MANUEL SACO RIVERA ( 1907 / 1938 )
MANUEL SACO RIVERA
Avogado e politico, natural de Sárria ( 27.06.1907 ) , foi fillo do avogado Manuel Saco Pradeda e de Purificación Rivera López . Nas eleccións de 1933 foi elexido, como republicán independente, como representante por Lugo nas Cortes da República, integrándose no grupo Agrario, que acabaría abandoando. Presentouse pola CEDA nas eleccións de febreiro de 1936, e non acadou a desexada acta, malia á forte campaña desenvolta por el, especialmente na comarca de Sárria.
Escribiu algunhas obras teatrais, en colaboración con Luis Macía Vázquez , practicou diversos deportes, entre eles o tenis e o piragüismo e foi promotor da creación dun centro de ensino secundario en Sárria asociado á SADEL.
O 30 de decembro de 1935 protagonizou un incidente , nos corredores do Congreso, en liorta na que se enfrontou ao deputado e escritor Artemio Precioso ( que fora gobernador civil de Lugo ) ao que golpeou botándoo por terra, recibindo el puñadas do seu adversario, que lle rompeu as gafas e lle fixo feridas na cara,
Mantiña amizade con Mario González Zaera, introdutor en Sárria das JONS, e máis adiante Xefe Local, Xefe Provincial e Xefe Territorial da Falanxe en Galicia, ao que deu axudas para o equipamento dos membros desa organización politica.
Estivo moi comprometido co alzamento militar contra a República, permanecendo oculto na Coruña na primeira quincena de xullo de 1936. Non foi formalmente falanxista pero colaborou coa Falanxe facilitando a concentración de embros desta na Casa de Carrigueiros do Burgo ( Lugo ) que ao ser declarado o estado de guerra na capital provincial pasaron a ocupar puntos clave, con accións de detención e persecución de persoas afectas ao republicanismo , movementos sindicais e partidos da Fronte Popular.
Ademáis das aportacións económicas feitas , provisto dos correspondentes salvocindutos, moveuse en labores organizativas de carácter secreto, por Portugal, Norte de Äfrica e "Zona liberada". Acabou tendo un posto de responsabilidade en Salamanca , ao servizo da Secretaría Particular de Franco, exercida por Nicolau Franco, até que éste foi sustituido por Serrano Súñer, e nomeado Embaixador en Lisboa.
Con ocasión das "aportacións voluntarias de ouro" promovida pola Falanxe de Sárria, destinadas á adquisición dun avión, mentres que no resto da provincia se facían a traveso do goberno civil, formou parte da comisión que en Lisboa materializou esas aportacións, que non se destinaron á dotación indicada , senón que serviron para comprar pistolas e fusís.
A súa actuación en Salamanca e Burgos non ten sido estudada, pero é coñecida a súa participación nun proxecto de reforma da Policía, para a que propoñía seguir o modelo portugués, que non achou bon suceso ao ser protestada por outros sectores, mesmo dano pé a apertura de investigacións calificadas como "o asunto Saco".
Cando Mario González Zaera e Eduardo Gómez R, "Rerquejo" son fulminantemente cesados dos seus postos de Xefe Territorial e Xefe Local da Falanxe, ao seren acusados de graves abusos e de falla de acatamento á figura de Francisco Franco, pasa a ocupar o cargo de Xefe Local da Falanxe Tradicionalista y de las JONS, xurdida do Decreto de Unificación, o mestre e industrial Manuel Díaz Gómez, que se enfronta fortemente ao sector "hedillista" local , representado por González Zaera e Gómez R. Requejo.
