SÁRRIA : ENTERRAMENTOS NA IGREXA DA MADALENA ( 648 )
SÁRRIA : ENTERRAMENTOS NA IGREXA DA MADALENA ( 648 )
Ano de 1776
CONCORDIA E CONVENIO SOBRE PRESIDENZA E INMUNIDADE DA LONXA E HOSPITAL ENTRE O P. PRIOIRO E CURA DE SAN SALVADOR DE SÁRRIA
Na Vila de Sárria a vinte e seis días do mes de decembro ano de mil setecentos setenta e seis . Perante de min escribán de Número e testemuñas infraescritos pareceron o Padre Mestre Presidente frei Domingos Basante , Prioiro do Convento da Madalena, Orde do Noso Padre Santo Agostiño, situado estramuros desta Vila , en virtude do Poder que ten da súa Comunidade , que pasóu perante o presente escribán o ano pasado de 1775 a que se refire, e non se inserta por obvia prolixidade ; e declara non lle estar revogado , dunha parte; E da outra Don Diego Montalbán, Cura Párroco de San Salvador desta expresada vila, e anexos :
E dixeron que entre os outorgantes e antes os seus antecesores houbera diferentes discusións pola Presidenza nas Procisións de Defuntos sempre que alguén se enterraba no dito Convento , despóis de entrar a Procisión na Lonxa ( " ou curral" ) que hai na dianteira do referido Convento , e para obviaren esas disputas , como alleas ao estado relixioso , e sacerdotal,, convieñeron e axustáronse de propio motu a espontánea vontade na maneira e forma seguinte :
** Que sempre que calquera defunto se haxa de enterrar no referido Convento , poida saír a Comunidade ( non indo a buscalo á casa ) a recibilo dende a reixa máis perto da súa igrexa , e dende a dita reixa ha presidir o referido Padre Prioiro , os seus sucesores, ou quen o represente , e o mesmo a súa Cruz , mais se o referido Don Diego, os seus , ou que as súas veces faga , quixeren entrar con estola e Cruz na igrexa do Convento tampouco se lles poida proibir , con tal que non sexa presidindo dende a dita reixa.
** E é convención , que se se muda a Porta da Igrexa , como pensado está , máis arriba do sitio que ocupa , e con este motivo , se mudase tamén a reixa, non ha impedir o dito Don Diego , nin os seus sucesores, sempre que a reixa e Lonxa non se extendan máis arriba da esquina superior da dita igrexa , e neste caso , entenderáse dende o punto onde estivese a reixa.
** Igualmente é Condición , que mediante o dito Prioiro ten idea , e está principiando a mudar o Hospital de Peregrinos ( 1 ) e no que ten xurisdición espiritual , e temporal, e poñelo a paño coa fachada do dito convento , para que poida libremente administrar os peregrinos enfermos e conducir os que morran procesionalmente á súa igrexa, tomarase unha liña recta dende a Lonxa existente , e co mesmo largo que ten á fronte da esquina do dito Hospital novo , onde se fixará un Marco que faga cadro coa Lonxa e esquina e o terreo que se compreenda dende a esquina superior da Lonxaa ao dito Marco queda a favor do Convento.
** Porén , se dentro deste terreo , por casualidade ou por accidente, morrese algunha outra persoa que non sexa individuo, ou familiar do Convento no que se compreende o Hospitaleiro, e tamén que non sexa peregrino dos que van ao Glorioso Apóstolo Santiago, mediante por costume se hospedan no Hospital do dito Convento á ida , e non á volta, pasando recado o Padre Prioiro, ou os seus sucesores, ha baixar os que nesta morran ao Actual Cura ou os seus nunha das reixas da dita Lonxa , e se o defunto tivese disposto enterrarse na igrexa do Convento non se lles ha impedir por este motivo aos Curas a percepción de todo o seu dereito parroquial , como nin a condución do corpo á Parroquia no seu caso".
** É tamén condición que se o Defunto viñese procesionalmente de cara a Áspera , ou parte inferior do Convento, quede ao arbitrio do Cura entregalo por calquera das reixas , mais pasada calquera delas non ha poder presidir , como queda expresado.
** Nesta conformidade conviñéronse e axustáronse , cedendo o dito Don Diego , por si propio e os seus sucesores no dito Padre Prioiro, e os seus calquera dereito que o asista á Presidenza , e máis aquí expresado no teor dito; cede igualmente no dito Don Diego e máis Curas que o sucedan , o que antes tiña e ten, no Hospital , que está para ser desfeito e todo canto oportuno sexa ao aquí pactado ceden recíprocamnte , para que cese todo motivo de cavilación entre Persoas que , polas súas circunstancias e carácter, coñecen deben levar a Harmonía de Amizade exemplar.
