MOSTEIROS DA TERRA DE SÁRRIA ( 649 )

                                       MOSTEIROS  DA TERRA DE SÁRRIA                               (  649  )

Na Idade Media nas terras que compoñen a comarca sarriá    coñeceron a existenza de non menos de cincuenta institucións monásticas: eremitorios , mosteiros e mosteirolos , nos que os relixiosos facína vida en comú, seguindo as régoas dos Santos Padres. Moitas das  casas cenobíticas   eran de tipo familiar ,  nos que as liñas abaciáis correspondían sucesivamente  a membros do mesmo sangue    e unha boa parte dos monxes e monxas  eran familiares daqueles que presidían as comunidades.

Vencellados a estes  mosteiros estaban os vasalos e as terras   de onde se obtiñan os recursos económicos para atender as necesidades de vestido e alimento dos  relixiosos , a atención do culto nas igrexas  e anexos ,  a dotación de luminarias dos altares , o recibimento de pobres e peregrinos, e  para  facer  as obras  das  casas  da súa moradía, ermidas e capelas , arranxo de camiños  e  formación de pontes  , e formación e incremento do armentío mosteiral e a percepción de rendas pola cesión de aproitamentos da fincabilidade propia, todo o  que convertía  en auténticos " señores " e potentados  aos superiores desas comunidades relixiosas, engrandecidas coas doazóns de bens  por reis, nobres  e particulares   ,

A Comarca de Sárria , no dicir do Padre Sarmiento , constituiu  unha auténtica " Ribeira Sagrada" , pola proliferación de  casas cenobíticas, que na maior parte dos casos acabaron caendo baixo o dominio do Real Mosteiro de  San Xulián e Santa Basilisa de  Samos.       

A existenza de tan elevado número de  mosteiros  condicionóu o xeito de vida  de xerazóns de servos e campesiños que puxeron  en    produción  veigas ,  searas, gándaras e montes a poulo e poboaron casares e aldeas . Todos os actos da vida das  comunidades  , na sucesión dos séculos ,  xiraron darredor das normas impostas polo monxes e o clero parroquial . O proceso de cristianización  conformóu  o carácter  de homes e mulleres  e os valores comunitarios.

 ***********************************************************************************

                           A VOZ " MOSTEIRO" NA  TERRA DE SÁRRIA

MOSTEIRÓ.-   Lugar da parroquia de Santa María de Góo ( O Incio ), na beira do río Mao ( encoro  de Vilasouto ) . En 1981  tiña dúas casas e  8 habitantes  . O seu nome é a evolución da denominación " Mosteirolo "  ( diminutivo de mosteiro ), que se debe á existencia dun pequeno mosteiro. Hai memoria da existenza dunha capela.

MOSTEIRO.- Paraxe perto do Piornedo, na parroquia de San Salvador do Mao ( O Incio )

MOSTEIRO ( O ).-  Casar da parroquia de San Pedro de Bande ( Láncara ) . En 1870 tiña unha casa  habitada e 1 deshabitada.  Foi o lugar onde estivo asentado  o Mosteiro de San Salvador de Bande.

MOSTEIRO ,- Paraxe en Santiago de Cedrón ( Láncara ).

MOSTEIRO.-  Nome oficial  recibido pola escola de ensino primario chamada de Mosteiro- Cedrón  ( Láncara ),

MOSTEIRO.- Paraxe perto de Souto de Ferradal ( Láncara )

MOSTEIRO VELLO ( Mosteirovello ).- Lugar da parroquia de Santa María de  Castro do Rei de Lemos ( Paradela ).  No seu Campo da Feira celébrase a Feira do Tres.

MOSTEIRO ( O ).- Casar da parroquia de Santiago de Barbadelo ( Sárria ) . En 1981 figuraba  con dúas casas e 9  habitantes. Esta denominación conviviu nalgunha documentación coa de " Barbadelo" ( hai que sinalar que Barbadelo, nome da parroquia tomado do río Barbadelo , non aparece  hoxe en ningún  lugar ou casar ),  A primeira denominación do lugar foi a " Domni Audilani ", despóis chamárnlle " Loci Santi Iacobio" e os monse de Samos déronlle por nome " Casa Barbatelli". Na Casa do Mosteiro, que foi foral de Samos dependente do Priorado  de Barbadelo , a fináis do século XIX estivo instalada unha escola primaria incompleta. No lugar está a Igrexa de Santiago de Barbadelo ( que foi mosteiral ), co Hospitaliño adosado á sancrístía e o adro cemiterio, En 1957  alzóuse a escola mista   que acabóu convertida en  Albergue de Peregrinos. Os veciños da parroquia compraron os terreos existentes diante do que fora edificio escolar , e neles fixeron o Campo da Festa e  o Cemiterio Novo . Nos anos da guerra civil ( 1936 /39 ) e posteriores  houbo no lugar un Destacamento da Garda Civil.

*********************************************************************************** 

O  número de mosteiros establecidos na Terra de Sárria é moi elevado, porén moi poucos autores destacaron este feito que, por séculos , condicionóu a vida dos seus habitantes , o réxime de propiedade , o ritmo dos traballos  e as pràctias relixiosas e  civís de xeracións  de homes e mulleres unidas a eles, unhas veces como vasalos , e  máis  adiante como foreiros.

   Foron institucións monacáis na Terra de Sárria as seguintes:

.....................................................................................................................................................................

