Hospital na Nosa Señora do Carme ( Sárria)

O HOSPITAL DA NOSA SEÑORA DO CARME
                O MAZADOIRO ( SÁRRIA )
                                                                                         Xaime Félix López Arias

O Hospital da Nosa  Señora do Carme  foi creado por doazón da Excma. Sra,  dona Andrea  Andrés e Sánchez, Marquesa de Casa López, para acoller enfermos do termo municipal de Sárria ( Lugo ), e foi posto por ela baixo do rexemento perpetuo do Concello.

Posteriormente pasou a cumprir  fins de Hospital-Asilo de Anciáns , e máis adiante só as de Asilo, até que as súas condicións de conforto e habitabilidade empurraron ao abandono do mesmo por parte da orde relixiosa ,  Irmanciñas dis Anciáns Desamparados, que o rexentaban.

O 11 de maio de 1905 foi comprado a don Xosé Monteagudo  e outros a finca "Cortiña do Mazadoiro", no Campo do Outeiro, no lugar do  Mazadoiro, parroquia de San Martiño de Requeixo, non lonxe da Estación do camino de ferro, ratificando a venda en 28 de xaneiro de 1906. A superficie adquirida foi de 4.403,04 metros cadrados, que a doante adicou na súa totalidade á fin fundacional.

O proxecto e direición da obra  correu a cargo de don Valentín Roca Carbonell, arquiteto  da Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid . A obra executada costou 54.500 pesetas , sen a utillaxe, e ocupou una superficie de 411,67 metros cadrados. O edificio constaba de capela, sala de homes, sala de mullerres, residencia para o conserxe ou ordenanza, dúas salas na entrada  e botiquín, así como un soto que tiña como finalidade a aireación do edificio.

A Marquesa de Casa López cando se refire ao dito Hospital dí que "este edificio , unha vez construido e arranxado cos primeiros e indispensables mobles, consonte a planos e condicións técnicas  e económicas , á fin humanitaria que se destina, proponse entrégalo ao Concello de Sárria, en beneficio, principalmente  dos habitantes do seu distrito para que o conserve sempre . Que se nalgún caso ou tempo concello  referido ou entidade que o represente  a este,  non fixese provisión  desde a entrega ao coidado, conservación e reparacións do edifico, servizos , gastos de sostemento, en todo tempo, contribucións e medios necesarios ", era a súa vontade  que o terreo, edificios , láminas  da Débeda Pública e efectos volvesen ao dominio da doante ou dos seus  herdeiros. Porque a magnificenza e filantropía da Marquesa  non chegou só  a facer doazón do terreo e edificio e dotación material, senón que o dotou ademáis con títulos da Débeda Pública, mobiliiaro, imaxes da capela e un valioso cadro  alegórico da Caridade, da autoría dun artista posiblemente seguidor de Fortuny.

A escritura de doazón, con outros documentos, amosa ben ás claras cal foi a intención da doante ao lle dar ao pobo de Sárria un Hospital que viña a ser un elo máis no número dos habidos na vila dende os lonxanos día das peregirnacións xacobeas ( Hospital Vello-na rúa Maior 16, Hospital de Santo Antón Abade-na Rúa Maior 1, Hospital de San Roque- no Mosterio da Madalena e Hospital de San Lázaro- en Maside )..

O 24 de marzo de 1909 o Concello provistou en propiedade a praza de conserxe  do Hospital, e en 31 de outubro de 1910 o alcalde constitucional de Sárria  , don Modesto Rivas Viñas.,suscribiu   coa Reverenda sor Rosa da Santísima Trindade , superiora das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados , contrato  polo que ese Instituto  se encargará do coidado, asistenza e mantenza  dos enfermos que ingresen no Hospital, así como do coidado, reparacións e lavado  de roupas, mediando o pagamento polo Concello de 1,50 pesetas por persoa e día  , dando comezo a asistenza en 1 de xaneiro de 1911. A direción  e inspeción  do Hospital corrrespondíalle ao Concello  e este fixo entrega ás monxas  do material e pezas litúrxicas , mobiliaiio para o cuarto das irmanciñas, roupeiro, 14 camas cos seus elementos  propios, quinqués. mobles para o recebimento e material de cociña.

Foi confecionado un regulamento no que se reflectían os deberes do conserxe, enfermos, criadas, Fillas da Caridade , capelán, médico direitor e farmacéutico , aínda que non se chegaron a proveer  todas as prazas  ao ser encomendada a xestión ás relixiosas. En 2 de outubro de 1911 estaban á fronte do Hospital  cinco irmás   sendo superiora da comunidade Sor Rosa da Santísima Trindade  Tuñón e Suárez, e contaban tamén coa axuda dun enfermeiro, sendo o número de acollidos un total de doce.

O Libro de Rexistro de acollidos aos servizos sanitarios do Hospital recolle a cantidade de 380 asistenzas , polo que se refire a  coidados médicos, dende outubro de 1909 , data na que se abre   ata o 18 de marzo de 1957, cando o Hospital pasa a ser exclusivamente Asilo de Anciáns.

A obra primitiva axiña resultou insuficiente e na parte traseira  houbo necesidade de construir un novo edificio  que pasou  a albergar á comunidade relixiosa, enfermaría e cuartos destinados ao servizo dos anciáns acollidos. Un incendio destruiu esa obra nova e a xerosidade do pobo sarriao  logrou recuperar o edificio en moi pouco tempo.

