BARRIOS DA VILA DE SÁRRIA ( 599 )

                                           BARRIOS DA VILA DE SÁRRIA                                           ( 599 )

En Sárria  a denominación de "barrio" deuse máis a nivel de denominacións populares que a divisións territoriáis  ou administrativas. Até mediados do século XIX  na vila de Sárria  había , nas dúas parroquias ( San Salvador e Santa Mariña de Sárria ) os seguintes barrios:

                                                   BARRIOS HISTÓRICOS

BARRIO DO ARRABALDO.- Na parroquia de Santa Mariña,  entre a Rúa de Ferradores e a Carreira de Santa Mariña ).  Compreendía a Rúa do Arrabaldo,  O Calellón de Teixeiro e A Costa. Acabóu desaparecendo como tal barrio ao darlle o nome de Rúa Maior ao vial que dende a Igrexa de San Salvador. Casa do Concello  ía até a Casa da Costa, na Estrada de Nadela a Valdeorras, que levóu o nome de Rúa da Liberdade ( hoxe rúa Benigno Quiroga ). Hoxe consérvase o nome na Rúa do Arrabaldo entre a Escaleira da Fonte e a Rúa Marqués de Ugena.

BARRIO DA PEDREIRA.-  Na parroquia de Santa Mariña, beira do Camiño de Fora, que dende a Ponte Ribeira ía a Os Esqueiredos e era seguido polos peregrinos e pasantes que  non querían  subir pola Rúa Principal.  Estaba formado polo  Camiño da Pedreira á Ponte Ribeira, As Airas e  a Travesa que dende a Rúa de Ferradores ía até As Airas.

BARRIO DA PONTE RIBEIRA.-  Na parroquia de Santa Mariña,  a carón da Ponte, do río Sárria  e da Fonte Ribeira. Estaba formado polo Camiño da Fonte. o Camiño da Fonte a Os Louratos e o Camiño da Ribeira  dos Cucos. Elementos destacados deste barrio foron a ponte, a fonte, o matadoiro municipal, o lavadoiro municipal e  o Muiño da Ponte Ribeira, que se coñecía como Muiño de Solance. Foi a entrada histórica á vila de Sárria dos camiños de Triacastela e do Courel. No Censo de 1889 déronlle  o nome de Barrio da Ponte Ribeira  ao primeiro treito da Estrada de Corvelle, Corga do Río e Fonte  Ribeira.

BARRIO DA VEIGA DE ABAIXO.-  Tamén coñecido como Barrio da Áspera. Na parroquia de San Salvador de Sárria A carón da Ponte da  -Áspera, no río Celeiro , saída do Camiño de Santiago  cara Portomarín , do Camiño de Paradela e do  Camiño de Sárria a Chantada polo Mosteiro Vello.  Os viáis  internos que confluían na Ponte eran : O Camiño de Santiago, Corga da Áspera que baixaba dende a Corga  á Ponte ( desaparecido  ao abriren pedreiras con grande rebaixe dos terreos , que fai imposible a recuperación do trazado histórico ), b ),-  O Carreiro que con orixe nos Hospitáis Novos  de Santa María Madalena baixaba tamén, como súpeto atallo, até a Ponte, pola Costa da Áspera. c).- O Camiño do Campo e Capela de San Lázaro ( hoxe Camiño Francés ). Na actualidade , dentro do Camiño de Santiago, chégase a este barrio pola Corga do Asno, Rúa Santiago do Mercado e Camiño Francés.

                                                    OS NOVOS  BARRIOS DO SÉCULO XIX

BARRIO DOS ESQUEIREDOS.- Na parroquia de San Salvador de Sárria. Naceu  darredor da Estrada do Mazadoiro a  Lama Rigueira, comezada en 1853 que pasada a igrexa de San Salvador, por diante da Casa de Ferreiró entraba na parroquia de Farbán no cruzamento co Camiño de Fora ( Sur ). Nese paraxe, onde non había casas, o  novo vial servíu para un novo asentamento poboacional, baixo o nome de Esqueiredos: a ).- Barrio dos Esqueiredos de San Salvador. b ).- Os Esqueiredos ( casas da parroquia de Farbán ). Na actualidade as rúas   Esqueiredos, Camiño da Veiga de Arriba , treito final da Rúa dos Fornos de Atrás  e  a  a Rúa Santiago do Mercado ocupan o espazo da vella denominación.  Houbo un Marco dos Esqueiredos onde confluían as parroquias de San Salvador de Sárria, Santiago de Farbán e San Pedro de Maside. Como  barrio propiciaba a celebración das Festa de Santo Antonio " dos asentos".