                                MOSTEIROS  DA BACÍA DO RÍO DA  SÁRRIA                                        

1.-   MOSTEIRO  DE SAN PEDRO DO ERMO..-  Na parroquia de  Sant Breixo da Balsa ( Triacastela ) ntamén chamada San Breixo de Baldemar ou San Breixo de Triacastel . Gardóu memoria do desaparecido mosteiro a Capela de San Pedro . *  Reinando Ramiro I  o Conde Gatón, repoboador do Bierzo  e de Astorga, de estirpe real, avó do rei pola parte da súa muller,  recibiu o mosteiro  situado na aba do Monte Seiro  ( Monte da Meda )  e a vila de Ramil , da lexítima dun home chamado Sabarico , mosteiro que o rei consideraba como da súa familia.  O seu mellor momento tívoo esta institución  no tempo do abade Sancho. Foi constuido polo Conde Gatón  (850 a 866 ) que lle deu a vila de Ramil. No ano 919 El-Rei  Ordoño II e a raiña Elvira  fixeron doazón do mosteiro á Igrexa de Santiago. "....Confirmamos o lugar do Mosteiro , a tí santo abade,  chamado de San Pedro e San Paulo, que está fundado no territorio de Triacastela, na provincia de Lugo, que o restauróu o noso avó Gatón, na raiz do monte que din Monte Seiro ( A Meda ) no Ermo  " e concedétonlle  libros, ornamentos, alfaias e señoríos , considerándoo como cousa propia  e dependente da súa familia  , polo que dispuxeron que a súa igrexa non fose nin parroquial nin pública, senón para uso exclusivo dos monxes. ** O mesmo  Vermudo II , en doce de abril de 993 confirmóu  a doazón feita á Igrexa de Santiago de Compostela.** Consérvase a capela que garda no sei interior  imaxes  de tosca feitura  e ocasionalmente teñen aparecido  restos de edificacións cando se fan movementos de terras nos terreos  de a carón  da zona que a tradición sinala como lugar de asentamento do cenobio.

2.-  MOSTEIRO DE  SAN MIGUEL DE MONTÁN.- Na parroquia de  Santa María de Montán , coñecida tamén como " San Miguel  da Costa " ( Samos ). A freguesía pertencéu á Xurisdición e Concello de Samos. ** Por escritura de  2 de novembro de 1028  o presbítero RIQUILA  fixo pauto e testamento para o lugar santo de San Miguel e Santo Andrea , na VILA DE MONTÁN , onde dicián CAMPO , e para a congregación que ali  facía vida santa . Establecñeu  que lle daba a este mosteiro  a cuarta parte nas casas e os  casares  e pumeregas, e a metade  da vila de fora,  coas trigarizas, liñares  e cortiñeiros , e a metade das árbores e as pumaregas , que estaban fora do casar,  Fixo o pauto na presenza  de Pelagius, presbítero , Petrus, presbítero, Didacus, presbítero  e de toda a congregación de San Miguel.  A doazón ao  lugar  santo de San Miguel de Montán, fíxoa " polas estremas  de Lousada de Caloine , por Quintela até a Fonte  de Estel, por Pena Corval  até a Fervenza de Toca , polo  Carballo até Pando , polo Castro  de San Fiz até Gualari , e con toda a súa parte nos montes e as devesas . Este lugar de San Miguel, que foi a " Villa Sancti Michaelis" do  Códice Calistino aparece  nos itinerarios de peregrinos como "San Miguel de Montán" e "San Miguel da Costa", sinalada á distancia de unha légoa de Triacastela. O mosteiro desaparecéu e no Burgo de Montán estableceus un hospital de peregrinos, que deixóu memoria no topónico rexistrado dentro da aldea, O topónimo "San Miguel" está presente en fincas de perto do "regueiro de San Miguel", onde aínda no século XVIII se documentaban " os muiños de San Miguel". Tamén, por riba da igrexa de Santa María de Montán se conserva o topónimo " A Costa", que con toda cñlaridade nos remite á documentación dos itinerarios xacobeos. ** A identificación do mosteiro de San Miguel de Montán  foi publicada por vez primeira no Boletín do Seminario de Estudos Sarriaos, aportando a versión en galego  da escritura  de 2.11.1028 , feita por Xaime Félix López Arias. O Hospital de Montán  foi identificado e publicada  a primicia  pola  historiadora  Rosa Vázquez  Santos.

 3..-MOSTEIRO DE SAN ROMAO DE  LOUSADA.- ( Samos ).  Na parroquia de San Romao de Lousada  que foi parte do  medieval Condado de " Lausata", e despóis da Xurisdición  e do Concello de Samos. A freguesía, na súa parte norte, e até  A Furela, estaba atravesada polo Camiño de Santiago.

Foi mosteiro dúplice  que acabóu desaparecendo e os seus bens pasaron a formar parte do patrimonio do mosteiro samonense.

Na doazón do abade Don Diego (  1020-1061 ) lese o seguinte : "  E na vila que din LOUSADA , a vila que din de Beade , que foi de Ariulfo , que lla compréi  aos frades e  monxas  de SAN ROMAO , polo que recibiron de nós  quince soldos ....."  "...... E ademáis alí en LOUSADA , media vila que foi da irmá TRUDILO , que nola deu  polos nosos beneficios ....".

4..- MOSTEIRO DE  RENCHE.- (  Santiago  de Pompeán ) . Na parroquia de  Santiago de Renche ( Samos ) pertencente á Xurisdición  e Concello de Samos.

5. -MOSTEIRO DE SAN XULIÁN  E SANTA BASILISA  DE  SAMOS..

6..- MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE BARXA..- Na parroquia de Santo Estevo de Calvor   (  Sárria  ). Esta freguesía  formóu parte da Xurisdición  e Concello de Samos até a súa integración  no Concello de Sárria  en 1840.

A memoria  deste mosteiro , unha vez  desaparecido , permanecéu  na capela de San Salvador, hoxe desaparecida.

