A lenda do Seurro

                                                A  LENDA DO SEURRO

                                                                                    Escrita por  Xaime Félix López Arias

.... Escoitade  noble xuntanza de homes e mulleres libres o que desde  a noite dos tempos  resoa nas bocas  dos máis coñecidos bardos : a prodixiosa loita de SEURRO , o guerreiro de cabelos loiros e brazo poderoso , que abríu esta ricaz veiga para a súa xente.

       Chegado de loxíncuas terras onde a xiada  e os ventos ouribios reinaban nas gándaras  a poulo, Seurro e os seus camiñaron movidos por un poderoso anceio: ollar dende un outeiro a morte do sol nas ferventes augas do inmenso mar por onde navegan os temerosos monstros da noite eterna.

       Moitos  meses antes de descender dende as altas serras  ao val vizoso  estaba Seurro na compaña de Elarín, o druida, e de Verix, o prudente xefe do clan, ollando o centiliar das estrelas.

           - Eu quixera saber . ouh druida,  a onde leva ese longo camiño que atravesa o ceo

          -Moitos, denantes ca ti, fixéronme a mesma pregunta... ese branco vieiro conduce ás terras do Cabo do Mundo, onde hai xigantescas rochas e comeza o mar das Tebras Eternas.... e moitos, denante ca ti, dixeron adeus aos seus pais e aos seus amigos  e sairon na percura  desas lonxanas terras....

         - Hai xa moitas lúas que a idea de seguir ese camiño anda a roer nos meus miolos e me fai ferver o sangue.... xa non gosto da gándara nen do risento regueiro, nen do arrecendo das flores das uces...

          -¿ E deixarás aos teus pais, a quentura da vosa cabana, a avenza  e os risos amigos, a certidume dos albores no páramo por un incerto camiño  e un destino do que nada sabemos ?

       - Ouh druida, se tantos homes e mulleres sairon na percura do país do Cabo do Mundo e non volveron é que as meirandes felicidades alí os retiveron...

         - Falas con siso, - dixo o druida- ,  e aínda que o meu sangue xa non ten o fervor da mocidade, e os meus azos esmorecen, tampouco quixera eu morrer sen ter feito ese camiño. Se a tantos mozos  esforzados  lles dei pulo , non quixera  eu finar sen ollar o ferver  do sol nas augas mouras  nas que se apaga, para percurar a pálida luz da lúa noitarega.

             E así foi como Seurro , o guerreiro de cabelos loiros e brazo poderoso, e Elarín, o bardo de ollos gazos e longas barbas brancas, matinaron en sair para o país do Cabo do Mundo...

       Outros mozos e mozas, algúns aínda máis afeitos ás brincadeiras  que aos  perigos do descoñecido, uníronse ao seu soño, e unha mañanciña, cando o tépedo e madrugueiro sol de marzo bicaba docemente a gándara onde o lazo facía brancuxar  as folliñas das bidueiras , presididos por Seurro e máis Elarín  botaron a andar  deixando atrás a pais  acovardados e nais chorosas , e nenos que xa arelaban facer o mesmo camiño.
   
        Longo sería de contar  como por moito tempo foron camiñando  por chairas sen fin, por serras inmensas , por lamacentas paraxes , tratando de que ninguén se atravesase no seu camiño.

       Seurro levaba con el a "Serpenta Viva" , a espada templada por Gowin, o ferreiro, quen , fachendoso da súa obra, non quixo abandoala e tamén, no derradeiro intre, se uniu a aqueles  ousados mozos e mozas  que amparados na sabedoría de Elarín, o druida  de barba branca , perderon a conta dos amenceres e dos solpores, porque a terra do Cabo do Mundo parecía que nunca chegaba.

        Seurro era soñadpr, a valentía medraba no seu corazón e facía poderoso o seu brazo.... Elarín era a palabra , a prudencia sañida decote dos seus beizos .... e Gowin era a constancia , ninguén coma el para achar solucións  sos mil problemas  daquel longo camiñar.

    Un día chegaron a unhas altas montañas e subiron ao bico máis áspero  que dominaba un lonxano horizonte.

       - " ¿ Non sentides un arrecendn quente que ven de tras daqueles outeiros  lonxanos ? ¿ Non escoitades coma un marmurio dondo e feble dun ruxir de augas  ? ¿ Non ollades como, no solpor, o ceo se tingue  de farrapos vermellos ? .... Coido que xa estamos perto da fin do noso camiñar...- dixo o druida-,

        E  dos seus beizos  xurdiu  unha cantiga que falaba da quentura do sol nas mañás de invernía  e dos herois acollidos  con agarimo  por donceliñas  fermosas que lles entregaban ramalliños de cróqueles  cando voltaban vitoriosos coas falcatas tinguidas de sangue de inimigos terribles.

