BARRIOS DE SÁRRIA
OS BARRIOS DE SÁRRIA
A vila de Sárria ( Vilanova de Sárria, A Pobra de Sárria" históricamente formada polas parroquias de San Salvador de Sárria e Santa Mariña de Sárria , ocupaba lonxitudinalmente o treito do camiño de Santiago que ía desde a Cortiña da Ponte Ribeira até a Ponte da Áspera ( no río Celeiro, na Idade Media chamado Río Barbadelo ). Esa agrupación de casas ( un total de 75 a mediados do século XVIII ) era coñecido como " A Vila ".
Baixando dende a Fortaleza os diferentes espazos urbáns recibían os nomes de San Salvador, Sárria, Santa Mariña, Ferradores e O Arrabaldo. Ä beira, polo sur, quedaban A Pedreira , As Airas e Os Fornos. Había dúas aldeas : A Ponte Ribeira ( de Santa Mariña) e A Veiga de Abaixo ou A Áspera ( de San Salvador ).
O Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria, a Capela de San Marco, a Capela de Santiago do Mercado , a de Santa María de Barbadelo e o Hospital de San Roque, con capela da mesma advocación, quedaban , segundo os documentos vellos " extramuros da vila", que quere dicir que estaban arredadas da poboación, o que non quere dicir que a vila estivese pecha ou amurallada.
BARRIOS NADOS A CARÓN DAS ESTRADAS NOVAS
Cando nos anos 1851 a 1855 se abren as estradas de Nadela a Valdeorras, da Ponte do Mazadoiro á Lamarrigueira e de Sárria a Aranza ( detida por decenios en Corvelle) os espazos rurais de San Pedro de Maside, San Martiño de Requeixo e Santa Mariña de Sárria ofrecen a posiblidade de novos establecementos de poboación para acoller xornaleiros e xente de oficios, xa que na vella vila fidalga e cabeceira adminstrativa do Marquesado de Sárria non había espazos dispoñibles para a nova dinámica comercial derivada das novas vías de comunicación
Nese período nacen os seguintes barrios
BARRIO DO MAZADOIRO.- Na parroquia de San Martiño der Requeixo- Naceu na beira dereita da estrada de Nadela a Valdeorras , onde chamaban As Penelas e A Acea, e recibiu o seu nome da histórica Ponte do Mazadoiro no vello camiño de Lugo, cando veciños de Treilán se foron asentando ali, perto da Casa do Mesón, que como dotación para traxinantes e ca miñantes se instalou no novo lugar. En 1891 a parroquia eclesiástica de San Martiño de Requeixo foi suprimida canónicamente quedando integrada na de San Salvador de Sárria. Civilmente non foi suprimida e polo hoxe é un barrio non integrado na vila de Sárria, malia a que nel se teñan asentado isntitución como o Hospital-Ásilo da Nosa Señora do Carme ( desaparecido ) e agora a Residencia de Anciáns.
BARRIO DE SAN LÁZARO.- Darredor da Capela de San Lázaro, na parroquia de San Pedro de Maside, propiciado polo cruzamento da estrada da Ponte Nova do Mazadoiro a Lamarrigueira coa estrada de Sárria a Portomarín ( aberta apartires , de 1860 ), barrio rural que en 1891 acabaría integrándose na parroquia de San Salvador de Sárria, e que foi lugar de asentamento de comerciantes e almacenistas e que na Casa Badiola acolleu o Cuartel da Garda Civil.
BARRIO DOS ESQUEIREDOS.- Xurdido a carón da estrada da Ponte Nova do Mazadoiro á Lamarrigueira, na parroquia de San Salvador de Sárria, entre a parte baixa do Campo da Feira e o Camiño dos Fornos de Atrás , onde agora hai as denominacións de Rúa Conde de Lemos e Rúa dos Esqueiredos, Entre o Camiño dos Fornos de Atrás ( Casa do Cuco) e a igrexa de Farbán están as casas dos Esqueredos de Farbán, que non forman parte da vila de Sárria.
BARRIO DA ESTRADA DO MAZADOIRO.- Tamén na parroquia de San Pedro de Maside, beiras da estrada de Nadela a Valdeorras Xurdeu no espazo delimitado polo río Celeiro, As Insuas, Lama da Gándara e a Corga de Formigueiros. Era barrio rural que en 1891 se integrou na parroquia de San Salvador de Sárria e ía dende onde hoxe están o Forno de Pallares e a Casa do Chino até a Ponte Nova do Mazadoiro.Acabou formando parte da Rúa Matías López.
BARRIO DA PONTE RIBEIRA.- Na parroquia de Santa Mariña de Sárria. Cando se abriu a estrada de Valdeorras tomou a denominación do vello barrio de a carón da Ponte o espazo determinado pola Corga do Río, primeiro treito da estrada de Corvelle , estrada de Valdeorras até a estrema coa parroquia de Farbán.
BARRIO DA PONTE VELLA.- Na parroquia de Santa Mariña de Sárria, formado polas casas alzadas na antiga Carreira de Santa Mariña, dende a Corga do Río ( hoxe Rúa do Toleiro ) até a Cruz de Pradeda ( Urbanización A Ponte Vella ). Esta denominación non se consolidou e acabou sustituida polas de Barrio das Casetas e Barrio da Ciguñeira..
BARRIO DA DUQUESA.- Cando darredor de 1860 se abre a estrada de Sárria a Portomarín, con orixe na parte alta da Alvareda ( Rúa do Porvir , agora Rúa Marqués de Ugena, as casas novas que ali se alzaron recibiron o nome de Barrio da Duquesa, tomado da casa que ali fixera a familia "do Duqués")Formaba parte das parroquias de Santa Mariña e de San Salvador. Esta denominación non se consolidou.