7. - MOSTEIRO DE SANTO  ESTEVO DE CALVOR.-  Na  parroquia de Santo Estevo de Calvor ( Sárria ), até 1840  na xurisdición  e concello de Samos.*  Por unha escritura de  24 de  abril de 785 , obrante no Tombo de Samos,  sábese que estaba baixo da advocación de  Santo Estevo, San Xoán Bautista e os santos Pedro e Paulos . Foi fundado por "Adilanus " , baixo da tutela do Mosteiro de Samos,  que lle deu para poboalo os monxes  Degaredus, confeso,  Viligus,  obtinente dos destros, Leovigildus, confeso,  Eita, diácono,  Avolinus,  Eitor e Mazón.  A igrexa e o mosteiro dín estar  no territorio do Monte Seiro ( Monte da Meda  )  discurrente o " río da Sárria " , riba do "Castro Astórica " na " Villa Calvaria", dentro dos  termos do mosteiro  de Samos.. O fundador dotouno con  herdades :  No Val sete igrexas, San Pedro de Casario ,  outra vila en Muro Mahamut ( Ronfe ),  outra vila en Formiz  e outra en Mari Morto. Sinalaba  como obriga  de que a congregación de monxes servise sempre  aos Señores de Samos. Asinaron  a escritura como testemuñas  Riquila, Aidelovo  e Sonna , e Odoarius Randiniz fillo  de Randinus. **  O 12 de xaneiro de 1033  recibiu ,   de mans de don Rodrigo ,  o vigairo de Samos recibiu a Casa de Santo Estevo de Calvor,  baixo afiuzamento  de 120 soldos, entregados por  Citi Maoriz,  Menendo Gundisalvi,  Pinioulus Faginiz,  Gobes, Telius Doneliz, Rodericus  Trasoiz , Didacus Godesteiz , Arias Garsediz  e Daudi Gondemariz. Quedaba obrigado a laborar a vila  e tela facendo   servizo aos señores de Samos , sen estranala a parte allea.

8.-MOSTEIRO  DE SAN VICENZO DE FROIÁN .-  Na parroquia de San Vicenzo de Froián ( Sárria )  até 1840 na Xurisdición e Concello de Samos, pasando entón a pertencer  ao de Sárria.

9.- MOSTEIRO DE SAN PAIO DE  CESÁR .- Na parroquia de San Salvador de Cesár, pertencente ao arcebispado de Santiago de Compostela , até a súa integración na diocese de Lugo e que en parte foi Couto do Cabido compostelán,  de Samos  e da Capelanía de Santa Catarina. ** O mosteiro medieval  de tipo familiar aparece documentado en  29 de marzo de 958 , cando CARTAMIRO  e a súa muller VIDIRILLI  concederon ao Mosteiro de Samos  a vila de Cesár, agás unha terza parte que é do " Loci Sancti Iacobi"  ( Barbadelo )  nas herdades de fora.  Sinalaron que os bens  fosen en benefiicio dos habitadores no Mosteiro de Cesár , para vestimenta e alimentación  dos monxes  e sinalaron  ademáis os servos  adscritos para o servizo do mosteiro , todo baixo a dependenza de Samos. Pola posesión do Mosteiro de San Paio de Cesár  foi seguido pleito promovido polo Mosteiro de Barbadelo, coa intervención do bispo Rudesindus e  Mondoñedo, contra o abade do Mosteiro de Samos , Novidius.  **  En 9 de maio de  960  foi recoñecido o dereito de Samos á propiedade de San Paio  de Cesár,  agás a pequena participación correspondente ao mosteiro de Santiago de Barbadelo.** Desaparecido  o mosteiro a súa memoria permanece na Casa de San Paio existente na parroquia.

10.- MOSTEIRO DE  SANTO ANTOIÑO  DE SÁRRIA.-  Na parroquia de Santa Eufemia de Santo Antolín, tamén coñecida eclesiásticamente, como Santo Antolín de Touville, dependente da Xurisdición e Concello de Samos até o ano 1840  no que  se integróu no de Sárria.Garda lembranza do desaparecido mosteiro  a denominación de " Santo Antolín" que permanece  nun dos lugares  da parroquia, da que é titular Santa Eufemia. Foi un mosteiro medieval , unido a Samos dende a súa orixe.  A igrexa foi consgrada  Petrus de Astorga. **  Por escritura do seu abade Didacus  , que sería máis adiante abade de Samos,  o 28  de xaneiro de 1026  fixo dotación  a favor de Santo Antoíño  de Sárria ,  de vilas e herdades  en Goimil, Seteventos , Quintela e Corvelle , ademáis de ornamentos da igrexa , unha campá ( " sino" ),  unha cruz , a caixa dos Evanxeos  en prata, un cálice en prata  , os veos principáis pendurados  entre o templo e o altar , que eran de seda e liño , e outros frontáis ;  coa vestimenta dos monxes , casulas de seda e liño , albas e dalmáticas , estolas e mantos ,  navetas e cíngulos , unha fita de prata  e libros eclesiásticos da Orde ,  Antifionario , de Oracións, Místico , Canónico,  Manual e Salterio  con cánticos e himnos. **  En 10.04.1036  recibiu de Velascus Almeniz  unha vila que fora de Tanitus Violenciz  e na vila que fora de Donno unha  quinta parte e a metade doutra quinta. ** En 18.08.1037 , na doazón de Egika ao abade Didacus de  Samos , titúlano  como Mosteiro "  do Beati Antonini martiris  et sanctorum Dei martirum Iusti et Pastoris , simulque Facundi et Primitivi , quam baselica  fundata esse  disnocitur  territorio Gallecie , subtus Alpe  Monteserio, sub ecclesia Sancti Petri  discurrente rivulo Orizon" ( " Mosteiro do Beato Antoiño  , mártir e os santos  de Deus mártires  e tamén  Facundo e Primitivo , cuxa  basílica coñecido é  estar fundada  no territorio de Galicia, baixo da igrexa de San Pedro de Seteventos , discorrente o río Probeiro".