Manuel Díaz Gómez presenta diante das xerarquías provinciais graves acusacións dirixidas contra Mario González Zaera, Eduardo Gómez R, "Requejo, Luis López López e Manuel Saco Rivera. No seu escrito verte acusacións contra Saco Rivera calificándoo de "cacique" e "masón", e de actividades irregulares en asuntos como os da venda do Convento das Mercedarias de Sárria, da Casa de Pardo ou a súa implicación no asunto do "Ajolín". Esta denuncia desemboca en actuacións drásticas das autoridades , se ben non dan lugar a esixenza de responsabilidades a Manuel Saco Rivera, que quedou á marxe do procedimento. Celebrado o Consello de Guerra en León, rematou coa condena de Mario González Zaera e Eduardo Gómez R, "Requejo" á pena de morte, fundamentada na existenza de graves abusos e de negación da figura de Franco como xefe da Falanxe. Na sentenza dada o 28 de xullo de 1938, e con relación ás actuacións de Manuel Saco Rivera lese: ..." Considerano: Que ao realizar a análise e ponderación da proba que obra no sumario e máis concretamente das declaracións da testemuña Xosé Viador Traseira, obrante ao folio 17 deste sumario, e dalgunha outra espallada polos demais folios sumariais, encontra certas imputacións e alegacións que estima son merecentes da correspondente sanción, previa a investigación oportuna opinando do mesmo modo con referenza ás constantes alusións que se fan ao que foi cacique e que en relación cos hoxe procesados actuou no pobo de Sárria, Sr. Saco Rivera, para que proceda como se crea xusto, se ben este Consello aténdose ao preceutuado no arttigo 591, ábstense de facer pronunciamento ningún limitándose a chamar a atención da autoridade xudicial, para que resolva en xustiza o que considere oportuno..."
Manuel Saco Rivera foi cesado nas súas funcións e recibiu ordes de asentar en Sárria, nun velado confinamento, e , segundo se ten publicado, fíxolle presente a Serrano os seus temores de poder ser vítima dun atentado, recibindo deste a seguridade de que tería proteción especial,
Na medianoite do día 24 de agosto de 1938, vinte e sete días despois da data da sentenza na que , fora dos reparos indicados no considerando antes citado, as acusacións vertidas contra Manuel Saco Rivera por Manuel Díaz Gómez "Chaquetón" non deran resultado, o "confinado Saco" estaba cos seus amigos no Casino de Sárria, edificio propiedade da familia Saco, estremeiro coa casa petrucial.
Despedíndose dos que nos salóns sociais seguían botou para a rúa e cando estaba a abrir a porta da súa casa recibíu disparos feitos dende o Calellón de Lois, ao amparo da escuridade , caendo malferido no chán, e alarmados os trasnoitadores socios dos tiros que resoaron no silenzo da noite amparárono dilixentemente recibindo axuda médica. Como , malia ao inesperado do ataque, el poidera coñecer ao autor dos disparos, díxolles que non acusasen a niguén que o municipal "Eirexalba" fora quen o abatira.
Postos en contacto co Cuartel da Garda Civil , que estaba perto da Estación do tren, comunicaron quen fora o autor do atentado.
Manuel Castro Castro," O Eirexalba" que recibira institucións, de que unha vez fixese os disparos baixase cara a Pedreira polo Calellón, non seguíu o consello, e dirixiuse cara o Cuartel coa intención de dar parte de que "oira uns disparos " na Vila, máis o que aconteceu foi que foi detido, confesando de inmediato que recibira ordes do Xefe Local da Falanxe Manuel Díaz Gómez.. Este na percura do "crime perfeto" encomendara a outros homes fieis a el que o agardasen por tras das paredes das hortas do Calellón de Lois e o matasen a tiros. A desconfianza do asasiño e o feito de que a vítima chegase a coñecer a súa identidade , botaron por terra a meditada planificación do "autor intelectual".
De nada serviron os intentos de lle salvar a vida e Manuel Saco Rivera faleceu ás 13:15 do día 25 de agosto 1938, segundo consta no Rexistro Civil de Sárria , Tomo 36 , Páxina 190 ).
O seguinte día 26 foi enterrado o seu corpo no panteón familiar do Cemiterio Municipal, e a prensa lucense non deu máis nova do funeral en Santa Mariña, condución e enterro que a contida en El Progreso ( 27.08.1938 ): " Na igrexa de Santa Mariña de Sárria, celebráronse onte ás 11 da mañá os funerais polo eterno descanso do señor don Manuel Saco Rivera , tendo lugar a continuación a condución do cadáver ao cemiterio municipal daquela vila. A estes actos asistiu un numeroso acompañamento . De Lugo trasladouse a Sárria con este motivo moita xente. Descanse en paz a alma do defunto e reciban os seus desconsolados familiares a expresión sincera da nosa condoenza"
Non houbo alusión ningunha á causa da súa morte, nin se cita a súa condición de ex-deputado. A censura era forte, e non se podía dar imaxe de inseguridade .
