A ESTACIÓN DO TREN EN SÁRRIA ( 1880 ) ( 588 )

                                     A ESTACIÓN DO TREN  EN SÁRRIA ( 1880 )              ( 588 )

A agardada chegada do tren  a Sárria , rematóu no ano 1880 coa inauguración oficial da liña  entre a Pobra de San Xiao e Campo de Outeiro, na parroquia de San Pedro de Maside  , e  supuxo  a modernización das comunicacións coas cidades de Lugo e A Coruña , facilitando o desprazamento masivo  de viaxeiros e  a circulación intensiva  de  produtos naturáis e industriáis. E no ano 1882  foi cando quedóu aberta  a comunicación polo camiño de ferro  cara as cidades da Meseta e  Madrid.

A Estación de Sárria estaba prevista  na marxe dereita  do camiño de ferro, vindo de Lugo,  na banda que agora ocupa o Barrio do Mazadoiro,  que nacera coa apertura da estrada de Nadela a Valdeorras.  Esa  prevista ubicación suporía que para chegar á Estación habería que atravesar o río Celeiro ( pola Ponte Vella do Mazadoiro  ou a Ponte Nova do Mazadoiro ),  ás que se chegaba pola dita estrada ou pola do Mazadoiro á Lamarrigueira ),  servíndose , como única vía de entrada, a do  paso a nivel do Mazadoiro , a carón do Mesón  ) e seguir  cara o Campo de Outeiro. As autoridades locáis fixéronlles ver  que , unido ademáis ao perigo de ter que se servir do paso a nivel, aparecía o problema de ter que  dar un bon arrodeo o que  ía en perxuizo  dos futuros usuarios. E por iso propuxeron que fose modificado o proxecto e que o edificio da Estación e os seus anexos se  fixese  no espazo compreendido entre o río  Celeiro  e  a liña do ferrocarril.  Aceptados que foron os argumentos presentados presentábase o  problema  da estretetura do terreo  , porque  o Rego da Pena da Auga, ou Rego do Mazo, que baixa dende  Arxemil  vertía as súas augas no río á altura da Ponte Vella do Mazadoiro.  O problema desaparecéu porque abriron un novo cauce  levándoo cara o sur, encanándoo  por baixo das vías,  para así ampliar  as plataformas.

A Estación , ademáis do edificio principal, foi dotado dunha caseta para os servizos hixíénicos, unha cantina e e un  grande depósito metálico  para xuntar a auga que as máquinas a vapor precisaban. Máis adiante   houbo necesidade de facer un grande almacén para depósito dos materiáis que saían ou viñan nos vagóns de mercancías, dando lugar  a unha grande  importación e exportación  que xeróu grandes beneficios económicos.  E cando aparecéu unha epidemia de cólera houbo que facer   un edificio de madeira para as fumigacións e contróis de viaxeiros.

Ese conxunto de edificación ficaban isoladas  nun recanto da parroquia de San Pedro de Maside, pegado  á nova aldea do Mazadoiro , da parroquia de San Martiño de Requeixo,  e nos pasos a nivel do Mazadoiro ( estrada de Valdeorras ) e de Celeiro ( estrada de Portomarín, entón detida en Mouzós, e nesa paralización até fináis dos anos 1920 )  había senllas casiñas de ferroviarios, con cadansúa gardesa , que pechaban e abrían as cancelas , para darlle seguiridade ao paso dos trens.

A defintiva ubicación da Estación ferroviaria fixo xurdir a necesidade de faceren accesos axeitados, e para iso houbo necesidade de levar adiante tres accións: a ) Arranxar o acceso entre a estrada do Mazadoiro a Lamarrigueira ( na actualidade Rúa da Estrela), que pasóu de ser unha mala corga a un camiño con firme de terra e pedra. b ).- Abrir un camiño de enlace entre o paso a nivel do Mazadoiro ( estrada de Valdeorras ) e o espazo  de diante do edificio principal. Para iso fíxose necesario facer  un forte muro  a carón da Ponte Vella do Mazadoiro para evitar o perigo das cheas do río. c ).- Como a vila de Sárria quedaba  a máis de un quilómetro de distancia  trataron de facer  unha vía nova que acurtase a distancia e así dende a Ponte de San Lázaro ( na estrada de Portomarín )  fixeron unha nova carreira até o espazo de diante da Estación, que  non aforraba moitos metros , pero permitía a diversificación dos accesos de carros e persoas.

