TORRE DA FORTALEZA DE SÁRRIA: NOVO TEMPO ( 810 )
TORRE DA FORTALEZA DE SÁRRIA: NOVO TEMPO ( 810 )
Xaime Félix López Arias
" A Fortaleza de Sárria naceu no século XIII e estivo en pé até 1861 .
SEMPRE FORTALEZA DE SÁRRIA ATÉ O DERRUBE DE 1861
O bon suceso da compra da CASA DE BATALLÓN , edificios e horta anexa, onde se alza A TORRE DA FORTALEZA, único resto da soberba edificación militar que presidiu a vila até darredor de 1861, é merecente da máis grande admiración e aplausos de todos os sarriaos, porque don XESÚS PATO MOURELO fixo posible ao facer seu ese conxunto monumental, un dos elementos definidores do pouso histórico herdado polos sarriaos de hoxe .
Acaba así un longo periodo de debalo e desleixamento no que se viu envolta a Casa de Cima de Vila e a súa Torre e horta que fixera posible don MANUEL PÉREZ-BATALLÓN .
ACCIÓNS DOS PIRATAS TOPONÍMICOS
A TORRE DA FORTALEZA , este é o nome histórico e correcto , amplamente documentado ao longo dos séculos , á que en tempos de ignorancia do pasado histórico algúns lle mudaron o nome, tendo en conta que Sárria foi vila de entullada, sen base nin fundamento algún , no proceso castelanizante dos tres primeiros terzos do século XX, acha explicación que desen en chamarlle " Castillo ", denominación que non tivo, e como novos donos , por compra da metade do espazo histórico ao Duque de Alba, pertenceron dende 1860 á FAMILIA BATALLÓN , a torre foi popularmente coñecida como CASTILLO DE BATALLÓN. E o Concello de Sárria ignorando o que a historia tiña consagrado deulle sen xustificación o nome de " Rúa do Castelo" á que vai dende o comezo da Rúa Maior ás chamadas Conde de Lemos e Rúa dos Esqueiredos, cando debera ser " Rúa da Fortaleza ", dando ademais lugar a confusións co lugar de Castelo dos Infantes.
E así andabamos sen maior controversia xirando nos ámbitos de " Castillo de Batallón" e /ou " Castelo de Batallón ", no que todos sabiamos que " Batallón " era un apelido chegado a Sárria na segunda metade do século XIX , e que como a familia se foi espallando pola vila ademáis de na casa da Rúa da Mercé, foron aparecendo nesta localidade a " Casa de Casiano Batallón" , na Rúa Maior, a " Casa ou Chalé de Xesús Batallón " no Cruce do Avenida e a " Casa de Xosé Batallón" ou " Casa de Lolita Batallón " ( que fora a Casa Labarta ), e sempre foi constante o convencemento de que ese " Batallón", como o da " Horta de Batallón" e "Castillo-Castelo de Batallón" respondían ao apelido herdado do Señor Manuel Pérez-Batallón, salvador da Torre, que como o resto das torres e murallas da Fortaleza ía ser derrrubada, porque as pedras históricas da secular edificación foran compradas por varias das familias " ilustres " da vila e foi don Manuel quen a salvou para convertila no máis fermoso miradoiro de Sárria e toda a súa contorma.
E así vivimos os sarriaos até que unha morea de "ígnaros pasantes " convertiron o apelido Batallón nun armado " Batallón" militarizante que nunca servira para a Fortaleza condal e marquesal. E foi así aparecendo, de man dun fato de ignorantes da toponimia propia a dupla versión " CASTILLO DEL BATALLÓN" - " CASTELO DO BATALLÓN " . ¿ De que Batallón ?, porque en non sendo algún grupiño armado, anterior a 1730, dentro das súas murallas e coa dupla protección de foxos, contrafoxos e ponte levadía, acolleu a residenza do meiriño, correxedor ou alcalde maior do Marquesado de Sárria, así como até o século XVI a cadea señorial soterrada.
No século XIX, nos seus anos finais, houbo en Sárria o Batallón de Depósito e o Batallón de Reserva que estiveron acantoados na Casa de Novoa ( Praza da Constitución ) , máis de trinta ( 30 ) anos despois de que as pedras da medieval edificación militar fose rapinada ( pagando por iso ) polas mellores familias da vila para facer obras nas súas casas e fincas e para arranxos dos camiños e rúas.
Consecuencias: 1.- A TORRE DA FORTALEZA NUNCA FORMOU PARTE DUN INEXISTENTE " CASTILLO DEL BATALLÓN"-"CASTELO DO BATALLÓN".
2.- A TORRE DA FORTALEZA NUNCA FORMOU PARTE DUN INEXISTENTE " CASTILLO DE LOS BATALLONES" -" CASTELO DOS BATALLÓNS".
