SAN SALVADOR DE SÁRRIA

Na antiga Vilanova de Sárria, máis adiante coñecida como A Pobra de Sárria, unha das súas parroquias foi posta baixo a advogación  de San Salvador, estando o seu curato formado polas parroquias de San Salvador de Sárria, San Martiño de Requeixo e San Salvador de Sárria. En 1891, suprimida a parroquia de San Martiño de Requeixo e engadidos a San Salvador os lugares de San Lázaro, Estación e Estrada do Mazadoiro, pasou a formar un novo curato con Santiago de Farbán, que foi rexentado por ecónomos pertencentes á Orde da Mercé.

Trátase dunha parroquia de reducidas dimensións, de natureza sempre urbana, que coa expansión da vila pasou a ocupar terreos das parroquias de Maside e de Requeixo. Mantívose ate 1891 dentro das estremas históricas con Santa Mariña de Sárria, Santiago de Farbán e San Pedro de Maside. Ampliou a súa superficie  pasando a estremar con Santa Mariña de Sárria, San Salvador de Vilar de Sárria, San Vicenzo de Betote, Santalla de Arxemil e San Pedro de Maside. A finais do século XX a remodelación parroquial da vila de Sárria, xurdida pola creación da nova parroquia da Nosa Señora do Rosario, reduciu a súa superficie, pasando a estremar coa da Nosa Señora do Rosario, Santa Mariña de Sárria, Santiago de Farbán e San Pedro de Maside. Na actualidade, rexentada polos Padres Mercedarios, forma unha unidade pastoral con Santa Mariña de Sárria e Santiago de Farbán.

A IGREXA PARROQUIAL DE SAN SALVADOR DE SÁRRIA

A igrexa de San Salvador de Sárria foi construída nas primeiras décadas do século XIII. Sendo coñecida como San Salvador da Vilanova de Sárria, nada ten que ver coa máis antiga igrexa de San Salvador de Sárria que resoa en documentos do século XII, e que, con toda certeza, hai que identificar coa igrexa parroquial de San Salvador de Francos, nas terras de Neira de Xusá (Baralla), alzada no espazo entón coñecido como Terra de Sárria, entre os ríos Neira e Sárria.

Á actual igrexa de San Salvador, da vila de Sárria, adicoulle un amplo traballo o Académico da RAG e Fillo Predileto de Sárria don Francisco Vázquez Saco, no que se ven algunhas imprecisións froito do descoñecemento de máis precias identificacións xeográficas, mais, na realidade, reflicte no esencial  o templo románico sarriao, convivinte ate 1883 coa desaparecida xoia do mesmo estilo sustituída pola nova igrexa de Santa Mariña, alzada con cargo á herdanza de don Xoán María López.

Don Francisco Vázquez Saco describiu así o templo:

"SAN SALVADOR DE SÁRRIA.- É unha das parroquias da vila, frecuentemente citada nos diplomas medievais do noso arquivo e documentada a partires do século XI (1).

Entre os moitos bens e igrexas D. Suario Monniz, fillo do Conde Monnini, coa súa muller dona Sancha Velaz, á igrexa de Lugo, figuran os seguintes: "In Sarriam Sanctum Salvatorem, Castellum et Sallam" (En Sárria, San Salvador, Castelo e Saa).

A escritura de doazón foi formalizada o ano 1094. No século XII cambia varias veces de dominio.

Non se nos alcanza como pertencendo a San Salvador á igrexa de Lugo, desde o ano 1094, vinte anos máis tarde, o 1114, doábaa dona Urraca ao Bispo de Mondoñedo, Don Nuno Alfonso, un dos autores da Compostelana.

Na escritura faise constar que a Raíña da a igrexa a instancias de Dona Sancha Velaz, que, co seu esposo, lla deran a Lugo, segundo deixamos consinuado.

Máis tarde torna ao dominio real. Non podemos concretar o ano; máis consta que pertenceu a D. Fernando II, que lla doou ao famoso Conde de Sárria, D. Rodrigo Älvarez, fundador esclarecido da Orde de Cabalaría de Montegaudio.