11.- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE  CORVELLE.- Na parroquia de Santa María de Corvelle ( Sárria ). Hai unha referenza a este mosteiro nun diploma  outorgado  o 20 de abril  de 857  polo rei Ordoño I  no que cede á igrexa de Oviedo  entre outrs "  in Sarria  monasterium SAnctae Maiae de Corbelio " ( " En Sárria   o Mosteiro de Santa María de Corvelle " )  ( España Sagrada, XXXVII,. Cap. 11 ).  Francisco Vázquez Saco    adicoulle escasas liñas  nun libro-programa das festas  do San Xoán,  A igrexa románica de Santa María  perpetúa a memoria dese pouco coñecido mosteiro.

12.- MOSTEIRO DE SAN MATEU DE VILAPEDRE .- Na parroquia de  San Miguel  de  Vilapedre ( Sárria ) no lugar de San Mateu  . Até  o século XVIII  formóu parte da desaparecida parroquia de San Paio  de Calleiros que era un anexo de San Miguel de Goián.  Foi un mosteiro de tipo familiar. **  A escritura de  17 de maio de 969  conta a fundación deste mosteiro por EXEREDUS e RÓSULA,  que llo deron a Samos: " Está este mosteiro  no territorio de Galicia , na Costa do Monte do Páramo , discurrente o río da Sárria, na vila que chaman Vilapedre e  igrexa de San Mateu". Fixeron a doazón coa condición de seren enterrados  na igrexa mosteiral de Samos e de que no día de Santa María  fixesen o seu voto, téndoos sempre presentes  nas súas oracións. Na escritura  xunto cos doantes  figuran o abade Novidius , o bispo dumiense Rudesindus , o rei Ranimirus , presbíteros, diáconos , laicos e o prepósito  Leovigildus . ** Por escritura de  de 3 de marzo de 961, LEODEGUNDIA , " Deo vota ",  déralle a Samos os seus bens en Vilapedre e as súas herdades recibidas dos seus pais, agás  a vila de Neira que lla dera ao seu curmán Tannito Dominico. ** Desaparecido o mosteiro  o seu nome permanecéu na aldea e nunha capela , tamén desaparecida,

*************************************************************************************

                                      MOSTEIROS DA BACÍA DO RÍO  BARBADELO

13.- MOSTEIRO DE SANTIAGO DE MORTOLÁIS.-  Na parroquia de  San Pedro de Froián ( Sárria ). Deste mosteiro  gardaron memoria  o chamado Foral da Ermida e a Capela de Santiago.

14.- MOSTEIRO DE SAN MIGUEL DE PIÑEIRA . - Na parroquia de San Miguel de Piñeira ( Sárria ), até 1840  formóu parte da Xurisdición e Concello de Samos.**  Figuróu normalmente baixo as advocacións  de San Mamede, San Xoán e San Miguel , establecido no territorio de Barbadelo, no lugar chamado Piñeira . A casa principal estaba en Piñeira, e as de San Mamede e San Xoán na Chanca e O Couso. ** En 17 de febreiro de 951 na escritura de doazón feita por BALTARIUS  figura baixo as advocacións  da Virxe María, San Xoán Bautista, San Miguel, San Mamede, Santa Cristiña  e Santa Euxea , sinalando así a súa situación  " de quen a basílica  fundada está na vila que é chamada PIÑEIRA ,  discurrente o río Barbadelo ( Celeiro ), na provincia de Galicia ". Nese ano estaba gobernado pola abadesa HERMEGOTONA  e estaban con ela as monxas FREDENANDA e FROILO. Baltarius  fixo cesión  de bens nas vilas de Piñeira, A Ermida e Nespereira, e cita como abades  anteriores  deste mosteiro a ELDIVERTUS, TRITAVUS e FRADIULFUS, o que leva a  súa fundación   ao século  IX. ** O 4 de marzo de 961  ALBURA, GUNTRODE  e a súa filla EILEOVA fixeron doazón de todos os seus bens  para o mosteiro , pasando Eileova a enclaustrarse na Casa. ** En algunha documentación aparece citado como Mosteiro de San Miguel de Barbadelo.** A igrexa parroquial de San Miguel de Piñeira  estivo integrada nas sometidas ao Abade de Samos,  como de " nullius Diocese, exenta de sometemento aos bispos de Lugo. Foi parroquia  que formóu parte do Priorado de Barbadelo.

