CÁMARA OFICIAL DE COMERZO E INDUSTRIA DE SÁRRIA

CÁMARA OFICIAL DE COMERZO E INDUSTRIA DE SÁRRIA

                                                                          Xaime Félix López Arias

Na primeira década do século XX, Sárria, que deixara  atrás o outeiro castrexo para espallarse  pola gándara baixa , é un activo  centro comercial  que medra darredor da Estación do Ferrocarril, dende onde parten estradas  cara  as terras  da Montaña oriental luguesa.

Nos barrios de San  Lázaro e A Estación asentan  industriais chegados de Toledo, Zamora, Valladolid e outras partes  que lle dan pulo á  nova vila que medra darredor das estradas que levan a Lugo, Monforte, Samos , Mouzós e Corvelle.

Ese dinamismo vai facer que xurdan unha serie de  almacéns de coloniais, tendas de tecidos, almacéns xeneralistas , actividades exportadoras, e mesmo  cativas industrias ,   que faran desa nova Sárria  unha antítese  da vila casteleira e fidalga de rendistas e empregados públicos , nunha oposición de miras que  se mantivo viva por décadas , con teimosías e enfrontamentos  que perxudicaron o desenvolvemento  e a convivencia social da vila.

Eses comerciantes  que se enriquecen  coa importación e exportación de produtos  e constrúen verdadeiros palacetes nos que asentan os seus negocios, e  alzan grupos de casas para aluguer, serán os que  sentarán as bases  da expansión  sarriá ao longo do século.

A pecha sociedade dos "propietarios" rendistas  terá que ir abrindo canles de comunicación , mesmo a traveso dos  vencellos de sangue, pasando, pouco a pouco,  a ocuparen os postos de xestión e responsabilidade na vida local que polo seu dinamismo lles correspondían.

Dentro dese movemento innovador  temos que contemplar  a criación da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Sárria,

Con data de  30 de agosto de 1908, en "Villa Aurelia", residencia de verán do industrail sarriao-madrileño Venancio Vázquez López, reuníronse  comerciantes e  industriais  de Sárria , para crear  a Cámara Oficial de Comerzo e Industrria local, elindo na mesma sesión como presidentes de honra  aosn señores D. Venacio Vázquez,D. Diego Pazos, D. Mariano Zaera , D. Matías  Oñate López e D, Xesús Pérez-Batallón,

A continuación formaron a primera Xunta Directiva  baixo da presidenza de D. Víctor Castro López, e coa participación de D. Xosé Antonio Gayoso ( Viceprsedente ), D, Bienvenido Díaz de Freijo( secretario xeral )D. Dimas González ( Contador ); D, Emilio Zaera ( Tesourerio); D. Xosé Viñas ( Bibliotecario -Arquiveiro), Vocáis : Antonio Sánchez; D. Matías Vázquez , D, Francisco  García Delgado; D. Anxo Pazos;D. Antonio López López e D. Manuel  López Díaz..

Na mesma data  aprobaron as normas polas que se ía rexir  a Cámarta, Regulamento que foi elevado á Direción Xeral  de Industria e Comerzo que por resolución de  28 de setembro de 1908   declaróu constituída a  Cámara  de Comerzo e Industria  sinalándolle  como territorio para exercer a súa xurisdicón   a do termo municipal,

O Regulamento foi editado nun folleto de trinta páxinas no que se incluiron ademáis os Reais Decretos  reguladores na materia,

Nesta primeira refefenza  á nacente Cámara  hai que destacar a presenza  como promotores  da mesma dos representantes das razóns comerciais  Chocolates Víctor Castro e as Casas  Moreno, Marzán, Dimas, Zaera, Vento, Freixo, Serrrador, García Delgado ...que  nas décadas seguintes  van siñificar o pulo creador da nova Sárria.

Non deixa de  ser importante o feito de que aparezan  vencellados á Cámara  os prohomes sarriaos de fináis  do século XIX: Venancio Vázquez ( fabricante de chocolates e doces  en Madrid, sobriño de Matías López );  Diego Pazos ( economista, historiador  e rexistrador da propiedade ), Mariano Zaera  ( politico republicano e  o máis destacado comerciante de orixe foránea asentado en Sárria); Matías Oñate ( industrial chocolateiro en Madrid, neto de Matías López ) e Xesús Pérez-Batallón (representante das tradicións liberais da vila)- Dalgún xeito a nacente Cámara ,  nomeando presidentes de honra a estes persoeiros, non facía senón homenaxear  a  aqueles que dentro ou fora da vila  levaban adiante un labor trascendental , e neles quedaban dalgún xeito unidos  comerzo, cultura e política.

Da andadura da Cámara Oficial de Comerzo e Industria de Sárria  ninguha documentación se conserva,  fora  do folleto editado no prelo de Xerardo Castro, Tipografía La Minerva de Lugo, 1908, un de cuxos exemplares, rescatado polo Seminario de Estudos Sarriaos  "Francisco Vázquez Saco" , está depositado no Arquivo Histórico Comarcal ( Casa da Cultura). É posible que en algures se conserven os libros de actas , que permitirian  reconstruir  un suxerente período de tempo , cando Sárria se abría  á modernidade.

Rastrexando nos xornais  das dúas décadas seguintes  á súa fundaciósn sabemos que os membros  da Cámara fixeron activas xestións en temas como a consagración do tradicional e secular Mercado Dominical , a politica ferroviaria, a politica de importación de grá,  chegando mesmo unha representación súa a ser recibida polo ministro encargado do ramo do comerzo e a industria.

E finalmente a morte da Cámara chegaría no tempo do Direitorio , como moitas outras cámaras de vilas e cidades de España, foi disolta, e tivo quer se integrar na Cámara Provincial de Comerzo ,  Industria e Navegación de Lugo.

O que sí é certo é que  nas primeiras década do século XX o comerzo sarriao fíxose forte  e aparece unha incipiente industria : Fábricas  de Chocolates ( as), galletas ( La Nueva Alianza ), peliteiros,  aserradoiros, centrais eléctricas ( tres ) , que sentan as bases  dunha nova mentalidade  e a burguesía vilega vai entrando nas canles  da produción.

Un período de certo esplendor  que  se vai manter até a guerra de 1936/39, para ir esmorecendo pouco a pouco  . Aqueles comerzos xeneralistas  onde había dende dinamita a louza , e dende cadaleitos a bacallau, foron caíndo un a un. As  familias  que os botaran a andar  van vendo como os membros das novas xerazóns pasan aos sectores das profesións liberáis  e ao servizo do Estado e rematan liquidando os negocios familiares.

Ese esnaquizamento e  esfaragullamento   dos grandes almacéns vai traer novos xeitos de comerciar. Será o tempo das pequenas tendas, a hora dos pequenos tendeiros  insolidarios  e atentos só  aos seus pequenos mundos , negados para o agromar de inquedanzas.

E a Cámara Oficial de Comerzo e  Industria de Sárria , e as súas actuacións, non  deixaron  máis recordo que un exemplar do seu impreso Regulamento e a imaxe  da súa representación icónica.


 


Comentarios

Publicacións populares