Lendas dos castros de Terra de Sárria

                                       1.-    LENDA DO CASTRO DE SANTO ESTEVO

                    A xente de Maside  falaba sempre de que no  Castro  de Santo Estevo , que está a carón do Rego de Filgueiras ou do Mazo, había agochado un grande tesouro.

                   Xuntáronse un día moitos homes , novos e vellos , con moitas ferramentas : picarañas, ródas, pas e pancas....  e puxéronse a cavar por onde eles crían  que podería estar o tal tesouro.

            Cando levaba  feito un grande furado  bateron  cunha laxe  que  non daba  sinais de ser  pedra morta , e axiña  descubriron  que tiña escrito " Dádeme a volta".

              Coa emoción  voltaron ao traballo , foron na pecura de máis pancas e cordas, e con moito esforzo , empezaron a mover a pedra. ata que lle deron a volta .Co labor e a cobiza non se deron conta de que xa era noite cando remataron o traballo.

           Por  baixo  da pedra  había máis  que terra e uns cantos coios soltos-

                  Un rapaz achegou un candil  e leu  unhas palabras grabadas na grande laxe :

              "Grazas irmáns...... xa estaba cansa   de descansas sempre riba da mesma cara"
   ...........................................................................................................................................................
                                2.- A LENDA DO CASTRO DE OUTEIRO DE GOIÁN

         Unha rapaciña  de Goián  gardaba as ovellas  nas abas do Castro de Outeiro  onde , todos o saben, viven os mouros en covas baixo da terra.
       Un día apareceuselle unha velliña  cuns cabelos moi brancos que lle pedíu que a pentease  e que lle quitase os piollos, e así un día e outro, sen darlle máis paga  que un sorriso , e  pedíalle  sempre o mesmo.
           Pasou moito tempo e un día, cando xa rematara  de penteala, díxolle á   rapariga:

        "  - Estouche moi agradecida por me ter axudado.Xa non che vou pidir másis que me pentes. Eu quero pagarche o traballo. porque vexo que ti es unha boa moza...Abre o mandil que che vou meter dentro a soldada e vaite para a casa... Por ningún motivo podes abrir o mandil ata que chegues á casa. Enténdeo ben... non  mires o que levas  ata chegar. aló..."

                Para aló foi. chamou  ás ovellas e colleu camiño do lugar.

       O mandil  pesaba cada vez máis , parecía  como se  o que había dentro fose medrando  e medrando, ao tempo que ela andaba  e tivo que parar varias veces para coller folgos.

                                  "¿ Que haberá dentro ?- dicía.

       Botaba a andar e o fardelo medraba e medraba.......Xa estaba perto da casa e tivo curiosdade por  saber que era aquelo que tanto  medraba dentro do mandil..

          Abríuno pouco a pouco e alí apareceu unha moreiña de  mouros carbóns.

                           " Condenada vella.- pensou-.  vaia amoladura me meteu".

      Tirou anoxada aqueles pesados  carbóns  e levou as ovellas para o cortello. Deixou o mandil riba da artesa , e sentiu como un ruido  metálico. Mirou con curiosidade  e viu como dúas pedras de  carbón que quedaran prendidas  na tea se ían cnovertendo en moedas de ouro.

       Volveu con presa a onde deixara  tiradas as outras  groass pedras  de carbón   e cando aló chegou só  había un circo de cinsa.

                              A maldita curiosidade  deixáraa sen o tesouro que a moura lle regalara.
,..................................................................................................................................................................

                                 3.-  A LENDA DO CASTRO DE SAN BARTOLOMEU

            Perto do Faro do Páramo, na estrema das parroquias de Goián  e de Saa do Páramo, aínda se ve a croa dun castro, onde estivo unha desaparecida capela de San Bartolomeu, e contan que moitos séculos atás o castro estivera habitado polos mouros, e como non  eran  boa xente e  ademais eran pouco relixiosos, veu unha peste  de formigas  que os comeu a todos  e tamén desfixo e botou a perder as casas que alí tiñan, e nese lugar maldito ninguén quixo ir a vivir.

       De cando en vez algúns viciños de Goián  andiveron a cavar no sitio porque dician que os mouros  deixaran alí enterrados moitos haberes.  Nada atoparon
...................................................................................................................................................................

                                      4.-  LENDA DO CASTRO DA VILANOVA

           Non lonxe da aldea da Vilanova, na parroquia de Friolfe na Montaña do  Páramo,  hai  un castro no que dicían que había un grande tesouro que desexaba  quedar ceibe das cadeas  que o ataban para gardar o haber amoedado  alí agochado dende moitos séculos atrás. 

        Contan que o crego de Biville  tiña un libro que lle chamaban o "Ciprianillo", e que nese libro estaba escrito o esconxuro que permitiría facer ceibe ao tesouro e así coller  moedas, copas de prata, espadas de ouro e  moitos ricos cofres que baixo das penas se achaban..