15.- MOSTEIRO DE SAN  PAIO DE PIÑEIRA.-  Na parroquia de San Miguel de Piñeira ( Sárria ) , no lugar de San Paio, que até 1840 formóu parte  da Xurisdición e Concello de Samos. Tamén aparece nomeado como Mosteiro de San Paio de Barbadelo. Estaba baixo as  advocacións de San Paio,  Santa Euxea,  Santa Cristiña, Santos Pedro e Paulos, Santo Andrea Apóstolo, San Xoán Apóstolo e Todos Santosm  " de quen as reliquias  están recónditas no territorio de Galicia, xunto do río Barbadelo", ** Por un documento de 18 de agosto de 1011 consta que foi instituido polos pais de FREDENANDA  , baixo do réxime espiritual  do abade Novidius de Samos " na honra de Deus Omnipodente, de Santa María Virxe, dos Santos Apóstolos Pedro e Paulos , Santo Andrea Apóstolo, Santa Eufemia Virxe, Santa Euxea Virxe, Santos Xulián e Basilisa e San Paio, mártires de Cristo .  Dende que foi constituido permanecéu baixo do réxime e tuición de Samos até que " chegóu ONEGA , que con moitas e doces palabras convencéu a Fredenanda de que lle dese a mesma parte ca as súas irmás e sobriñas ". Con actos de sobertba  fixo que OS MONXES E MONXAS , as súas  irmás  e sobriñas fuxisen  do Mosteiro. Fredenanda viviu soa  no lugar desero e caéu na pobreza, vivindo días amargos e moitas tribulacións , até que coa axuda do abade Mandinus  de Samos  poido  recuperar o goberno  do cenobio. Por esa razón fixo  doazón ao Mosteiro de Samos  e ao seu neto  PAIO SEGEREDIZ   de San Paio con todo o a el anexo  : a igrexa , libros, ministerios, casas, edificios, terras, pumaregas, viñas e todas as arboriñas , a montes e a fontes, e coas entradas e saídos. Concedeulles o Mosteiro  de San Paio e a vila de Piñeira , perto do río Barbadelo ( Celeiro ) , polas súas estremas e lugares antigos , segundo ela as obtivera  das súas irmás ERMEGOTONA e  GONTRODA . Eran adxuncións do Mosteiro:  1 ).- A vila de San Xacobe que fora dos seus pais. 2 ).- A vila de San Mamede. 3.- Unha vila en Outeiro  que fora de Vitiza Sandiniz. 4 ).-  A vila de Gudesteo. 5 ).- Outra vila chamada Redondelo que fora de Arias Odoniz e comprada por Fredenanda. 6.-  Unha vila no Páramo que fora da irmá Froilo e de Semiro, 7 ).- Outra vila en Lemos, que fora do diácono  Arimondo, chamada Tanquián,  8 ).-  E vilas na beira do mar, unha chamada Zerare e outra Piperio. A escritura figura asinada por Fredenanda, a raíña Xiloira, o bispo Vimarano , iriense e da sede apostólica, o abade Mandinus, o abade Mandinus ( de Barbadelo ) , a congregación dos monxes de Samos  e as testemuñas  Veremudus, Didacus e Munio.

16.- MOSTEIRO DE SAN XACOBE DE  BARBADELO.- Na parroquia de Santiago de Barbadelo ( Sárria ), que até 1840  pertencéu á Xurisdición e Concello de Samos.

17.- MOSTEIRO DE  SAN MARTIÑO  DE BARBADELO.-   Na parroquia de Santiago de Barbadelo ( Sárria ) que até 1840 pertencéu á Xurisdición  e Concello de Samos.

Perto do lugar levan o nome de Ermida  e Armida.

18.- MOSTEIRO DE  SAN  SALVADOR DE ROSENDE.- ( Ou San Salvador de Nespereira ). Na parroquia de Santa María de Ortoá  ( Sárria ).

19.- MOSTEIRO DE  SANTA MARÍA DE  ORTOÁ.-  Na parroquia de Santa María de Ortoá ( Sárria  ), Situado  no Val de Barbadelo,  no territorio da Costa do Pàramo, na vila de Ortoá. ** O  30 de outubro de  967  o  presbítero Sisnando  ofrecéu " para a igrexa  e o seu sacrosanto altar , para que sirvan de sustentación  e vestido dos monxes , ali estantes,  para lumieiras dos altares  e esmolas dos pobres , as casas por el edificadas, o lagar, cubas e cubetos , tallos, leitos, cadeiras , nasas  e todos os demáis utensilios " ao que enadiu  a metade dos bens procedentes dos seus pais  e avós, de gaño e de permutas,  con  pumaregas , árbores , terraas a poulo e mansas , cos prados , pasteiros , a montes  e a fontes , con entradas e saídos , polos seus antergos  termos, agás  as casas edificadas na quintá dos seus pais co seu horteiro e a súa aira. Cedéu  ademáis para o mosteiro o sino de metal ( campá ), o Libro Gótico, o Manual, o Canónico Novo,o Psalterio  Perfeto e no testamento de San Miguel ( de Piñeira )  e o de Oracións, Canónico, Manual e o da Orde ,  reservando para el a súa porción , de maneira que os posúan  mentres el viva , axudando aos sacerdotes , pobres e peregrrino e á súa morte  pasen para a igrexa  do mosteiro e para os que alí en vida santa perseveren.  E concedéu  tamén  canto na súa vida el poidese gañar e aumentar. A escritura aparece asinada pos Sisnando, o abade Aloitus , posiblemente abade de Ortoá, e as testemuñas  Riquila  e Manoy.

20.- MOSTEIRO DE  SANTO ADRAO  DO MONTE DO PÁRAMO.- No  Monte de San Marco  na parroquia de San Miguel de Biville , que  foi da Xurisdición e Concello do  mesmo nome, que en 1840 se integróu no  Concello de Sárria. Estaba situado  no castro que agora ocupa a Capela de San Marco , perto do Faro do Páramo , da Fonte de Santo Adrao , a Fonte das Virtudes  e do desaparecido local das Caldas.

21.- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA MADALENA DE SÁRRIA.  Perto da Capela de Santa María de Barbadelo ). Na parroquia de San Salvador de Sárria-

*************************************************************************************

                              MOSTEIROS  DA BACÍA DO RÍO LOIO

 22.- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE CASTRO DO REI DE LEMOS.- Na parroquia de Santa María de Castro do Rei de Lemos ( Paradela ).

23.- MOSTEIRO  DA ERMIDA DE NESPEREIRA.-  Na parroquia de  Santiago de Nespereira ( Sárria ), no partido da Lobataira. Foi un mosteirolo na órbita dos mosteiros de Piñeira. Estaba no lugar  da Hermida ( A Ermida )  e deixóu memoria na Capela da Nosa Señora dos Abeledos (  Virxe dos Remedios ) que estba no curral da Casa de Baixo . Darredor de 1955 o bispo de Lugo  autorizóu ao propietario da casa, Antonio Arias López, para  que trasladase pola súa conta  a capela para a Aira de Baixo. Hai referenzas de que  na parte alta da aira, ao facer obras de rebaixo, apareceran  restos de enterramentos formados por pedras chantada verticalmente delimitadoras das foxas. O lugar acabóu sendo  un foral de Samos.

