PULPEIRAS DE SÁRRIA ( 551 )
PULPEIRAS DE SÁRRIA ( 551 )
Por Eduardo Lence-Santar e Guitián
As pulpeiras eran unhas mulleres traballadoras da terra do Carballiño , na provincia de Ourense, que vendían nas feiras polbo cocido. Tan agudas eran que vían nacer as herbas e botábanlle a conta aos pelos dun can.
Tódalas pulpeiras traguían dengues azuis e longos e repinicados pendentes amarelos. Ademáis unha chamábse Eulalia i era tida por boa persoa. Unha súa filla estaba casada cun tal Rogelio. A Eulalia foron tantos os cartos que gañóu co polbo que se valía ben e hastra lle deu a carreira de crego a un seu fillo.
O polbo levábano , sacábanlle o escaravello para que cocese ben e batanábano moito a víspora.
Ás dez do día cocíano nos caldeiros , que eran moi grandes, con moito coidado e pouco lume , tendo o caldeiro riba de tres pedras.
O polbo da Eulalia sempre estaba moliño como a manteiga , branco por dentro e con toda a pel.
O que non estivese afeito a mercar o polbo era roubado, porque as pulpeiras pedían por un polbo pequeno oito ou nove pesetiñas e logo dábano si se lles axustaba , por oito reáis.
Xunto dos caldeiros , no chao, había un fato de grandes pratos de barro i algúns de madeira i unha grande alcúzara con aceite, tapada as máis das veces cunha pataca. Enriba do caldeiro , á esquerda, derriba dunha táboa , un bote con furados , con pimento picante i outro bote ou prato con sal.
O polbo sacábano do caldeiro co rabo dunha cuchara do pote , para que o vise ben a xente, poñíano nun prato i espallábanlle ben os rabos.
Cada pulpeira tiña unha gran tixeira suxeta á cintura i grande faltriqueira, presa tamén á centura , para gardar os cartos.
De axustado o polbo , colliano as pulpeiras coa man esquerda e coa dreita tallábano coa tixeira en tallladas pequenas , nun prato, e logo adubábano con pimento, sal i auga do caldeiro, que estaba fumegando , dando a probar unha tallada na punta da tixeira .
Moitos eran os parroquianos que o polbo tiña, moitos dos cales iban solo á feira por comelo. I a verdá seña dita, o polbo da Eulalia saber, sabía de tal xeito que mesmo consolaba.
¡ Ai, quen podera comelo como o comiamos nós daqueles meigos tempos pasados, pasados para non volver ! .... Prosigamos co conto.
Eran bos parroquianos do polbo, Antón de Pintín, Chousa de Lavandeira, don Hilario Pombo, París de Supena, don Juan da Raña , o Périto de Vilapedre , o Estudiante de Ferreiros, Goyanes do Mato , a Señora de Perros, Consuelo de Vila de Mouros e don Pepito das Pasantes.
Todos iles despois de mercar o polbo , collian un xarro de viño e dous ou máis pantrigos dobles da Duquesa , de Juanita do Preñado, de Pepa do Cheirón, das Pencas, das Tiranas, da Góndola ou da Albina da Pedreira e, si o tempo estaba enxoito e quente, os máis diles, na compaña dos seus ou dalgúns amigos , iban xantar á carballeira da casa do Campo da Feira i os outros aos pendellos.
Como o polbo tiraba polo viño de Lemos, non solo nadie se conformaba cun xarro , senón que había moitos, coma Chousa e Marí Blanca, que traguían a tres e a catro.
Pro Chousa, ademáis do polbo, quería sempre unha empanada de carneiro, das que facía a Góndola.
En verbo ao dulce todos tiñan a menos mercalo, a non ser a Señora de Perros, que mandaba catar un pano de roscas da que vendía Florentino, e non deixaba unha.
( Publicado en EL PROGRESO, 18.07.1940)
Comentarios
Publicar un comentario