         Varios mozos da parroquia  convenceron  ao crego para , todos xuntos, iren ao castro para arrincar  ao  tesouro da súa prisión. O crego díxolles todo o que precisaban e que ferramentas había que levar, e como non poderían dar palabra mentres el fixera o que no libro se ensinaba.

         Para aló foron nunha noite de luar  e cando á croa chegaron  o crego fixo no campazo  un  bon circo con cal, ,  darrredor del e dos sete mozos , todos eles fortes , arriscados e destemidos.

          Co libro nunha man e un ramallo de loureiro na outra o cura principiou a facer benzons e cruces no ar , mentres lía en latín un longo treito...... Os mozos estaban calados ollaban uns para outros , arrodeban ao sacerdote, que ocupaba o medio do circo. El seguía lendo a altas voces  e  só o canto dos grilos acompañaba as súas palabras...

          De súpeto veu o bruido como de cen tronos e lostregos, o renxer  de milleiros de carros metálicos, o  estronicio  de disparos de trabucos  , canóns  e  unha retreta de bombas de palenque, o voar de serpentes aladas. os risos e gargalladas de xigantes de faces  noxentas que aparecían e desaparecían , as labaradas  de xofre xurdidas darredor do circo de cal, o fedor alcatreante  de   milleiros  de peidos e de arrotos,  o oubear de lobos,  o bruido de cadeas  e fortes e duros salaios dunha face tremenda que debía ser a do tesouro que andaba a tirar e tirar sen que argolas e elos  romperan.......

     Imaxes temerosas sucedíanse  e. dupláronse os xemidos, os laios, as voces, o estrondo.... Zoaban ventos e bruidos xurididos  por baixo dos seus pès, e o crego lía e lía.....

          De súpeto  por entre as xofrosas labaradas xurdíron como dous longos brazos  que semellaba ían na percura da gorxa dun dos mozos,  e todos cheos de medo  tiñan os ollos desencaixados  e sentían os latexos dos seus corazóns como se tratase de xigantes  tambores. ou dos sons  de milleiros de mazos e batáns mazando no ferro e nas mantas, trópele trópele trópele trópele ..... Aqueles brazos medraban  e medraban e dúas mans  xigantescas  axitábanse  en direción ao pescozo de  un dos mozos....

                 Estaba paralizado. Temeu pola súa vida dixo  ": ¡ Santa María me axude !."

            Meu dito meu feito..... Con unha sucesión de berros e maldicións, de sutaque , desapareceron as terrorfiícas imaxes de cobras, animais   fantásticos e grandes labaradas, e só restou na croa  un forte cheiro a xofre e zurrio.

        "  Non vos dixen que estiverades calados, non vos dixen que non botarades palabra vísedes o vísdees e escoitasedes o que escoitasedes.... Alexos, botaches todo a perder. Xa nunca máis será posible liberar o tesouro".

        Todos estaban abraiados. E cando a cheirenta néboa que cubria o  castro se retirou  e o luar 
permitiu que se visen uns aos outros,  arrepiaron  ao  ver que todos eles tiñan as súas cabezas  cobertas de cabelos brancos como a neve.

        "- E sorte foi que viñestes confesados e comungados, que se esa prevención non tivese tomado  eu convosco , mañá habería que facer sete enterros...."

           E foi entón cando se prodecatou de que o libro e o ramallo de loureiro arderan e el tiña as mans cheas de cinza.

             Volveron para as casas e nunca foron quen de contarlles a  quen  eran os seus parentes e viciños a razón de que na mañá seguinte  todos sete amenceran co pelo branco.

              Só no leito de morte , denantesde morrer o último  deles, lle contou ao seu neto o acontecido naquela terrible noite.

                ( Tomada da narración recollida polo meu pais ,  Xesús López González-     Silio Amor , " O Patriarca do Loio,   entre 1931/1934 ).-.................................................... Xaime Félix López Arias

..................................................................................................................................................................

                                                5 -  A LENDA DAS DÚAS TRAVES    
                   
                  Contaban os vedraños  que  baixo do Castro de Betote hai  unha grande trave de ouro  e  a carón dela outra trave de alcatrán ardendo. Quen conquira a trave de ouro podería facer  ricas , moi ricas, ás casas de sete boas parroquias .

                 O problema era que  ningún home  de corazón cobizoso podería chegar a facerse dono da trave de ouro ,  e dicían que unha vez houbera un viciño que chegara  a dar con ela e  a descubrila a golpes de picaraña. Cavou e cavou, e a trave  e canto máss cavaba máis medraba., e el non era quen de parar no labor, e cavaba  máis e máis   e seguía a  cavar  e a trave xa non se medía por cuartas nin por pés, nin por pasos,  xa era por varas  e a foxa   aberta  ía por riba da vinte varas, e  foi entón cando fixo un alto no  traballo, cuspiu nas mans para agarrar a ferramenta outravolta, e tivo a curiosidade de ollar cara atrás , fachendoso polo moito e ben que traballba,  porque, pensou , tiña que dar  gloria  ver unha longa trave de ouro , toda dereitiña. que í ser súa e el aínda se sentía con folgos para cavar outras tres ou catro horas máis ... E entón.........entón viu con abraio que a trave dourad ase convertera nunha moura trave de alcatrán fervendo que  ,  nun abrir e pechar de ollos  o envolveu  en fedorentas labaradas que convertiron o seu corpo  e  a picariña  nun remol cincento.