Detidos o autor material do crime e o indutor celebrouse de inmediato o Consello de Guerra en Lugo ( 28.08.1938 ) e deseguido foron pasados polas armas Manuel Díaz Gómez ( "Chaquetón", Xefe Local de FET y de las JONS , expulsado previamente da Falanxe ,) e o seu secuaz Manuel Castro Castro ( "O Eirexalba", tristemente famoso en toda a comarca , e enchufado como garda municipal, tamén explusado da Falanxe ).
E o día 30 de setembro, só seis días depois do atentado mortal o executor material e o indutor en aplicación da sentenza de morte en tan breve plazo dada, perderon a vida.Contan que eles tiñan o convencemento de que lles concederían indulto, crenza que tiveron até pouco antes de pasaren a estar diante do piquete de execución, e no aire quedou o anguriado inquérito " ¿ E logo non veu Viador de Burgos co indulto ?".
Xa entón chamou grande atención o feito da presa dada para pechar o asunto, dándose con iso lugar a suposicións de que todo poidera ter obedecido a instrucións de xerarquías superiores, con ordes emanadas dende instancias burgalesas.
Poucos días depois da execución de Díaz Gómez e Castro Castro o gobernador civil decretou o cesamento do alcalde e membros da Xunta Xestora do Concello de Sárria e do Xuiz Municipal e do segredario do seu Xulgado, por ter dado ocasión para o nomeamento de Castro Castro, como garda municipal, malia os antecedentes que como asasiño posuía e que eran de xeral coñecemento.
.....................................................................................................................................................................
Pasados os anos , aínda na actualidade se publican datos que leva á confusión, froito do descoñecemento dos persoaxes locais e do papel que no desenvolvemento dos feitos xogaron.
Tense publicado que " Eduardo Gómez Requejo , Xefe Local da Falanxe, foi o indutor do crime e que xulgado en Consello de Guerra celebrado en Lugo foi condeado a morte e posteriormente indultado ".
Isto é un erro manifesto. En 1938 "Requejo" non era Xefe Local da Falanxe, cargo do que fora destituido, e posto no cárcere no mes de xullo de 1938 foi condeado a morte en Consello de Guerra celebrado en León", previa denuncia de Manuel Gómez Díaz o que fai imposible que tivese comunicación co "Eirexalba" , estando como estaba no cárcere, no que seguiu,ao serlle conmutada a pena de morte, até que na ocasión do día da Vitoria , despois do remate da guerra, Franco indultou a varios falanxistas , entre eles tamén Mario González Zaera.
Tamén erran quen tal dín que coa súa morte percuraban que non poidese asumir a defensa de Mario González Zaera fronte ás acusacións contra el dirixidas, e que foron sancionadas coa sentenza de xullo de 1938 . E erran porque cando se produce a morte de Saco Pradeda a sentenza de morte, despois conmutada, xa fora dada e ningunha intervención letrada podería prestarlle , porque no cárcere estaba e nel seguiu. até que Franco o indultou,
O coñecemento dos termos en que foi redactada a denuncia inicial de Manuel Gómez Díaz, con graves acusacións dirixidas contra Manuel Saco Rivera, que non deron lugar a condea ningunha, poden explicar que o Xefe Local da Falanxe, Díaz Gómez, ao coñecer a sentenza que non o inculpaba, vendo que pasara a residir en Sárria, e coñecedor da opinión xeralizada na vila que auguraba para o Sr. Saco un futuro prometedor , chamado a maiores responsabilidades no Estado nacente, cecais temeroso de que dende unha posición de prevalencia poidese aquel botarlle en cara as acusacións contidas naquela denuncia, non achou outra saída que a da súa eliminación física .
Mais a estudada planificación do atentado torceuse cando " O Eirexalba" non baixou polo Calellón de Lois e tirou cara o Cuartel pola rúa embaixo. , dando cos seus osos no cárcere de Lugo o indutor e o executor.... E quedará sempre a dúbida: ¿ Por que agardaban que Xosé Viador Traseira viñese cun indulto da man a salvarlles a vida ? ¿ Por que houbo tanta presa en sentencialos a morte ? ¿ Por que entraron en capela tan deseguido ?.....
....................................................................................................................................................................
Documentación
INTERVENCIÓNS DO DEPUTADO MANUEL SACO RIVERA NO CONGRESO DOS DEPUTADOS
Diario das Sesións de Cortes ( Apéndice 3º ao número 138 ).
Enmenda do Sr. Saco ao art. 1º do dictame da Comisión de Agricultura sobor do proxecto de lei reguladora do arrendamento de fincas rústicas.
