PONTES DO RÍO SÁRRIA

                          AS PONTES DO RÍO SÁRRIA

O río Sárria, que dende Triacastela , pasando por parroquias dos concellos de Samos, Sárria, Láncara e O Páramo, leva as súas augas ao río Neira, está atravesado por un bon número de pontes e pontigos ao servizo de antigos camiños, estradas , pistas e  o ferrocarril. 

 01,  PONTE  NOVA DE ALMIRÓN.- Na estrada C-633, alzada no ancheamento  da estrada de Pedrafita do Cebreiro  a Palas de Rei. Obra en formigón.

02.- PONTE DE ALMIRÓN.- Ponte de Pedra, na estrada de Samos a Pedrafita do Cebreiro, que perdeu a súa función  ao facer a ponte nova-.

03.- PONTE DE SAN CRISTOVO DO REAL - Comunica os dous barretes da localidade de San Cristovo do Real.  A localidade era na Idade Media San Cristovo de Ríu de Sárria. En moita documentación posteriors  aparece como San Cristovo do Rial.

04.- PONTE  DE LUSÍO.- Ou Ponte dos Pasos. Comunica o camiño de Lusió co de San Cristovo a Renche. Houbo no tempo antigo uin pontón particular do Pazo de Lusío para comunicar fincas desa propiedade

05.- PONTE DE LASTRES.- Na parroquia de Santiago de Renche-. Comunica  Renche coa aldea de Lastres

06.- PONTE DE FREITUXE- Na pista que vai da estrada C-633 a  Santa María de Loureiro.  O lugar foi coñecido como Freituxe de Sárria.

07.- PONTE DE  SAN MARTIÑO.-  En San Martiño do Real. No camiño de San Martiño do Real a Freituxe. A parroquia na Idade Media aparece como San Martiño de Sárria, e máis adiante como San Martiño do Rial.

08- PONTE DE VILA DE TRES.- No antigo camiño de Samos a Triacastela por Freituxe. Hoxe camiño interior do lugar-granxa de Vila de Tres, propiedade  do Mosteiro de Samos e acceso á central eléctrica de Vila de Tres. E unha ponte de pedra riba do río Sárria  dun só arco, seguida de outra riba do rairo que vai ao banzado da fábrica da luz. Augas abaixo está o paraxe do Bao-

09.- PONTE DE SAN SALVADOR.- Na vila de Samos, pèrto da Capela de San Salvador ou do Alciprés. Ponte para peóns entre a antiga Horta da Botica ( Campo da Feira ) e os Prados do Convento.

10.- PONTE NOVA DO MOSTEIRO.- Na estrada C-633. Sustituiu á inmediata cando se ancheou a estrada de Pedrafita do Cebreiro a Palas de Rei. Está perto do antigo muiño do Mosteiro e da Gasolineira de Samos.

11.- PONTE DO MOSTEIRO ( 1 ).- Ponte de pedra . Foi alzada  para pasar a estrada de Samos a Pedrafita do Cebreiro, alongamento da estrada de Sárria a Samos-

12.- PONTE DA PORTARÍA VELLA ( desaparecida ).- A antiga Portaría do Mosteiro de Samos  abríase pasada esta ponte que daba entrada ao cenobio, que aínda pervive na traza dun arco cegado no muro leste da Casa.

13.- PONTE-ACUEDUTO-  Cando  os monxes  de Samos fixeron a súa traída de augas, con canos de pedra e cerámicos, para introducilas no edificio tiveron que facer un acueduto riba do río Sárria, obra que aínda pervive, pero  xa non conduce augas.

14.- PONTE DE SAMOS.-  Ponte de pedra que comunica a  Praza do Concello co Barrio do Fontao.  Ao seu carón estaba a Casa da Botica ( agora establecemento hostaleiro ). A Casa do Concello , a Torre do Reloxo, o palco da musica e o Centro de Saúde  están  vencellados a este espazo. Perto del estivo o antigo Hospital de Peregrinos. Atravesa a Ponte a actual variante do Camiño xacobeo que ven de Triacastela por Pena Partida, Renche e San Martiño do Real. Augas abaixo estivo o Muiño de Bizarro e  houbo unha central eléctrica administrada pola familia Valdés .