Efectivamente, o terceiro Conde de Sárria Grande Mestre xa da Orde por el fundada, suscribe un emocionante documento polo que doa ao Bispo de Lugo e á igrexa de Santa María, a de San Salvador de Sárria, en satisfación do sacrilexio que, encendido en furor diabólico, cometera na súa mocidade, contra a igerxa de Santa María do Val, en Ventosa, a que, en parte destruira  e o fresto reducira a cinzas.

No documento, datado no ano 1171, fai constar D. Rodrigo que a igrexa de San Salvador lle fora graciosamente doada polo rei D. Fernando II.

A partires deste momento, os Bispos de Lugo, poñen especial empeño en robusteceren o seu dominio sobre a igrexa de San Salvador.

O mesmo Fernando II, nunha carta datada en Toro, pouco despois do Concilio de Salamanca, no ano vinte e un do seu reinado, protexe con diversos previlexios ás posesións da igrexa lucense, e entre as que nomea "...in Sarria siguidem ecclesiam Sancti Salvatoris cum omni hereditate sua" ("en Sarria, a igrexa de San Salvador con todos os seus bens").

O 18 de xuño de 1179, expedía o Papa Alexandre III unha Bulda para confirmar coa súa autoridade apostólica as posesións e bens da igrexa de Lugo, tomándoas baixo da súa  protección: .."nostra protectiones suspicimus..". Entre as igrexas que cita figura a igrexa de San Salvador de Sárria, "cum omnibus suis pertinentis"... ("con todas as súas propiedades").

Non foi a única  confirmación dois bens da Catedral lucense, xa que outra Bulda do papa Lucio III, expedia o 2 de agosto de 1185, a petición do Bispo de Lugo, D. Rodrigo, renova o as confirmacións anteriores dos Papas Calixto, Inocencio, Adriao e Alexandre, concedidas mentres duraron as controversias  do pleito seguido entre a nosa igrexa e a de Ourense. Lucio III toma tamén baixo a súa protección os bens e ppsesións da Catedral lucense, entre os que enumera  a igrexa de San Salvador de Sárria "cum omni iure suo" ("con todos os seus dereitos").

Finalmente, o Tombo Vello da Catedral conserva a trascrición dun diploma de Don Afonso IX, polo que se confirma  co selo da súa autoridade os bens da Mitra Lucense, cita a igrexa de San Salvador de Sárria: "in Sárria ecclesiam Sancti Salvatoris". (2).

                    A actual igrexa de San Salvador, acusa  dous estilos e dúas épocas.

O frontis é francamente gótico e, aínda que máis modesto recorda, como xa advirte D. Angel del Castillo, as portadas de San Marco e Santa Mariña, na Macarena de Sevilla.

O ábside, en troques, é de traza netamente románica, e a porta lateral que fende o muro norte, é de transición con elementos arcaizantes.

A fábrica consta de nave rectangular, cuberta de madeira, hoxe oculta por falsa bóveda de barrotillo; é de abside con treito rectangular e cabeceira semicicular, con bóveda de canón e carto de esefra, respectivamente.

O tambor do ábside exterior  é completamente corrido, coa única interrupción de dúas semicolumnas  adosadas de basas moi toscas e sen capiteis.

A porta ábrese con arco lixeiramente apuntado, formado por unha arquivolta de baquetiña, perfilado no trasdous e intradous por un par de escocias, unha delas decorada con bolas.

Todo o conxunto vai gornido ao exterior por unha moldura orhada con cabezas de cravo, elemento  decorativo tamén dalgún dos canzorriños deste alzado, e propios do período de transición.

A arquivolta descansa nun par de columnas curtas apoiadass en altos retallos, de fustes  monoliticos, basas tóricas e plintos con garras.

Os capiteis ostentan follas e bastóns; no dereito asoma unha cabeza humana enre a decoración vexetal.