Ao Congreso: Os Deputados que suscribenn teñen a honra de someter á deliberación e aprobación da Cámara a seguinte enmenda ao artigo 1º do Dictame da Comisión de Agricultura sobor do proxecto de lei de Arrendamentos de fincas rústicas.
No remate do mesmo porase un párrafo que diga : " Exceptúanse tamén das disposicións desta lei, continuando rexindo as do Código Civil , salvo as modificacións transitorias de aquela , os arrendamentos de fincas rústicas cuxo prezo ou mercé , sendo inferior ás 500 pesetas anuáis . non excedan na súa extensión superficial en regadío e oito en sequeiro, sempre que o arrendador figure , por todas as fincas das que sexa dono no territorio nacional e que teñan natureza de rústicas , cun líquido impoñible inferior a 1.000 pesetas.- Palacio do Congreso, 13 de decembro de 1934.- Manuel Saco, Luis Rodríguez de Viguri e oito deputados máis.
Diario de Sesións das Cortes.- Sesión celebrada o martes 18 de decembro de 1934.
SR PRESIDENTE.- O Sr. Saco ten a palabra para defendela.
O SR. SACO RIVERA.- Señores deputados, na seguridade de non cometer niungunha inexactitude nin tampouco pecar de esaxerado , atreveríame a dicir que, entre todas as materias que na nosa Patria poden ser obxecto de modificacón por parte do lexislador, cecáis non haxa ningunha na que sexa máis exposto o aplicar un criterio de xeralización absoluto como na que fai relación ao réxime xurídico da propiedade inmoble e en especial da terra.
Constituida a nosa Patria por unha porción de rexións nas que consuetudinariamente se foi formando aquel de moi distinta maneira , o pretender que cunha lei de carácter xeral se poidan resolver en todas elas os diversos problemas que nas mesmas hai prantexados , sería tanto como pretender que, coa aprobación deste bproxecto, desaparecese dunha vez , e para sempre, as múltiples diferencias xeográficas, históricas , tradicionáis , etnográficas e até patoloxicas que existen nas diferentes rexións españolas. Efectivamente , o pretender que unha lei carácter xeral veña a resolver problema da terra en rexións de tan distinta natureza, é , sinxelamente , un imposible , Non podemos admitir que unha lei vaia a resolver ao mesmo tempo todos os problemas que a terra pranetxa nas diferentes provincias españolas, sen diferenciar as que teñen, en Galicia, un réxime de explotación minifundistas de aquelas que o teñen latifundista; aquela, cal as de Cataluña , na que a transformación do cultivo se verificóu polo traballo asiduo e constante do arrendatario e aquelas outras nas que , por ser de custe moi elevado e, ao mesmo tempo, aleatorio, tivo que facerse a trasformación do solo improdutivo , polo arrendatario, como en Canarias. Señores Deputados, eu entendo que o pretender que unha lei poida resolver con carácter xerral os diferentes problemas que ten prantexados o agro español, sería tanto como se, en vez de lexislar en materia de arrendamentos rústicos , lexisláramos sobor de arrendamentos urbáns e tomaramos como tipo para estes arrendamentos un suntuoso edificio da Gran Vía, sen ter en conta para nada as humildes cabanas e as modestas casas de campo, e aplicásemos a estas as carfacter´siticas de aquelas.
**************************************************************************************
DENUNCIA DE MANUEL DÍAZ GÓMEZ ( CHAQUETÓN ) XEFE LOCAL DA FALANXE EN SÁRIA CONTRA MANUEL SACO RIVERA, MARIO GONZÁLEZ ZAERA, EDUARDO R. GÓMEZ REQUEJO E LUIS LÓPEZ LÓPEZ.
Denuncia dirixida contra Manuel Saco Rivera, Mario González Zaera , Eduardo R Gómez "Requejo " e Luis López López feitas polo Xefe local da Falanxe de Sárria, que derivaron en Consello de Guerra en León, no que non houbo nin imputación nin investigación nin acusación penal dirixidas contra Saco Rivera.
