Concello de Sárria ( 1932 )
O CONCELLO DE SÁRRIA ( 1932 )
23 de xaneiro.- Nomeamento de Mario González Zaera como Axente Executivo da Zona de Sárria.- Comunicado do Gobernador Civil para que sexa respetada a propaganda da Igrexa Evanxélica.
27 de febrero.- Novo Recadador de Tributos: Dalmiro González Zaera. ESCOLAS: Dada conta de instancia suscrita por varios veciños da parroquia de San Martiño de Loureiro, en súplica de que o edificio que no seu día se constrúa para Escola Nacional da dita parroquia sexa emprazado no centro da mesma, chamado Campo da Igrexa, por ter novas de que outros elementos do mesmo pobo pretenden alzala noutro punto non axeitado, por non ser o céntrico, a Corporación acorda non procede, polo de agora, resolver nada en relación coa petición , xa que o Concello nada ten acordado en orde á construcción de ningún edificio para o ensino na parroquia de referenza resultando así a súplica fora de tempo.
5 de marzo.- Licenza de obra para que Daniel Vázquez, de OuteiroReimóndez faga unha cano Camiño de Ardiñal ( estrada a Piñeira )- Leonardo Prieto obtén licenza para facer un alpendre entre a Corga de Vales ( actual rúa Pedro Saco ) e a Corga da Alvarediña.- ESCOLAS
Antonio López Castro nomeado obreiro interino, por falecemento de Emilio López Castro, morto o 8 de febrero. Petición dunha cartería para San Pedro de Froián.NACIONAIS.- Solicitude de creación de novas escolas nas parroquia rurais: 1.- Unha unitaria de nenos e outra unitaria de nenas en Louseiro.- 2.- Unha mixta para Arxemil e Maside, servida por mestre. 3.- Unha mixta en Betote,servida por mestre. 4.- Unha unitaria de nenos en Barbadelo, convertindo en escola de nenas a mixta. 5.- Unha mixta en Calvor, servida por mestre. 6.- Unha mixta en Corvelle servida por mestra. 7.- Unha mixta en Cesar, servida por mestra. 8.- Unha mixta en Lousadela, servida por mestra. 9.- Unha mixta el Piñeira, servida por mestra. 9.- Unha mixta en Vilar de Sárria, servida por mestre..........." E conciliando todos os Sres. Concelleiros no criterio como primeira atención no Concello , a de difundir o Primeiro Ensino en todos os pobos que comprehende , ata que non quede nin una soa entidade de poboación do mesmo que non conte con escola gratuíta para educación e instrución da nenez , procurando así evitar a vergoña do que resta de analfabetismo e diminuindo a porcentaxe sensible dos inconscientes dos seus actos e faltos de civismo, aínda recoñecendo o esforzo económico que leva aparellado a creación das escolas propostas, en especial tendo en conta en conta o esforzo que supuxo a recente creación das doce últimamente concedidas a este Concello, en votación nominal e por unanimidade acorda a creación de todas as as ditas Escolas Nacionais propostas polo Consello Local de Primeiro Ensino e adquirir este Concello o compromiso de dotalas de material de primeira instalación e de sufragar os gastos de facilitar local para o ensino e para vivenda dos Mestres , ou en defeto de isto último a indemnización correspondente da maniera prposta polo dito Consello Local.- Acordan adquirir unha bomba contra incendios.- Contribución con 50 pesetas para o moimento a emplazar en Jaca ( Huesca ) na honra de Galán, García Hernández , Euxenio Longas e tres soldados que tomaron parte no alzamento de12 decembro de 1930.- Solicitude dunha Faculdade de Veterinaria para Lugo.
