PARADELA : RELACION DE BENS DE ALONSO LÓPEZ DA PENA DE MIRALLOS ( 1789 ) (762 )
PARADELA : RELACIÓN DE BENS DE ALONSO LÓPEZ DA PENA DE MIRALLOS ( 1789 )
( 762 ) Xaime Félix López Arias
Na parroquia de Santa María de Ferreiros, que pertencía á Encomenda de Portomarín da Orde de San Xoán do Hospital de Xerusalén ( Orde de Malta ), no lugar da Pena de Mirallos, beira do Camiño de Santiago, e perto do fito que sinala a distancia dos 100 quilómetros a Santiago de Compostela, está a CASA DE ALONSO.
No ano 1789 , Alonso López, foreiro de casa e bens pola Encomenda de San Xoán de Portomarín , seguindo o mandado por unha instrución real , deu a seguinte relación:
" RELACIÓN de ALONSO LÓPEZ , veciño do lugar da PENA ,frguesía de Santa María de FERREIROS, dada á Súa Mercé o Señor Alcalde Maior de San Nicolau de Portomarín e os seus agregados do que contén a Real Instrución, como segue. "
1ª,. Primeiramente consume de CARNES un leitón cebado, o seu peso vinte e catro libras aberto, cada libra un real.
2ª,. Non consumo VIÑO, por non poder.
3ª,. Tampouco dá razón de VINAGRE
4ª.- Tampouco de ACEITE , tampouco dou razón dos de SEBO, BACALLAU , por non consumilo , nin ser do meu uso.
5ª,. Consumo unha libra de XABRÓN , o seu prezo catro reais, que esta cómpraa polas feiraa de afora por non haber fábrica neste pobo.
6ª.- Non consumo XÉNEROS EXTRANXEIROS nos seus vestiarios nin tampouco nos da súa familia.
7ª,. Non dou razón á Súa Maxestade nin a outro Señor do que contén a sétima relación , se non é que sexa LENZO e ESTOPA , que consumirei vinte varas, o seu prezo a dous reais e medio a estopa, o lenzo a tres reais e medio.
8ª,- Á oitava non dou razón de venda de GRA nin SEMENTES , por non habelos.
9ª.- Tampouco vendo LA algunha pois a pouca que teño consúmoa co vestiario da miña familia.
10ª.- Non teño de que dar razón algunha en orde ao que se explica na décima pregunta á instrución.
11ª.- Á once pregunta, sempre fun e son labrego do estado chao.
12ª.- Á duodécima pregunta non poido dar razón da GRA e SEMENTES do ano de 49, só si dos que collín ao de presente :
CENTEO: 20 fanegas a 22 reais....022. MILLO: 2 ferrados a 8 reais........ 8. CASTAÑAS : 4 ferrados...,4 ,. CEBADA BRANCA ; 2 ferrados...... 2 . LIÑO EN RAMA : 2 arrobas, HERBA SECA : medio carro , o seu prezo 11 reais, NABOS : un carro , o seu preso 8 reais.
Non dou razón doutra especie de froito, teño DUAS VACAS de arada que valen 300 reais as dúas.
Máis teño DÚAS OVELLAS , o seu valor cada unha 8 reais que son 16 reais.
Pago de tributos á Súa Maxestade 22 reais e medio.
Págolle de RENDA 6 fanegas de pan centeo á Encomeda e 6 reais á dita Encomenda.
Págolle 10 ferrados de centeo a Don Xosé........, veciño do lugar de Castrelo, freguesía de Santiago da Laxe.
Págolle 2 ferrados e medio a Xoán Toirán , veciño do dito lugar.
Págolle 4 ferrados de centeo á igrexa de Gonrame.
Págolle outra fanega ao Señor de Pol, de centeo de renda,
Págolle outros 2 ferrados ao lugar de Vilarbasín.
Págolle 1 ferrado de primicia á igrexa de Santa María de Ferreiros.
Págolle medio ferrado de centeo ao Apóstolo Santiago, de VODO.
.....................................................
Son casado, idade de 39 anos, a miña muller de 34 anos , o meu pai idade 81 anos, a miña nai idade de 70 anos; teño dúas irmás , unha de 32 anos, a outra idade de 30 anos. Teño dúas fillas, unha de 4 anos e a outra idade de 2.
E por non saber asinar rógolle a unha testemuña que o faga ao seu rogo a 7 días do mes de outubro de 1789, que o foi XOÁN LÓPEZ.
........................................................................
Os bens da CASA DE ALONSO formaban parte do FORAL DE MIRALLOS , do direito dominio da Encomenda de Porrtomarín :
As estremas deste Foral eran as seguintes: Principiando na Pena do Pico, seguía á Pena dos Leiros da Cruz, de alí ía á Fonte de Mirallos, e pasando pola Pena do Castro ía até o Muiño da Parede , e polo Agro do Silveiro e o Escambrón do Chao da Reboira alcanzaba o Valado do Tercio. Dende alí xiraba en dereitura á Fonte do Carril e seguindo cara o Muiño Vello chegaba á Pena do Pico primeira demarcación.
................................................................
NOTA.- O último posuidor da CASA DE ALONSO da Pena de Mirallos que levou o apelido " López" foi Xosé López López ( " Pepe de Alonso" ), casado coa miña tía Xosefa Arias López, que foron sucedios pola miña curmá Ermitas López Arias, falecida en 2025 , quedando a casa e bens sen destino agropecuario por cesamento da actividade, pois o seu herdeiro reside lonxe do lugar, adicado a actividade por conta allea.
.....................................................................................................................................................................
Comentarios
Publicar un comentario