló no alto do ceo /  brillaba, tráxica, a lúa. /  Deixou atrás o Casino, / baixou polo Murallón / e con grandes alancadas /  axiña chegou á Unión/.

                                     ROMPENDO HORAS DE AMIZADE

 Alleos ao odio cego /  e á furia criminal / que polo xardín baixaba  / con baixeza de animal / uns amigos benqueridos /  hai na sala do billar, / en boa camaradería /  unha partida a xogar / e atentos a taco e bolas /  non sinten o seu entrar , / de malas intencións cheo / e sedento  de matar./ "¿ Por onde  anda o Dentista / que con el quero falar ?"./  Temendo grave desgraza / tratan de lle impedir o paso / o bon Pedro García Aras / e o contratista Cabarcos. Cego e sedento de sangue, / totalmente enaxenado / " O Lexionario Varela"/ volveu a interrogalos :/" Por onde anda o Dentista, / que o veño para matalo "./ " ¿ A onde vas, tolo ?"- lle dixo, / tratando así de paralo / aquel home tan afouto / Pedro "Catalán " chamado, /  moi xuizoso conselleiro / home traballador e honrado ,/ pai de tres nenos pequenos / por toda Sárria apreciado /  E ao ver a pistola / coa que o intruso vai armado / con un ademán sereo / tratando de desarmalo / coidando que ao telo enfronte /  podería dominalo / mais aquela fera brava / por ese xesto anoxado /  disparoulle axiña un tiro / coa intención de matalo./ O Pedro caeu no chan /  co seu corpo ensangentado /  e Cabarcos dando un brinco, / tratando así de paralo, / poñéndose fronte por fronte /  de darlle un golpe tratando,  /cun movemento de man  / tratou así deagarralo.  / E  de súpeto o criminal / tira a pistola  no chao /  e collendo aquel puñal /  que na manga ten gardado / brinca cara o Victorino /  con ira para apuñalalo ; / crávalle  a arma no peito /  e cae aquel debruzado / botando asngue a cachón, / perdendo a vida no feito ,/  valente sacrificado / por un home sen conciencia ,/ por un home desalmado /seguidor de ordes escuras /  de covardes fiel criado./

                                       OS ANXOS MOUROS  PROTEXEN AO ROUBADOR DE VIDAS

Ao ver os homes caídos / no medio e medio da sala / percurando vai a porta /  e deixa con presa a casa ,/ perdédose na noite escura / coa negrura sa súa alma, / para acadar  o amparo / dos que ali fora o amparan,/ "O Lexionario" correndo/  por baixo do emparrado / chegou con presa á rúa / onde o estaba agardando /  un coche co motor aceso / para fuxir preparado  / e coa súa proteción / lonxe de Sárria é levado / e na tobeira dos lobos / foi tan ben acubillado / que todas as pescudas feitas / non dan ningún resultado / e por crimes tan horrendos / nunca será castigado./  Ali tirados no chan / os dous amigos estaban , / un co corazón partido, mentres o outro salaiaba /  e axiña chegan dous médicos /  que atenden ao bon do Arcas /  e nun dos coches de punto / para Lugo o trasladaba, / tratando de darlle a vida  / que pola ferida escapaba./  Longa se fixo esa noite /  e cantou o galo  mouro /  un amencer de mal fado / mal fado de cego touro, / unha noite de alcatrán  / pagada con noxento ouro, / na que dous homes honrados / perderon o seu tesouro, / dúas vidas mal segadas /  e os noxentos abesouros / instigadores do crime  / ben   pechados no seu couso /  calan, agochan , esconden /  a aquel matador furioso.

                                                                              II

                                     HORAS DE LOITO PARA UN POBO NOBRE

Con carraxe e grande dor / o corpo do bon Cabarcos / levan con amor os amigos /  ao Centro Republicano, / onde fan garda de honra / e con devoción velado / e a xente toda de Sárria / vai con tristura miralo,/ Ir toda a  vila á folga / foi con bon tino acordado /  e os votos do Estatuto / para outro día deixados / e un berro de xustiza / o vento vai pregoando: / "¿ Que mal lles fixera el / para así telo matado ?" A culpa téñena aqueñes /  que, por atrás, agochados /  sementan odio, xenreira , / furor de cegos cabalos / e os mesquiños e covardes , / que andan ao seu mandado,/  saións e verdugos cegos, / matan aos homes honrados", / 

Ao enterro do Victorino / baixan moitos centos de homes / das parroquias e das vilas /  Gasset. Ouro, Villamil / sonados procuradores , / os comités das aldeas , /  artessáns e labradores ./  E polas rúas de Sárria /  o cadaleito levando /  camiño do cemiterio / " A Internacional" cantando, / voces  e altas bandeiras /  van pouco a pouco avanzando / e con corazóns chorosos /  dino enterro lle van dando /  a aquel home valente / tan cedo sacrificado. / E nas casonas figdalgas / nas tendas e no Casino / coa súa rabia mal mantida /  as aves de mal agoiro / o enterro con tanta xente / toman como un desafío./

