Lenda do Castro de Barán

                                   A LENDA DO CASTRO DE BARÁN ( PARADELA )  
 
              Hai moitos anos os mouros vivían no Castro de Barán e na croa tiñan unha capela e andaban darredor dela coas súas imaxes cando facían festa  e tiñan moitos haberes e facenda.

      Cando a terra se fixo de cristiáns  eles  escondéronse coas súas riquezas  nas covas que hai por baixo do Castro , e hai tamén unha escadeira moi longa que por dentro baixa ata unha poza do Loio onde van a coller a auga con olas e con sellas e non precisan da luz do sol porque teñen unhas pedras que dan unha luz moi branca  e chégalles con ela para as súas cousas.

       Había unha rapaza de Vilar de Aldixe  que andaba coas ovellas polas campas e un día sairon os mouros por unha porta que teñen entre os penedos  e metérona para dentro e puxérona a servir a unha vella  moura que era moi mala e ademáis  de ter que lavala  e peiteala, e facerlle a comida, obrigábaa a baixar  e subir moitas veces ao longo do día a escadeira  que vai ata o río só polo pracer de cansala ben cansa, e así estivo moito tempo.

       Os pais avisaron á Xustiza  de que a moza desaparecera, e fixeron verea ata moitos lugares da contorna, por se daban razón de vela pasar, e cando viron que non aparecía nin viva nin morta, todos pensaron que tería marchado con calquera bufariñeiro de paso  ou que, collendo o camiño de Castela,
iría polo mundo adiante, cansa xa de gardar ovellas.

   Os  pais , á fin, dérona por morta, e aos poucos anos xa ninguén falaba dela.

       Na grande cova, a rapaza seguía traballando arreo  e como debecía por ver a luz do sol, e ver chover, e ver aos pais  e falar cos rapaces  que xa algo lle tiraban, fixo as mañas  para ver como podía sair daquel encerro e pescuda que pescuda , porque ela vía que homes e mulleres  por veces se arranxaban para sairen fora, poñendo roupas coma as da xente, fixo e porfiou ata que acabou descobrindo  por onde acaía a porta e o xeito que eles tiñan de abrila desde dentro.

        E nunha ocasión na que a moura vella, despois de tela peiteado cun peite de prata, quedou durmida, a rapaza, escondéndose por tras das rochas que hai dentro da cova , chegou á porta, moveu unha tranca desimulada, e axiña se vii fora, , sen mirar cara atrás, e sorte foi que era xa pola noitiña e así os ollos non sufriron nada, chegou en dous brincos á casiña onde os pais a recibiron todos contentos, pois, como xa dixemos, dérana por morta.

      Preguntáronlle  onde estivera , mais, cecais polo xeito de cousas que comen os mouros baixo da terra, o certo é que ela non se lembraba  de nada, e só sabía dicir que estivera gardando as ovellas  e que quedara durmida, e que cando espertou xa non estaba alí a avenza , e que por iso  viña sen folgos de tanto como correra porque  tiña  medo de que fose o lobo quen as fixera desaparecer...

      Os pais pensaron que toleara e que de seguro que todos aqueles anos  andivera perdidiña polo mundo sen saber  quen era nin de onde viña, que ben esbrancuxada estaba e iso   probaba que andivera arrastradiña sen se deixar ver da xente.

     Foi pasando o tempo, a rapaza empezou a levar a vida  de sempre, e ata houbo un de cara Vilalbite que andaba de parrafeo con ela.

      Un día a nai  díxolle que fose con  ela á Feira do Quince , no Campo de Tambarría  ou de Palacio, en Vilamaior da Lobataira, e aló foron as dúas  xunto co pai que quería saber  a como andabana os rexelos que tiña unha boa niñada e quería  vendelos.

     Andiveron a feira toda , mercaron o que precisaban , e á hora de xantar  foron tomar o polbo e sentaron a carón de xente  que coñecían. Empezaron a picar as raciós , e rapaza fitaba e fitaba  cara a vella que estaba  sentada diante dela.

       A vella falaba con dous rapazolos  e ben se vía pola cara que non lle gustaba que a mirasen- A rapaza dixo entón : " ¡ Ai señora, moito me recorda vostede a unha miña ama  á que servín moitos anos, e que  tiña un peite de prata  e me mandaba carrexar sellas de auga  e que lle pelase  as cereixas polo tempo !".

            Cando a vella escoitou esas palabras  deu un forte berro  e pasoulle a man  por diante dos ollos  á rapaza que dixo:

                                        " ¡ Estou cega !, ¡ valédeme  !, ¡ estou cega  non vexo nada !"

          Os pais  trataron de atendela , a xente xuntouse darredor para ver que pasaba , e na confusión a vella e os rapazotes desapareceron.

           Unha  hora ou dúas despois a rapaza volveu a ver  coma sempre , e todos tiveron por certo que a vella  era moura á  quen a rapaza  servira nas covas  onde a mouricie  vive baixo do Castro de Barán,

           E a rapaza  nunca volveu recordar nada de aqueles anos que aló pasara.

           Algo misterioso lle debeu facer a vella, porque , aínda que é cousa  sabida  que os mouros  saen decote á luz do día e andan mesturados coa xente, mesmo en feiras e festas, non foi quen de coñecer a  ningún deles.

...................................................................................................................................................................

( Contada por Bautista Díaz , de Vilar de Aldixe, da parroquia de Santa María de Vilaragunte, no Concello de Paradela , e recollida por Xaime Félix López Arias )

...................................................................................................................................................................

Comentarios

Publicacións populares