12 de abril.- CAMPO PARA AVIACIÓN.- O Sr. Presidente pon en coñecemento da Corporación que o 26 de febreiro último aterrizaron no campo "Cha de Santa Marta" os capitáns de aviación señores La Roquelle e Barrón que espuxeron o moi probable que é que o Ministerio da Guerra estableza en breve nun dos campos ofrecidos para a Aviación Militar dentro do territorio desta rexión , una Base Aérea para unha escuadrilla de avións lixeiros , ou sexa dos chamados de caza. Aproveitando esta oportunidade , con vistas ao progreso e ben dos intereses do pobo , e recordando que o Concello pleno en sesión de 22 de xullo de 1927 acordou ceder gratuítamente ao Estado ou ao Consello Superior de Aeronáutica Militar a parte correspondente a este Concello do citado campo "Cha de Santa Marta" . e que tamén o Concello de Láncara , no que se refire á parte que do mesmso lle pertence, motivando esas ofertas simultáneamente a incoación dun expediente hai tempo concluso , pendente só dos requisitos previos para o outorgamento da correspondente escritura pública , e baseado nas excepcionais condicións do repetido campo que por coñecidas en xeral cre non é necesario enumerar nesta ocasión , levárono á decisión dun público tanteo da vontade do pobo neste asunto , para o que convocou a unha reunión de veciños o domingo 28 do último expresado mes , sendo xeral e unánime o desexo da veciñanza de que polo Concello se fagan todas as xestións encamiñadas a obter a concesión dunha Base Aérea, dando o Concello para iso todas as facilidades que lle eran posibles.
Xa neste estado o asunto, compete ao Concello decidir cales han ser as súas ofertas , de ntro do límite das súas posibilidades económicas, para mellorar no que sexa dable, as doutros pobos, o que, unido ás excepcionais condicións do campo, poden darnos, se non a seguridade de obter a concesión , si unha probabilidade relativamente maior.
E o Concello despois dun amplo cambio de impresións entre os seus componentes, por unanimidade e en votación nominal, acorda que sempre que se estableza no dito campo unha Base Aéreo-Militar permanente , comprométese a cumprir pola súa parte a seguinte oferta:
1º.- Ratificar a instancia dirxida ao Ministerio da Guerra por este Concello, en consecuencia ao expresado acordou de 22 de xullo de 1927, relativa ao campo citado, na extensión superficial que O Estado xulgue necesario a tal obxecto, a cuxa demarcación polo mesmo, presta o Concello absoluta e previa conformidade.
2º.- Construir nas debidas condicións hixiénicas e de ornato público, unha fonte e, se tamén fose convinte, un estanque ou depósito no dito campo, utilizando para iso un ou varios manantíos de auga potable que no mesmo existen, con promedio aproximado de 300 litros por minuto e permanente en todo tempo.
3º.- Construir, igualmente, unha estrada de dez metros de larganza , debidamente afirmada , que una o punto que no seu día se sinale do tan repetido campo , coa estrada pertencente ao Estado , chamada de Ouviaño a Sárria, que constitúe actualmente a estrema do campo polo Surleste.
4º.- Facer tamén por conta do Concello , o tendido dunha liña condutora de enerxía eléctrica deica o punto do campo que no seu día se indique, para instalación de alumeado e forza motriz se esta fose necesaria , entendéndose circunscrita esta oferta á instalación da liña de que se trata.
5º.- Igual tendido da liña telefónica deica o aludido campo.
6º.- Subvencionar o Concello a liña diaria de servizo regular de pasaxeiros pola expresada estrada contigua ao campo, ao obxecto de que o percorrido de Sárria ao campo e viceversa, que é duns seis quilómetros , resulte a prezo moi reducido para o persoal de aviación exclusivamente , e á fin de que, además, teña este toda clas de preferenzas que sexan dables no dito traxecto.
7º.- Facilitar gratuítamente e con carácter permanente nesta vila , un local axeitado para instalación de oficinas afectas ao servizo da aviación.
8º.- Facilitar nesta vila , tamén gratuítamente, aloxamento axeitado para o persoal de Aviación, durante o período de tempo indispensable que o Estado invirta na construción pola súa conta , dos edificios destinados ao efecto, así como o local axeitado para gardar os efetos e os útiles de Aviación que non sexan os avións propiamente ditos.