      Dicían os  e Betote que iso pasara varios séculos atrás e que  dende entón ninguén ousaba  achegarse ao castro na percura da trave de ouro.   

,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,  
                   6.-  A LENDA DO CASTRO DAS CORTES EN PARADELA

        Non moi lonxe do Castro das Cortes ,  hai nunha pena  a marca dunha ferradura  do cabalo de Santiago, que quedou posta  alí cando a Virxe e o Neno andaban polo mundo, e eran perseguidos por xente mala, que quería matalos. 
        E foi entón cando o Apóstolo os montou os dous  no seu cabalo, e brincou con el, dende a pena que agora chaman "da Ferradura",  pasando por riba da foz do Loio , pousándose da outra banda nas Penas de Ancares, na parroquia de Castro.
       E os bulrados persegudores volveron para o Castro das Cortes sen ter conseguido o que pretendían.

...................................................................................................................................................................
 
                                   8-   A LENDA  DO TEAR DE OURO

     No Castro de Calvor  din que está escondido un tear feito con pezas de ouro no que as mouras tecían ricas pezas de liño , e que o deixaron enterrado  alí  cando deixaron de vivir nas casas da croa  e que  o afortunado que ache a entrada da cova  onde está metido  será  a persoa   máis rica do mundo. Como non deron coa entrada algúns  pensan que  cecais estará nunha  poza do río Sárria.
                                           
...................................................................................................................................................................

                            9.- A LENDA DA GALIÑA    E   OS     PITIÑOS    DE    OURO

             Contan  que unha mociña  de Randulfe, que andaba a gardar  as ovellas  perto do Castro do Toural, na parroquia de San Miguel de Paradela,  viu un día como por tras duns penedos saía unha pita moi brillante, seguda dos seus pitiños, todos tan relucentes coma ela.  
        Chea de curiosidade achegouse para velos mellor  e ao sentiren que a eles se achegaban ,  a galiña e os seus filliños desapareceron por unha fenda entre os penedos.
        Chea de medo levou as ovellas para a casa, e contoulles a todos o que ela vira, e ata aló foron algúns mozos do lugar  e andiveron mirando polos matos e pola penedía  por se achaban algo, ou se algún dos pitiños andaba por alí solto.... Un  dos rapaces viu brillar unha cousa  e cando a colleron coñeceron  que era coma unha pruma  moi lene feita de ouro, que , polo tamaño, seguramente lle  tería caido  a algún dos pitiños

     - Isto é ouro- dixo o fillo do Rico- Meu pai ten un reloxo de ouro e isto é do mesmo material.

       É un dos vedraños da aldea contoulles aos que o quixeron escoitar , que sendo el moi  neno , xa lle escoitara dicir ao seu avó da casa , que no seu tempo tamén  unha rapariga do lugar  vira a pita cos seus pitiños, e que aínda que botara toda a tarde correndo tras deles non os dera pillado .

....................................................................................................................................................................
                                   10.-  A DONA ENCANTADA DO CASTRO

         Nas tardes de sol morno unha dona encantada sae do Castro dos Petos  e  , beira da Poza do Morelle, cun pente de prata  prepara unha  e outra vez os seus longos cabelos dourados. Os mozos engaiolados polo seu fermoso corpo   , o doce arrecendo  que a  envolve ,   a súa  donda cabeleira movida polo vento  e un sorriso   amoroso fican estantíos,  e ela entón pídelles que a biquen....

      Ningún dos que a viron  o fixo, Saben que  se a bicasen  ela convertiríase nunha arrepiante serpenta  e a eles encaderíaos  como escravos seus.

   A xente moza  cando segue os consellos dos máis vellos , sempre sae gañando...
.
..............................................................................................................................................................


                                 UNHA CURIOSA INTERPRETACIÓN

                  Esoiteille dicir a  un home que andaba de vagar polo Paseo do Maecón de Sárria: na compaña dun amigo..

                " Na miña parroquia, e nas do arredor, hai moitos castro, e dín que nas croas vivían os mouros... e que hai moitos séculos que marcharon  abandoando todo o que tiñan nos castros....... Quen o ía pensar..... Agora os mouros están volvendo apra aquí... 
                                                  ¿ Non ves que xa os hai aquí na vila ?

                               E o outro respostoulle...." Para os castros non han ir "
...................................................................................................................................................................



Comentarios

Publicacións populares