A lenda da Virxe en Fafián

                                                A LENDA DA VIRXE EN FAFIÁN

         Cando San Xoán e a Virxe María  andaban polo mundo,  chegaron a Sárria.

         O Neno tiña sede e Santa María pediulle  unha cunquiña de auga  a unha vella que limpaba a gra  na  súa aira.

            - Olle , boa muller, ¿ Poderíame dar unha cunquiña de auga  para o meu meniño que chora coa sede ?.

            A vellota por non deixar de traballar   díxolle  que non a tiña, e deulle unha códea de pan duro que andaba a roer....

            - Segundo dan , así terán,- dixo a Virxe María -,A quen pan dá , dareille pan.

            Seguiron andando  para a outra beira do río e chegaron a  Ribela. Había un home a carón da porta da súa casa  e tamén lle pediu  unha cunca de auga.....

         - E un cento se quere, que  temos o río  tan perto das casas que afogamos  a pouco que chova, o río logo anda máis polas chouzas que pola madre.......Beban canto queiran  e collan tamén unhas cereixas  para os tres  e este molete  de pan que agora saíu do forno...

        Bebeu a auga o Neno, e tamén San Xoán e a Virxe María , comeron o pan e as cereixas  e dixo Santa María:

             - Polo aprezo que me dan, auga con xeito terán, e de pan abondarán.

              Seguiron  camiñando paseniño pola congostra  ata que chegaron a Fafián.

             Daquela Sárria , Ribela e Fafián  estaban en terra de  veiga e os camiños andaban por chaos.

             O Neno cando chegaron á aldea  dixo que tiña sede, e a Virxe  petou na porta dun pazo.

             Xa era noite, e aínda que lles pedíu e lles rogou que abrisern  e lle desen de bebebrr  , desde dentro  dixéronlles que seguisen camiño, aínda que aos poucos saiu  unha  meniña que lles deu ás agachadas tres anacos de centeo.

                       - Quen auga nega, sede teña, quen pan dá seirura terá.

                                     E cando deixaron atrás o lugar, dixo a Virxe :

                                      Sárria e Fafián / auga non terán
                                      e os de Rbela/ han medrar con ela

                                      Sárria e Fafián / a tí meu curmán
                                      por Padrón terán /  e de bica en pinguela
                                                       levarán a sella.

                                       Á xente de Ribela /  auga e máis secura
                                       daranlles  seitura,  / en pan nadarán
                                                     e en seco andarán.

                                       Sárria e Fafián / auga nos pés terán
                                       e bicas e fontes / quedaranlles lonxe

           E fixo un sinal, e a terra moveuse e os chaos de Sárria e Ribela  empezaron a subir como soben  e medran os bolos co formento  e o que fora veiga convertiuse  en dous outeiro, non moi altos,  porque San Xoán  aproveitando o padroado, rogoulle a Santa María  que non os colgase  nun monte alto e iso  que a Virxe aínda se fixo rogar...

          E así foi  como en Sárria nunca faltou pan , porque pasou a ser a vila principal , e aínda  que non o sememtaban , os seus habitantes  recibían fatrura de  tegas de centeo e trigo polos seus traballos ou por rendas. Mais por culpa da vella pouco caridosa  quedaron condeados a baixar ata a Fonte Ribeira para poder  beber, cociñar e gobernar as casas , porque nin pozos podían lograr.

       Os de  Ribela, porque  o home lles dera pan e auga, quedaron con terras no baixo e terras no teso, e co río alonxado das casas, e así os leiros e searas produciron  moito centeo.E como lles deran auga, pan e froita de todo tiveron  fartura.

     E os de Fafián, pola  oculta  caridade da meniña, poderon colleitar pan abondoso na costa  e na cha . E foron escasos de auga, aínda que non tanto como os de Sárria.

E así se explica  que o lugar de Ribela tivese  prados vizosos e boas centeeiras porque ao arredarlles o río quedoulles unha boa veiga, e as terras de fafián e as de Sárria que foran veiga foron convertifdas  en cuiñas de sequeiros.

       E aínda grazas  a que San Xoán pediu polos lugares onde hoxe é Padrón, que senón igual quedabana no curuto dunha serra.

                                                      ( Recollida  e recreada por Xaime Félix López Arias )


................................Publicada  no Libro-Programa das Festas do San Xoán, 2000...............................





Comentarios

Publicacións populares