Por último o Concello acorda tamén por unanimidade e en votación nominal, facultar ao Sr. Alcalde amplamente, para que en nome e representación da Corporación, faga ao Excmo. Sr Ministro da Guerra, ou a quen noutro caso proceda, os ofrecementos que quedan relacionados , a medio de atenta instancia na que tamén se fagan constar debidamente as aventaxes excepcionais do campo "Cha de Santa Marta", como son, entre outras, a súa considerable extensión, a súa planicie sen desniveis, a súa situación case no centro matemático de Galicia, relativamente curta e a case igual distancia do litoral cantábrico, atlántico e Portugal, a súa superficie enxoita e firme, asúa carecia absoluta de árbores, que poideran ser obstáculo á aviación e a súa proximidade relativa á estación do ferrocarril do Norte de España, co demáis que crea convinte expoñer, facultándoo igualmente para calquera outra xestión que, en orde ao asunto do que se trata, crea preciso ou convinte facer, mesmo autorizar a correspondente escritura pública de cesión no seu día, para o caso de o campo for aceptado polo ramo de Guerra nas condicións que quedan consignadas.
12 de abril.- Eliseo Buján Vázquez autorizado para facer acometida de auga na súa casa da Rúa Maior. - Antonio Pontón Rodríguez , de Teibente en San Sadurniño de Froián, obtén licenza para facer una palleira na finca "Aira" , estremeira coa Corga de Barreiros.- A petición de autorización de apertura dun pozo negro, feita por Manuel Caldeiro González quedou riba da mesa.- Tamén quedou riba da mesa a petición de Constantino Díaz Incógnito para sementar centeo no Monte de Lama Longa.- E o mesmo a feita por Manuel Fernández López , de Vilaesteva, pedindo licenza para abrir unha entrada de carro na "Corga de Comporco" ( dos Remedios a Vilavesteva ).- ESCOLA DE SAN FIZ DE VILAPEDRE: Visto polo Concello o informado en 9 dos correntes pola Comisión Municipal de Fomento en relación á instancia de D. Ricardo Núñez Rodríguez, veciño de Vilapedre ( San Fiz ) , en súplica de licenza para construir un edificio de planta baixa no punto denominado Agro de San Fiz, nos termos da mentada parroquia, e resultando do dito informe que por se encontrar o emprazamento do dito edificio a uns 25 metros de distancia da estrada de Nadela Campos da Vila , sen que tampouco estreme con ningún outro camiño público , non hai inconvinte que se opoña á tal construción , sempre que esta se axuste na súa estrutura ás prescripcións das Ordenanzas municipais que lle son de aplicación, a Corporación, en votación nominal epor unanimidade acorda conceder a licenza de que se trata, salvando o dereito de propiedade, sen perxuizo de terceiro, con suxeición ás disposicións das Ordenanzas municipais que lle son de aplicación , e pagamento do arbitrio municipal correspondente , facultando ao Sr. Alcalde para que en nome e representación da Corporación expida a correspondente licenza.
Denuncia de Pedro Pérez Rivas , de Corvelle, por apropiación de camiño público da Aira de Díaz ( Pasa a informe ).- Solemnidade do 14 de Abril: Contrata dunha Banda de Música, xantar extraordinario para os presos e os residentes no Asilo, disparo de foguetes e telegrama dirixidos ás altas autoridades da República.- Carterías: Solicitude de novas carterías para Lier e Barxa, e enadir a de Santo André de Paradela a Biville.- Arranxo de fontes: Fonte de Nespereira, Fonte de Lama Redonda en Farbán, Fonte de Castromeixe ( Biville).- Fonte de Vilar de Barbadelo.- Fonte de Vilar da Torre ( Loureiro ), Fonte do Pereiro ( Santo André de Paradela).- Camiños: do Calvario a Loureiro, Corga de Pude en San Pedro de Froián, de Lezoce a Corvelle, do Mazo de Callás á igrexa de Albán, o de Teiboi de Arxemil a Santalla , de Cedrón a Baxán, - Estudo para o lastrado da Praza de Xoán María López, acordando derrubar o quiosco da música que estaba no centro e facer outro novo pegado á igrexa .- Acordo de adquisición de 10 bancos de ferro de fundición para a praza.- Aprobación de facer beirarrúa na costa do Murallón.- ESCOLAS.- Acordan facer xestións para que a Sociedade "Hijos del Distrito de Sárria en La Habana" ceda en propiedade a este Concello os edificios que actualmente ten en construcción con destino a Escolas Nacionais en Biville, Santiago da Veiga e Louseiro.- Acordo de facer un "Plano de Poboación".- Licenza para que se ausente o concelleiro Antonio González Méndez.- Expediente de prófugos.