Manuel Díaz Gómez trasladou denuncia ás xerarquías provinciais da Falanxe, na que, entre outras cousas dicía :
"....Convíñalles meterlle medo ás xentes para lles quitar máis doadamente o diñeiro e efectuaron unha serie de persecucións , detencións, tormentos e "paseos " algúns en condicións arrepiantes, dos que son mostra os terribles tormentos, seguidos da morte. infrixidos ao fillo de Francisco Gallego López, de Vilaesteva de Froián e D. Manuel Díaz González. Médico do Incio, na que interviu persoalmente o irmán do Sr. Saco Rivera., e efectuando , os do Gallego, por instigación do curmán politico do Sr. Saco Rivera. D. Fernando Taboada, en vinganza do seu criado de Mezur- Tamén interviu persoalmente o irmán do Sr.Saco Rivera no feito de sacar violentamente da casa do Médico D. Ricardo Núñez, ao fillo da viuva de Castaño, de San Fiz de Vilapedre, e darlle morte de xeito salvaxe" ( Consello de Guerra 1 / 1938, León).
...................................................................................................................................................................................
Esquela do falecemento de Manuel Saco Rivera ( El Progreso, 27. 08.1938 )
+
O SEÑOR
DON MANUEL SACO RIVERA
Faleceu na súa casa de Sárria ás º3:45 do día de onte
TENDO RECIBIDO OS SANTOS SACRAMENTOS E A BENZÓN DA SÚA SANTIADE
D, E, P.
O seu direitor espiritual , don Luis López Vázxquez; a súa descosolada nai, dona María da
Purificación Rivera López; irmáns, María das Mercedes e Francisco Xabier Saco
Rivera; tíos, curmáns e demais parentes.
Ao participar ás súas amizades tan sensible perda, róganlles que encomenden a súa alma a Deus e asistan aos funerais que se celebrarán na igrexa parroquial de Santa Mariña desta vila, hoxe, venres ,ás once, e deseguido á condución do cadáver ao cemiterio.
Sárria, 24 de agosto de 1938
Os Excmos,. Srs Arcebispo de Santiago e os bispos de Lugo, Ourense , Mondoñedo e Tui dignáronse conceder as indulxenzas de costume.
........................................................................................................................................................... E
En Sárria celebrouse, con asistenza das autoridades , o enterro de Saco Rivera
( El Ideal Gallego.- A Coruña ).- En Sárria celebráronse esta mañá solemnes funerais e enterro do cadáver de don Manuel Saco Rivera . Asistiu o gobernador civil, autoridades provinciais e locais e numerosísimas persoas de Lugo , Sárria e comarca".
...................................................................................................................................................................
Expulsión da Falanxe de Manuel Díaz Gómez e Manuel Castro Castro.
( 29. 08. 1938 ) El Progreso: Expulsións ( Xefatura Provincial do Movemento ).- Fago público que por disposiciòn do Secretariado Xeral do Movemento, comunicada no día de hoxe a esta Xefatura , foi acordada a expulsión de " Falange Española Tradicionalista y de las JONS" de Manuel Díaz Gómez (que previamente fora suspendido por esta Provincial no seu cargo de xefe local de Sárria ) e do afiliado Manuel Castro Castro.PorDeus, España e a súa Revolución Nacional Sindicalista. Lugo 28 de agosto de 1938.Terceiro Ano Triunfal.O xefe provincial do Movemento. Ramón Ferreiro Rodríguez.
.....................................................................................................................................................................
Celebración en Lugo do Consello de guerra contra Manuel Díaz Gómez e Manuel Castro Castro.
( 30.08.1938 ) El Ideal Gallego ( A Coruña ) Lugo.- 29.- Onte pola tarde no salón de actos da Deputación Provincial viuse o Consello de guerra por rebelión contra Manuel Díaz Freijo ( sic ) e Manuel Castro " ( Refírese a Manuel Díaz Gómez ).
........................................................................................................................................................................