 15.- PONTE DA VEIGA.-   Entre A Veiga e O Carballal.É ponte peonil que forma parte da Área do Campo da Festa da vila de Samos.

16.- PONTE DA FERRARÍA.- Comunica os lugares de Foxos e da Ferraría , da parroquia de Santa Xertrude de Samos. Pasa por ela a pista que ten a súa orixe na C-633.

17.- PONTE  DA PISCINA.- No lugar de Teiguín- Comunica a C-633 coa ¨Área  das Piscinas Municipais de Samos. É  paso peonil.

18.- PONTE DE TEIGUÍN.- No lugar de Teiguín. Entre o lugar e o Refuxio de Pescadores. Está a carón da Área Recreativa de Teiguín,  da Capela de San Domingos de Silos, da Presa do Muiño de San Cobade e a Estación Depuradora de Augas Residuais de Samos..

19.- PONTE DO MUIÑO DE SAN COBADE.- Pasa por ela a pista que vai desde a estrada C´633  e os lugares de San Cobade e Formigueiros

20.- PONTE  NOVA MODERNA.-  Ponte do Bao ( Moderna ). Alzada para o ancheamento  da estrada C-633.. Veu a sustituir  a Ponte Nova situada ao seu carón.

21.- PONTE NOVA- Ponte do Bao. Ponte de pedra azada nos anos finais do século XIX para o paso da estrada de Sárria a Samos.

22.- PONTE VELLA DO BAO.-  No vello camiño de Santalla de Pascais a Castroncán.

23.- PONTE DE  GOROLFE.-  Na pista de Gorolfe a Vilachá ( Castroncán ). Permite o acceso ao Muiñode Gorolfe.

24.- PONTE  DE REIRIZ.- Ponte do Lago. Na Pista de  Calvor  á Ponte Nova por Pascais.  Pasa por ela a moderna variante do Camiño xacobeo entre Samos e A Aguiada-Calvor.

.25.- PONTE DA VEIGA DE REIRIZ.- Ponte de pedra. No camiño de Reiriz a Sivil e Estraxiz e o camiño de Reriiz á Brea e Samos. Ten unha capeliña cunha imaxe dun santo en pedra, e unha inscrición coa data de construción da ponte  e petición de oracións. Pasa por esta ponte a nova variante do Camiño de Santiago que por Teiguín  ,  Santalla de Pascais e Perros  vai ata A Aguiada.

26-PONTE DO PAZO DE PERROS.- Ponte particular que comunica a Finca da Casa e o Prado Novo.

27.- PONTE  DE PERROS.- No antigo camiño de Monforte de Lemos a Asturias, que cruzaba co Camiño de Santiago no lugar da Aguiada. Pasa por el a pista de Perros a Barxa e esta ao seu carón o Muiño de Perros e no lugar o Pazo de Perros e a Capela da Nosa Señora do Camiño..

28.- PONTE DE BARXA.- Na parroquia de Santo Estevo de Calvor .- No camiño de Mondín a Perros e para o servizo do muiño do lugar-.

29.- PONTE DE CANCELEIRAS.- Na parroquia de Santa María de Lier , no camiño de Lier a San Mamede do Camiño e de Lier a Barxa. Está perto da igrexa parroquial de Lier.

30.- PONTE DE LIER.- No Camiño de Lier a Castelo dos Infantes , perto do histórico  paraxe de Barxelas.

31.- PONTE DE FROLLAIS.- Ponte de pedra, alzada no Bao de Frollais de Abaixo, cando nos anos finais do século XIX abriron a estrada de Sárria a Samos. Á súa beira está a estación de control do caudal do río-

32.- PONTE NOVA DE FROLLAIS.- Alzada coas obras de ancheamento da estrada C-633 , de Pedrafita do Cebreiro a  Palas de Rei.

33.- PONTE DE PEDRA CHANTADA .- Ponte do Carballal. Comunica a estrada C-633 co lugar de Pedra Chantasda ou do  Carballal ( San Miguel de Frollais ). Á súa beira está o Muiño de Pumares con piscifactoría propia.

34.- PONTE DE FAFIÁN- No camiño de Fafián a Arxivide ( San Salvador de Cesár. ë unha ponte de madeira integrada na Ruta de Sendeirismo da Foz das Aceas. Augas arriba está o Muiño de Regueiro.