16 de maio. - Elaboración do Orzamento.- Axuda de 1.000 pesetas para as festas patronais.- Novo peón municipal , Manuel López Losada: soldo de 1.000 pesetas ao ano.
27 de xuño.- Acordan delegar no alcalde a asistenza á reunión de discusión do Estatuto Galego. Será sustituído por Antonio Sánchez Arias.- Pola visita da Tuna Escolar Coruñesa autorizan o gasto de 177 pesetas, Pola Festa Nacional: 126 pesetas.- Conceden licenza a Xosé Rodríguez Castro para facer unha nha casa na Corga de Formigueiros.
30 de xuño.- Orazamento.- Gastos e Ingresos: 224.441,59 pesetas.
5 de setembro.- Solicitan licenza de acometidas no servizo de augas: Xoán Amil Monteagudo, Carme Carrozas López e Henriqueta Fernández Méndez.- CONCURSO DE AVIACIÓN: O Sr. Presidente da conta á Corporación de carta recibida do que o é da Federación Aeronáutica Española , presentándolle a de D. Xosé Pérez Pardo, Vogal da Comisión executiva da dita Federación , que veu en revisión dos campos de aterraxe da vindeira volta "Copa de España", enterándoo o dito señor que na 2ª etapa da Volta de referencia áchase comprehendido o noso campo "Cha de Santa Marta" e fixada a data para o 17 dos correntes . A Corporación, tendo en conta a importancia nacional do concurso de que se trata para o fomento da aviación civil española e en especial para que se amplíe a este sector da aviación o coñecemento do noso campo, por unanimidade e en votación nominal acorda: 1º.- Adquirir por conta deste Concello unha copa artística cuxo coste non pase de 150 pesetas, coa inscrición correspondente , ao obxecto de ser doada ao piloto de relativo máis......
1 de novembro.- Nomeado Román García Varela representante para una entrevista co ministro de Traballo e Previsión en solicitude de autorización de que o comerzo abra os domingos.- Prórroga dos orzamentos.- Autorización de acometidas do servizo de augas para as casas de Tareixa Herrero Pisabarro e Manuel Darriba Olmo.
23 de novembro.- Custe do anuncio da subhasta do alumeado público: 34,05 pesetas.- Aportación para a homenaxe a Xacinto Benavente: 25 pesetas.- Subvención para o Seminario de Estudos Galegos : 100 pesetas.- Apertura de conta no Banco da Coruña.- Aprobación dos gastos de instalación de calefacción por auga quente.
30 de novembro.- Manuel Pérez-Batallón solicita permiso para levar dous canos , na Avenida do Campo da Feira, dende a Horta de Batallón ao Prado de Tomás ( agora chamado Prado de Batallón ). Xubilación do empregado municipal Manuel Díaz.- Supresión da partida destinada a Direitor da Banda de Música , por non existir a banda e non se conta con material.- Subvención para o Asilo do Barrio do Mazadoiro: 625 pesetas. - Pago de 300 pesetas ao Apoderado do Concello de Sárria na cidade de Lugo.- Ampliación do número de gardas muicipais coa creación de dúas novas prazas - O máis antigo será promovido a cabo , co soldo de 1.650 pesetas, e os demáis a 1.500 pesetas.- Ampliación das prazas de empregados administrativos.- Empregados: Ordenanza porteiro, dous obreiros, encargado do cemiterio e encargado do reloxo ( 1.650 , 1.000 , 730 e 200 pesetas )Escribentes: 4 pesetas por día e 1 peseta por hora.- Axuda para as festas patronais: 1.00 pesetas.- ESCOLAS: Acordo de creación dunha escola nacional de nenas en Farbán, convertindo a mixta en escola só de nenos, co mesmo distrito escolar ( Farbán, Albán e Reimóndez ).
14 de decembro.- Satisfación polo nomeamento don Rafael Sánchez-Guerra e Sáenz como Secretario Xeral da Casa Oficial do Presidente da República.
15 de decembro.- Manuel López Osorio ( de San Miguel de Vilapedre ) nomeado Depositario de Fondos do Concello.
31 de decembro.- Adxudicación na subhasta do alumeado a favor de Xosé Gayoso Fernández en 10.430 pesetas, sendo gratis o consumo dos tres días de festexos.- Aprobación das contas de igresos e de gastos.
Comentarios
Publicar un comentario