A FOZ DAS ACEAS ( TOPONIMIA )

                                             A FOZ DAS ACEAS , NO RÍO SÁRRIA

                                                     UNHA RICA TOPONIMIA

A FOZ DAS ACEAS  é un espazo producido  pola forte  erosión feita polo río Sárria  entre as parroquias de Cesár, Reimóndez e Farbán na banda esquerda, e as de Fafián e Farbán, na dereita. Recibe este nome porque alí asentaron dous muños, que foron do Mosteiro da Madalena de Sárria, e os muiños de Rigueiro e do Conde  no comezo, dentro da parroquia de San Xoán de Fafián.

Para percorrer a  ruta de a pé , saíndo desde a vila de Sárria, pódese  alcanzar a Ponte da Acea de Baixo,  comezando a andadura  na Ponte Ribeira e seguindo  pola Ribeira dos Cucos, a Praia do ChantoCampo de Deportes de Ribela, Corga de Veigadelo e Camiño da Acea de Baixo  até chegar as casas da Acea  de Farbán ( ou de Baixo). Outro acceso  é o que partindo da Zona Escolar-Cuartel da Garda Civil pasa por Ribela ( da parroquia de Farbán )  segue , deixando o río Sárria a man dereita, vai pola Corga  de Peagos  ata a Ponte da Acea de Baixo.

Chegados a este punto a andaina vai trascorrendo  deixando o río a man dereita, pasando por varias paraxes de Farbán e Fafián. 

MUIÑO DA ACEA DE BAIXO ou ACEA DE FARBÁN;.- ë un muiño que pertenceu ao Mosteiro da Madalena de Sárria , e que agora, perdida a súa función, é lugar de lecer para a familia propietaria. A carón do Muiño está  o RAIRO, a INSUA e a CORTIÑA.

Pasado o pontigo da CAL DE PEAGOS comeza a ruta de senderismo, deixando á esquerda o camiño que vai cara Fafián. O camiño de andar é un camiño particular que daba servizo ao muiño da Acea de Riba e a varias fincas rústicas.  A PRESA DE PEAGOS  recollía as augas para a CAL ou REGA DE PEAGOS, proxectada  incialmente para alcanzar Rubín, e que nunca pasou dos Prados de Ribela.A presa foi coñecida como PRESA DE FREI DOMINGOS, polo nome do relixioso agostiño do mosteiro da Madalena, e na actualidade serve de punto de captación de augas para a vila de Sárria, parroquia de Froián e outras da contorna.

O camiño  vai  por entre  o LEIRO DE FREI DOMINGOS e as XESTEIRAS e CARBALLEIRAS do MONTE DE FAFIÁN,  e a carón do CASARELLO ou CASOUPA , recibindo pola esquerda  o CARREIRO DO MUIÑO por onde baixaban os veciños de Fafián coa gra para a molaxe- Alcanzaban a PONTE DA ACEA DE RIBA, que tiña á man dereita unha FONTE.  Segue polos nomeamentos  de NAMELO DOS PENEDOS,  AS RIBEIRAS, A CANEIRA ou O CANEIRO. conservándose no río os restos da presa , na que darredor de 1910 houbo o procecto de facer alí unha fábrica da luz. Segue por TRAS DOS PENEDOS, OS PENEDOS, O MONTE., O TESO. OS MOURÍS,  SOUTO DO MUIÑO DO CONDE...   Houbo nesta altura unha ponte de pedra con pear no medio do río, con taboado riba de traves de madeira, que o levou unha chea.

O MUIÑO DO CONDE , en moi bon estado e en funcionamento, conserva o banzado  que recibe as augas da PRESA DO CONDE, e ten un pear dunha ponte proxectada que non se fixo ao non ser autorizada pola Confederación Hidrográfica.