O Concello de Sárria, malia a que a proxeción do Hospital-Asilo  excedía con moito do termo municipal , xa que sempre estivo aberto ao servizo da comarca toda, e  destinou ano tras ano  partidas orzamentarias  para o seu mantemetio , dotando tamén a praza de médico do Hospital.

Do ano 1956  é aprobación das obras de modificación  e dotación dos servizos hixiénicos , que alterou a  fachada principal con dúas novas estancias , alcanzando un custe de 30.458,22 pesetas.

Co obxecto de achegar recursos  e alcanzar  á autosuficiencia as monxas adquiriron varias fincas nos arredores do Hospital, adicados ao coidado de algún animais ( vacas, un burro para un carriño,... ) e ademáis saían polas parroquias rurais a pedir  axudas alimentarias, recibindo  por esmola  centeo, patacas e outros produtos . En Sárria recollían "tabaco para os velliños"  para o que poñían caixiñas polos bares e tabernas e nas dúas entradas do Campo da Feira ( Na Rúa da Mercé e na Rúa dos Esqueiredos ) mantiñan dous petos con imaxes de Santo Antonio  onde os feirantes depositaban esmolas coa esperanza de faceren bon negocio ou porque xa fixeran boa feira. Ademáis facían hostias para as parroquias da comarca e cocinaban unas galletas e pastas de grande calidade.

Para contar co servizo de auga potable abriron unha mina no "Prado das Monxas ".

Un capelán, resdente na institución, atendía á comunidade das relixiosas e aos residentes no Asilo e os seus servizos relixiosos eran seguidos polos veciños do Mazadoiro . No Cemiterio Municipal a  comunidade  tiña un panteón e os acollidos falecidos eran enterrados en foxas  na parte  final do recinto vello, á esquerda da antiga capela-sala das autopsias. Os enterros dos acollidos falecidos principiaban co funeral na Capela do Hospital e o traslado dos cadaleitos, xeralmente sen máis compaña que a do capelán e un asilado coa cruz alzada ,  corría a cargo de catro empregados municipais  que os cargaban aos hombreiros.

Regularmente o número de acollidos no Hospital-Asilo  era dunhas corenta persoas  e os menesterosos alí acollidos, xunto coas prestacións de subsistenza ( alimentos  e roupa ) recibían asistenza médica. Con ocasión do Nadal ou das Festas do San Xoán , o Concello, a Comisión de Festas ou organizacións benéficas obsequiaban aos asilados con xantares extraordinarios.  As mozas de Sárria que obrigadamente tiñan que facer o Servizo Social  facían ese labor social obrigatorio no Hospital e  as componentes da Acción Católica  facíanlles  compaña aos acollidos  ou ofrecían actuacións de lecer (  musicais e de teatro ) .

No Hospital, os médicos encargados, realizaron algunhas intervencións cirúrxicas de urxenza e non se produciron moitas mortes.

Concebido o Hospital únicamente para a acollida de enfermos pobres, non é de extrañar que ao baixar a rendabilidade os títulos da Débeda Pública Perpetua cos que fora dotado, resultase moi oneroso o mantemento  para o Concello, e derivase exclusivamente cara a finalidade  de asilo de anciáns. E así cando a Deputación Provincial promoveu un Hospital en Lugo, o Hospital Municipal de Sárria perdeu toda xustificación ao tempo que se viu privado das axudas ocasionais concedidas por ese organismo. As aportacións dos veciños da vila e algunha que outra doazón de particulares permiitiron melloras do mobiliario , cociña, instalación de calefación e adqusición dun coche co que poder desprazarse polas parroquias  rurais para recoller os produtos que as xentes do campo xenerosamente doaban. .


A comunidade relixiosa que o rexentaba , nun proceso de envellecemento xeralizado e falla de novas vocaciósn. viuse forzada a deixar o Hospital-Asilo, pasando os residentes acollidos a otros Asilos da provincia.

Durante algún anos o  edificio do Hospital-Asilo  acolleu o Parvulario Público e as Clases de Educación de Adultos. A Capela deixou de cumprir a súa finalidade e a imaxe da Virxe dos Desamparados, á que se festexaba como Padroeira do Barrio da Estación, pasou a estar depositada na vivenda de Babío, nas Casas Baratas, antes de pasar a recibir culto na Capela de San Lázaro.

  Unha vez solicitado permiso aos herdeiros da Marquesa de Casa López para derrubar  as edificacións , e contando coa activa participación dunha comisión veciñal que reuniu fondos aportados polos sarriaos, coa contribución especial  das Irmás García Vázquez, o Concello de Sárria , reunindo ademáis axudas de entidades e administracións públicas,  levantou unha moderna Residencia de Anciáns, baixo a antiga advocación da "Nosa Señora do Carme", na que tamén se alzou  capela ,  e ademais  foron incrementados os terreos adquiridos pola Marquesa de Casa López,  cos prados e devesas que foran propiedade da congregación das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados.

Conservouse o cadro alegórico da Caridade, óleo de singular valor artístico, e o pequeno sino da primitiva espadana  de riba da porta principal colocárono cunha lenda alusiva  no xardín de entrada, e esa  pequena campana é o único elemento material da primitiva fundación que se conserva en Sárria, xa que toda  a pedra  labrada  do Hospital foi aproveitada polo contratista da obra nova, que a trasladou  lonxe da vila.

Constituise un poadroado para a xestión da Resdencia  e durante anos a xestión correu a cargo das monxas da Congregación de San Vicenzo de Paul, pasando de seguido a ser xestinada polo Concello de Sárria.






Comentarios

Publicacións populares