** E entrambas partes obríganse coas súas persoas e bens espirituáis e temporáis , inmobles e raíces ( coa inclusión o Padre Prioiro das rendas e foros do seu Convento ) de estaren e pasaren por todo o aquí contido , sen iren nin viren contra do seu teor en maneira algunha , e quen o tencione , consinte non ser ouvido en Xuizo nin fora del , e de pagar todos os custes , e Danos que de contrario se causaren , e para mellor cumprilo dan poder con submisión aos Xuíces e Xustizas que das súas persoas poidan e deban coñeceren , renunciando todas as Leis do seu favor , e a Xeral que os proibe, E especialmente o capítulo eduades suam de pena , de solutionibus e máis foros e estatutos dos seus perlados como calquera outro que poida improbar esta transación , por non haber pleito pendente ou outro motivo.
** En cuxo testemuño e firmeza a este outorgamento asinaron sendo testemuñas Don Xosé Narciso López, escribán da Súa Maxestade, veciño da Vila de Triacastela , Don Pedro de Prado, de Manán, da freguesía de San Salvador do Mato, e Xosé Reboiro desta Vila, de todo o que e coñecemento das partes eu escribán dou fe.
Frei Domingo Basante. Prioiro.- Don Diego Montalbán.- Acheime presente Xosé Narciso López.- Pasóu perante min , Matías Gómez Quiroga.
..... Concorda co seu orixinal ao que me remito de onde saquéi ben e fielmente e en fe de isto , e como tal escribán de Número , veciño desta Vila de Sárria de pedimento do Reverendísimo Padre Prior o día, mes e ano presente e lugar do meu outorgamento signo e asino do que acostumo e no papel que se recoñece.
..................................................
Primeira Advertenza.- Advírtese que para sinal da dita Lonxa segundo o pautado na precedente Concordia , puxose no cantón do cubo primitivo da cerca que fai esquina á praza nova do Hospital e Camiño Novo, unha tarxeta en cantaría con un corazón e por riba a letra de " Non plus ultra ", onde se tiróu polo muro da obra unha liña recta dende o parapeto da Lonxa para significar que no de adiante, dende o dito escudo e letra adiante , e de toda a liña que dende el se tire ao estremo oposto , de enfronte da actual igrexa e ao que se tire máis arriba até a esquina de arriba da nova, cando esta se faga , queda todo para o Convento, sen que ningún Cura poida estorbar a dita extensión da Lonxa nin entrometerse a presidir dentro da dita Lonxe. Como todo consta da dita Escritura de Convenio. ( 2 )
Segunda Advertenza.- Advírtes tamén que por Bulda de Pio , e outros existentes no noso Arquivo, teñen e tiñan xurisdición parroquial no Hospital Vello e así teñen a mesma no Novo, onde son e chaman Párroco aos Prioiros poden e deben bautizar aos fillos dos Peregrinos e Hospitaleiros que nazan no dito Hospital Novo , como podían no vello, sen que ningún Cura poida proibilo nin disputalo nin menos os Prioiroa consentilo.
Notas
( 1 ) O Hospital Vello ( Hospital de San Roque ou Hospital da Madalena ) era un edificio con capela e casa do hospitaleiro , onde eran acollidos os peregrinos "ao pasaren cara Compostela ". Nunha fornela, riba da porta de entrada, había unha imaxe de San Roque , e unha inscición na que se lía : " Hospes fiu , et collegistime" , Ese edificio foi botado por terra e para a acollida dos peregrinos fíxose obra nova anexada á parte norte do mosteiro , onde se adicaron a esa función salas do soto e do baixo da Obra Nova, á esquerda da chamada Porta dos Carros, e un corpo de baixo , cara a horta. Nunha porta dos " Hospitaliños Novos " vese a lenda " Charitas aedificat".
( 2 ) Por esta escritura de Convenio sabemos que houbo o proxecto de mudar de sitio a porta da igrexa para poñela na frenteira do que pretendían facer para ampliar a igrexa cara o poñente. A idea era botar abaixo o muro onde por fora está a porta gótica da segunda igrexa conventual presidida pola imaxe de Santa María Madalena e no interior o altar de San Xosé ( agora do Sagrado Corazón de Xesús ). Pretendían facer a obra nova até a liña exterior da Lonxa. O proxecto non se fixo realidade.
O derrube do Hospital de San Roque deu lugar ao nacemento dunha praza , na que foi instalado un cruceiro. Ademáis eliminaron o treito primeiro do camiño que dende a fronte do Convento, á añltura da porta do mosteiro pola Costa da Áspera baixaba até a Veiga de Abaixo, e mudárono para a parte de abaixo de onde estivera o Hospital, abrino camiño novo en súpeta baixada até a Ponte da Áspera.
.......................................................................................................................................................................
......................................................................................
Comentarios
Publicar un comentario