Santa Mariña de Rubín ( Sárria )
SANTA MARIÑA DE RUBÍN ( 1753 )
Parroquia do actual concello de Sárria, situada na marxe dereita do río Sárria, que no Antigo Réxime formou parte da Xurisdición do Marquesado de Sárria. Integrouse no primeiro Concello Constituinal de Sárria entre 1820 e 1823, no de 1835 e xa de xeito definitivo no establecido en 1840. Eclesiásticamente era parroquia anexa da de San Xulián da Veiga.
Ocupa terreos das veigas do río Sárria e do rego de Ferreiros ( na Idade Media río Erizón ) , unha parte de aba e da chaira do Monte da Cha de Santa Marta.
Estremas: " Linda, principiando a Leste na MODORRA BRANCA, do que segue á FONTE DO CABEZÓN, de alí cortando a Norte vai ao PORTO DAS TRAVESAS, de alí ao PONTÓN DE GONTOMIL, de este ao MARCO DE RIBAS ALTAS, de alí ao da LAMA DO MUIÑO, e deste á MODORRA BRANCA, primeira demarcación".
Emolumentos do común: SESENTA FERRADOS de monte común de terceira calidade , ao sitio do CABEZÓN e MODORRA BRANCA, estrema a Levante coa freguesía de Santa María de Corvelle, Norte coa freguesía de Santiago da Veiga, Sur, con terra de Francisco García , e a Poñente, murado.
Veciñanza: FIDALGOS
01.- DIEGO CAPÓN, casado, 38 anos, un fillo menor dos 18 e una criada.
02.- MANUEL CAPÓN, casado, de 19 anos.
03.- FRANCISCO CAPÓN, casado, de 60 anos, un criado maior dos 18, un fillo maior e unha filla.
04.- PEDRO CAPÓN, casado, de 40 anos, un irmán maior dos 18 e dous fillos menores-
LABREGOS
05.- ANDRÉ LÓPEZ TREBOLLE, casado, 50 anos, un xenro maior dos 18, tamén casado, un fillo menor , unha filla e unha neta,
06.- BARTOLOMEU VÁZQUEZ , casado , de 50 anos, un fillo menor e dúas fillas.
07.- DOMINGOS DÍAZ, casado , 50 anos, dous fillos menores e tres fillas.
08.- FRANCISCO GARCÍA, casado, de 50 anos, un fillo maior dos 18, catro fillas e una irmá.
09.- FRANCISCO XAVIER ARIAS, casado, 33 anos, un criado maior dos 18, tres fillas e unha criada.
10.- GABRIEL LÓPEZ, casado, de 27 anos,un criado menor dos 18, unha filla, a sogra e dúas criadas.
11.- MARCO DÍAZ, casado, 35 anos, ten un cuñado menor dos 18, unha filla, a súa sogra e dúas cuñadas. Polo exercizo de ferreiro no que se ocupa a sesta parte do ano reguláronlle unha utilidade de 30 reais vellón.
12.- MARCO LÓPEZ, casado, 35 anos , un irmán maior dos 18 e tres irmás.
13.- PEDRO DO REGO, casado, 52 anos, dous fillos menores, unha filla , a nai e unha criada
14.- SILVESTRE DÍAZ , casado, de 44 anos, un fillo menor e unha filla.
15.- SALVADOR PÉREZ , casado, de 30 anos, dous fillos menores.E polo oficio de pedreiro no que se ocupaba a terceira parte do ano reguláronlle una utilidade de 50 reais de vellón.
Resultan 71 individuos , dos dous sexos, que non entran no persoal e sete que se comprenden nel, e 80 reais de vellón só por industria.
BENS E RENDAS DE ECLESIÁSTICOS
O APÓSTOLO SANTIAGO
Percibía de cada veciño que tiña xogada para arar , medio ferrado de centeo, por razón de voto, cun total de 5 ferrados en cada un ano.
O CURA PÁRRACO DA DITA FREGUESÍA (O de San Xulián da Veiga )
Percibía os desmos maiores e menores , regulados en 500 reais de vellón.
CAIETANO DE CASTRO , PRESBÍTERO, VECIÑO DE SAN SALVADOR DA VILA DE SÁRRIA
Na súa calidade de titular da Capela da Nosa Señora da Concepción , sita na parroquia de Santa María de Corvelle, e como propios da capelanía posuía os seguintes bens:
Porto ( medio ferrado), Porto ( un ferrado ), Cortiñeiro da Capela ( un ferrado ), Cadoeiro ( medios ferrado ), Monte do Berxo ( un ferrado ), Leira do Monte ( tres ferrados).
A FÁBRICA DA IGREXA
Percibía dos veciños por razón de primicia 27 ferrados de centeo en cada un ano.
Comentarios
Publicar un comentario