O tímpano, mestura de tosquedade e arcaísmo, exhibe a figura de Cristo Maxestade, cos brazos en alto, e o dereito en actitude de abenzoar (3).

Veste túnbica que lle chega até os pés, asucada monotamente de pregues verticias, e riba delas unha especie de casula gótica  con pregado angular asimétrico.

Ás dúas beiras, senllas árbores esquematizadas por toro e seis ponlas que saen, dúas a dúas do mesmo punto, trazando tres liñas horizontais.

De cada ponla colga unha froita, e na cima do toro ábrese unha cruz grega. Arredor desta decoración  inicianse relevos  que  se converten en baquetiñas ao perfilaren a mochetas e as xambas.

As mochetas nas que se apoia o tímpano decóranse  ademais con senllas cabezas humanas, que miran cara fora.

Son varios e finamente esculpidos os canzorriños que sosteñen o tellaroz no muro norte: cabezas  humanas, rolos, rosetas, puntas de cravo, etc.

Moitos sillares levan sinais lapidarias. Son de notar tamén as ferraxes da porta norte "

                                                                              Don Francisco Vázquez Saco

.........................................................................................................................................................

NOTAS. 

(1).- As maís recentes interpretacións documentais  con relación ao "San Salvador de Sárria" anterior ao seculo XIII inclinanse por ubicar esa igrexa en San Salvador de Francos (Baralla) que tamén se cita ás veces como San Salvador da Armeá. Como "San Salvador", sen máis, é coñecida esa parroquia en toda a contorna.

(2) No século XII a "Terra de Sárria" ía dende Berselos a Bande e até Ferreiros e Louseiro, dacabalo dos vales do Neira e o Sárria.

No Tombo de Samos dentro da Terra de Sárria aparcen nomeadas as parroquias de San Sadurniño de Sárria, Santo Antoniño de Sárria, San Salvador, Berselos, Bande...

A Vilanova de Sárria, e as súas paroquias de San Salvador e Santa Mariña, nacen nos anos finais do século XII e primeiras décadas do XIII.

"San Salvador, Castelo e Saa...". Castelo e Saa son topónimos que se manteñen na parroquia de San Martiño de Louseiro.

(3) Na opinión dalgúns autores non se trata dun Pantocrato, senón que a figura representa ao Rei Davide ou ben ao Rei-Sacerdote Melquisedech.

.................................................................................................................................................................

 A SANCRISTÍA VELLA

No século XVII o párroco Xoán Díaz de Guitián creou a Fundación da Sancristía para atender ao culto na igrexa parroquial, dotada con renda fixa de pan centeo, e sinalando as obrigas das persoas ás que se encomendou esa función. 

A Sancristía Vella, adosada á igrexa polo vento sur, ten a súa entrada dende o corpo central do teplo,

A SANCRISTÍA NOVA

No ano 1959 o ecónomo e comedador da Mercé frei Benxamín Fernández Villar, promoveu a construción dunha nova sacristía, que foi dotada de porta de acceso dende  o presbiterio, para o que houbo que rachar o tramo da parede entre arcos, e esa sancristía foi finalmente eliminada, e o que fora porta  interior foi sustiituíido por unha cristaleira que serve para dar maior claridade ao dito presbiterio.

 O CABIDO

Na frenteira da igrexa houbo un cabdio ou alpendre que servía de proteción fronte a chuvia mentrtes os fregueses agardaban para entraren aos actos de culto.

A ESPADANA

A primitiva igrexa contaba cun elemento  indefinido que servía de asento aos sinos, e que nalgunha ocasión aparece nomeado como "tinglado das campás".

En 1860, dentro de obras de reforzo sufridas pola igrexa, procedeuse á construción dunha espadana de dous vaos, segundo a disposición de outras da comarca, obra do canteiro local Castiñeira, e a ela se trasladaron as campás do Mosteiro da Madalena.