E como as asneiradas , moitas veces repetidas, acaban consolidándose como infundadas " verdades " esas burdas deturpacións aparecen repetidas por pasantes viaxeiros, publicistas pouco ou nada documentados.... e o que é máis triste, algúns sarriaos e establecementos locais sucumbiron ás denominacións piratas, e quedan todo fachendosos dándolle á TORRE DA FORTALEZA nomes falsos, espúreos , lonxe da denominación histórica e constantemente consagrada...
E para máis aldraxe acabo de coñecer que un sarriao acaba ubicando a edificación feudal " na parroquia de Farbán ", cando a súa real situación é na parroquia de San Salvador de Sárria, e fronte da igrexa gótica desta freguesía.
¿ E AGORA QUE ?
Dado por certo que a " Torre da Fortaleza" non ten outro nome e que o apelativo popular" Batallón "que servía para identificar á familia que a posuiu por perto de 165 anos, é evidente que a verdade desa titularidade familiar " dos Batallón" creba cando o SR. PATO MOURELO compra Casa, Horta e Torre e decaen por si mesmas as expresións " de Batallón", " de los Batallón", " dos Batallón" en favor, dunha posible denominación atendendo ao novo señorío dominical que faga referenza ao novo dono.
E se no caso dos Pérez-Batallón gravitou a denominación sobre o segundo apelido, seguindo o costume establecido podería cecais aparecer Pato-Mourelo en denominación popular como " Torre de Mourelo "...... E non ha pasar moito tempo sen ver en letra impresa as gozosas variantes " Castillo de Mourelo", " Castillo de Morillo", " Castillo de Mourelos" , " Castillo de Morillos", " Castillo dos Mourelos ", " Castillo de los Mourelos", " Torre de Mourelo, " Torre de Morillos" et alia, etc. ,etc...
VEDE POIS UNHA PROPOSTA, OU VARIAS. PARA FUTURO USO E ASALTO DOS OUSADOS ALPABARDAS CREADORES DE NEOLOXISMOS TOPONÍMICOS TODOS ELES MOI LIDOS E MOI SABIDOS.
Don Xesús Pato Mourelo dende que pasou a ser propietario da Casa de Cima de Vila realizou traballos de limpeza da horta, levantou parte da cerca que estaba caída na Rúa do Castelo e na banda sur - Campo da Feira- , limpou a porta que dá ao espazo de diante do Mercado Gandeiro, e está a realizar os estudos previos para a consolidación e mellora da Torre e da Casa e anexos desta ( Casa dos Caseiros, Pombal, Palleira, alpendre e pozos ), xunto coa posta en valor da balsa resto emparedado dos antigos foxos, baixo da Torre, e da parte do corpo dun sartego.
O novo dono é consciente da urxenza deses labores de consolidación , doadamente observable na fenda vertical da cara norte da Torre pola que entran e saen paxaros que aniñan na bóveda alta da edificación , que , sabido é, sendo BIC de interese militar está sinalada como en situación de grave perigo.
Os sarriaos non entendemos o desleixamento e pasividade amosados dende as diferentes instanzas oficiais e moito tememos que no caso de que o seu meritorio labor se vexa interrompido por atrancos , os seus bons desexos poidan esmorecer. É de agardar que Concello e institucións sarriás lle dean a axuda que precisa, e moi axiña , A TORRE DA FORTALEZA, renaza e se convirta no símbolo destacado dunha comunidade que comezou a súa andadura no século XIII.
MENSAXE FINAL DIRIXIDA A AQUELES QUE DESCOÑECENDO A HISTORIA DE SÁRRIA DANLLE Á TORRE DA FORTALEZA NOMES ESPÚREOS FROITO DA IGNORANCIA-
Ninguén, nin sarriao, nin pasante, nin peregrino, nin publicista , mesoneiro, historiador, etc. etc. ten autoridade para nomeala con nomes nados da ignorancia .
A FORTALEZA DE SÁRRIA nunca albergou batallóns militares . A TORRE DA FORTALEZA xa non pertence á FAMILIA BATALLÓN.
É grave erro que sen base algunha algúns ousen manter as denominacións " Castillo del Batallón"-" Castelo do Batallón", " Castillo de los Batallones"-" Castelo dos Batallóns", " Torre del Batallón"." Torre de los Batallones". " Torre do Batallón"-" Torre dos Batallóns".
¿ Con que dereito esquecen os nomes auténticos, históricamente consagrados FORTALEZA DE SÁRRIA. TORRE DA FORTALEZA ?
¿ Cando seremos quen de esixirlles a tanto lido e sabido indemnización polos danos e perxuizos causadas polas súas ousadas entradas a machado na nosa histórica toponimia local ?
Comentarios
Publicar un comentario