Hospital Municipal de Sárria
HOSPITAL MUNICIPAL DE SÁRRIA
HOSPITAL DA NOSA SEÑORA DO CARME
HOSPITAL DA NOSA SEÑORA DO CARME
O Hospital da Nosa Señora do Carme foi creado por doazón da Excma. Sra. dona Andrea Andrés e Sánchez, marquesa de Casa López, para acoller enfermos do termo municipal de Sárria ( Lugo ), e posto por ela baixo do rexemento perpetuo do Concello.
Posteriormente pasou a cumprir fins de Hospital-Asilo de Anciáns , e finalmente só os de Asilo, ata que as súas condicións de conforto e habitabilidade empuxaron o abandono do mesmo por parte da Orde das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados que o rexentaban.
En 11 de maio de 1905 comproulle a don Xosé Monteagudo e outros a finca "Cortiña do Mazadoiro" , sita no lugar do Mazadoiro, parroquia de San Martiño de Requeixo, perto da estación do ferrocarril, ratificándose a venda o 28 de xaneiro de 1906. A superficie mercada foi de 44 áreas , 3 centiáreas e 4 decímetros cadrados que a donante destinou íntegramente a fin fundacional.
O proxecto e direción da obra correu a cargo de don Valentín Roca Carbonell, arqitecto da Academia de Belas Artes de San Fernando. A obra executada costou 54.500 pesetas, sen a utillaxe, e ocupou unha superficie de 441 metros cadrados, 67 decímetros cadrados. O edificio constaba de capela, sala de homes, sala de mulleres , residincia para o conserxe ou ordenanza, dúas salas na entrada , capela e botiquín , así como un soto cuxa finalidiade era a de aireación.
A marquesa de Casa López ao se referir ao dito Hospital dí que " este edificio unha vez construído e arranxado cos primeiros e indispensables mobles , consonte a planos e condicións técnicas e económicas, proponse entregarllo ao Concello de Sárria, en beneficio principalmente dos habitantes do seu distrito para que o conserve sempre. Que se nalgún casou tempo o concello referido ou entidade que o represente , non proveese eficazmente dende a entrega ao coidado, conservación e reparos do edificio , servizos, gastos de sostemento, en todo tempo, contribucións e medios necesarios, , era a súa vontade que o tarreo, edificios, láminas e efectos volvesen ao dominio da doante ou herdeiros".
Porque a magnificencia e filantropía da marquesa non chegou tan só a doar o tarreo e o edificio , senón que o dotou ademáis con títulos da Débeda Pública, mobiliario, imaxes e un magnífico cadro da autoría dun artista posiblemente seguidor de Fortuny.
A escritura da doazón, con outros documentos, amosa ben ás claras cal foi a intención da doante ao darlle ao pobo de Sárria un hospital que viña a ser un elo máis no número dos habidos na vila desde os lonxanos días da peleriñaxe.
O 24 de marzo de 1909 o Concello provista en propiedade a praza de conserxe do hospital, e en 31 de outubro de 1910 o alcalde don Modesto Rivas Viñas suscribe , coa Rvda. sor Rosa da Santísima Trindade, superiora das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados , contratro polo que este Instituto se encargará do coidado asistenza e mantenza dos doentes que ingresen no hospital, así como do coidado , reparos e lavado de roupas. mediando o pagamento polo Concello de 1,50 ptas. por persoa e día e dende o 1 de xaneiro de 1911. A direción e inspeción do hospital correspondíalle ao Concello e fíxose entrega de material e útiles litúrxicos , mobliario para o cuarto das irmanciñas, roupeiro , 14 camas cos seus elementos, quinqués , mobles para o recibimento e materal de cociña.
Foi confeccionado un regulamento no que se reflicten os deberes do conserxe, doentes, criadas, Fillas da Caridade, capelán , médico direitor e farmacéutico , aínda que non chegaron a seren provistadas todas as prazas ao ser encomendada a xestión ás relixiosas. O 2 de outubro de 1911 estaban á fronte do hospital cinco irmás, era superiora sor Rosa da Santísima Trindade Tuñón e Suárez, e contaban tamén cun enfermeiro mentres que o número de acollidos era de doce.
No Libro de Rexistro de acollidos aos servizos sanitarios do hospital reflicte a cantidade de trescentas oitenta asistenzas , polo que se refire a coidados médicos , dende outubro de 1909 , data na que se abre, ata o 18 de marzo de 1957, no que o Hospital pasa a ser exclusivamente Asilo de Anciáns.
A obra primitiva axiña resultou insuficiente e na parte posterior houbo necesidade de construir un novo edificio que pasou a albergar a comunidade, enfermaría e estancias ao servizo dos anciáns acollidos.
O Concello de Sárria malia a que a proxeción do Hospital e o Asilo ían máis aló do termo municipal, xa que sempre estivo ao servizo da bisbarra, destinou ano tras ano partidas orzamentarias para mantemento e foi constante dotando a praza de médico do hospital.
De 1956 foi a aprobación das obras de modificación e dotación dos servizos hixiénicos, que alteraron a fachada principal, e alcanzaron un custe de 30.458,22 pesetas.
Co obxecto de achegar recursos e chegar á autosuficiencia as Irmanciñas dos Anciáns Desamparados adquiriron na contorna varios tarreos, manténdose na súa integridade a finca doada ao Concello pola marquesa de Casa López.
Con regularidade o número de acollidos no hospital-asilo chegaba a corentena e os menesterosos nel acollidos , xunto coas prestacións de subsistencia recibían coidados médicos.
No hospital foron realizadas operacións cirúrxicas como consecuencia de accidente e foron escasa as defuncións que nel se produciron.
Concebido o hospital únicamente como centro de acollida de persoas pobres , non é cousa de extrañar que resultase gravoso para o concello e que cando a beneficiencia provincial contou con establecementos mellor dotados , perdese práticamente a súa razón de ser.
O pobo de Sárria acolleu desde o principio á institución co maior dos cariños e foron frecuentes as cuestacións para dotalo co conforto de elementos axeitados ao conforto de cada época , por iso, cando por dificultades xurdidas dentro da orde que a rexentaba, as Irmanciñas abandoaron o Asilo, xa inmeditaamente comezarían as xestións para que Sárria volvese a contar cunha nova institución modelo: A Residencia de Anciásn, que axiña foi unha realidade que segue a traxetoria das institucións asistenciais que foron fitos destacados na nosa historia.
XAIME FÉLIX LÓPEZ ARIAS
Comentarios
Publicar un comentario