 Na década dos anos 1880 foron xurdindo  perto dese novo espazo urbán algunhas edificacións, sendo a primeira promovida por un Pedrosa de Lugo, que  foi máis adiante adquirida  por un Somoza da Furela ( de aí o nome de Casa de Furela, ou Casa de Don Fermín ), na que  Fermín Somoza, que foi alcalde de Sárria, establecéu  actividade comercial e  unha fábrica de gasosas.

A accesibilidade da Estación de Sárria era, como se pode ver, moi deficiente, e as autoridades locáis e os deputados provinciáis e nacionáis, fixeron continas xestións, para conseguiren  a construción dunha estrada con orixe na Estación  para levala atá Pedrafita do Cebreiro. E así foi como dende 1895 en adiante comezaron as obras   da "estrada nova", para a que barallaron até tres variantes, cun elemento común entre  a Estación e o actual cruce de Catro Camiños,  e para salvar o río Sárria pensaron en aproveitar a Ponte Ribeira ( entón  montada no espazo do afundido arco principal con vigas de madeira e entaboamento )  ou ben en facer unha ponte augas arriba do Muiño do Toleiro ( que entroncaría coa estrada de Valdeorras no Cruce do Avenida ), solucións estas dúas de corte economicista, que serían desbotadas adoptando  como proxecto definitivo o de facer unha liñ a recta entre a Estación e O Polvoreiro , na parroquia do Fontao, que facía necesaria a construción de dúas pontes, unha riba do río Celeiro ( Ponte da Estación ) e a outra riba do  río Sárria, no Areal / O Toleiro  ( Ponte de Ferro ) con dous pontóns, un para darlle paso á Corga do Río ) e outro para salvar  o rairo do Muiño do Toleiro.

Por sorte  para o futuro urbanístico da vila de Sárria   coa apertura desa estrada , e a dotación das dúas pontes de ferro ) a chamada Estrada de Samos / Estrada de Sárria a Pedrafita, co seu ramal á Pobra do Brollón, dende Castroncán ,  quedóu marcado por moitos anos o proceso de ensanche da vila , que tan ben reflicten os dous quilómetros da actual Rúa da Liberdade .

Foi así como darredor da estrada do Mazadoiro á Lamarrigueira ( hoxe Rúa Xela Arias ),  Corga de Formigueiros ( hoxe Rúa da Estrela/ Corga de Formigueiros ) e Estrada de Samos  ( hoxe Rúa da Liberdade ) xurdíu o BARRIO DA ESTACIÓN,  con forte vocación comercial e industrial , no que foron asentando as familias Zaera ( chegaron a ter até nove casas  ali ),  Somoza, Balsa,  Prado...

O nacente barrio formóu parte da parroquia de San Pedro de Maside até 1890, ano no que se integróu na vila de Sárria, dentro da parroquia de San Salvador de Sárria, despóis de ter fracasado o proxecto de creación dunha parroquia de San Lázaro de Sárria  , que se pretendéy  estives formada polos barrios de San Lázaro, A Estación e Estrada do Mazadoiro ( parte final da Rúa Matías López , dende a Corga de Formigueiros ao río Celeiro ).

No Barrio da Estación  tiveron asento fondas e hoteis ( A Casa Pedrolas / Hotel Burgalesa , Casa Prado / Hotel Roma  ), a Casa Zaera, Casa da Franca, Casa Dimas, o Cuartel da Garda Civil, O Club Celita, A Sociedade La Unión,  O Círculo Sarriano, a Recadación de Tributos ...

Como elemento distintivo  relixioso-festivo o Barrio da Estación, ao amparo da Capela do Hospital Municipal / Asilo do Mazadoiro   , adoptóu a devoción á Virxe dos Desamparados en cuxa honra se celebraban  funcións relixiosas e profanas.

 Nos anos 19040/1960  estivo en funcionamento a fábrica de Feculeras Españolas SA, que contaba cun pequeno ramal  ferroviario para a carga e descarga de materiáis no interior da factoría.

A eliminación do paso a nivel do Mazadoiro, e o máis recente do paso de Celeiro, xunto coa eliminación das  casiñas de ferroviarios anexas, vense agora complementadas coas melloras que supoñerán as novas dotacións e a electrificación das vías, e a construción dun paso elevado para a comunicación entre plataformas, que, tendo en conta que a Estación de Sárria presenta un forte uso por parte dos peregrinos que dende aquí parten cara Santiago,  amosan a vitalidade dunha Estación nada no ano 1880 e que xunto coa Estación/Apeadoiro do Oural e o Apeadoiro de Pedrelo/Céltigos  manteñen á vila sarriá aberta aos camiños do mundo.


Comentarios

Publicacións populares