35.- PONTE DO MUIÑO DO CONDE.-  ( desaparecida ) Poñia en comunicación Fafián con Cesár. O camiño na banda de  Cesár era moi súpeto e tallado na pena, auténtico "camiño do muiño" por onde tiñan qiue baixar e subir os que levaban a gra para ser moida na acea. ou Muiño do Conde  A ponte tiña un pear en cada unha das beiras e outro  no medio do río  e o taboeiro estaba feito con trabes e táboas de madeira. A ponte foi arrastrada nunha chea do río que botou abaixo o perr central. Augas arriba pódese ver un pear exento chantado no río, de formigón, que se pretendeu fose  destinado a unha nova  e sólida ponte que permitise a comunicación da parroquia de Cesár con Sárriai polo camiño máis curto, proxecto este  que tivo a oposición  da Confedración Hidrográfica  do Norte de España, e os veciños de Cesár para ir e volver de Sarria con autos teñen que arrodear moitos quilómetros ,  ben por Arxivide  para alcanzar a C-633 en Frollias ou ben  por Reimóndez e Callás para chegar á  estrada de Monforte.. Augas abaixo está a Presa do Caneiro , onde houbo arca para coller peixes, e na primeira década do século XX trataron de ubicar alí unha central para a produción de electricidade para a vila de Sárria,

36- PONTE DA ACEA DE RIBA,. Destinada ao servizo do Muiño da Acea de Riba. Comunica as parroquias de San Xoán de Fafián e San Fiz de Reimóndez.  É ponte con peares de pedra solta e plataforma de madeira. Está integrada na Ruta de sendeirismo da Foz das Aceas. Augas arriba foi instalada a Estación Elevadora de Augas para O Oural e lugares da terra de Froián-

37-- PONTE DA ACEA DE BAIXO.- Comunica  as parroquias de Santiago de Farbán e San Xoán de Fafián. Está integrada na Ruta de Sendeirismo da Foz das Aceas. Está a carón do Muiño da Acea de . . . Baixo. Augas arriba está a presa do Peago ou de Frei Domingos  de onde sae un rairo para  a rega dos Prados de Ribela, que está cruzado por un pontigo unha vez pasada a Ponte. Nesa presa está a toma de augas da Estación Elevadora de Augas, que as sobe ata San Fiz, para a súa distribuciòn na vila de Sárria e parroquias da veiga.

38.- PONTE DE RIBELA ( desaparecida ) Na parroquia de Santiago de Farbán. Comunicaba o lugar de Ribela con Filloi, antiga ubicación da igrexa parroquial, e a igrexa nova. Ao comprar o Concello de Sárria o Prado de Mao para destinalo a Estadio Municipal de Deportes  por un tempo seerviu para acceder a este espazo, ata que unha chea do río, malia a ser de formigón,  acabou con ela,  sen que se teña feito actuación para repoñela.

.........................................................................................................................................................

                                               PONTES NA VILA DE SÁRRIA

 39.- PONTE CASTELAO.Na rúa Castelao, que comunica a estrada de Monforte coa estrada de Samsos pasando pola Zona Escolar, entre Pacios e Ribela.A primeira ponte nesta situación foi demoida e a Confederación Hidrogáfica do MiñoSil alzou unha nova con maior elevación.

40.- PONTE  DO CHANTO.- Pon en comuicación o Parque do Chanto cos Prados de Fontao  ( Zonas Deportiva e Escolar ). Ten escaleiras nas dúas marxes e é apta só para o paso de peóns.

41.-  PONTE RIBEIRA ( Unha das históricas pontes de pedra da vila ).- Entrada á Vila de Sárria polo Camiño de Santiago ( Rúa do Peregrino ). Tiña cinco arcos e había que pagar dereitos de pontaxe para pasar por ela. En 1873 afundiuse o arco principal  que a Deputación se negou a refacer, estando ens ervizo ata 1928 con vigas de madeira e taboeiro, sustiuidas por vigas e soleira en formigón Nos primeiros anos da décda de 1980 adosàronlle unha obra en formigón. Sufreu a eliminación da plataforma do antigo arco principal, manténdose impracticable varios anos. Ao seu carón está a Fonte Ribeira, e estiveron o Matadoiro Municipal e o Lavadoiro público, hai tempo desaparecidos. Era paso obrigado para acceder ao Muiño da Ponte Ribeira.

