MOSTEIRO DE SANTIAGO DE MORTOLAIS (FROIÁN-SÁRRIA)

O MOSTEIRO DE SANTIAGO DE MORTOLAIS EN SAN PEDRO DE FROIÁN

 SANCTUM   IACOBUM  MORTOLANES ( 907- 1011 )                

O desaparecido MOSTEIRO DE SANCTUM IACOBUM "in villa qui est ad Sanctum Petrum ad Campos, ubi dicunt Mortolanes" (trad: "na vila que está en San Pedro en Campo, onde din Mortolais") foi un pequeno mosteiro integrado dentro da órbita do Mosteiro de Santiago de Barbadelo, que, como este, acabaría caendo baixo á éxida do Mosteiro de Samos.

Estaba situado na  parroquia de San Pedro de Teilonxe, ou San Pedro de Froián.

A máis antiga referenza a Santiago de Mortolais (Mortoláns), entre as que se gardan no Tombo de Samos, está datada en 18 de marzo de 907 e refírese á doazón feita polo presbíero Seserico, quen lle dá ao Mosteiro de San Xacobe, na vila de Mortolais, "todos os seus bens ...terreos, cabalos, animais, libros, vestidos, casas, cubas, cubetos e ademáis as terras que el mercara, a carón da igrexa, no xiro e pola mesma vila".

29 de marzo do ano 958: "..et item VIIIª villa qu est ad sanctem Petrum Campos, ubi dicunt Mortolanes, que fuit de Recemera et de Felello, extra illum casalem quod dedimus ad Donello" (trad.: "e ademais a oitava vila que está en San Pedro en Campos, onde din Mortolais, que foi de Recemera e de Felello, agás o casal que lle demos a Donello"). Tomado da escritura de doazón de Cartamiro e Vidirilli, do Mosteiro de San Paio de Cesár e outros bens.

3 de xuño de 976: "et allias ecclesias in Froian: sanctum Vicentium et sanctum Iaciobum cum suis opibus  vel omnibus bonis suis..".(trad. "e outras igrexas en Froián: San Vicenzo e San Xacobe coas súas obras e con todos os seus bens..". Doazón feita por Sunila a favor de Vermudo.

Ano 1009: "Sanctum Iacobum in Froian quomodio es conclusum cum suis  dextris et cum omnibus  sus testantiis et aiacentiis". (trad.: "San Xacobe en Froián do xeito que está  rematado cos seus destros e con todas as súas prestanzas e adxacenzas"). Nova  dos bens doados por Vermudo Sunilani a Samos e ao abade Mandino.

En 21 de xaneiro de 1009: "... et alia ecclesia in Froian: Sanctum Iacobum hic etstamos ad Barbatelum ad fratres...". (trad.: "... e outra igrexa en Froián: San Xacobe aquí a testamos a Barbadelo para os monxes..."). Doazón de Vermudo Sunilani a Samos.

En 18 de novembro de 1011.."Villa de Sancto Iacobo que fuit de parentibus meis". (trad.: "A vila de San Xacobe que foi dos meus pais"). Anexión feita pola abadesa de San Paio de Piñeira, Fernanda, a favor de Samos.

Extinguida a vida monacal, séculos despois, está documentada a pervivenza nese espazo xeográfico da Ermida de Santiago ou Capela de Santiago, e o Foral da Ermida, que formou parte dos bens e dertios de San Xulián de Samos até a Desamortización, cando o pequeno templo desaparece, foi a única memoria que daquela institución restou, sen que quedase denominación referente ao nome de mosteiro ou a Mortolais, e ningunha razón quedou grabada na memoria colectiva.

No século XVIII aparecen documentados como moradores no "Barrio da Ermida "Pedro López, casado con  Xoaquina Díaz , a súa filla  María Díaz López e Xosé de Neira "Patornilla" ( na parroquia existe unha casa coñecida como Casa de Patorna). 

Por unha escritura de 27 de xullo de 1772, outorgada por frei Pedro Palomino, Procurador Xeral da Abadía de Samos, segundo datos obrantes no Rexistro de Hipotecas de Sárria, Simón Díaz Valcarce recibiu o FORAL DA ERMIDA, en renda de 50 fanegas de centeo.

Por esa escritura podemos coñecer cal foi o espazo vencellado, como couto redondo, á vila e mosteiro de San Xacobe de Mortolais, cuxas estremas eran as seguintes: 

Principando  no Rigueiro do Pontón seguía pola Campaza da Igrexa e o Camiño de Vilaesteva  até unha cruz que había no Camiño Real, e polo Cabo do Agro do Lameiro , un leiro do lugar do Penedo ía até O Marco do Chao do Lameiro;  había despois tres marcos pequenos antes de chegar ao Marco do Seixo, e por un regueiro sen auga alcanzaba a Agra do Muro, seguindo ao Campazo das Fontelas, e polo valado de Lamelas chegaba  á Fontela e o Chao do Muro, Fonte de Lama Longa ,  Corga do Barriro, Cortiña da Veiga, Cortiña de Teilonxe, Prado de Pontón do Igrexario até rematar no Rigueiro do Pontón.

