Sárria ( 1873 )
SÁRRIA ( 1873 )
Ano da proclamación da I República Española e con moita actividade politica aínda que con pouco proveito.
O 9 de febreiro , e como os camiños estaban intransitables, acordouse arranxalos, nomeando a un conceleiro encargado para cada distrito.
O 16 de febreiro foi nomeado o segundo mestre da escola de padroado de Mondín ( Lier ), Xosé López Suárez.
O 16 de marzo aprobaron o pagamento dos gastos de proclamación da República celebrados o 18 de febreiro : 86,50 ptas.
A pretensión de Francisco Torres de facer unha casa no "Horto de Santa Mariña" supuxo unha auténtica loita entre un Concello que non cedía e un administrado terque que non daba o brazo a torcer , tanto foi así que se fixo preciso que o Concello tomase consulta con dous avogados.
As obras na Praza do Mercado , en 23 de xuño, alcanzaban 431 pesetas, e 80 pesetas foron pagas polo plano.
Na Festa do Corpo de Cristo ( Corpus ) pagaron 75 pesetas , e por un ano de condición de pregos a Lugo pagaron a cantidade de 144 pesetas.
Os días 6, 7 e 8 de xuño permaneceron en Sárria catro carlistas que foron feridos pola Garda Civil en Toirán ( Láncaca ) , na captura do cabecilla Xosé Rodríguez que tivera lugar o 5 de abril.
En alumeado gastaron en todo o ano 350 pesetas , e no do cárcere , 250 pesetas, adxudicándose as concesións a Xosé Gayoso e Xosé Monteagudo.
O novo Concello tomou posesión o 24 de gosto e acordou facer as xuntanzas corporativas os domingos ás 10 da mañá. O Concello estaba formado por: Alcalde popular, Laureano Álvarez Pereira, Tenentes de alcalde : Xoán Carreira, Modesto Losada, Valentín Lois, Antonio Grandas. Rexidores : Antonio Peña Villamarín, Euxenio Neira e Solance, André de Castro, Xulián Rodríguez López, Gabriel Díaz Souto, Xoán Cabarcos, Manuel Piñeiro, Xoán López, Xosé Somoza e Antonio Vázquez Macía.
Ao longo do ano nada pasou de interese fora do sinalado.
Da brevísima I República non quedou en Sárria obra ningunha, a non ser o arranxo do beirado da Casa Consistorial ( no número 1 da Rúa Principal ), hoxe Xulgado, aínda que no anecdotario local gárdase a curiosidade da manifestación cívica que baixando pola rúa celebraba a chegada da I República que por se celebrar ao mediodía foi esmorecendo porque os viciños deixaban de berrar ¡ Viva a República ! cando chegaba á altura das súas casas para onde entraban na percura de mantenza.
O máis entusiasta á hora de dar vivas era Casimiro Lois, e non se deu conta de que quedaba só , e foi sosprendido no seu fervor cívico pola chamada da súa muller saíndo pola porta " ¡ Viva a merda, Valentín !... pasa para a casa que che se arrefría o caldo.. "
Comentarios
Publicar un comentario