OS ENTERRAMENTOS

Até 1820 os fregueses e pasaxeiros mortos na parroquia recibiron enterramento dentro da igrexa, estando reservado o presbiterio para os cregos e familias destacadas. Tamén se enterraban dentro do templo os corpos dos peregrinos que falecían no Hospital de Santo Antón Abade.

Ao seren proibidos os enterramentos dentro das igrexas pasaron a facer as sepulturas no espazo inmediato á Corga de Matavellas, espazo triangular ao sur,  até que as autoridades crearon o primeiro cemiterio municipal perto da Capela de San Marco (parte baixa do Campo da Feira) e máis adiante no segundo cemiterio municipal feito na Cortiña do Pombal, que pertencera ao  Mosteiro da Madalena.

O ADRO 

Diante da porta principal e do cabido  existía un espaconzo pechado con muro de pedra, con cancela de ferro, destinado a adro que foi obxecto de alongamento  grazas á voluntaria cesión de terreos pola famia Loureiro, da Casa de Ferreiró, sendo lastrada e dotada dun banco corrido

OBRAS NA IGREXA

A igrexa de San Salvador foi desacralzado por un tempo no período da "carlistada", sendo fortificada  nos seus ventos oeste e sur cun parapeto de terra e pedra de boa altura, cando foi convertido en cuartel para as tropas acantonadas na vila.

En 1860 fixérose obras de reparo dos muros e do lousado, aos que se lles fixo rebaixo e eliminaron os parapetos e construiron a espadana.

Nos primeiros anos do século XX os mercedarios, xa á fronte da paroquia, fixeron novas obras, con dotación  de novo tellado, triubuna, pía bautismal de mármore branco, iliminación dos altares históricos, colocación de outros altares e imaxes e dunha reixa no presbiterio, e finalmente en 1915 instalaron nela o alumeado eléctrico.

Nos anos finais da década de 1950, con aportacións dos veciños, fixéronse novas obras e segundo as normas emanadas do Concilio Vaticano II nos primeiros anos 70 foron eliminados o altar maior e os colaterais, suprimiuse a reixa do presbiterio, colocaron  un altar de pedra, suprimiron o púlpito e a tribuna , lastrouse o corpo da igrexa e as imaxes foron colocadas riba de pedras encastradas nos muros laterais.

.............................................................................................................................................................

O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA MADALENA DE SÁRRIA

Dentro do termo parroquial  está o Mosteiro de Santa María Madalena, actualmente ocupado pola Orde da Mercé de Redención de Captivos, que recuperaron en 1896 este espazo  para  a vida coimunitaria.

A igrexa conventual da Mercé acolle a maior parte dos actos relixiosos da parroquia, agás a imparticíón do sacramento do bautismo que ten lugar na pía da igrexa parroquial.

O Mosteiro da Madalena, con orixe na capela de San Brais concedida darredor de 1200 a uns frades italianos para que establecesen alí un hospital para a acollida de  peregrinos que "ían cara Compostela", estivo rexido até 1568 por unha orde autóctona denominada dos Orde dos  Frades da Penitencia dos Venerables Mártires de Cristo, que seguían a Régoa de Santo Agostiño, e era orde autónoma con dous mosteirolos e hospitais dela dependentes  ubicados na Arzúa e en Ferreiros de Arzúa.

A igrexa e o hospital da Madalena de Sárria disfrutaron e especiais indulxenzas, similares ás que se gañaban en Roma, concedidas  polos papas Xoán XXII e Clemente VII.

En 1568 foi disolta a orde dos "madalenos" e forzosamente integrados os seus membros na Orde da Regular Ouservanza  de Santo Agostiño, pasando a dependeren da provincias de Castela.

O Hospital de San Roque, ou da Madalena, estivo en pé até mediados do século XVIII, e a atención aos peregrinos pasou entón ao espazo coñecido como "Hospitaliños Novos", que ocupaban o soto e o baixo da "Obra Nova".