            FORAL DA HERMIDA  DE  SANTIAGO  NA  PARROQUIA DE SAN PEDRO DE FROIÁN

                                          ( Escribán Sebastián López Taboada, Granxa de Abuí,  27 de xullo de 1772 )

As estremas principiaban  na BOCA DA CORGA DE BARREIRO , e ven demarcando por riba da CORTIÑA DA BURGA  e por riba da CORTIÑA do lugar de TEILONXE, até da no PRADO DO PONTÓN DO IGREXARIO, e demarcando con el  até a punta do PRADO  que pega no RIGUEIRO DO PONTÓN, e dalí dá volta pola beira do rego e vai demarcando  cara enriba coa Campaza do Igrexario, mellor dito, da IGREXA DE SAN PEDRO, e dende a LAMELA  vai sobindo  polo CAMIÑO DE VILAESTEVA , até pegar no CAMIÑO REAL  que ven de Sárria, onde está unha CRUZ, e logo atravesa o camiño onde está un MARCO, e ñlogo va demarcando con despois tamén  con outra,demarcando con el todo derteito...... HERDADE  do lugar do RIGUEIRO , que está no cabo do AGRO DO LAMEIRO, demarcando con el   torcendo cara VILAESTEVA , e vai demarcando despois tamén até chegar  a outro LEIRO  do lugar do PENEDO, demarcando  con el en todo  dereito cara Vilaesteva, e vai demarcando despois  tamén con outra HERDADE  do lugar do REGO  e con outra do IGREXARIO  que a leva o Cura, até  chegar a unha herdade  do lugar de RIBELA , onde está un MARCO grande de pedra no dito CHAO DO  LAMEIRO, e dende alí volve cara enriba  demarcando co lugar de Ribela  e con outro do Igrexario até onde está outro MARCO no canto  de arrib, e desde o dito marco  volve dereito cara Vilaesteva, demarcando  por abaixo coa dita  herdade do Igrexario ate outro MARCO GRANDE  de pedra  branca  que é seixo,   que está cabo da dita hertdade  e desde o dito marco  volve cara  abaixo dereito ao camiño que vai  para a Igrexa , até seis brazas ,  demarcando con herdade  dita de RIBELA ,  e outra do Igrexario , onde está outro MARCO  cunha morea de terra  e desde alí volve dereito cara  Vilaesteva  demarcando co lugar de Ribela  até dar nun regueiro sen auga que  está no dito agro,  enriba da AGRA DO MURO onde está outro MARCO  e desde alí volve dereito  cara enriba da Agra do Muro a pegar no camiño  que vai para oa ditos agros enriba  dende Vilanova para a Serra demarcando con herdade do lugar que posúe  Xoán do Penedo  e Bieito do Castro, Diego González, Lugar de Ribela e Lázaro Fernández, no dito camiño até un MARCO, e vai demarcando  polo camiño enriba trinta e oito pasos  até onde está outro MARCO , que está augas vertentes, e dali volve demarcando  con herdade que posúe Alonso do Castro  e Xoán González do Curral, e vai dereito á CAMPAZA que está riba das FONTELAS e a CAMPAZA  e do Lugar do Castro, onde está outro MARCO , e dali volve  dereito  abaixo até o VALADO DAS LAMELAS  DAS FONTELAS  e despois volve  cara a HERMIDA , polo valado dereito demarcando  coa dita herdade do Castro , e con outra herdade do dito Igrexario , e doutro do lugar  do Rego , e vai dar cabo  até a cabo   do valado , onde está  unha FONTELA , onde está outro MARCO  e dende ali volve dereito cara enriba á SERRA , demarcando coa dita herdade do  Rego  até a cima dela , onde está outro MARCO   no CHAO DO MURO e dende alí  volve dereito cara San Salvador da Pena   demarcando da dita herdade  do Rego e Igrexario  até o CABO DO LEIRO DA IGREXA , e dende alí volve dereito enriba  cara a SERRA , demarcando  co lugar do Penedo  dereito até a cerra do AGRO DO MURO ,  que está na Serra,  dende a dita cerra  volve toda ela cara abaixo para o LUGAR DA HERMIDA  até chegar no CAMIÑO  REAL  que ven ou vai para  Sárria e dende alí volve polo camiño enriba  atè vinte brazas  e dende alí volve a onde chaman a FONTE DE LAMALONGA  e  a carón da fonte  está un MARCO  e vai demarcando  polo RÍO DE LAMALONGA  abaixo a pegar  na CORTIÑA DA LAMA  e de alí volve atravesando  dereito á CORTIÑA DA FOZ e  augas vertentes  no alto  que está máis adiante  da dita CORTIÑA DA FOZ  augas vertentes  no alto que está  máis adiante  da dita CORTIÑA DE CIDO  e MARCO DE GUIDELO , e dende o dito MARCO e ALTO DA CHA DO CASTRO  volve cara abaixo  a outro MARCO  que está   en fronte do RECANTO DO AGRO DE TRAS DO  CASTRO  e  dalí  dereito ao MARCO DO VALE  e dalí  a outro  que está en todo o baixo  do AGRO DE TRAS CASTRO  e  dali vai   a uns  PENEDOS BAIXOS  que están máis adiante cara TEILONXE  e vai  dereito  ao CHAO DA VALIÑA  onde está un VALADO que chaman das POZAS,  onde está un MARCO  e dalí volve  dereito demarcando con MONTES DE TEILONXE  en dereit ura á CORTIÑA DA NURGA e CORGA que vai  para o lugar  onde comezou  a primeira demarcación".

                                                  ********************************

A Asociación Cultural e Veciñal constituída na freguesía de San Pedro de Froián leva o nome de "Mosteiro de Mortoláns", cuxa sede está perto da igrexa parroquial perto da estrema sur do antigo couto do mosteiro e do foral del derivado.


Comentarios

Publicacións populares