A FESTA DO MAIO EN SÁRRIA ( 549 )
A FESTA DO MAIO EN SÁRRIA ( 549 )
Xaime Félix López Arias
Somos, desgraciadamente, unha vila desmemoriada na que só un labor de sustitución vai facendo tradicións que non van máis aló de uns lustros atrás, con un mimetismo do que se fai noutras localidades, porque o brinco poboacional, a variada entullada dos novos íncolas, non arraizóu nos valores propios, que foron desbotados como consecuencia desa actitude de " autoodio" que enos ten caracterizado como pobo.
As vellas tradicións ( Nadal, Entroido, festas populares.... ) non presentan características definitorias ou propias, senón que teñen referenzas ao que se fai noutraas vilas e cidades, mesmo lonxanas, e por iso ( agás a romaxe dos Remedios ) son actos distantes e pouci metidos no sentimento , e sen atracción fora do radio máis de perto, para quedaren no mero espectáculo ou teatralización forzada, en nada entroncados nunha liña participativa e de compromiso cos propios valores..
Non sempre foi así. Máis de cen anos atrás a vida da vila seguía os ritmos vitáis dos meses e as colleitas, nunha continuidade fortemente arraizada no sentir colectivo.
Poucos saben que o eminente Cronista Oficial de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar e Guitián , viviu en Sárria e grazas ao seu labor de estudo podemos coñecer moitas das manifestacións populares que , nas primeiras décdas do século XX, tiñan lugar nesta terra.
No diario de Santiago " El Compostelano" publicóu máis de cincuenta artigos nos que aparecen contos, pasatempos, 120 adiviñas , 1.600 xiros, modismos e vocablos , 1.300 ditos e refráns, 170 cantigas e fálase de costumes, industrias,, das troitas e dos froitos, dos ríos e das pedras abaladoiras.... segundo manifestación do autor, que pretendía recoller ese traballo nun volume de 350 páxinas baixo o tíduo de "Folklore das terras de Mondoñedo, Sárria e Santiago". Bebendo nesa fonte sabemos que a perdida tradición dos "Maios" estaba viva en Sárria , e que en 1901 aínda os rapazolos de 10 a 16 ou máis anos sairon ás rúas a festexar " O MAIO",
Segundo Lence Santar " O MAIO " vestiase na Costa de Fafián con xestas de flores brancas , e como iso cadraba lonxe acabaron vestíndose en Casteledo , con canaveiras ou na Viña do Chao con xestas de flores amarelas.
" O Maio" era un dos rapaces de máis tempo, e don Eduardo, da súa infancia en Sárria gardaba lembranza de que fixeran ese labor " Conexo ", "Mexiñas", " Mariposo" , " Góndolo" , " O Neno de Florentino" , " Pedro do Cortello", " Pelesa" , " Bocacha", " Cernellos" , " Levita", " Cabalo" , " O Listo", " Mordorellas" , " Rosquilleiro", " Manel das Ánimas " e " Manoel do Lugo".
Saían os rapaces ás rúas e poñéndose todos en roda darredor do Maio , cantaban cantigas como as que recolléu Lence Santar :
" Ehí ven o Maio / Maíño é / Ehí ven o Maio / que ven de pé./
Vistilo Maio, / vistilo ben / pois barriguiña / tamén vo-la ten./
Déanos as maias , / Señor Capitán : / Déanas as maias / da ucha do pan./
Déanos as maias, / Señor Coronle: / Déanos as maias / da ucha do mel./
Déanos as maias, / Señora María : / Déanos as maias / que cantan na criba. /
Ehí ven o Maio / por tras do Convento / Ehi ven o maio, / cargado de formento./
Ehí ven o Maio / por tras das silveiras, / Ehí ven o Maio / correr ás costureiras./
Santa Cruz de Maio , / ¿ Que haces aquí ? / Aguardando por Cristo / que viene tras de mi./
Vamos a la iglesia / que hay que admirar : / Cristo clavado / y su Madre a llorar. /
Aunque soy el Maio / también traigo uñas / y a mis compañeros los trato de garduñas./
Aunque soy el Maio / también traigo dientes : / y a mis compañeros / los trato de valientes./
Aunque soy el Maio / también traigo flores / y a mis compañeros los trato de ladrones./
Levántate Maio / da cama da pulga / cos farafoles / i-a fariña muda./ "
Denantes de cantar estas cantigas , afirma Lence Santar , " dous rapaces dos de máis tempo deitaban o Maio , e ao tanto que cantaban todos, mirando para el e téndoo arrodeado , erguíano engorde , dándolle cada un unha man . O Maio levaba un pano nunha man , e na outra unha vara longa, do xeito dunha aguillada que, si lle non botaban castañas, conchos ou cartos, daba fortes vareadas aos rapaces".
" Nasa casas tiraban polos balcóns, polas ventanas e polas portas, castañas, conchos e cadelas . Onde máis castañas era na casa de Saco, na da Estafeta, na de Farroquito, na de Varela , na de Freixo, na de Florido e na do Barrio".
Di don Eduardo que " a señora vella de Batallón tiña sempre un cesto de conchos para os rapaces, e o Moreno ( don Matías ) tirábales dúas ou tres presas de cadelas. O tendeiro Taíde , que era un famento - e iso que estaba rico coma un chocho , fora a alma - , tentouno o demo , un ano, de tirar dous ichavos ; pero os rapaces, non só o aporrearon, senón que lle guindaron pedras ás ventanas e esnaquizáronlle os vidros".
Esta referenza ó Maios de 1901 serve de mostra da perda dunha tradición , do rompimento dun elo vitalista, que noutras vilas e cidades souberon conservar e así vemos como Pontevedra ou Ourense, e moitas vilas da costa, manteñen unha fermosa tradición.
Nos últimos anos , nalgún dos colexios da vila de Sárria , recuperáronse os Maios , como unha tarefa case leitiva, que é de agradecer e que é proba de que os profesionáis do ensino , cada vez maís , se implican no espallamento dos nosos valores e costumes.
Con todo bon sería que as numerosas asociacións culturáis de Sárria que teñen a gala estaren comprometidas coa cultura galega , desen un paso adiante e o Maio saira de novo ás rúas e prazas da vila.
Non habería nada que imitar de alleas localidades , pois Lence Santar recolléu unha pauta , e sabemos como se celebraba a Festa dos Maios na vila. Poñer ao día unha vella tradición parece labor suxerente para calquera das asociacións que adican o seu tempo ao folclore.
Protexer e divulgar o "saber popular " esixe tamén saber o que o pobo facía. Adicarse só á arqueoloxía folclorica sen laborar polo folclore vivo e participativo condean os esforzos á inanición , E máis tendo en conta que se trata dunha festa da mocidade , da beleza e da exaltación da primavera que se conserva en toda Europa. Conservar as tradicións tamén é ser modernos.
¿ Voltarán os mozos e mozas de Sárria algún día a correr o Maio e facer cantigas con teimudos ferretes ?.
Comentarios
Publicar un comentario