BARRIO DA DUQUESA.- Nas parroquias de  Santa Mariña de Sárria  e San Salvador de Sárria . No primeiro treito da Estrada de Sárria a Portomarín, que acabaría levando o nome de Rúa do Porvir, entre o Murallón e a Corga de Vales ( hoxe Rúa Pedro Saco ).  Nacéu darredor da antiga Casa Duqués  e medróu  coa construción de casas   entre elas as propiciadas pola familia Moreno. Como barrio os seus habitantes chegaron a propiciar a celebración da festa de San Luis.

BARRIO DE SAN LÁZARO.- Na parroquia de San Pedro de Maside. Recibíu o nome do Hospital, Campo e  Capela de San Lázaro, extramuros da Vila de Sárria, a carón do ramal Norte do Camiño de Santiago ( " Camiño de Fora" ) e dos Camiñosde Sárria a  Lugo por Goián e a Ponte de Neira e de Sárria Lugo por Ronfe e A Pobra de San Xiao. Houbo o proxecto, que non saíu adiante, de facer  unha nova parroquia, San Lázaro de Sárria, segregando terreos de Maside , e finalmente , en 1891 quedóu integrado na parroquia de San Salvador de Sárria.

BARRIO DA ESTACIÓN.- Na parroquia de San Pedro de Maside. Nacéu darredor das casas ferroviarias da Estación inaugurada en 1880,  e da Corga da Ponte  do Mazadoiro ( Camiño de Sárria a Lugo ) - hoxe Rúa da Estrela ), da Estrada do Mazadoiro a Lama Rigueira,  dos camiños novos con orixe  no paso a nivel do Mazadoiro e  o da Estación á Ponte de San Lázaro, promovido polo Concello,  e veríase consolidado  este barrio coa apertura da Estrada de Sárria a Samos, nos anos derradeiros do século XX, con construción da ponte de ferro , chamada da Estación. O barrio viuse potenciado coa casa parador de a carón da Ponte Vella do Mazadoiro ( Casa de Pedrosa, despóis Casa Furela ) e das fondas  de Prado, Burgalesa, etc. ). En 1891 integrouse  na parroquia de San Salvador de Sárria. Como dato identificador chegóu a celebrar a Festa de San Pedro e finalmente a adicada  á Virxe dos Desamparados,

BARRIO  DA ESTRADA DO MAZADOIRO.- Na parroquia de  San Pedro de  Maside. Xurdido darredor da Estrada de Nadela  a Valdeorras, no treito compreendido entre o Río Celeiro-Ponte Nova do Mazadoiro e a Corga de Formigueiros. En 1891 integrouse na parroquia de San Salvador de Sárria.

BARRIO DA PONTE VELLA .- Na parroquia de Santa Mariña de   Sárria.  O Concello no Censo de 1889  deulle ese novo a  un treito  da  Estrada de Corvelle que remataba na Ponte Vella de Vilar de Sárria, que cando  se foron elevando novas casas  , moitas delas terreas pasóu a ser  coñecido como   BARRIO DAS CASETAS. Cando  nos anos fináis  do século XIX  se abriu a Estrada da Etación de Sárria a Samos alzaron novas casas, entre elas  unha promovida por un veciño da Ciguñeira ( Barbadelo ) ,  e esa casa acabaría dándolle nome ao cruzamento coa Estrada de Corvelle ,  e tamén ao  BARRIO DA CIGUÑEIRA que conviviu co nome de Barrio das Casetas . O barrio, como sinal identificador, celebróu festas na honra de Santa Mariña.

BARRIO DO TOLEIRO.- Na parroquia  de San Salvador de Vilar  de Sárria . Xurdido darredor do Muiño do Toleiro e por razón de partillas da familia propietaria do muiño , enadíndose casas  na Estrada de Samos. Neste barrio estivo   a Fábrica da Luz de Eléctrica do Toleiro. O acceso dende a Vila de Sárria facíase  pola Ponte do Muiño, de propiedade particular, e despóis pola Ponte de Ferro, na estrada de Samos.

