SÁRRIA: ALBERGUE NÚMERO 6 ( 711 )

 SÁRRIA : ALBERGUE NÚMERO 6 ( 711 )

En 1971 o alcalde Euxenio Quiroga Vázquez  para poder dar acollida  a camiñantes e peregrinos  que ían cara Compostela acordou que se puxese ao seu dispor   a parte do edificio que fora Prisión Preventiva do Partido Xudicial de Sárria non ocupada polo carcereiro encargado do depósito municipal de detidos, que non estaba en moi bon estado  e que carecía de todo tipo de mobiliario  e de comodidades , contando para iso con dúas estancias que daban á Rúa da Mercé, unha ampla sala con lucernario  no teito e que tiña no medio unha cociña bilbaina , e   dúas pequenas celas con vistas cara a  Calexa. 

Sabido é que a Prisión Preventiva   ocupaba  parte do terreo  da horta do antigo Hospital de Santo Antón Abade , e o novo destino da edificación  non facía senón seguir  o camiño  da antiga institución  creada no  século XVI  polo crego don Dinís de Castro e Portugal,  da noble  familia condal dos Castro.

O alcalde para  ocultar cal fora o destino  do edificio carcerario  posto en funcionamento   darredor de 1930, e cuxo uso fundamental fora o de ter presos alí  , entre 1936 e 1942 aos represaliados e  perseguidos   polas súas ideas , sen distinción de sexo,  calificados , no dicir popular, de seren da "casca amarga". Finalmemente pasou a ser  lugar de detención   daqueles  suxeitos   de mala conduta, no dicir dos sucesivos alcaldes, infratores das leis de tráfico ou  dos que  cometendo faltas leves os xuíces coidaban prudente que pasasen unhas  horas ou día naquelas celas  húmidas e frías . E nesas se estaba cando   a unha serie de pioneiros, especialmente estranxeiros  , do ano 1965 en diante , deulles  por camiñar cara Compostela  seguindo a secular ruta xacobea e a Sárria dos primeiros anos setenta fora perdendo  os antigos hoteis e as fondas eran escasas. E foi así como Quiroga Vázquez botou man dos cuartos e celas que  décadas antes   acolleran presos e no desexo de dignificar o espazo , para ocultar  a lenda en azulexos que reza " Prisión Preventiva", encargou un taboeiro rectangular onde se lia " ALBERGUE NÚMERO 6 ",

                 Andado o tempo a  Prisión Preventiva ( O  Cárcere no dicir popular )  e a  vivenda do carcereiro  pasaron a estar ao enteiro dispor do Concello e fixéronse obras   de acondicionamento  pasadno a ser destinada  a súa planta principal a  salas e exposicións e oficina de  información para peregrinos e visitantes.

                                                   ........................................................  

(  EL PROGRESO,  23 de febreiro de 1972 ).- O CÁRCERE  CONVERTIDO EN ALBERGUE DE TURISTAS.

70  soldados  , baixo do mando  do capitán  Guillerme Rey Rodríguez , pernoctan  na antiga Prisión Preventiva, con ocasión das manobras militares   feitas  na coarca  na especialidade de guerrillas .

                                        ...................................................... 

Na nota anterior   sinalamos  que os soldados  que están de manobras  nesta  comarca de Sárria  , están aloxadlos  no ALBERGUE   NÚMERO 6  que  é onde se ven  chamando  á prisión da nosa vila

Agora, aquí, explicamos as razóns.

Durante   o pasado verán  foi tan grande  a afluencia de turismo  e peregrinos como consecuencia  do Ano Santo  , que moitos deles  non acharon aloxamento , nin en Sárria nin en Portomarín  -pois o Parador e  e as fondas e o Albergue Xuvenil estaban ocupados - , nin  en outros de  perto.  O alcalde, home servicial e moi servicial , non tivo   máis remedio que facer   pasar a noite   a un numeroso de ingleses  no Cárcere  Municipal , daquela  , valeiro como todo o ano. Os peregrinos ingleses  estiveron ali rodeados   de todos os servizos , mais sen supoñeren que  dormían na cadea , xa que  o cartel anunciador  do destino do local  fora tapado  e puxeran riba del unha madeira  onde locía o tíduo ALBERGUE NÚMERO 6.

Houbo  outras varias ocasións  nas que escasearon  os aloxamentos  e a primeira autoridade municipal . don Euxenio Quiroga Vázquez, viuse na necesidade  de   converter o Cárcere  en " Albergue de Turismo". A  culpa,  naturalmente, é debida á escaseza de hoteis  ao longo do camiño " lugués " de Santiago.-

 ¿  Remediarase isto  cunha nova construción  , con vistas  ao Ano Santoi de  1977 ?.

                                                                       VICTOR LÓPEZ VILLARABID

....................................................................................................................................................................... 

 

Comentarios

Publicacións populares