RÍO SÁRRIA : O RIO MANSO E CLARO DE BASILIO LOSADA CASTRO ( 756 )
RÍO SÁRRIA: : O RÍO MANSO E CLARO DE BASILIO LOSADA CASTRO ( 756 )
As máis fermosas palabras nunca escritas encol do río Sárria son da autoría do escritor lancarín BASILIO LOSADA CASTRO , publicadas que foron en "La Voz de Galicia", é necesario sacalas do pozo do esquecemento e poñelas a andar polos nosos camiños .
TERRAS DE LÁNCARA
BASILIO LOSADA
" O RÍO ONDE TE BAÑACHES DE NENO É MÁIS FERMOSO QUE O YANTG-TSÉ " ( Vellisimo proverbio chinés que acabo de inventar) .- Se amo esta terra non é por ter nacido nela .
TIÑA razón Confucio , para min non hai río de augas máis acolledoras que o que pasa rentes da vella casa da Penaboa. Agora que vou vello , dou gracias a quen fixo este mundo prescindible por permitirme nacer na Terra de Láncara , o país máis fermoso do mundo. Levo visto moitas terras , e algunhas son patrias miñas moi amadas ( Provenza, Saxonia , Baviera, Normandía , Toscana ) pero o mellor de Galicia e do mundo é un triángulo que ten como vértice Nadela , o pai Miño e a estrada de Castela como lados e, c como base , outra estradiña que leva de Sárria a Becerreá , ou viceversa. Non lle hai terrra coma esta , digolle eu, que tantas patrias teño ,e tan fermosas.
Ali nacín eu , pero, como Heine " dou a miña palabra de honra de que non son patriota ". Se amo esta terra non é ppr ter nacido nela. Falo con obxectividade ,desde a miña condición de home de ciencia e o meu pendor racionalista e pouco sacramental. Se tivese tempo, ía demostrar de contado como non hai terra como esta que vai de Nadela a Sárria , e poida que un tantiño máis aló. E, tendo eu tantas patrias, se me fose concedida unha segunda vida, pediríalle a quen manda que me permitise nacer de novo aí.
Nesta terra está o río máis manso e claro, o Sárria, que como o río que pasa pola aldea de Pessoa , non está nin nos mapas e ninguén sabe onde vai morrer. Ese desdén polo río Sárria algo terá que ver co centralismo, que sempre se ten polo centro do mundo , e o centro do mundo é a Terra de Láncara.
Hai unha estrada que vai da Pobra de San Xulián a Baralla que é un balcón de vinte quilómetros . O viaxeiro vai vendo ó seu pé aquel val, cos seus regatos, e as aldeas, e os prados.Se Deus axuda, e axuda case sempre, haberá néboa, e a paisaxe colle entón unha gracia de misterio e soedade. A néboa préndese nos carballos , alástrase desfiañada polos lameiros. e a súa cabeleira gris érguese ata os montes de Meda.
Por aí nacín eu, non sei ben onde nin en que ano. Dixéronme que nacín en Santa Comba , pero que o meu pai . en canto deu cunha besta cómoda, levoume cara a Penaboa porque quería que eu fose da Pobra de San Xulián , e inscribiume no Rexistro coa data que lle pareceu ben. E figura que nacín alí, na casa da Penaboa , que, como saberán todos, está xunto á ponte pequena do tten , arrodeada polas augas mansas do Sárria, que non sabe ben onde ir e fai rodas dunha banda a outra. Din que o evento foi no 1930 , pero a miña tía Natalia dicía que non, que fora no 1929. A miña patria pode ser calquera recuncho desta terra que eu , con obxectividade , digo que é a máis galana do mundo. A ver, díganme onde hai unha ponte romana como a de Carracedo. Agora din que non é romana , que é do XVI , pero imos ver, home , ¿ é que non había romanos no XVI ?. E que lles vou dicir do Pazo de Láncara , e das terras da Armeá . Ou de San Xoán de Muro, terra de protestantes e de protestóns, que non se levaban ben co cura e fixéronse todos luteranos . Un día hei contar esta historia. Xa o dixen : se Deus me dá unha vida de recunque , por ruinciña que sexa, nacerei de novo aquí. E , desta vez , non vou emigrar.
........................................................
AGORA QUE VOU VELLO , DOU GRACIAS A QUEN FIXO ESTE MUNDO PRESCINDIBLE POR PERMITIRME NACER NA TERRA DE LÁNCARA, O PAÍS MÁIS FERMOSO DO MUNDO.
...............................
BASILIO LOSADA CASTRO ( A Pobra de San Xiao-Láncara, 1930 )
Catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona. Galego de Honra 1998 . Medallla Castelao. Cruz de Santa Jordi .Pedrón de Honra 1985. Premio Nacional de Traducción 1981. Escribiu " O Camiño de Santiago" 1982. Premio Ramón Piñeiro "Facer País".
*************************************************************************************
Comentarios
Publicar un comentario