BARRIO DO MAZADOIRO.- Na parroquia de San Martiño de Requeixo. Non forma parte da Vila de Sárria, aínda que eclesiásticamente estivo integrado en San Salvador de Sárria  e agora forma parte da  freguesía da Nosa Señora do Rosario. Nacéu  a partir de 1853, nos paraxes da Penela e  da Acea do Río Celeiro, e tomóu o nome da Ponte Vella do Mazadoiro. Coa a apertura da Estrada de Nadela a Valdeorras  fixeron a Ponte Nova do Mazadoiro e abriron o Mesón do Mazadoiro. A chegada do ferrocarril ( 1880 ) deu lugar á existenza dun paso a nivel con cancelas   a carón da Casiña de ferroviarios e a que empregados do camiño de ferro e comerciantes asentaran  no nacente barrio. As casas fixéronas darredor do Camiño de Sárria a Treilán ( Camiño da Fábrica - de Sarry ) , do Camiño da Trea e da Estrada " de Lugo". No Campo de Outeiro , promovido pola Marquesa de Casa López ( Andrea de Andrés Sánchez ) , creouse o Hospital Muncipal, complementado co Asilo de Anciásm , servido polas Irmanciñas dos Ancións  Desamparados, que contaba con capela e capelán, baixo da advocación da Nosa Señora do Carme. A edificación foi derrubada para facer a Residencia de Anciáns " Nosa Señora do Carme", servida inicialmente pola Congregación de San Vicenzo de Paul e agora xestionada polo Concello de Sárria.  Forman este barrio  a Estrada de Lugo, Xardíns de San Vicenzo de Paul, Rúa do Mazadoiro, Rúa da Trea , Rúa da Fábrica , Rúa Irmás García Vázquez,  Rúa Campo de Outeiro e Rúa  Rego do Mazo .

                                          NOVOS BARRIOS NO SÉCULO XX

BARRIO  ANDIÓN.- Na parroquia de San Salvador de Sárria. Formado pola apertura de rúas e  parcelación,  na década de 1940 ,  dos terreos integrantes da Casa Grande dos Saavedra, promovida pola Marquesa de  Villaverde de Limia, dando nacemento á Rúa Rosalía de Castro, Rúa Frei Luis de Granada, nos seus treitos iniciáis, Rúa Padre Sarmiento e Rúa Mestre Piquero ( Viela do Barredo ). Na década de1980 foi ampliado ao abriren , por riba das Hortas de Neira ( Solance ) e Casa   Saco  o treito de Frei Luis de Granada  até a Rúa do Murallón, por cesión voluntaria de terreos, agás os pertencentes á Casa Saco que foron obxecto  de expropiación.

BARRIO  NOVO.- Nas parroquias de San Salvador e Santa Mariña de Sárria, cuxa liña divisoria viña dada pola Rúa Vázquez Queipo . Formado por rúas abertas por promoción de particulares( familias Saco e Casa do Barrio ) con venda de pequenos soares. Rúas que compreende: Rúa Vázquez Queipo, Rúa Formigueiros, Rúa Gregorio Fernández, Rúa Pascual Veiga.... todas elas de escasa largura, impropia do tempo no que foron abertas.  Actualemente pertence eclesiásticamente á freguesía da Nosa Señora do Rosario. A denominación  dada  nos anos 1950 está prácticamente en desuso.

BARRIO DAS INSUAS.- Na parroquia de San Salvador de Sárria, ocupando terreos que antes foran do Couto de San Martiño de Requeixo. Na actualidade , eclesiásticamente, depende  da parroquia da Nosa Señora do Rosario.  O chamado Parque das Insuas, fermosa carballeira  propiedade da Familia Saco, serviu de base para a celebración da Xira ou Romaría das Insuas , dentro da programación das Festas do San Xoán,  en terreos da Casa de Neira ou de Solance estivo un campo de fútbol, que máis adiante sería trasladao  perto de onde estivera o primeiro, e houbo o proxecto de ubicar nese barrio o Cuartel da Garda Civil.  Os particulares propietarios dos terreos  fixeron  una ilóxica parcelación  dando lugar ás rúas: Rúa das Insuas, Rúa Fernando de Castro, Rúa Río Celeiro,  Rúa Anxel Rodríguez Castedo....  Beira do Río Celeiro acondicionóu o concello o Parque Castro Agrasar e  dentro do seu termo  foi alzada  o Centro de Atención a Persoas Diminuidas.