Execucións en "vía preferente"
Morte de Manuel Castro Castro: Rexistro Civil de Lugo, 30.08.1938 ( Tomo 151, Páxina 260 )
" Na cidade de Lugo, Lugo, ás deazaseis e dez minutosmdo día trinta de Agosto de mil novecentos trinta e oito, perante D. Manuel Pérez-Batallón e Macía, Xuiz municipal suplente, e D. Félix Sáes e .Sanz. Secretario, procédese a inscribir a defunción de D. MANUEL CASTRO CASTRO, de trinta e dous anos, natural de Eirexalba-O Incio, provincia de Lugo, fillo de D. Manuel e de Dª Xosefa, domiciilado en Sárria,de...número...piso.... de profesión garda municipal e de estado solteiro, faleceu nesta cidade o día de hox ás trece e trinta minutos, segundo resulta de certificación facultativa e recoñecemento practicado, e o seu cadáver recibirá sepultura noi Cemiterio desta capital- Esta inscrición prasctícase en virtude de comunicación do Sr. Capitá, Xuiz Insttutor, D. Mariano Pérez Hickman e Hickman, que queda arquivada.. consinuándose ademías que outorgou etstamento o día da data, perante de Notario nesta poboación D. Isauro Pérez Pérez., téndoa presenciada como testemuñas D.Antonio López Barcia e D. Anxo García. maiores de idade e veciños de Lugo. Lida esta acta sélase co do Xulgado e asinana o Sr Xuiz, as testemuñas, de que ceertifico.
Manuel Pérez-Batallón.- Anxo García.- Antonio L. Barcia.- Ilexible
Morte de Manuel Díaz Gómez. Rexistro Civil de Lugo, 30.08.1938 ( Tomo 151,Páxina 261 )
"Na cidade de Lugo, Lugo, ás dez e seis e dazaoito minutos do día trinta de Agosot de mil novecebtos trinta e seis, perante don Manuel Pérez-Batallón e Macía,. Xuiz municipal, suplente, e D. Félix Saéz e Sanz, Secretariuo, procédese a inscribir a defunción de D. MANUEL DÍAZ GÓMEZ, de trinta e dous anos, natural de Laiosa-O Incio, provincia de Lugo, fillo de D. Mnuel e Dª Concepción , domiciliado en Sárria, de..., número...piso..., de profesión Mestre Nacionañl e industrial, e de estado solteiro, faleceu nesta cidade, o día de hoxe, ás trece e trinta minutos , a consecuencia de......., segundo resultya de certificación facukltativa e recoñecemento practicado, e o seu cadáver recibirá sepultura no Cemiterio desta capital. Esta inscrición practíacse en virtude de comunicación do Sr. Capitán Xuiz instrutor D. Mariano Pérez Hickam e Hickman , que queda arquivada, consinuándose ademáis outrogou testamento o día da data, perante o Notario nesta poboación D. Isauro Pérez e Pardo, presenciándoa como testemuñas D.Antonio López Barcia e F. Anxo García, maiores de idade e veciños de Lugo.Lida esta acta sélase co do Xulgado e asíanna o Sr. Xuiz , as testemuñas, do que certifico.
Manuel Péerz-Batallón.- Anxo García.- Antonio L. Barcia.- Ilexible.
..................................................................................................................................................................
Imposición de multas a autoridades xudiciais e municipais de Sárria
( 3.09.1938 ).- "Polo Sr. Gobernador foron impostas multas de 10.000 pesetas ao ex-xuiz municipal deSárria don Xosé Quiroga Vázquez, ao segredario xudicial don Euxenio Quiroga ;Macía e a cada un dos xestpores do Concello de Sárria por neglixenza nas súas funcións e por actuacións politicas alleas ao seu labor administrativo.
Goberno Civil da Provincia de Lugo.- Negociado 3º . Número 1.317.
Visto o recurso presentado poloos Sres. D. Manuel Armesto Paz , Amador Vázquez López , Xosé López López, Xoán Manuel Vázquez López, Valentín Vázquez López , Alexandre Vilachá Rubio, Amadeo López Sánchez Xoán Vázquez González e Manuel López Fernández, maiores de idade e viciños do municipio de Sárria , Xestores destituidos do Concello de Sárria , que foron multados con 10.000 pesetas, cada un, solidaria e mancomunadamente, por neglixencia no cumprimento das súas misións ao nomearen como Axente da Autoridade municipal , a un individuo de maos abtecedentes chamado MANUEL CASTRO CASTRO , que resultóu autor do asasiñato do Sr. SACO RIVERA.
Resultando , que neste Goberno con motivo do asasiñato cometido na vila de Sárria polo garda municipal Manuel Castro tivo coñecemento de que a Xestora daquel Concello nomeouno Garda municipal, por unanimidade sen se preocuparen nin da súa actuación política e dos seus antecedentes.
Resultando que os Xestores destituidos e sancionados , coñecendo como coñecían a situación económica do Concello , só por atenderen a indicacións persoáis de un dos Xestores realizaron o nomeamento de dous gardas municipáis , aumentando con iso, os gastos aos que tiña que facer fronte á esgotada Caixa municipal.