       E todos tres foron contestes en que baixando daquelas serras , os vales e veigas que se adiviñaban  ao lonxe eran o país do Cabo do Mundo. Aquela noite  homes e mulleres deixáronse vencer por un morno soño e maxinaron unha terra verde e vizosa chea de garuliños brincadores  e de todas as felicidades.

        Dous días despois chegaron a un grande lago  de escuras augas  que lles interrompía o paso, Ao lonxe , na outra beira , víase  o máis fermoso dos bosques, un engaiolante tapís de grandes árbores.

            "Veleí o máis fermoso dos lug, o mellor bosque sagrado  onde a ánima dun druida  poderá achar a felicidade eterna "- matinou Elarín-
        " Non haberá mellor lugar para traballar o ferro, arrincari das penas a vea marabillosa e as árboras darán xenerosas cargas de carbón - cavilou  Gowin, o ferriero-
            "Boa terra é esta - dixo Seurro - boa terra para todos nós.... co meu brazo  e con "Serpenta Viva " defenderei á miña xente de todos os perigos..."

      Achegáronse  ao grande lago de augas calmas e profundas, Non había aves no ceo, as augas negras e un mesto silenzo agoraban perigos, e noutros corazóns  menos valentes  cecias  puxeran medo.

      - Descansaremos aquí - dixo Seurro- e mañá arrodeando o lago, pasaremos á outra beira. Parece un bon lugar para establecernos.

     - ¿  Ulo  o solpor co grande  lume  morrendo nas augas doMar das  Tebras ?. ¿ Esqueces cal foi a causa da longa viaxe ? . O mar non ficará lonxe , ¿ non sentides o seu arrecendo ?

         - Mais se temos o verde lug  que nos regala os ollos, ¿ como imos  deixar que  outros se adianten  e o fagan seu . Tomemos posesión do bosque e dos outeiros, fagamos que sexa esta a nosa sacra terra, e día chegará  no que podamos ollar o ferver do mar co sol que morre.

        - A sabedoría  fala pola túa boca, ouh prudente Seurro,  un fermoso lug se nos anuncia, a herba sagra e miragreira que nas árbores medra prométenos boa fada ¿ Non vedes  alí naquel outeiro un grande mato de prodixiosos teixos ?. Tés razón , ouh xove Seurro, fagamos que esta terra sexa nosa...

        - Mañán  iremos de descoberta, á man dereita  semella que  o lago se estreita, coma se dera nacemento a un río , percuraremos o vao e pasaremos para a outra beira.

( Cantos  soños medraron nas férvidas mentes daquela xente moza !... Foi longa a noite, aínda que amencera cedo... )

                                                            ..........................................

      De mañanciña  voltaron ao lago,  onde as primeiras raiolas xogaban coas ondiñas  e co bafo cheiroso que das augas xurdía.

      De súpeto un terrible brado, un bruído xigante  e temeroso que o invadía todo, un longo son máis medoñento ca  o máis grande e temible dos tronos , rompeu a quietude do que fora o máis risento dos albores  por eles coñecido....

      Seurro  puxo a man en "Serpenta Viva ". Gowin sentiu como o seu corazón gallopaba sen freo e Elarín, o vello druida, botou man das súas lembranzas  para pescudar  a que se debía  tan medoñento trance.... Mais, malia  aos longos anos por el  vividos  , nunca brado semellante escoitara.

       Movidos pola curiosidade Seurro, Elarín e Gowin, depois de deixaren  aos compañeiros nunha p, baixaron con cautela á beira do lago.

      Había un grande silenzo. Seurro, todo valor,  propuxo arrodear a ribeira  pola parte onde semellaba estreitarse.
       Elarín, todo prudencia, dixo : " ¿ Non vedes que non hai paxaros no ceo e que no lago non centilean os prateados corpos dos peixes ?... Todo isto pregoa un grande perigo"
       Gowin  aconsellou ter os ollos ben abertos...

        Un novo e longo brado resoou enchéndoo todo. Semellaba que saira de riba das grandes  árbores e o repetiran todos os penedos das montañas. Os tres valentes seguron, temerosos, o seu camiño..

      ¿ Creeredesme se vos digo que alí onde o lago remataba , xigante, botando labaradas de terrible lume un grande dragón lles pechaba o paso... ?

        Poucas veeces teredes ollado máis terible besta,, Outeaba coma se adiviñase  que ali mesmo, tan perto, estaban tres humanos. Daba voltas e coa súa cauda poderosa derrubaba árbores sen esforzo ningún,  como quen dobla a palla centea. Era monstroso, äinda que ficaba distante  varios centos de apsos, a sobra do seu corpo chegba ata onde eles estaban.