42.- PONTE ALFONSO IX.- Promovida a título de particular  polo Hotel Alfonso IX. Pon en comunicación o Paseo do Malecón do Río Sárria coa Esplanada do Hotel e a Rúa do Peregrino.Foi expropiada pola Confederación Hidrográfica  Miño-Sil.  Só apta  para paso de peóns.

43.- PONTE DO MUIÑO DO TOLEIRO.- Na súa orixe estivo formada por dous pontigos , un riba do río Sárria e o outro no Rairo do Muiño do Toleiro, obrados para acceder ao muiño, tamén fábrica da liz en 1915, que foron derrubados alzando unha nova ponte peonil con estrtutura de formigón, promovida pola Confederación Hidrografica do Miño-Sil.. Poñía en comuuicación  a Corga do Río co Camiño de Pintín. Está integrado na actual Rúa do Toleiro, e unha das súas bases está  no Paseo do Malecón.

44.- PONTE DE FERRO / PONTE DO TOLEIRO.-  Alzada cando se abriu a estrada da Estación de Sárria a Samos e ramal ao Incio ( Estrada de Samos /Rúa Alfonso XIII / Avenida da República / Rúa Calvo Sotelo) nos  anos finais do século XIX atravesando o río Sárria, a Insua do Toleiro e o Rairo do Muiño do  Toleiro, con dous piares unidos con vigas de ferro e un pontigo no rairo. Foi obxecto de dúas ampliacións, con eliminación da estrutura de ferro , sustituída por vigas e plataformas  de formigón e dotación dun piar central. Tamén se coñeceu como Ponte da Ciguñeira.. Actualmente atravesada pola Estrada de Pedrafita do Cebreiro a Palas de Rei.

45.- PONTE DO CANEIRO.-  Na estrada actualmente denominada  Estrada de Sárria a Becerreá. Foi alzada riba do río Sárria e da Insua do Caneiro, para mellorar o trásnito que se facía pola Ponte Vella , que por ser estreita presentaba graves perigos.

46.- PONTE VELLA .- ( Ponte Vella de Vilar de Sárria ) ( Histórica ponte de pedra  con dereito de pontaxe  ).  De orixe medieval, estaba nos camiños de Sárria a Aranza e Asturias e Camiño de Lugo ao Courel. Perto dela apareceron restos dunha vila romana, o que leva a algúns autores a estimar que houbese antes alí unha ponte antiga e de feito unha das súas denominacións populares é a de "Ponte Romana".A partir de 1851  pasou por esta ponte o Camiño de Aranza ,  Camiño ou estrada de Sárria a Ribadeo, parado moitos anos en Corvelle e finalmente foi seguindo até  Becerreá.nunha dilactación das obras de perto de 60 anos.  Esa estrada pasou por diveras denominacións :  Estrada de Sárria a Becerreá, Estrada de Sárria a Ouviaño e Estrada de Becerreá a Vendas de Narón, levando agora o nome de estrada de Sárria a Becerreá,con orixe na Estación do Ferrocarril de Sárria. A carón da  ponte houbo unha Taberna propiedade do común dos veciños de Vilar de Sárria, e consérvase  ali  un Peto de Ánimas .. A ponte non presenta un bon estado de conservación perdeui os petrís, algúns arcos están  ferrados e as caídas pedras dun ds arcos pequenos foron sustituidas por un empastre de formigón. Para liberala do paso de veículos  construiuse a Ponte do Caneiro. Esta `ponte conta con protección xurídica, que non se traduce na máis minima atemción por parte das autoridades  culturais.Augas arriba está o Porto da Veiga que era o bao por onde pasaban os que evitaban pagar  o dereito de pontaxe-

.......................................................................................................................................................

47.-  PONTIGOS DA VEIGUIÑA.-  Na cabeceira da Insua da Veiguiña  hai un pontigo de paso peonil no brazo da esquerda e  no brazo da dereita permite o paso de tractores depois de usar o bao. Comunica as parroquias de San Martiño de Requeixo e San Salvador de Vilar de Sárria. perto do lugar da Veiguiña ( que fora de Requeeixo e agora é de Vilar de Sárria ). Perto da ponte está a Estación de Depuración de Augas Resid0iuais.

