Sárria ( 1867 )
SÁRRIA ( 1867 )
O día primeiro do ano 1967 tomou posesión o novo Concello. Formábano o alcalde don Manuel Rivera Macía, os tenentes de alcalde, Francisco López de Rego e Antonio Balboa Sarmiento, e os concelleiros, Euxenio Neira Solance , Xoán Antonio Ulloa, Pedrp Xoán Díaz Goyanes, Manuel Vázquez Cabañas , Gabriel Díaz Capón, Xosé Lois Rivas , Pedro Pardo, Xosé Macía de Neira, Xosé Fernández Monteagudo ,Vicenzo López, Manuel López Silva, Manuel Ferreiro Díaz e Frutuoso Rodríguez.
As sesións celebrábanse os xoves de cada semana. O secretario tivo que renunciar por non ser compatible o cargo do desempeño da Provisoría do Xulgado. O contratista Xosé Fernández entregou ao Concello as obras da súa sede , nas que investiron 32.972 reias . Nomearon para administrador da Obra Pía ( dos extinguidos hospitais de Santo Antón e San Lázaro) ao comerciante Xosé García.
O 17 de xaneiro nomearon aos peritos da Xunta Pericial que, como era de costume, escollíanse de entre os do medio rural, co que a función de control quedaba desvirtuada totalmente.
O 7 de febreiro autorizaron as obras de renovación de beirarrúaa e enlousado das rúas da vila, a instalación na nova Casa Consistorial ( antigo Hospital de Santo Antón, fronte a San Salvador ) de un arquivo e un xogo de andeis ( 200 escudos ) e o arranxo dos petrís da "Ponte Vella" e alcantarillas ( 200 escudos).
O orzamento de gastos alcanzou a cifra de 6.627 escudos.
Para a praza de secretario do Concello presentáronse dous candidatos : Antonio Díaz de Freijo Silva de Soto, que se di cesante, e que foi secretario do Páramo, Admintrador de Rendas Estancadas do Courel, en Sárria e Quiroga, oficial auxiliar da Contaduría de fondos do orzamento desta provincia , presidente da segunda sección de Estatística deste partido, vocal permanente da mesma, rexidor do Concello de Sárria, alcalde algúns meses e tenente de alcalde un bienio, tres anos de estudos de Gramática Latina. Antonio Vázquez Macía alegaba ter estudado todo o segundo ensino e foi o elixido.
Adquiriron 10 exemplares do " Prontuario de contabilidad" de Xoaquín Pérez ( 14 escudos ).
A Festa do Corpo de Cristo ( Corpus ) costou 70 escudos.
O 1 de agodto aprobaron unha sucinta ordenanza sobre os montes comunais e públicos. Había que destinar o 10 % da superficie a rozas, en beneficio de leñas para "os proletarios ", que carecían dela, nos meses de outubro ,, novembro e decembro; proibiron arrincar raíceiras, que xeralmente eran de carrasca ; 10 % para sementeiras de centeo ; e o resto para pastoreo todos os meses, menos e en febreiro , marzo e abril.
Polo traslado dos quintos a Lugo o secretario cobrou 4 escudos, 4 o alguacil , enténdense por día, e ao talador , que en medir 34 quintos tardara 8 días, pagáronlle a razón de 1 escudo por día. Non debía ser bicoca despreciable porque sempre facían o labor os mesmos comisonados.
O 19 de setembro compráronlle a Antonio Peña os mobles necesarios para o Consistorio e que tiveron un custe de 260 escudos.
E rematou a actividade municipal do ano coa declaración de seis quintos como prófugos que, seguramnete terían fuxido para Portugal, como era uso daquel tempo.
Fora dos médicos e idos membros da Curia non había maior nivel cultural que o que como insignificantes focos poderan irradiar as escolas de ferrado, temporeiras e pouco rigoristas, no medio rural.
Por iso non deixa de resultar curiosa esa referneza aos "proletarios" polo que se pode colexir que, algo do que poñían os xornais da Vila e Corte empezaba a entrar naquelas xentes do estreito mundo da vila,
O malo é que sempre se captan antes as palbaras que as ideas..
XAIME FÉLIX LÓPEZ ARIAS
Comentarios
Publicar un comentario