BARRIO DAS CASAS BARATAS.-  Na parroquia de San Salvador de Sárria. Formado por vivendas de promoción pública alzadas darredor de 1957 na Rúa Xela Arias  e Rúa Padre Severino Vega Cid.   Está beira do Malecón de San Lázaro no río Celeiro.

BARRIO  DAS CASTIÑEIRAS.- Na parroquia de San Salvador de Sárria. Por promoción particular abriron as seguintes rúas: Rúa Nova, Rúa Xograr Afonso Gómez, Rúa Arias de Arbieto e Rúa das Castiñeiras. Eclesiàsticamnte pasaron a formar parte das parroquias de San Salvador ( números pares da Rúa Nova ) e da Nosa Señora do Rosario ( números impares ).

                                                                ************************** 

En realidade , a nivel oficial  ou administrativo , non existe en Sárria  uso  da denominación " Barrio", xa que  a denominación  dos espazos anteditos faise a nivel popular ou coloquial, porén  para que non se perda a memoria  dos nomes tempo atrás consagrados  faise a anterior relación  .

                                                               ******************************

O espallamento da vila na veiga de entrerríos, e aínda máis aló, deu lugar a parcelacións de terreos e á aparición de  urbanizacións e promoción particular, pasando a ocupar   terreos das parroquias de  Santiago de Farbán,  San Salvador de Vilar de Sárria e San Martiño do Fontao, que estatísticamente non se consideran integrados na vila de Sárria que  están " de facto " formando parte dunha unidade poboacional   que se vai espallando  e consolidando  até alcanzar  unha poboación  de perto dos 10.000 habitantes,  quince veces superior á que en 1857 vicía na Vila  , pouco despois da apertura das estradas modernas .

                                                             URBANIZACIÓNS

RÍOSOL.-  Na parroquia de Vilar de Sárria, parcelación de terreos entre a Estrada Nova e o río Sárria, na ribeira das  Ameneirizas. Delimitda pola  Estrada Nova ( Rúa Becerreá ) ,  Rúa das Ameneirizas e dúa rúas estreitas .

O PEDREGAL.-  En terreos que foran propiedade da familia Franco . Foi promoción da construtora da Caixa de Aforros da Coruña e Lugo.  Delimitada polas rúas Marqués de Ugena, Francisco Vázquez Saco, Rúa Nova e Praza da Vila.

A PONTE VELLA.-  Promovida  na Cruz de Pradeda, en finca propiedade da familia Saco. Delimitada pola Rúa Diego Pazos, Rúa Fiz Vergara Vilaariño  e Rúa Goya. Hai unha praza interior onde se puxo unha placa adicada ao poeta Fiz Vergara Vilriño.

OS CASTRELIÑOS.-  Na parroquia de Santiago de Farbán,-Delimitada polo Corguiño, Rúa Castelao e Rúa Meigas.

POMBAL VELLO.-  Promoción de vivendas unifamiliares  en terreos que foran  propiedade da familia Carrozas. Rúa Fornos de Atrás e Rúa do Pombal.

CAMIÑO VERDE .-  Promoción de vivendas unifamiliares, en terreos  sitos entre o río Sárria e a Rúa Diego Pazos.

O BOSQUE.-  Promoción de vivendas unifamiliares  delimitada pola Rúa da Calexa  e a Rúa e o Parque  do Bosque, en terreos que formaran parte da Chousura do Mosteiro da  Madalena.

CHAO DA VIÑA.- Promoción de vivendas en réxime de propiedade horizontal alzada en terreos que foran da familia Ferreiró.

VILASANTE-A GALIÑA.-   Promoción de vivendas unifamiliares  en terreos do Pazo de Vilasante ( parroquia do Fontao ) e outros de perto. Lugar e camiño de Vilasante.

Comentarios

Publicacións populares