       Xusto  onde o lago remataba, e despois  dunha fervenza   pola que as augas rebordaban, nacía un río, no lugar por onde necesariamente terían que pasar  para gañar a outra beira,
 
  Ameazante , como se estives agafdando por eles, o dragón andaba fachendoso pola campa.

       - Non hai outra solución que a de loitar coa fera. Este é o noso destino.- dixo Seurro-.

       - Calma o teu sangue mozo, hai que traballar con xeito, Nós somos tres, ben cativos por certo, e esa fera corrupia está cegada polo furor. De nada val ser ousado se o premio vai ser unha parva morte...

                        Falou calmoso Elarín o druida de barba branca...

        - Andemos riba dos noso pasos,,,Matinemos con sosego e cando  saibamos o que é preciso facer actuaremos...
                                      .....................................................

         Foi a prudencia e sabedoría de Elarin, ouh nobre xente que me escoitades , quen logo dunha noite de velar arreo, achou a maneira de vencer ao monstro.
           Foi o valor e o ousado esforzo de Seurro  quen deu azos  ao que parecía imposible.
           Foi a tenacidade de Gowin quen  fixo posible a seguridade de todo o clan.

       Gowin templou de novo a "  Serpenta Viva " cando as  primeiras raiolas do sol  espallaban os seus benéficos efectos. " Será unha espada invencible, só precisará dun  noble peito e dun forte brazo"
        Elarín pasou a noite meditando, cos ollos pechos,  subido nun penedo  dende o que se ollaba a totalidade do lago..... Marmuraba pregos, esconxuraba poderes, tan axiña se voltaba en corvo , como en lobo  ou maxestuoso urso, para  deseguido recuperar a súa condciión humana.

        - Xa o teño - dixo volvendo dun dos seus sortilexios. Que Gowin forxe unha cadea coas espadas de todos os homes.............veña, veña, axiña...............

     Ninguén ouso dicir palabra,  e desppis dun día de traballo o fachendoso Gowin presentoulle unha cadea de non mais de sete brazos de longo.

         - Este é  todo o ferro que poidemos conseguir,- disculpouse

         - Con isto abonda...

          Elarín tomou nas súas mans aquela feble cadea e ao seu contacto  empezou a medarr no groso e na longura.

          - Collèdea, mandou imperioso á    xente-..........Axiña...Axiña....Axiña

             Aquela máxica cadea era donda coma penuxe de paxaro. Ata un neno podería cargar con ela.

          - Mañá, ao amencer , atacaremos ao monstro - dixo Elarín  -, todos xuntos , e para todos haberá  traballo. Ti, Seurro, sairás á campa  con "Serpenta Viva " na man  e berraraslle ao dragón para que te vexa---- O cheiro humano chamará a súa tención  e tratrará de ir cara ti- Mantén ben alta a espada, collida coas dúas mans e por riba da túa cabeza. O brillo ha engaiolalo e coidará que tés lume no teu corpo... Despois enrtarei eu en acción, confiade en min, e cando vós vexades derrubado ao monstro, tí, Seurro, corre con presa e crávalle  a espada na gorxa que é  onde  o seu corpo non ten dura couraza de longos espiños, e tí. Gowin , con toda a xente , cando vexades por terra ao dragón, botade riba del  s grande cadea.... Deixádeme facer....