48.- PONTE DO MUIÑO DE BETOTE.- Permite o acceso ao muiño  e a comuicación polo vello camiño de Vilar de Sárria a Betote.

49- PONTE DE CARRANCHO.- Entre Betote e Vilar de Sárria-San Xulián da Veiga

50- PONTE NOVA DE LEZOCE.- Na estrada   de acceso  ao Polígono Empresarial do Morelle.

51.- PONTE DE MANÁN.- Ponte de Lezoce. Na  estrada do Montés a Céltigos. Perto do Muiño de Lezoce.

52.- PONTE DA VEIGA-  Comunica o lugar da Airexe ( Santiago da Veiga)  co lugar de Fonteabuín, enlazando a estrada de Céltigos coa de Corvelle a Láncara. Foi promovida con ocasión dos traballos de concentración parcelaria,

53.- PONTE DAS REBOUZAS.- No antigo camiño da Veiga a Fonteabuín e Rubín-

 54-- PONTE DA REZA.- Pon en comuncación Céltigos con Oleiros e Rubía. Na estrada de Céltigos a Carracedo, e no camiño de Postas da Ponte de Carracedo  a Sárria.  No Muiño da Reza houbo unha fábrica de luz da famila Abad, para sumintisro do Balneario de Céltigos  e lugares da zona.

55.- PONTE DE VILAMBRÁN.- No punto onde antes houbo pasais. Comuica Céltigos con Vilambrán. no paraxe de Río Novo.

56.- PONTE DE RONFE.- Foi paso peonil de acceso aos muiños, igrexa e pazo de Ronfe. Levouna moitas veces o río e na actualidade é unha ponte curvada feita de madeira.

57..-  PONTE DE SUPENA.-  Pasa por ela a pista de San Cosmede ´a Supena.

58.-   PONTE NOVA  DA VIA.-  Viaduto construío na variante da vía férrrea de alta velocidade para acceder aos tuneis de nova construción

59.- PONTE DE VILAPEDRE ( na antiga vía do tren ).- Airoisa ponte de pedra alzada antes de 1880 para permitir o paso da vía do tren. Desmontada a liña férrea pasará a soportar unda senda verde .

60.- PONTE DE VIANCE.-  Viaduto  construído na variante da vía férrea de alta velocidade  para acceder ao túnel de Vilafiz a Moscán,

61.- PONTE DE PENABOA ( na antiga vía do tren ) Ponte  de pedra pola que pasará a senda verde de San Cosmede a Maceda, pasando pola antiga  estación do ferrocarril da Pobra de San Xiao.

62.- PONTE DA POBRA.- Na estrada de Nadela  a Campos de Vila (C-546  ). Alzada para sustituir o paso pola inmediata Ponte de Agreimonde , que ao estar  feita en perpendicular  ao río dificultaba o rouso na saída

63- PONTE  DE AGREIMONDE.- Construída en 1850/1852 para a estrada de Nadela a Valdeorras. A primeira obra caeu nunha chea do río  e para sustituíla alzaron a que agora se conserva, que serve de variante para o comezo da estrada da Pobra de San Xiao a Portomarín.

64.- PONTE DE MOSCÁN.- Onde estiveron os desaparecidos Pasais de Moscán, entre A Pobra de San Xiao e Santa María Madalena de Moscán.. Augas arriba está a estación de medición do caudal do río,

65.- PONTÓN DO MUIÑO.-  Servía  de acceso  peonil  ao Muiño de Cortes ou da Acea, entre A Pobra de San Xiao e o lugar de Cortes..

Nota : Nas Normas Subsidiarias do Planeamento de Sárria , obras que non é probable que cheguen a ser realidade,  están previstas pontes  en Ribela ( 2 )   e entre Riosol e Diego Pazos .

Por outra parte , á altura das casas da Ponte Ribeira, en 2020 o grupo de goberno do Concello de Sárria   prevé   facer unha ponte augas arriba da Fonte Ribeira  , xunto coa recuperación da traza da ponte histórica ao seu aspecto anterior a 1928.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares