O PALACIO DE PARADELA ( SÁRRIA )

                                        O PALACIO DE PARADELA ( SÁRRIA )

Na parroquia de Santa María de Vilamaior de Paradela ou Santa María de Vilamaior da Lobataira, na antiga Xurisdición de Sárria, e agora formando parte do Concello de Sárria está o lugar de O PALACIO ( en documentación antiga tamén nomeado como PALACIOS DE PARADELA.

Na actualidade  está formado por varias casas que están nas dúas beiras da estrada de Mosteiro Vello e o edificio da antiga escola da parroquia, agora convertida nun centro social no que os veciños desenvolven accións culturais e de lecer

Santa María de Vilamaior, con Santo André de Paeadela e Santiago  de Nespereira  constituían o PARTIDO DA LOBATAIRA, da Xurisdición e Marquesado de Sárria, mentres que as parroquias limitrofes de Barán e Andreade eran da Merindade de Paradela, no Condado de Lemos, e Santa María de Castro de Rei de Lemos era Couto dependente do Mosteiro de Montederramo ( Ourense ).

Nunha pequena chaira , entre o Castro de Vilamaior e o río Loio, os Condes de Lemos alzaron un pazo que destinaron como lugar de asentamento " para montear e cazar " polos montes de Lagoela, Regueiral,  Cabántigos e os montes de Castro de Rei. Coñecido como O PALACIO estaba a carón do CAMPO DO  PALACIO, onde se celebraba a FEIRA DO QUINCE, única mensual  dentro da xurisdición de Sárria ata 1820 e que coa denominación de FEIRA DE PARADELA se mantivo  ata 1937.

As referenzas documentais aos "Palacios de Paradela" son constantes nas escritras pasadas nas feiras que se celebraban nos días quince de cada mes, pois os escribáns da comarca tiñan por costume achegarse ao Campo do Palacio ( tamén chamado Campo de Tambarría )  para o outorgamento de escrituras de  capitulacións matrimoniais, testamentos, apartacións e aforamentos.

Pola FEIRA DE PARADELA ( Vilamaior ) pasaba o Camiño de Sárria a Chantada , que seguían os que ían cara Pontevedra  atravesando o Miño na Barca do Pincelo ou na Ponte de Beleser  , e por alí andivo o PADRE SARMIENTO , procedente de Barbadelo e  indo en direción  á Ponte de Belesar.

Algúns estudosos, con evidente erro pola súa parte, identifican os "Palacios de Paradela" co lugar de Pacios, na parroquia de San Miguel de Paradela, agora oficializado co nome de Paradela, capital do Concello do mesmo nome.E así sitúan a carta dirixida polo Conde de Lemos e Marqués de Sárria don Pedro Fernández de Castro , ao insine poeta Luis de Góngora y Argote.

A historiadora monfortina Margarita Rodríguez Otero achou e publicou un  documento no que se relata como se acordou o traslado dunha boa , e a  mellor,  parte  das pedras traballadas  e outros materiais do PALACIO da Terra da Lobataira á entón vila de Monforte de Lemos, para aproveitalos na obra nova do Pazo Condal alzado  a carón da Fortaleza mofortina e do mosteiro de San Vicenzo do Pino

Eis o contido do  mesmo na parte que nos interesa.:.

." E tamén se han carretar ao pé do dito Pazo ( o de Monforte )  toda a pedra labrada de cantaría , portas e fiestras e  dos cantos, que sexan portables e que se achen na Casa que   a Súa Excelenza ten  en pardiñeiro en par do Palacio de Paradela ( * en Vilamaioor) quedando por conta dos ditos mestres a demoer e abaixar toda a pedra  e a tella , que ao de presente ten o dito palacio, dándolle dous peóns para que axuden a baixar  a dita tella e madeiraxe  que hai no dito pardiñeiro. E tamén ha ser de conta dos ditos mestres o arrincaren e deschumbaren as reixas  e balcóns  que se achan no dito Palacio de Paradela, para que pola conta da Súa Excekenza  sexan carretedos até esta Vila ( Monforte ).....

De isto resulta que as pedras de  balcóns, fiestras e cantos foron levados en carros ata Monforte, xunto coas reixas  e ferros dos balcóns para  a obra do pazo condal.. Tamén se ve que a carón do "Palacio Vello" da Lobataira  o Conde de Lemos-Marqués de Sárria estaba o "Palacio Novo" onde paraba cos seus acompañantes cano facían montarías na Lobataira , Castro de Rei e Paradela.

Centrada a vida dos condes en Madrid, o pazo novo foi posto a foro,  sendo coñecida como CASA DE TAMBARRÍA ,na que como foreiros asentaron membros da familia Pàramo, de onde sairían  os tratantes de gado  tan coñecidos na terra de Sárria e en parte asentados na cidade de Lugo.

A memoria do pazo quedou  nos toponimos de O PALACIO e  CAMPO DE PALACIO. O campo da Feira do Quince, xestinado polo Partido da Lobataira, foi dotado de  alpendres.

Pouco antes de 1930 quedou rematada a estrada de Santa María á Feira de Paradela ( de Nabás ao Palacio) que debería ser alongada até a Feira do Tres ( no Mosteiro Vello- Castro de Rei ), obras que se viron interrompidas pola guerra civil, e por razón dun deliberado "castigo politico " para os veciños de Castro de Rei o treito de Bade á Mámoa non se rematou  ata o final dos anos 1970.

A Feira e a estrada deron nacemento a varias  casas e  Tabernas con tendas de ultramarinos e ao establecemento dunha liña regular de coches de viaxeiros ( Empresa Estevo ) até  Sárria , que prestaba servizo aos veciños da Lobataira, Santo André , parte de Barbadelo, e  a algús lugares de Castro de Rei de Lemos.


Comentarios

Publicacións populares