       E así sucedu todo. Saíu á campa Seurro e enfrentouse ao dragón, quen lanzando fume e lume polas narigas poñia medo..
        Brillaba a polida espada  e o dragón detivose.... De súoeto , por tras dunhas bidueiras,  viron saír a Elarín, o druida.... As súas longas barbas brancas  foron mudando de cores  e nun intre trasformouse nunha bulidora donicela... Correu pola campa  en direción ao dragón- Impresionado pola trasformación  e polo espilido andar  do animaliño, esqueceu o avance cara Seurro,....., A donicela principiou un acelerado  baile.. Tan axiña tiña o corpo  grande como de lobo ou xovenca  , como, sen mudar de figura, quedaba reducido ao tamaño dun ratiño...
          O dragón estaba pampo.. A donicela bulía, brincaba, choutaba, espeliase , corría, danzaba, daba osvoltas darredor do dragón que, engaiolodo por aqueles frenéticos  e insospeitados movementos, xiraba para segula cos ollos, e comma unha piola tamén dba voltas e voltas,, E así varias horas.... Só por dúas veces  a donicela deu  sinais de estar cansa, e por pequenos intres Elarín recuperou a súa figura humana... Secou as sudes e principiou outravolta a súa compulsiva danza....
      E cando parecía que aquelo non ía ter nunca fin.... o dragón, despois de botar a súa derradeira labarada de lume xofroso, caeu tirado no chan, cun grande estrondo, coa cabeza e o longo pescozo caídos na beira da fervenza do remate do lago.
      Seurro correu presuroso e fincoulle con todas as forzas a espada "Serpenta Viva" no medio e medio da gorxa...,,
         Xurdíu como un  grande chafarís de sangue mesta e quente, facendo regueiro e mesturosose coa auga do lago... Gowin e os homes apareceron  a correr levando a cadea maxica  e aferroallaron con ela á corrupia  e segundo lla ían poñendo riba do caído corpo  pesaba e pesaba máis e máis  e non paraba de medrar o seu peso, mentres Elarín, canso polo longo traballo,  seguía cos esconxuros e lles dicía  como tiñan que facer o traballo que lles tocara.
    O dragón queríase mover......O vermello sangue  mesturado coas augas  roía as penas da fervenza, convertíndoa  en area e as augas do lago saían libres , sobordando as as ribeiras e  as terras  arrastrando a entullada.

        - Corramos - dixo Elarín- voltemos para o outeiro,,,,

         Homes e mulleres  correron con presa, e cando  desde o alto  ollaron cara o lago viron como todas as augas  corrían libres polo río....Facendo un bruido inmenso e arrastrando o grande corpo do dragón, a entullada abría mil camiños  e máis abaixo da desaparecida  ruxidoira    quedou sepultado aquel xigante  corpo.

        Tan grande prodixio durou varios días ... As augas do lago desapareceron camiño do Mar das Tebras , e no antigo leito apareceu un grande val , unha  longal chaira entre  montañas , na que quedou unha prateada  madre de auga.

         - Facélo ricaz é cousa de todos- dixo Elarín - Ficaremos no val  porque naceu do noso esforzo...

     Onde quedou soterrado  o corpo de lume do dragón , como lembranza daquela loita , aínda saen augas caldas xofrosas, e Céltigos se chama  o lugar en recordo de Seurro e os seus compañeiros,

Non lonxe  de alí , outro lugar onde  estivo o lug sagrado que agora leva o nome de Elarín, o druida de barbas brancas,   que  ademáis no río Sárria deixou unha castimonia  de donicelas  dende sempre e agora son  gardadoras das augas.

                                           ¿ E que foi da cadea ?

      Inda hoxe segue forte , apreixando o corpo do dragón  vencido, que ten por riba a entullada toda.

         De cando en vez quere librarse  da , para el ,  pesada cadea e axita o corpo e a cauda poderosos.
E   é entón cando no val de Sárria treme a terra e ese tremor recórdanos  que ocupamos o antigo lago , e que baixo dos alicerces   mora, afortunadamente atado pola cadea máxica tecida por Gowin o ferreiro, e Elarín o druida,un monstroso dragón de irracionalidade  e fereza, de cobizas e nugalla , que pode poñer en perigo canto de fermosa nos dá a vida,

                                      ...........................................................................

       E así foi, noble xuntanza  de homes e mulleres libres, como polo esforzo de Seurro, Elarín e Gowin, naceron na bacía  de aquel lago  a fermosa veiga e a prateada  serpenta viva do río Sárria. río de vida para cantos  foron antes ca  nós, e que debe seguir sendo río  de vida para os que tras nós veñan.

           Foi Seurro , o dos cabelos loiros e brazo poderoso, quen lle deu  nome a esta terra, aló na noite dos tempos ..... Non chegou a ollar o morrer do sol no Mar das Tebras, mais gozou moitos anos  do cantar das cotovías , do arrecendo das uces e da fartura do pan de landras....

     Del e dos seus , nunha longa cadea de ho es e mulleres, vimos todos nós, ouh noble xuntanza, os que aquí estamos.

        Lembrando os seus prodixiososo feitos dámoslles honra a  Seurro e os seus  , e tamén nos honramos nós.

                                                         ...........................................

    ( ,,,,,,,,,,,,,,,,,, Recreación literaria  da  coñecida  lenda que conta que , ocupando  a ampla Veiga de Sárria  houbo hai milleiros de anos un grande  lago., como , no dicir da xente, o proba  que , a pouco que se cave, aparece grixo e  moitos coios.

      Foi escrita e  cedida polo autor ,  para ser escenificada , á ASOCIACIÖN CULTURAL DONICELA , de Sárria, con ocasión da celebración da festa da TEBRA SEURRA  ................................................)


.

Comentarios

Publicacións populares