Contiúa a ruta  por PERROS, MONTE DO MUIÑO, por onde baixa  o CAMIÑO DE FAFIÁN    ,  e por  PARAXOÁ,  PRADO DA PONTE e o MONTE DA PONTE, chega ao BAO DA PONTE  e á PONTE DE FAFIÁN, na que conflúe co CAMIÑO DE FAFIÁN ou DA AIREXE  e o CAMIÑO DAS RIBEIRAS,

Pasado o río, despois de deixar  a man esquerda o MUIÑO DE REGUEIRO, e  o CAMIÑO DE PEDRACHANTADA ( ou do CARBALLAL )  e o CAMIÑO DE ARXIVIDE, a ruta , agora pola beira esquerda  vai a carón  de  AS NABEGAS,  AURIANA, A NOGUEIRA, A FOZ e A CENZA.Á altura do POZO DA CENZA ( nunha das moitas voltas do río Sárria )  entran as augas do REGO DA CENZA que baixa dende  a parroquia de Cesar. No nomeamento de CABADOS e CABADAS  remataba o CARREIRO DO MUIÑO por onde, feito na PENA TALLADA , baixaban ao Muiño do Conde  dende Pape , Milama e Cesar.,

Segue  por termos do PENEDO,  PENEDO DO RÍO, BORDOCEDO, PENEDOS DE ABAIXO  e O ROSARIO até alcanzar a  ESTACIÓN ELEVADORA DE AUGAS PARA O OURAL. O antigo CARREIRO que subía ata a COVA DE GASPAR desapareceu  por unha forte balancada que deu nacemento a  un profundo carronzo que o deixou inutilizado.

Seguindo augas abaixo, pódense  observar  os belidos reflectidos  producidos no río, froito  da vizosa vexetación que baixa polas fincas de FERREIRO e BÉRTALO  ata os PENEDOS DO RÍO, DEVESA DO  ROSARIO.  A PRESA DA ACEA DE RIBA leva as augas ao MUIÑO DA ACEA DE RIBA ou DA ACEA DE REIMÓNDEZ que foi tamén propiedade do Mosteiro da Madalena de Sárria. Este muiño ata os anos de 1930 tivo tamén un ASERRADOIRO movido por auga, e no tempo antigo tamén houbo ali un batán.

O camiño entre o muiño e a Elevadora de Augas do Oural é privado, e  o paso de persoas foi derivado  cara a ponte  seguindo pola beira do río  pola HORTA  e a CORTIÑA DA ACEA, deixando á esquerda a CASA DA ACEA DE RIBA ( parroquia de Reimóndez " que na documentación  antiga chamaban A CASIÑA. Dende o lugar de Sanfiz baixaba o CAMIÑO DO MUIÑO polo que se servían os que baixaban desde  as parroquias da contorna para moer o centeo.

Vai o camiño entre as Devesas das Costas e o antigo PRADO DA ACEA ou PRADO DE CALDEIRO onde se acha  a ESTACIÓN ELEVADORA  DE AUGAS de propiedade municipal que as leva ata o PRADO DE FERREIRÓ, perto do lugar de San Fiz. Nesa altura o río Sárria recibe as augas do Rego de San Fiz. 

Un tanto alonxado do río o camiño, que deixa en plano inferior a CASA DA ACEA DE BAIXO vai pasando polas DEVESA DE CALDEIRO, DEVESA  DE FERREIRO, CORTIÑA DA CASA, CASA DE MONTES, DEVESA DA ACEA e DEVESA DE VEIGADELO, e as CASAS NOVAS. alcanza a cruz de Veigadelo , onde conflúen  a CORGA DE VEIGADELO, o CAMIÑO DE FARBÁN  e o CAMIÑO DA ACEA DE BAIXO,

E así remata  un fermoso recorrido por un doas máis vizosos   espazos da Terra de Sárria,  onde ao longo duns cinco quilómetros  se pode disfrutar  dunha natureza  xenerosa  en especies arbóreas e ademais  A RUTA DA FOZ DAS ACEAS  pode ser complementada con variantes en dirección a Pedrachanta  e a Ponte de Frollias, ou subindo ata a igrexa de Fafián voltar a Sárria pola Cruz de Fafián e  Vilasante..




 

.

Comentarios

Publicacións populares