O RÍO " ORIBIO " NON EXISTE : HISTORIA DUN INTENTO DE SUPLANTACIÓN
O RÍO "ORIBIO " NON EXISTE: HISTORIA DUN INTENTO DE SUPLANTACIÓN.
O RÍO SÁRRIA ( Ripa Sarrie- Río da Sarria ) non ten un nacemento único, non hai fonte nin illó que conformen un único cabdal. Un bon número de pequenos mananciais nas abas dos montes Meda ( Mons Serii ), Albela e Serra do Iripio ( Alpe Eripius ) van formando pequenos regueirolos que se van xuntando para formar o Rego de Santalla que atravesa o Val de Triacastela e o Rego das Ribeiras que baixa polo pé do Iribio e xuntando as súas augas pasan a formar o treito inicial do río Sárria que entra no concello de Samos por Pena Partida e despois de servir de espello ao mosteiro samonense, polos concellos de Sárria, Láncara e o Páramo acaba morrendo no río Neira ( Ripa Narie-Ría da Neira ).
Moito antes da presenza dos suevos en Galicia este río daba nome a esta terra e en especial deullo ao Condado Sarriense que ía dende o Neira ao Sil, e como río Sárria aparece documentado na diplomática medieval, nos mapas , nas enciclopedias, nos libros xeográficos , na documentación eclesial e das administracións públicas...
ANO 1965 : FROITO DA IGNORANCIA E A OUSADÍA COMEZA O INTENTO DE SUSTITUIR O NOME DE USO HISTÓRICAMENTE CONSAGRADO POLO DO ORÓNIMO " ORIBIO".
Foi un pequeno circo de persoas que xiraban darredor do núcleo de Triacastela as que , con un total descoñecemento do secular e constante nome do río , ignorando e dando de lado á máis que abondosa diplomática e documentos medievais, catastrais , etc. partindo dunha infundada aseveración de que se trataba dun río con tres nomes deron na teima de querer bautismar esa corrente fluvial dándolle o espúreo nome de " Oribio", nome dunha serra, dun monte e do seu alto cume que deu de lado ao nome auténtico ( O Iribio ) .
Hai que notar que na aba sur do Monte do Iribio hai un rego , afluente do río Lóuzara que recibe o nome de Rego do Iribio, e que está na bacía do Sil, mentres que o río Sárria leva as súas augas, Neira mediante, ao río Miño.
Ese propósito de alterar o nome histórico pretenderon xustificalo afirmando que tiña tres nomes ao longo dos seus máis de 50 quilómetros: Río Triacastela, Río Samos e Río Sárria. Esta afirmación sen base ningunha era froito de mentes pouco cultivadas , que non tomaron a molestia de tomar coñecemento do que os séculos consagraron e , cecais, con un algo de cativa xenreira contra a vila ( Vilanova de Sárria, A Pobra de Sárria, Sárria ) que leva o mesmo nome que o río que por ela pasa.
Nesa teima de mudarlle o nome á corrente que dera nome á Terra de Sárria, Condado Sarriense, Arcediagado e Alciprestado de Sárria, San Cristovo de Río de Sárria ( San Cristovo do Real ) , San Martiño de Río de Sárria ( San Martiño do Real ), Freituxe de Sárria ( Freituxe de Samos ), Veiga de Sárria ( Veiga de Reiriz ), Condado e Marquesado de Sárria..... contaron os "promotores" da idea coa activa colaboración de politicos lucenses ( ) e estes embarcaron no labor, sospresivamente, ao escritor Anxel Fole que chegou a publicar un solto referido "ao río de tres nomes".
E tamén se sumou a ese proxecto o abade de Samos, don Mauro Pereiro Gómez, que , sen dúbida era coñecedor de tantos e tantos documentos referidos ao seu mosteiro onde privilexios reais e unha constante diplomática sinalaban dende o ano 758 endiante que o cenobio estaba " sub alpe Eripius prope ripa Sarrie ", e tamén deus esquecemento ás palabras que o eximio Padre Sarmiento dedicara ao río Sárria ( para el unha auténtica ribeira sagrada ) cando estudara a orixe do nome de Samos ( o Samanos establecido a carón do" rívulo Sarrie ". Cales foron as razóns que o levaron a negar o que de sobra coñecía nunca as saberemos. O que sí é certo é que tivo unha actitude colaborativa fronte a uns responsables da politica "turística " que argallaron unha cerimonia dun pretendido" bautismo " de toque folclorizante a carón dunha das moitas fontes triacastelenses, con actuación de gaiteiros incluida. E a efectos confirmatorios repetiron gaita e bailes en Samos e tamén na Praia Fluvial do Chanto, coa compracenza neste caso do noso alcalde, Sr, Vázquez Rivas, coñecido polas súas pándigas maneiras, quen malia o mandato recibido da súa Corporación Municipal que formalmente rexeitara a mudanza do nome , estivo presente nese acto na Ribeira dos Cucos.
É de notar , por outra parte, que se o Concello de Sárria non aprobou ese intento de modificación, non hai constanza de que os concellos de Samos, Láncara e O Páramo tomasen acordos ao respecto.
COMO DENDE LUGO SE TRATOU DE IMPOÑER ESE NOME ESPÚREO
COMO SE DERON OUTRAS DENOMINACIÓNS POR OUSADOS INVENTORES
Elias Valiña Sampedro, e outros seguindo o camiño por el aberto, deron en chamarlle OURIBIO sustificando esa denominación nunhas minas de ouro que no Monte Iribio poderían ter aproveitado os romanos.
E houbo tamén quen o rebautizou como OROBIO.
e
Comentarios
Publicar un comentario