OS DANZANTES DO CORPUS EN SÁRRIA ( 512 )
OS DANZANTES DO CORPUS EN SÁRRIA ( 512 )
Xaime Félix López Arias
Até as décadas finais do século XVIII foi costume consagrado que na Festa de Corpus Christi , que era a oficial do Rexemento da vila de Sárria , participasen na procisión que dende San Salvador ía até Santa Mariña , seis danzantes , debidamente caracterizados, que ían facendo os seus puntos de baile diante do palio que acollía ao celebrante portador da custodia.
O custe desta danza , que en realidade debería ser por conta do Rexemento da Vila , corría a cargo da Obra Pía dos Hospitais de Santo Antón Abade e San Lázaro, que tamén pagaba a colocación de flores, fiuncho e espadanas ornando o chan da rúa e varrido previo, isto coa natural satisfación por parte dos rexedores que vían con bos ollos que as fracas arcas municipais non mermasen,.
Os diferentes bispos e visitadores cando tomaban contas aos administradores da Obra Pía insistían unha e outra vez en que todos os fondos se destinasen só á atención dos peregrinos e pasaxeiros pobres , que volvían de Santiago, sempre e cando presentasen a "compostela" e unha e outra vez os munícipes sarriaos seguían a adicar os medios do hospital a esas atencións e a outras , como o sostemento da escola de primeiras letras e da de gramática , xa no remate do século XVIII.
Finalmente as ordes dos bispos foron cumpridas e retirados os reais e maravedises sustraídos das fondos da Obra Pía , que se gardaban na arca de tres chaves, e xa non hai lembranzas de que ese costume se mantiveses por máis tempo.
Nas escasas contas coñecidas , do Rexemento sarriao, referidas aos primeiros anos do século XIX , non hai consignación ningunha para danzantes e é de supoñer que a tradicional danza non se mantería, e non habendo cartos e non habendo paga o costume morrería axiña. Polo que se ve a devoción " a secas " non prestaba.
A Danza do Corpus de Sárria dalgún xeito estaría emparentada coa que aínda se conserva na actualidade na parroquia de San Cristovo da Cervela , e é de imaxinar que unha e outra virían dunha longa tradición secular.
O acompañamento musical corría de conta do Concello que contrataba un gaiteiro , e son coñecidos os nomes de Domingos López ou de Xoán Rivela que entre 1570 e 1612 amenizaron as festas de San Xoán Corpus e as Pascuas.
A tradición de estrar a rúa principal con flores, fiuncho e espadanas tivo mellor sorte , e en cada Corpus ademáis de varrer a rúa , os rapazolos recibían a encomenda de buscaren vexetais para embelecer o chan.
De varios anos para acó , seguindo un criterio artístico , un longo tapiz floral vai desde San Salvador a Santa Mariña , e son moitos os sarriaos e sarriás que colaboran na recollida de flores , follas de buxo e na formación das fermosas alfombras nas que con sucesión temporal Violeta Bernardo e Hernando Caldeiro, entre out ros, aportaron a súa sensibilidade artística para que a celebración da Festa do Cortpo de Cristo alcance un bon suceso e nese labor tamén se pide a colaboración de peregrinos de paso pola vila. Esta nova tradición corre parella co embelecemento floral que se fai noutras vilas galegas.
***************************
Nas décadas finais do século XIX estaba viva en San Xoán de Lòuzara a tradición de facer danza na procisión do Corpus, con bailes de espadas, fitas e outros pasos de vello mantidos .
Na actualidade só os Danzantes da Cervela, na súa Festa de Santa Lucía, manteñen viva a anterga tradición .
Comentarios
Publicar un comentario