CESIÓN DE BENS DOS MOSTEIROS DE SANTIAGO DE BARBADELO E SAN PAIO DE PIÑEIRA POR SUNILANUS (975)

SUNILANUS foi un "confeso", casado con NUNNITA, e irmán do presbítero VERMUDUS PELAGII. Por unha escritura de 3 de xuño do ano 975 fixo doazón  de bens dos mosteiros de Santiago e San Paio de Piñeira ao seu fillo VERMUDUS SUNILANI.

No documento enumera  todos os seus  bens e familias polas súas cartas antigas e novas, tanto o procedente dos avós como dos seus tíos até a máis mínima cousa e con todos os seus edificios, pazos e o de dentro deles, con todas as cousas vivas, xumentos, facenda, abellas, ovellas e todas as súas adxuncións, tanto as que eran del como as que lle viñeran do seu primeiro irmánVeremudus Pelagii.

01.-  A igrexa de San Pedro. Refírese a San Pedro de Barán.

02.- A igrexa de San Salvador, na beira do Monte do Páramo, na ribeira  do  Loio. Refírese á igrexa de San Salvador da Pinza.

03.- Outra igrexa en San Mamede, na ribeira do Loio. Refírese ao mosteirolo de San Mamede, na parroquia da Pinza, na marxe esquerda do río Loio, pasada a Ponte do Neo.

04.- A igrexa de San Lourenzo. Pode referirse á igrexa de San Lourenzo de Suar, ou á ermida de San Lourenzo da Montaña, na parroquia de San Xoán de Friolfe.

05.- A igrexa de San Pedro, segundo foi posuída polo abade Fulgentius. Refírese ao mosteirolo de San Pedro de Taíde en Barbadel.

06.-  As igrexas de San Vicenzo e Santiago de Froián. Refírese á igrexa de San Vicenzo de Froián e ao mosteirolo de Santiago de Mortolais, despois Ermida  de Santiago, en San Pedro de Froián.

07.- En Quiroga, a igrexa  de Santo Estevo, cos seus bens e familia.

08.- En Lemos, a vila de Santalla coas viñas e prados.

09.- No Bierzo, unha vila en Burbia e outra en Carracedo.

10.- A vila de Xubín, con todos os seus bens. Refírese a unha desaparecida vila  na marxe esquerda do río Loio fronte a Bade en Vilamaior da Lobataira onde se conserva a topónimo perto do Monte de Lagoela.

11.-  En Bade, as herdades e as pumaregas. Refírese ao lugar de Bade en Vilamaior da Lobataira.

12.- A vila de Nespereira. Refírese a unha vila en Santiago de Nespereira, na Lobataira.

13.- En Couso, as herdades e a igrexa de San Xoán. Refírese ao lugar do Couso en San Miguel de Piñeira e ao eremitorio de San Xoán- hoxe Capela de San Xoán en Couso.

14.- Na vila de Belante  a igrexa de Santa María segundo resoaba no testamento. Refírese á igrexa de Santa María de Belante.

15.- San Martiño de Barbadelo. Refírese á Casa Maior ou mosteiro de San Martiño de Barbadelo, desaparecido, no lugar de San Martiño, onde se conserva en pardiñeiro a capela que  se alzou no antigo  espazo mosteiral.

16.- A igrexa de Santiago. Refírese á igrexa da Casa Domni Adilani, "Loci Sancti Iacobi"...Mosteiro de Santiago de Barbadelo, ou Casa de Barbadelo.

17.- A igrexa de Santo Adrao, no Monte do Páramo segundo  a obtivera  don Ambrosio e lla concedeu don Rudesindus por testamento e por presura dos seus intercesores e antepasados. Refirese ao mosteirolo de Santo Adrao, que estaba no circuito do Castro de Santo Adrao, onde na actualidade está a ermida ou Capela de San Marco, na parroquia de San Miguel de Biville.

Sunila e Nunnita, e todos os seus frades, fillos de Trodilli, netos do abade Visclafredus: Dayldus, presbítero, Vistresilli, confesa, Fredenandus, Ioaquintus, e Ayrucus elexiron por abade a Veremudus Sunilani e Sunilanus concedeulles os bens de maneira que "onde máis apto fose o lugar para o mosteiro en todos estes lugares fagas, instrúas,  edifiques e chantes e percures homes que te axuden en todas as túas boas obras e que no santo temor de Deus persistan día e noite e que pola régoa santa vivan con pés alegres para a igrexa, coas mans laboren e fagan mercé aos pobres e todos os nosos bens, que outro herdeiro non che poñemos, en non sendo Cristo.

Andando os anos o Mosteiro de Santiago de Barbadelo acabou anexionando os mosteiros de San Martiño de Barbadelo e San Salvador de Rosende ou San Salvador de Nespereira (en Ortoá), e os mosteirolos de Santa María de Ortoá, San Paio de Piñeira, San Miguel de Piñeira, San Pedro de Taíde, San Pedro de Barán, San Salvador da Pinza, San Mamede "na ribeira do Loio" (A Pinza), San Paio de Cesár, Santiago de Mortolais (en San Pedro de Froián), Santo Adrao no Monte do Páramo, San Xoán do Couso e a Ermida de Nespereira.

Eses centros relixiosos foron desaparecendo e finalmente Santiago de Barbadelo acabou sendo un Priorado do Mosteiro de San Xulián de Samos, até a Desamortización (1835).

Comentarios

Publicacións populares