24.- MOSTEIRO DE  SAN XOÁN DO COUSO.- Na parroquia de San Miguel de   Piñeira  ( Sárria ), na parte do lugar de O Couso pertencente á Xurisdición  de Samos, e despóis ao Concello  de Samos e  en 1840  quedóu  agregada a Sárria.  ** Aparece citado este mosteirolo como   San Xoán no Cómaro e tamén San Xoán de Domne Engomore.  Deixóu  lembranza na Capela de San Xoán, encravada nunha  finca particular, que foi obxecto de  roubo que fixo desaparecer as imaxes  que había no seu único altar.

25  ..- MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE TAÍDE.- No lugar de Taíde,  parroquia de  Santiago de Barbadelo  ( Sárria ), que pertencéu á  Xurisdición e  Concello de Samos, integrada en 1840 no Concello de Sárria. Foi un mosteirolo medieval  dentro da órbita dos mosteiros  de San Martiño e San Xacobe de Barbadelo.

26.- MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE BARÁN.- Na parroquia de San Pedro de Barán ( Paradela ). Foi unha das chamadas  Casas Maiores  anexas ao Mosteiro de San Xacobe  de  Barbadelo.

27.- MOSTEIRO DE  SAN SALVADOR DA PINZA.- Na parroquia  de San Salvador da Pinza ( Sárria ), que foi Xurisdción con ese nome e formóu parte do Concello da Pinza e Biville , integrándose a freguesía xunto co Couto de Morgade ( que fora da Encomenda e Concello de San Xoán de Portomarín ) no Concello de Sárria, en 1840.

28.- MOSTEIRO DE SAN MAMEDE DE RÍO LOIO.- Na parroquia de San Salvador da Pinza. Que foi Xurisdición propia e do Concello da Pinza e Biville, até que en 1840 quedóu integrada no Concello de  Sárria. Só quedan referenzas toponímicas na Fonte de San Mamede e na Costa de San  Mamede, no treito compreendido  entre  a Ponte do Neo e o Castro de Barán. Foi un dos mosteiros  considerados como Casas Maiores  dependentes de  San Martiño e San Xacobe de Barbadelo.

29.- MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE VEIGA.- Na parroquia de Santa María de Ferreiros ( Paradela ) que pertencéu  á Xurisdición da Encomenda de San Xoán de Portomarín ( Orde de Malta )  e ao Concello do mesmo nome, até  a súa integración  no Concello de Paradela en 1840.

Unha finca  de perto da aldea leva o nome de  Ermida.

30.- MOSTEIRO DE SISMONDE.- Na parroquia de Santiago da Laxe ( Paradela ), no lugar de Sismonde.** En 1 de xaneiro  de 1195 Rodericus Nuni cedeulle os dereitos que neste mosteiro tiña  a Samos. Por tempo constituiu parroquia e as súas terras quedaron dentro do dominio  xurisdicional  do arcebispo e o cabido de Santiago ,  na xurisdsición  ou tenza de San Pedro de Portomarín ( Couto de Tras Loio ),

31.- MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DAS CORTES.- Na parroquia de San Salvador das Cortes  ( Paradela ). Pertencéu ao Couto de San Pedro  de Portomarín  ou Couto de  Trasloio  e ao Concello de San Pedro de Portomarín, até o ano de 1840  no que pasóu a formar parte do  Concello de Paradela.

32.-MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE LOIO.- " Nullius  diocese ".  Na parroquia de Santa María de Loio , que acabóu integrándose  na de San Salvador das Cortes no século XIX ,  e  tiña fregueses en Loio e  dous no lugar das Cortes. Foi cabeceira da Orde dos Cabaleiros  de Santiago da Espada, ** A igrexa de Santa María  da Lama ( Láncara ) coas súas adxuncións  pertencía a este mosteiro , e a infanta Urraca, titular de Loio  , cedeulla  a Ero Armentáriz  o 24 de outubro de 1102

33.- MOSTEIRO DE SANTA CRUZ   DE LOIO.-  Foi convento de   franciscáns, na parroquia de San Salvador das Cortes ( Paradela )

34.- MOSTEIRO DE SAN XOÁN DE LOIO.-  Na parroquia de San Xoán de Loio ( Paradela ), que formóu parte da Xurisdición e Couto de San Pedro de Portomarín, ou de Tras Loio, do arcebispado de Santiago, e despóis do Concello de San Pedro de Portomaría, até que no ano 1840 pasóu a se integrar no Concello de Paradela. Unha boa parte das terras desta freguesía quedaron baixo das augas do encoro de Belesar.

**************************************************************************************

                         MOSTEIROS DA BACÍA DO RÍO NEIRA

35.- MOSTEIRO DE  SAN VICENZO DE CARRACEDO.- Na parroquia de San Vicenzo de Carracedo ( Láncara ), da Xurisdición de Samos e que en 1840 se integróu no Concello de Láncara.