En 1836 como consecuencia da Desamotización os relixiosos abandoraron o mosteiro e  as edificacións pasaron a mans do Concello de Sárria, previa cesión feita polo Estado, e ali instalou o Cárcere do Partido, e caendo en ruina  a Casa , o Concello  de Sárria devolveulla ao Estado, e coa intervención do Bispado de Lugo, fracasado o intento de que asentasen nel os Agostiños "Filipinos", foi cedido en 1896 á Orde da Mercé, que dende entón desenvolve alí a súa actividade relixiosa e pastoral, ofrecendo ademáis ensino no Colexio da Mercé, sendo de notar que tamén recuperou parte do edificio para a acolldia de peregrinos  no albergue que ocupa dependenzas que foron dos antigos hospitaliños.

..............................................................................................................................................................................

AS CAPELAS DA PARROQUIA DE SAN SALVADOR DE SÁRRIA

CAPELA DE SAN BRAIS.- Documentada a finais do século XII onde se alza o Mosteiro da Madalena, foi cedida polo Bispo de Lugo, aos frades italianos  fundadores do Hospital de Peregrinos, non lonxe da entón nacente Cilanova de Sárria.

CAPELA DE SANTIAGO DO MERCADO.-Estaba no primeiro espazo que serviu de asento á Vilanova de Sárria (por tras dos actuais cassetos do Campo da Feira). Aparece vencellada aos Arcediagos de Sárria e ao Mosteiro da Madalena, e aínda estaba en pé darredor de 1850.

CAPELA DE SANTA MARÍA DE BARBADELO.-  Situada  non lonxe do Mosteiro da Madalen e da Fortaleza de Sárria, e vencellada ao Mosteiro da Madalena. Nas primeiras décadas do século XVIII estaba vencellada ao Mosteiro da Madalena.

CAPELA DE SAN MARCO.- Situada perto da igrexa de San Salvador e da Fortaleza, na parte baixa do actual Campo da Feira. Na súa contorna estivo o primeiro cemiterrio municipal da vila de Sárria.

CAPELA DO HOSPITAL VELLO.- Formaba parte do Hospital de Peregrinos instalado no actual nº 16 de Rúa Maior, que acabou vencellado á Tulla e Fundación dos Guitián. Consérvase unha porta en arco propia da capela.

CAPELA DE SAN XOSÉ.- Pertencente á Casa Grande  dos Saavedra, estaba na chamada Casa da Palma, na Rúa Maior. Deixou de ser capela darredor de 1942.

CAPELA DE SANTA CATARINA.- Tiña altar propio dentro da Igrexa de San Salvador, tamén coñecida como Capela de Vilariño.

CAPELA DE SANTO ANTÓN ABADE.- Vencellada ao Hospital de Peregrinos de Santo Antón Abade (Rúa Maior 1), que acollía pelengríns de volta de Compostela.

................................................................................................................................................................. 

Cando  no ano 1891 se produciu o arranxo parroquial , pasaron a formar parte da parroquia:

a) A suprimida igrexa  románica, parroquial de San Martiño de Requeixo, pasou a ver limitada a súa función de lugar de culto, só ocasionalmente mantida.

b).- A capela de San Lázaro, que formara parte da parroquia de San Pedro de Maside, e que por un tempo se barallou que pasase a constituir unha  nova parroquia (Lázaro de Sárria), quedou finalmente dentro da parroquia de San Salvador, xunto cos nacentes barrios de San Lázaro, A Estación e a Estrada do Mazadoiro.

.................................................................................................................................................................

c).- Cando en 1909 se promoveu o Hospital Municipal patrocinado por dona Andrea de Andrés Sánchez, viuva de don Matías López, e primeira Marquesa de Casa López, a edificación alzada albergou  no seu interior unha capela adicada á Nosa Señora do Carme, que estivo servida por capeláns, e que ademais de daren servizo relixioso aos enfermos do Hospital e do Asilo e á comunidade das monxas, ofrecían as misas e outras funcións  aos veciños do Mazadoiro, Treilán e San Martiño.

................................................................................................................................................................... 