BARRIO QUE NACEU POLA CHEGADA DO CAMIÑO DE FERRO
BARRIO DA ESTACIÓN.- A chegada en 1880 do ferrocarril a Sárria, co esta,blcemento da Estación do tren na parroquia de San Pedro de Maside, fixo que ás edificacións destinadas aos ferroviarios se sumasen casas destinadas a fondas de viaxeiros e establecementos comerciais ( almacéns ) , ocasionalmente a Estafeta de Correos , etc. Coa apertura na última década do século XIX da estrada de Sárria a Samos e á Pobra do Brollón este barrio foi lugar de asento de actividades de comerzo importación.exportación e diferentes industrias.
BARRIO DA CIGUÑEIRA / BARRIO DAS CASETAS.- Coa apertura da Estrada de Samos( 1895/1898 ), con orixe da Estación do tren o cruzamento coa Estrada de Corvelle e a área de terreos entre a denominación do Areal e a Cruz de Pradeda , parroquia de Santa Mariña de Sárria ( parte baixa da actual Rúa Diego Pazos ) foi obxecto dun forte proceso de urbanización. Como D. Matías López López fixo unha promoción de casas baixas para asento de xornaleiros e xente dos oficios a zona pasou a ser coñecida como Barrio das Casetas, convivindo coa de Barrio da Ciguñeira, derivado do nome da casa promovida no cruce por un home orixinario do lugar da Ciguñeira ( Barbadelo )e así o cruce e o barrio pasaron a seren así denominados.
BARRIOS FROITO DA ESPECULACIÓN URBANISTICA PRIVADA
BARRIO ANDIÓN.- Entre 1942 e 1945 a parcelación do conxunto urbano da fincabilidade da Casa Grande de Sárria, na parroquia de San Salvador de Sárria , pola Marquesa de Villaverde de Limia, con apertura de novas rúas ( hoxe Rosalia de Castro, Padre Sarmiento, Frei Luis de Granada ), na que interviu á hora de escriturar as compravendas un apoderado apelidado Andión, fixo que popularmente , e sen maior xustificación, se lle dese a ese espazo o nome de Barrio Andión. Esta denominación non tivo nunca oficialización. A posterior parcelación da Horta de Neira ( Horta de Solance, Horta de Buxán) e da Horta de Saco completou a urbanización da zona.
BARRIO NOVO.- A parcelación de terreos das familias Saco e Taboada de Zuñiga, nos nomeamentos de A Poula e Formigueiros , nos primeiros anos da década dos anos 1950, diante da orfandade de plano de poboación , por deixación municipal, deu nacemento a un barrio carente de equipamentos , con rúas de dimensións impropias e que se basaron en puros criterios especulativos. Resumindo: Foi un "Barrio Novo" aberto con criterios " moi vellos "
BARRIO DAS INSUAS.- Naceu a partir dos anos 1950, e supuxo a desaparción dun dos espazos máis fermosos da vila de Sárria, o chamado "Parque das Insuas", conxunto de carballeiras vizosas que por moitos anos acolleu a popular "Xira das Insuas " que tiña lugar o 25 de San Xoán. Os terreos eran propiedade da familia Neira Solance ( Campo de Fútbol Vello ) e da familia Saco, e foron parcelados con criterios plenamente caducos ( rúas estreitas, soares de frenteira ridícula, fondos esaxerados e nulas previsións de dotacións e servizos.BARRIO DO TOLEIRO.- Na parroquia de San Salvador de Vilar de Sárria, a carón do Muiño do Toleiro e os espazos inmediatos da estrada de Samos, onde do ano 1900 endiante se foron alzando novas casas. O nome non tivo consolidación.
BARRIO DE PROMOCIÓN PÚBLICA
BARRIO DAS CASAS BARATAS.- Alzado como promoción pública entre a Rúa San Lázaro ( hoxe Rúa Xela Arias )e o Río Celeiro, entre 1955 e 1957, ofrecendo vivendas en aluguer con posibilidade de acceso á propiedade
..................................................................................................................................................................
Hai que sinalar que os bons comezos do urbanismo moderno na vila de Sárria non deron lugar a actuacións municipais consecuentes coa boa traza ofrecida pola Estrada de Valdeorras ( Rúas Matías López e Benigno Quiroga ), Estrada de Aranza ou de Ribadeo, despois de Becerreá ( Rúa Diego Pazos ), e Estrada de Samos ( hoxe Rúa da Liberdade ).
Sárria , despois de varios proxectos de facer un Plano de Poboació, que van de 1910 a 1951, conta ao día de hoxe cunhas obsoletas Normas Subsidiarias de Planeamento con 40 anos de vida, e non foi posible consoliad un Plan Xeral de Ordenación nin xiquer un plan de protección do núcleo histórico.
Unha vez un peregrino de paso por Sárria dixo : "Sárria, villa práctica y atroz.....", e vai ser que tiña razón dabondo,
En realidade en Sárria os barrios non tiveron oficialización e cando en 1888, coa aportación de placas cerámicas se rotularon rúas e prazas, só houbo dúas que servisen para denominar barrios: a ) Barrio del Puente Ribeira ( desaparecida ) e "Barrio de Sn Lázaro" ( posta na Casa Nova de Badiola,. onde aínda hoxe se pode ver)
Comentarios
Publicar un comentario