36.-  MOSTEIRO  DE SAN SALVADOR DE BANDE.- Na parroquia de San Pedro de Bande ( Láncara ). Mosteiro  medieval  da ribeira do río da Neira. ** Nun inventario  feiro entre 980 e 982  aparecen relacionados como bens propios:  1) A Senra de riba do Mosteiro., 2 )  A Senra de Don Osici. 3 )  Outra senra  na ribeira da Neira  cos seus marcos xunto ao río , " polo Marco de Espiñeiro até o medio do solo do río , e do outro lado vai até a Pena  da Lamela de baixo de Carballedo , e polas Pedras coas súas bouzas , até o  carral  que vai de  Carballedo para Santa María e vai pola " carreira antiga "  até a Casa de Adaulfo  e testa coas súas bouzas no Fontao ". 4 )  Da Veiga do Fontao, a terra do medio , dúas quintas partes. 5 ) Unha senra riba de Carballedo , na Valiña, coas súas devesas  " e remata en Don Osici , de da outra parte  polos marcos contra Castelo  e polas Penas de Castelo  ao Marco de Teixilli , pola Leira de Atila  pola Carballeira da Verea , polo pumar de Meo Tellio , polos marcos, e de pena en pena até as Penas da Pedra  á Verea  de Liñares  e pola verea até o Mosteiro .  6 ) Outra leira  delimitada  pola Carreira  de Carballedo  e por riba de Teixilli. 7 )  E outra leira riba de Teixilli  e vai pola verea  que vai  polo Piñeiro  até o río  de Longueiras . 8 ) E outra leira  por riba e por baixo da carreira. 9 )  E outra terra na Ponte , de tres cartarios de centeo  en semeadura, co seu liñar e o seu penedo  e polo arroxo que entra no río  en Murouzo  coa súa pesqueira , e polos termos de Carballedo.  10 )  E outra senra en  Lavandeira  que vai pola ñlaxe do arroxo  que baixa de Bande  e vaia cara enriba  polos Marcos cara a Pedra , con semeadura de cinco moios , coa súa chave que fere  na Verea de Toxitelos, 11 )  Outra seara no Pedroso  que foi de Elduario  Menéndiz , de catro moios de semeadura , e estrema co Monte das Mámoas .  12 )  Outra senra en Murozo , pola Carreira que vai de San Miguel para Bande, polos  outeiros un tras outro , e vai até o Marco da Leira de Ganas e pola outra parte pola verea , de un moio en semeadura. 13 )  E dende o valado até Bande  das terzas  de Santalla, Moscán  e o Reconco, na do Reconco  dúas quintas partes son do Mosteiro. 14 )  Un pedazo de dous moios  de semeadura en Lama de Sancha  e en Gomil , polos seus marcos e  coas súas bouzas até o valado  e  da outra parte  polo  termo de San Paio  e a senra de Liñar Méndiz , dende o Porto Vedro  en dereitura ao arroxo  que ven do Souto, a veiga íntegra, e  dende o arroxo  até o Marco de Quintiá , agás dous leiros que están xunto á Ponte que son de San Breixo , toda a outra parte é de San Salvador. 15 )  A vila de Pousada  : da vila de Meo Telli  e Amenia a metade  é de San Salvador , tanto na vila como no Monte de Casáis , coas pesqueiras e muiños . E da outra parte deu Ansemiro a San Miguel  a metade,  e concambiaron  con Luzo Garsie a herdade e recibiu  Fortes a vila de Palmir  e para San Salbvador a outra cuarta parte . 16 ) Unha vila  en Vilameá. 17 )  A vila de Cas de Padres. 18 )  Unha vila en Riba Mala  coas súas dereituras e con San Breixo  e coa dona Onega , a sétima parte para o Mosteiro , e dlo Monte de Nabalello  até Gusante a terza parte  íntegra,  e da outra terza a oitava parte , e dende O Couso  pola "carreira antiga até o Porto de Liñar  Méndiz a metade , e da outra media a cuarta  parte da Vila de  Río Malo  que foi de Riquila e  do seu irmán Froila  e do seu fillo Paio  e vendéronlla a Lucitus Lucidiz  por sous cabalos con freos  e selas e dous escudos,. 19 )  Na vila de Neira dunha terza  dúas quintas  partes, tanto na vila como no m onte. 20 )  E na Veiga e nas pesqueiras, na Fonte , unha pumarega e riba  da carreira un pedazo  de terra de un moio en semeadura . 21 )  E en Eñlariz a metade dun muiño e o dereito de moer a gra do Mosteiro. 22 )  E na vila de Palmir seis cartarios  dela  e a metade da gra en cada un ano. 23 )  E un pedazo de terra en Covelles  na cimeira da Veiga. 24 )  E na vila de Escoureda , entrea Tórdea e a Neira,  e o ribeiro contra a igrexa  e dende a Casa de Aias Armentáriz  até a casa de don Vilolencio , unha sesiga muiñeira  e a Devesa  da Bouza de Maninus íntegra, 25 )  E no outro Monte de Acevedo  tres quintas partes até a ribeira da Tórdea. 26. ) A vila da Gándara  que foi Vacariza, íntegra ,  e caeron os homes en inxenuidade  e devolveron a vila ao Mosteiro. 27 )  E en Tigunte  a vila que deu o Conde  ao seu servicial de cociña  chamado Traserigo  e é do dereito do Mosteiro. 28 )  E en Reboredo unha vila por  metade con Bande. 29 )  E outra vila en Viñoá , a metade co seu dereito. 30 )  E en Foxo  un pedazo coas súas bouzas. 31 )  En Paraxás  a terza parte do Liñar. 32 )  En Amesina un pedazo de terra coa súa pumarega , 33 ) As vilas co dereito da  metade do Liñar do Porto de Liñar  Mendiz " onde o arroxo entra no río , e no ribeiro dende Liñar Méndiz  até o termo  de Carballedo , a metade é íntegra para San Salvador"-

 
37.- MOSTEIRO DE SAN PAIO DE NEIRA.- No Concello de Láncara. Na documentación medieval aparece " situado na provincia de Galicia , perto do Mosteiro de San Salvador de Bande, entre a Tórdea e a Neira "  . Foron posuedores  deste mosteeiro Gemondo  e Vistiverga, pais  de Odrozia.  Á morte desta  pasóu a mans da súa filla Leodegundia , " Deo Vota" ,  que o tivo por máis de sesenta  anos , encartándolla Tannitus  Violenz  do 2 de novembro de 1057  quen a traspasóu  a outra Leodegundia , con todos os bens anexos  ao mosteiro, agás  os homes que foran  inxenuos da antecesora Leodegundia.  Entre os bens había muiños e pesqueiras.  Na escritura  hai referenza a monxes, frades e monxas , polo que é de supoñer que fose un cenobio dúplice.