O TERMO PARROQUIAL

Nos máis de 800 anos da existenza da parroquia de San Salvador da Vilanova de Sárria-San Salvador de Sárria as estremas parroquiais sufriron variacións:

1.- Até 1891. Principiaba nunha cruz de pedra na rúa principal, no actual número 20 da Rúa Principal (Rúa Maior), seguía até a Capela do Campiño (na actual rúa Padre Sarmieto/Rúa Frei Luis de Granada); de ali ía á Ponte da Áspera, seguía até o  Marco dos Esqueiredos, de alí ía ao Marco do Pombal Vello, rematando na cruz de pedra, primeira demarcación.

2.- Até 1991. (incluindo a parroquia de San Martiño de Requeixo). Principaba a demarcación no número 32 da Rúa Maior, e seguía en liña recta atravesando a Rúa Marqués de Ugena, Rúa Matías López, Rúa Calvo Sotelo, e deixando á esquerda as casas da Rúa Vázquez Queipo, atravesaba  a Corga de Formigueiros, seguía polas Insuas até a foz dos ríos Sárria e Celeiro, seguindo pola estrema da parroquia de Betote até o Monte de Santa Cristiña. e polo Monte Pequeno e a Fábrica de Treilán seguía até a Ponte de San Lázaro, e polo río Celerio até augas enriba da Ponte da Áspera, continuando até o cruzamento da estrada de Lamarrigueira co camiño dos Fornos de Atrás (Os Esqueredos), e de alí ao Pombal Vello , cortando ao norde  até a primeira demarcación.

 3.- Actual delimitación (incluíndo algún espazo tomado da parroquia de Santiago de Farbán). Dentro das súas estremas están as seguintes rúas e prazas da vila de Sárria: Rúa do Barredo (Mestre Piquero).- A Calexa.- Camiño Francés.- Camiño da Veiga.- Campo da Feira.- Casteledo.- Castelo.- Castiñeiras .- Conde de Lemos .- Praza da Constitución.- Corga do Asno.- Corga do Convento.- Corga de Matavellas.- Cortiñas de San Lázaro.- Pombal.-  Esqueiredos.- Fornos de Atrás.- Frei Luis de Granada.- Rúa Xela Arias (pares e impares do 1 ao 17).- Marqués de Ugena (pares e impares do 48 ao final).- Marquesa Casa López (impares até o empalme con Matías López).- Rúa Maior (pares e impares do 1 ao 40 ).- Mercé- Miguel de Cervantes.- Padre Sarmiento.- Pedro Saco (dende Rúa do Porvir  á Rúa Nova).- Porvir.- Rosalía de Castro.- San Lázaro.- Praza da Constitución.- Praza de San Roque.- Praza da Vila.- Santiago do Mercado.- Vázquez Saco.- Velázquez.

.......................................................................................................................................................................

Froito da  máis supina iñoranza, e nado o erro duns traballos dirixidos á proteción do Casco Histórico da vila de Sárria, xentes enteiramente alleas á vila de Sárria, que non foron quen xiquer de consultar o nomenclátor local ou as constantes referenzas históricas, e contando coa pasividade das entidades oficiais que os contrataran, non tiveron mellor ocurrenza que darlle o nome de SANTA MISIÓN á igrexa de SAN SALVADOR.

¿Como se puido producir tan estulta sustitución? Moi sinxelo: Os "creativos" profesionais ollaron a cruz de mármore branco que recordaba unha "Santa Misión" celebrada en Sárria nos anos finais da década dos cincuenta. E como os "bautismadores" descoñecían que unha Santa Misión non é outra cousa que a celebración dunhas xornadas de penitenza e conversión masivas de mans de pregadores  activos, inventaron unha nova santa, por suposto sen autoridade ningunha, nin permiso eclesial...

E o certo é que nalgunhas páxinas segue a aparecer a igrexa parroquial de San Salvador de Sárria (igrexa e non capela) como se o seu nome fose o de igrexa ou capela de "Santa Misión".


Comentarios

Publicacións populares