SÁRRIA MULTICULTURAL (2022)

No mes de abril do ano 2022 o número total de cidadáns nados en paises estranxeiros é o de 1.801, e  799 teñen a nacionalidade española.

As nacionalidades destes veciños nosos, e o número deles por cada país,  son :

Colombia (268); Marrocos (132); Portugal (80); Venezuela (77); Brasil (67); República Dominicana (67); Rumanía (39); Bulgaria (35); Pakistán (35); Perú (34); Italia (33); Cuba (25); Arxentina (13); Uruguay (10); China (9); Reino Unido (9); Bangladesh (8); Honduras (6); Senegal (6); Alemania (5); Estados Unidos de América (5); Francia (5); Ucrania (5); Noruega (3); Angola (1); Arxelia (2); Australia (1); Bolivia (1); Camerún (1); Costa de Marfil (1); Croacia (1); Dinamarca (1); Ecuador (1); Ghama (1); Hungría (1); Irán (1); Lituania (1); Mauritania (1); México (1); Países Baixos (1); Panamá (1); Paraguay (1); Polonia (1); República Eslovaca (1); Rusia (1); Suíza (1); Turquía (1).

Paises Hispanoamericanos (505); Portugal e Brasil (147).

ANTECEDENTES

Un  italiano residente en Sárria.

No século XVIII un mozo italiano pretendeu casar cunha moza da vila de Sárria e os pais desta seguiron os trámites interesando, a través de Roma, da documentación necesaria. Pasado o tempo o mozo debeu desaparecer e a persoa que xestionara os papeis reclamoulle ao frustrado sogro o pagamento da xestión.

O primeiro chinés asentado en Sárria.

No ano 1868 chegou a Sárria, procedente de Manila, o chinés Xesús Ramón Somoza, nado en Shangay  o 31 de agosto de  1849. Este mozo era fillo de chineses, e foi traído a Sárria por Ramón Somoza (da Casa Grande dos Saavedra) que ocupara un cargo publico nas illas Filipinas, e ao facelo cristián deulle o seu nome e apelido.  

Casou con Dores Franco Pumares, coa que tivo os seguintes fillos: Ramona, María, Salustio, Luisa, Manuel, Xosé e Antonio Somoza Franco, que espallaron o novo apelido"Somoza" por diversos lugares. Adicouse ao traballo da madeira como ebanista e alzou casa na Estrada do Mazadoiro, na parroquia de San Pedro de Maside (actual Rúa Matías López, fronte do Forno de Pallares). Esta casa foi derrubada en abril de 2022. Coñecido na vila como "O Chino", faleceu o 17 de abril de 1893.

Estranxeiros en Sárria no remate do século XIX.

Ademáis de Xesús Ramón Somoza aparecen censados no concello de Sárria unha persoa nada en Nova Iorque e cidadáns españois nados en México.

Estranxeiros en Sárria no século XX.

Na década de 1930 estableceu en Sárria unha industria chacineira o alemán Guillerme Kappler, que se instalou na vila xunto coa súa esposa, asentando familia.

En 1936 -nunha relación de aportacións de diñeiro para o Exército alzado en armas- aparece a suscrición dun italiano residente en Sárria que se declara "máis patriota que moitos españois" o que non impedou que algún tempo despois fose sancionado como recoñecido "estraperlista".

Houbo ocasional asentamento de cidadáns portugueses que aquí matrimoniaron.

Nos anos posteriores á II Guerra Mundial viviron en Sárria alemáns (algúns empregados na empresa Wiloska, dos Kappler), húngaros...

Con motivo da instalación da factoría de cementos no Oural varios técnicos alemáns viviron en Sárria no tempo que durou a montaxe das instalacións.

A volta de emigrados/as en países extranxeiros, que casaran con persoas doutras nacionalidades, deu lugar ao asentamento de foráneos: italianos, franceses, cubanos...

Na década de 1970 chegaron  portugueses para traballos no campo, no que non se mantiveron moito tempo, e no sector da construción.


Comentarios

Publicacións populares