38.- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE NEIRA.- Na parroquia de Santa María de Neira de Cabaleiros ( Láncara ). Coñecido orixinariamente como  Mosteiro ou Casa de " Domni Eiloni" ). Foi posiblemente fundado e dotado  por Eilo.  Foi adicado a Santa María, San Salvador,  Santo Estevo, San Pedro , San Paulo, San Martiño  e San Sebastiàn ", con basílica  " fundada no territorio de Galicia , na vila que chaman de Neira , na ribeira dese río , e coñecida  como Casa de " Domni Eiloni"  . ** O 9  de xaneiro  de 1040 o presbítero  Iustus concedeulle  a vila de Neira,  que a tiña de  Suarius Suariz   e súa muller Goncina , con todo a ela propio e bois, a herdade de Reboredo  e a vila que tiña de Moscán  cos seus bois , e ademáis unha égoa , dous bois, dúas vacas , a venza de vinte cabras  e vacas.  Como se refire  a que fai doazón  faina " para que os posúan  os frades e monxas  que ali habitadores  perseveren na vida santa " é de supoñer que Santa María de Neira fose un mosteiro dúplice.

39.- MOSTEIRO   DE SAA  DO PÁRAMO.- Na parroquia de  Santiago de Sáa do Páramo, da Xurisdición da Encomenda de San Xoán de Portomarín ( Orde de Malta ). A este mosteiro parece referirse tamén a parroquia e lugar de Vilar Mosteiro ( Santa Eufemia ).

40 .-.MOSTEIRO  DE CEDRÓN.- Na parroquia de  Santiago de Cedrón ( Láncara )

41.- MOSTEIRO DE  SAA DA ARMEÁ .- Na parroquia de Souto de Ferradal ( Láncara ).

........................................................................................................................................................................

                                   MOSTEIROS DAS BACÍAS DO MAO E O CABE.-

42.- MOSTEIRO DE SANTIAGO DE  TOLDAOS.- Na parroquia de Santiago de Toldaos ( O Incio )

43.-MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DO INCIO.- Na parroquia de  San Fiz do Hospital do Incio.

44.- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DO MAO.- Na parroquia de Santa María do Mao ( O Incio )

45.- MOSTEIRO DE  CHELO.-  No Val do Mao ( O Incio )

46..- MOSTEIRO DE  PIORNEDO .-  Radicado nun  paraxe que leva o nome de " Mosteiro "  perto de Piornedo , parroquia de San Salvador  do Mao ( O Incio ). Á man esquerda da estrada de Samos a Lóuzara, e no paraxe das Seixas  hai dez parcelas que responden ao nome de " Mosteiro",  que forman un conxunto de  104.045 m/2. Evidentemente ese topónimo fai referenza a un cenobio medieval desaparecido, sen que se poida concretar a cal dos  documentados nesa freguesía non podemos remitir entre os que aparecen no Tumbo de Samos. Por razón de estaren eses terreos perto da aldea o Piornedo,  a efectos identificativos dámoslle ese nome, mentres unha mellor documentación non apareza, E como non temos razón da posible existenza dunha capela no lugar que nos permita entendela como suecesoa do " Mosteiro", seguiremos na percura dunha ampliación de datos.

47 .- MOSTEIRO DE MOSTEIRÓ  DE GÓO.- No lugar de Mosteiró, beira do río Mao, na parroquia de Santa María de Góo.

.....................................................................................................................................................................

                                   MOSTEIRO NA BACÍA DO LÓUZARA

48.-  MOSTEIRO DE SAN CRISTOVO DE LÓUZARA.- Na  parroquia de San Cristovo de Lóuzara ( Samos ). Foi Mosteiro vencellado a Samos dende  a restauración da vida monacal, propiciada polos reis medieváis que  o incluiron nas diferentes confirmacións do patrimonio samonense.

49.- MOSTEIRO DE SAN XOÁN DE LÓUZARA.- Na parroquia de San Xoán de Lóuzara

                                       ........................................................

 Debido  á extensión territorial destas parroquias históricas  , ás distancias entre lugares e dificultade dos desprazamentos  polo montuoso do  espazo, houbo na idade media  varias pequenas freguesías, todas elas suxeitas aos mosteiros louzariños, e polo tanto a Samos, que  deixaron memoria  en varias capelas, que aínda perviven- Foron parroquias, hai  séculos desaparecias:  San Vicenzo de Parada,  Santo Isidoro ,  Santa  Mariña de Lavaegos.  En 1890  foron creadas dúas parroquias : Santo André de Gundriz e San Xosé de Santalla de Lóuzara, segregadas das dúas históricas que , cando se suprimiron os dous mosteiros , formaron o Priorado de Lóuzara, dependente de San Xulián de Samos, con Casa en Campos, en punto equidistante das igerxas de San Cristovo e San Xoán. 

...................................................................................................................................................................

                                       MOSTEIRO NA BACÍA DO MIÑO

49 -  MOSTEIRO DE SAN  FACUNDO  DE RIBAS DE MIÑO .- Na parroquia de San Facundo de Ribas de Miño ( Paradela ), que formóu parte da Xurisdición de Castro de Rei  de Lemos, dependente  do Mosteiro de Monte de Ramo, integrada despóis no Concello de San Pedro de Portomarín  , e dende 1840 forma parte do Concello de Paradela.

..................................................................................................................................................................

Comentarios

Publicacións populares