A lenda de Castelo dos Infantes

                                          A LENDA DE CASTELO DOS INFANTES

           Na aldea de Castelo dos Infantes , moi perto da vila de Sárria, houbo hai moito tempo  un Señor que casou cunha muller moi fermosa.
           Levaban xa varios anos casados  e non tiña fillo ningún. Cando xa desesperaban  de ter descendencia  a Señora caeu preñada  e en ocasión de que o marido estaba nas Terras de Fora , loitando cos mouros, paríu sete varóns, todos eles cuspidiños ao pai.
           Tendo por grande deshonra un parto de tantos meniños, e que a podesen considerar muller de mala vida ou de ter pauto co Demo, chamou a un servo de moita confianza  e encomendoulle que collese a seis daqueles recen nados  e, como era tempo de invernía, e o río Sárria tiña unha grande enchenta os tirase á auga dende a ponte de Barxelas.  
             Coidaba  que así ocultaba o que ela pensaba ser unha deshonra.
         O labrego , que era home de grande  corazón, non foi quen de se desfacer  dos pequenos e ocultounos na casa e despois de ir ao castelo para comunicarlle á Señora que xa fixera o mandado, aquela mesma noite  saíu cara as montañas lonxanas  onde  tiñan uns seus parentes, e encomendoulles  que criasen aos neniños, que  xa el os iría recompensando e axudando para sacalos adiante.
             Voltou da guerra o Señor  e levou unha grande alegría cando viu que xa tiña un herdeiro loiro e forte  que prometía chegar a ser alto e ben disposto  como el  mesmo.
             Pasaron os anos , e cando o rapaz xa se fixo grande,  e era todo un cabaleiriño , tratou o pai de facer unha grande festa á que cocorrerían os Condes da terra  e os fidalgos de varias légoas á redonda, e para que a festa fose sonadaa  matinou ir de caza ás montañas para xuntar moitos xabaríns e rebezos  para o convite,
            Para aló saiu acompañado dos monteiros e dos seus homes de armas, pasando moitas horas no monte adicados á caza.
            Apareceu unha forte treboada e para non se mollar el e os seus homes  entraron nunha palloza onde foron acollidos  con moita  habilidade polos alí moradores.
             Grande sorpresa  tiveron todo cando á hora do xantar, rematada  a treboada  , apareceron seis rapaces que baixaban da serra onde, polas faces mouras ben se lles notaba,  estiveran a facer carbón. Eran todos eles de cabelos loiros e despois de se lavaren  todos poideron  ollar que todos seis eran igualiños ao fillo do Señor, que ficara en Castelo.
              Marabillado,  o Señor  de Castelo preguntoulle a aquela  xente como podía ser que sendo os pais pequenos e de pelo negro, aqueles rapaces foran tan altos e de cabelo loiro.
       Temendo que ocultar o que sabían fose pior para eles, marido e muller contáronlle reservadamente ao Señor  como un seu parnte  que tiñan en terra de Sárria, vinte anos atrás   lles trouxera aqueles meniños  que mesmo collían nun queipo e sen dar explicación ningunha  lles pedira que os coidasen , que non lles había faltar de nada para a crianza , como así fora, que boas moedas  e roupas lles fora traendo ano tras ano,  e os rapaces tíñano por seu padriño, que por tal os levara a bautismar  á igrexa ata que cando eles eran mozos rexos , e xa axudaban ao home no seu traballo de carboeiro, el mesmo lle dixera que non precisaban de máis axuda, e aínda así, sempre pola Pascua, de noite para que ninguén o vise , o parente viña para saber como estaban os rapazolos e nunca deixou de levarlles as acostumadas moedas. E que iso era todo o que  podían  dicir , e que aínda que ás veces tiveran a tentación de pedirlle que lles dera unha  explicación  daquela mea misteriosa, non ousaran facelo , e  que como todo  s os tiñan por fillos deles e eran o amparo na súa vellez, preferíran non saber nada de nada. 
         O Señor quedou asombrado e, dándolles  en segredo e sen vista de homes  varias moedas de ouro,  arrincoulles o nome do seu parente, que non era outro que o máis fiel dos seus servos que, xa moi velliño, andaba sempre o seu herdeiro  como aio e confidente. 
            Regresaron a Castelo. O Señor falou co criado e este confesoulle  como pasara todo.Calou  o Señor. Co pretexto  de cazar algunhas pezas máis  voltou á montaña, e de aló trouxo ás escondidas aos seis rapaces  despois de contarlles  a eles e a quen eles crían  que eran os seus pais , a verdade do conto.
           Baixo severas ordes tívoos agachados en Mendrós  na casa do seu bon,  criado e seguiu preparando  a festa, con cara alegre  e sen que ninguén sospeitase   cousa dos seus verdadeiros sentimentos.
          Baixou á vila para que un alfaiate lle fixese un fermoso traxe ao herdeiro e encargoulle outros seis iguais, sen explicarlle a razón, e mesmo o xastre non quixo  preguntar  nada, porque podía perder o gaño se facía preguntas parvas ou indiscretas.
          Chegou  o día do grande  banquete, presidido polo Señor e a Señora, festa na que estaban varios condes e unha lucida  compaña de fidalgos, donas , monxes e cregos.
           Sonou a música de gaitas e zanfonas e de súpeto abríuse a porta da sala  e entrou o herdeiro, seguido dos seus seis irmáns, todos igualiños e vestidos con roupa da mesma feitura.
                                                          ¡ Daba xenio velos !
          A dona do castelo, cando viu descoberta a súa vilanía, sentíu un forte afogo no peito e, diante de todos, caeu morta, sen dar tempo a que o Abade de Samos, que estaba ao seu carón, puidera darlle a absolución.
              
                   Polo que conta esta historia , aínda hoxe, moitas persoas chámanlle  a aldea, que está riba
dun outeiro, Castelo dos Sete Infantes.

        E tamén contan que o castelo era tan alto, forte e soberbo que a súa sombra  chegaba ata a vila de Sárria.



( Recollida  darredor de 1960 por Xaime Félix López Arias )










Comentarios

Publicacións populares