AUTO DE BON GOBERNO ( SANTIAGO DE CEDRÓN, 1838 ) (573 )

                              AUTO DE BON GOBERNO ( SANTIAGO DE CEDRÓN, 1838 )      (573 )

A parroquia de  Santiago de Cedrón, na provincia de  Lugo, foi Couto señorial no Antigo Réxime , foi cabeza  de Concello constitucional en 1822  e dende 1840 ficóu integrada no Concello de Láncara, do partido xudicial de Sárria.

En 1838 o pedáneo da parroquia, posiblemente  moi influido  polo crego  da freguesía ,  preocupado polo benestar, paz social  e saúde espiritual  dos seus veciños ditou  un auto de bon goberno, tomando riba del  unha potestade sancionadora  para os casos  de incumprimento . 

                                                               AUTO DE BON GOBERNO

 Na Casa de Audiencia deste Couto de Santiago de Cedrón  a dous días  de febreiro  de 1838, o Señor Mordomo  Pedáneo , dixo que debía Mandar  e manda  que os domiciliarios  cabezas  de casa   desta Parroquia  se xunten no sitio de Costume para a eleución  de depositario de Buldas e feutos   reáis   e pagas  inovadas  , repartidores  e máis oficios  que teñen de costume.

1ª........  Asemade  manda que os Pais de familia   cabezas de casa  coiden e  eduquen  no santo temor de Deus aos seus fillos, irmáns ou criados e demáis domésticos , que en todos os días e tempo recen o Santo rosario á Virxe santísima.

2ª.......  Que ningún veciño deste Couto  permita fiandóns  na súa casa baixo a Multa  de catro ducados  pola primeira  vez e á segunds o duplo e procederase ao  prevenido por reáis ordes.( 1 )

3ª........  Que ningún  dos cabezas de Casa  permita que  saian os seus domésticos pola Noite a  parte sospeitosa , baixo a multa  de dous ducados e as máis  a que se farán responsables   e que se tomará providencia.( 2 )

...... Que  todos os veciño desta parroquia  terán a obriga  de varreren e limpar  as súas Casas , cainzos e paredes con curiosidade. ( 3 )

......  Que todos os veciños  e cada un deles  limpen as fontes  de todas as silvas,  pedras  , bulleiro das balloadas , sobor do que en non o verificando  procederase   a costa dos omisos.

...... Que asemade  limpen os  Cmiños  e rarifiquen e cortes  as silveiras deles  , baixo da mesma pena  do que se farán  responsables  con arranxo ás reáis ordes.

.....  Que ningún arrieiro  nin tratante , como asemade as taberneiras,  merquen nin vendan  pola medida  Castelá, senón pola Galega , so pena  de tres ducados e dous días de Cárcere pola primeira vez.( 4 )

......  Que ningún dos veciños  desta Parroquia permita  que os seus domésticos  leven lume  para o Monte , sen causa lexítima  baixo da pena  de catro ducados e  as máis  a que se farán acreedores. ( 5 )

.....  Tamén se pon Couto nos Agros , baixo da multa de dous ducados,  en que se propasen a introduciren  gados Maiores e menores.

.......  Asemade ponse Couto  nas searas  para que as Mulleres non se propasen a colleren herba  fora dos seus terreos  baixo da pena de dous ducados.

....... E por último  encárgaselle a todo fiel cristián  vivan  no santo temor de Deus, segundo nolo ensina  a doutrina cristiá  da nosa Santa Nai Igrexa  Católica Apostólica e Romana.

                                                            Notificación

Na Casa que serve de Audiencia a este Couto, a dous días do mes de febreiro de 1838 o Señor Tenente tendo diante del  a todos os cabezas de casa de Este  couto, aos que lles lin e notifiquéi    o auto e Capítulos   que  Anteceden  para que o teñan entendido e cumpran  cada un na parte que lles corresponda, e de enterados dixeron  que cumprirán  co que se prevé e manda ;  e encol do depositario dos efetos reáis  nomean a Pedro  da Madalena , veciño do Lugar de Sáa e por repartidores a Don Carlos Pardo Escobar . a Domingos López da Cortella, Xoán Fernández Suazo  e a Francisco Tallón.

                                                              Monteiros

A Xosé  Iglesia, Xosé  Rigueiro de  Arriba, a Domingos López, a Xosé Rei, Aos que dan  por concluso este Auto e  que cumprirán cada un na parte  que lles corresponde  e a maior abondamento  asinan os que saben. Estando na dita Casa de Audiencia deste Couto.

Xoán  Fernández Suazo.- Xosé de Grandas.- Anxo López .-  Luis Saco e Quiroga.- Marco Rigueiro.-  Domingos Rodríguez.-  Xosé Prados.- Domingos Maside.- Manuel Fernández.

                                                      ***************************+

( 1 ) Fiandón ou Fiada:   Xuntanza pola noite  de mulleres e mozas fiadeiras  nunha das casas da parroquia á que acodía a mocidade   e onde  con música de gaita , pandeiros ou outros instrumentos sinxelos se  facía baile  , dicían contos  e con sinxelas diversión acompañaban ás que traballaban. Os mozos soían pagar o gasto de alumear a reunión   con guizos , candeas ou , coa chegada do petróleo, con candís de gas  e tamén de carburo.  Estas reunións eran vistas con malos ollos polos párrocos, que moitas veces , sabedores de onde había fiandón, entrban na casa e disolvían  o sarao.  Algúns  deses cregos, máis benévolos,  presentábanse no lugar e ali permanecían vixiantes de que a moral non se resentise, e normalmente poñían por condición que toda a concorrenza ,  antes de iniciar o traballo cos fusos e as rocas , rezase o rosario.

( 2 )  Por "parte sospeitosa " entendían as tabernas ( moitas veces establecidas en lugares lonxe das aldeas razón pola que eran visitadas  por irados e xentes de mal vivir )   ou as casas  onde  vivisen  mulleres  soas que poidesen ser ocasión "de perdición" para a xente moza,  ou para adultos de moral laxa.

( 3 )  A limpeza de casas, cainzos ( quenzos )  e paredes atendía á necesidade de evitar incendios, xa que o sarrio no quenzo e as paredes da lareira   era causa de perigosos lumes.

( 4 ) Na parroquia de Santiago de Cedrón, no século XVIII, esixíanlles portaxe aos arrieiros  por pasa polo Camiño francés de Viduedo a Lugo ) pola Ponte de Carracedo , no río Neira. A proibición de usar a medida castelá  debíase a dar seguridade  aos compradores, evitando así que  desen o prezo de Castela por vara e entregasen  pezas  máis curtas , con gaño da diferenza de mensura.

( 5 ) Para levar lume ao monte , caso de non teren isqueiros, soían levar brasas  dentro dunha ola. Os pegureiros facían pequenas fogueiras para  se quentaren  cando levaban o armentío a pacer no monte. Estaba permitido levar braseiro   cando se facían rozas  nas rebouzas  e se preparaba borreas ou tolas. Tamén podían levar braseiro os carboeiros que no  monte facían carbón  para as ferrarías e fraguas.


Comentarios

Publicacións populares