Resultando que algúns dos recorrentes afirnan non teren asistido á sesión na que foi nomeado Garda municipal ao Manuel Castro , mais non consta que practicasen xestión algunha na contra do tal nomeamenti , nin á aprobación da acta , impuxera impedimento algún, dando coa súa pasiva actitude e a súa neglixencia , aínda maior que os demáis Xestores, pois deixaron de asistiren á sesión sen xustificaren o motivo , unha razón máis á sanción imposta .
Resultando que os Xestores destituidos ao acodiren a este Goberno a entgregaren en man os recursos fixeron a manifestación verbal de que o nomeamento do garda municipal se fixera por imposición do Xestor que ao mesmo tempo era o Xefe local de F.E.T. y de las JONS.
Resultando que na sesión na que foi nomeado o Garda municipal só o Xestor, Matías Vázquez fixo a indicación de que o servizo de vixianza noiturna debía ser encomenda ás Milicias co que se harmonizaría a necesidade do servizo co plan de economía no que a Corporación se achaba colocada, pola necisidade imposta polas circunstancias que atravesaba a Facenda municipal, manifestación que despóis destrúe ao dar o seu voto para o nomeamento, que segundo consta en certificación , fíxose por unanimidade.
Resultando que tendo alegado algúns dos recorrentes as dificultades da súa situación económica en relación coa multa de dez mil pesetas que se lles impón , feitas as necesarias xestións en averiguación do que alegan e visto non só o expewdiente tramitado polo Xulgado de Sárria , o informe da Alcaldía, senón moi especialmente o da Garda Civil , coincidente cos anteriormente citados,
Considerando que os Xestores destituidos e sancionados contraeron ao nomearen dous Gardas municipáis polo nomeamento de Manuel Castro, unhan responsabilidade, pois non abondo alegar que lles era descoñecido , o que agrava a decisión , nin menos que que infliuiu no nomeamento a actuación do que era Xefe Local de F.E,T, y de las JONS, pois iso implica o recoñeceren que a súa actuación limitábase a confirmaren ou denegaren o que o dito Xestor propuxese, probando así dun modo evidente, a súa neglixencia .
Considerando que a maior abondamento , os Xestores que alegan a súa falta de asistenza á sesión, sen xustificación, agravan a súa responsabilidade e ademáis non se pode aceptar como eximente da mesma a tal falta de asistenza á sesión , pola razón de que sesións posteriores poidesen, se tivesen cumprido o seu deber , amosar algún acto , a súa non conformidade co nomeamento , o que non fixeron.
Considerando que a responsabilidade derívase da execución ou non execución de actos, é dicir, pola acción ou omisión incorrese en responsabilidade e os Xestores sancionados omitiron, aínda sabendo as dificultades da Facenda municipal , a obriga que tiñan de restrinxiren actos , e o que é máis grave, o adquiriren os informes necesarios e imprescindibles para nomearen Axente da Autoridade con notoria neglixenza que non ten excusa.
Considerando que está disposto que as sancións pecuniarias están na súa imposición e importanza en razón ás dispoñibilidades da situación económica dos sancionados, En uso das atribucións que me están conferidas veño en determinar o aceptar en parte o recurso interposto por Manuel Armesto Pérez, Amador Vázquez López. Xosé López López, Xoán Manuel Vázquez López, Valentín López Vázquez , Alexandre Vilachá Rubio, Amadeo López Sánchez, Xoán Vázquez González e Manuel López Fernández no senso de que se lles rebaixa a cuantía da sancioón que queda reducida;
Para D. Mauel Armesto Paz a 1.000 pesetas ( mil). Para D. Amador Vázquez López a 1.000 pesetas ( mil ). Para D. Xosé López López a 500 pesetas ( cincocentas ). Para bD. Xoán Manuel Vázquez López a 500 pesetas ( cincocentas ). Para D. Valentín Vázquez López a 2.500 pesetas ( dúas mil cincocentas) . Para D. Alexandre Vilachá Rubio a 5.000 pesetas ( cinco mil ),. Para D. Amadeo López Sánchez a 1.000 pesetas ( mil ). Para D. Xoán Vázquez González a 1.500 pesetas ( mil cincocentas ).Para D. Manuel López Fernández a 500 pesetas ( cincocentas )........
************************************************************************************
Comentarios
Publicar un comentario