E poucas horas despois / en Sárria é cousa sabida / que o pobre García Arcas /  ten poucas horas de vida / e os médicos do hospital / mándano a morrer na vila,/  E todos con gran pesar / nesta desgraza cavilan , / maldecindo ao criminal / verdugo cruel da familia, / ao sicario seguidor / daquela tropa fascista,/ Non contentos co mal feito ,/ eter medo desexando, / ao amparo da negra noite / moitos tiros disparando /  a gavela de aves mouras / de barrio en barrio pasando / da vila na veciñanza /  van o terror sementando /.  n / Co abrente correu a nova /  da morte do "Catalán" / e toda a xente honrada / nesa mañá de verán / laia a  perda daquel home / comprometido e xovial / . Un vento de fera rabia / polas rúas se espallou /  e como unha maza de ferro / esta pregunta voou: / " ¿ Quen foron os desalmados / do "Lexionario" armadores ?."/ " Só  eles culpables foron / da morte destes dous homes / Teñen nome e apelidos /  e presumen de señores /  e son, para a súa vergoña, / do asasiño ocultadores "./ Para este segundo enterro /  enche Sárria un mar de xente / e chegan de Castro do Rei /  e de máis lonxed outramente / para acompañaren  despoxos / do concelleiro prudente, /  do pai de familia honrado ,  / conversador elocuente,. / Pola Rúa Maior arriba , / paseniño, lentamente, / con tristura e emoción / pasa un mar de xente ,/ Poñendo en todas as bocas  / o ferver do sangue  quente / xurde un brado de xeigante: / "¡ Pedro, amigo, estás presente !"."O teu sacrificio heróico /  todo este pobo o sente: / "Se che tiraron a vida / o teu exemplo é semente" / Con mágoa nos corazóns / pousan o corpo na terra /  e rosas e caraveis / compoñen floral bandeira,/  ( Unha moza rexa e forte / viñera abrindo a carreira ,/ imaxe da Liberdade , / de Irmandade mensaxeira / a Dores de  Castro do Rei / foi cívica pregoeira / dos anceios de Xustiza /  en horas de aldraxes mestas./ E por ese valente xesto / será a muller primeira /  a sufrir persecución / por ser a portabandeira./

                           NON HOUBO PAZ NIN RESPECTO  PARA QUEN  ENTERROU AOS MORTOS

Xa baixan do cemiterio / os centos  de acompañantes / do compañeiro perdido /  cando ao pasaren ben xuntos /  á altura do Casino / dende unha fiestra de perto / ao aire disparan tiros./ Unha forte indinación / recorre todo o xentío / e dando morras ao fascio / a moitedume é un río ./ Tomando como unha  bulra /  e como cruel desatino  / o provocar con disparos /  ao corpo cidadán vivo /  que acaba  de darlle terra / a quen un cego destino / levouno  a perder a vida / vítima de fero asasiño./  Un vento de carraxe irada / fai ferver todas as veas / dos homes e das mulleres /  e armándose de pedras /  e dando vivas e morras /  rompen vidros de xanelas / e uns afoutos rapaces / dentro do Casino entran /  e botan á praza os mobles /mentres nas casas de perto / os temerosos se esconden /  temendo un desenlace incerto./ Entón don Antonio Páramo /  unha  desgracia temendo / pon calma na rúa irada / a xustiza prometendo, /  con forza e con decisión / freando así ao Sarxento /  que coa súa tropa armada / na Praza se vai metendo. / E a grande masa de xente / firmeza no Alcalde vendo /  marchan para as súas casas /  a súa rabia contendo./

Para facer instrución / veu un Xuiz especial /  que fai a requisitoria / percurabdo ao criminal /  e o Concello reunido / na Casa Consistorial /  acordándose dos orfos /  tivo a ben sinalar  / en beneficio dos nenos /  un pequeno capital  / e ceder as sepulturas / sen límite temporal./

Ningún resultado tivo / a actuación xudicial / e o crime quedou impune /  co alzamento militar,/  E aquela acción covarde /  que por algúns se gabou /  todos a viron premiar  / cano a Xustiza calou /  e pasados  vinte días  / "O Lexionario " voltou / e por Sárria , fachendoso, / do seu  crime alardeou / quedando impune aquel feito / polo que nada pagou ,/

                                                                                 O XERINGADOR DE ROMELLE ( 2022 )

                             




                                                                                                                                                                                                  ,                                                                                                                   

 

                                                                                                                                                                                                            

Comentarios

Publicacións populares