VALENTÍN ARIAS LÓPEZ , NA LEMBRANZA
VALENTÍN ARIAS LÓPEZ : GALEGO EN EXERCIZO Xaime Félix López Arias ( Meira, 21 de setembro de 2013 ) "Penso que unha das tarefas máis apremiantes e máis proveitosas para a Galicia de hoxé é implantar de feito o ensino en galego nesta terra.... Facendo o ensino do galego, dentro de Galicia , encarreiraemos o vieiro de formar homes verdadeiramente auténticos e verdadeiramente libres. A primeira pancada para que os galegos nos convirtamos en axentes activos da nosa historia.... Seguir prescindindo da lingua galega no insino en Galicia é continuar a esfrangullar aos galegos". *** *** Estas palabras , publicadas primeiramente no número 29 da revista Grial e recolidas en 1969 na obriña ·A Língoa Galega na Escola" resumen, dalgunha maneira o universo e o diario de rota dun mestre,Valentín Arias López, galego poliédrico en acciòn , aberto á rosa dos ventos no pensamento e sempre fiel aos compromisos de ser e estar nunha terra e nun tempo, sempre a carón dun pobo e dunha xente ( paisaxe e paisanaxe ) que queren e poden tecer o seu destino.
Naceu Valentín Arias nunha familia labrega, na Casa do Roxo da Vilerma, na parroquia sarriá de Maside un 22 de marzo de 1934 . Da man de Avelino Pousa Antelo tivo a sorte de se formar , e de se abrir á galeguidade, na Escola de Barreiros , na que andando o tempo tamén exerceu de mestre, mantendo vivo o facho que Pousa prendera, tanto na Escola como nos Cursiños Agropecuarios para Mestres, experiencias ambalasdúas que foron pevideiro de inquedanzas.
Galeguista, mestre, escritor, tradutor, politico e animador cultural, a súa intensa frutífera actividade , tamén á fronte da Editorial Galaxia e o seu labor na Fundación Penzol, levouno a un coñecemento e contato direito cos persoeiros da Cultura Galea que viñan dos anos da longa noite de pedra e ao trato con inquedos mozos que nas décadas dos sesenta e os setenta querían ser "voces ceibes" e andaban a soñar e abrir novos camiños.
Iso levouno , como algo propio do seu caráter aberto, a saber escoitar e ver, a ser quen de distinguir utopía e realidade , a facer análise e diagnose, como aquel Cabaleiro dos Espellos , captador de todas as imaxes e irradiador de luces, aun tempo loitador contra as quxotescas aprensións de cabaleiros engaioladores e contra as oportunistas miserias dos Sancho Panzas banalizadores e comercializadores das ideas e dos ideais.
Mestre en Zanfoga do Cebreiro, en Barreiros de Ortoá , en Sárdoma de Vigo, o seu labor docente damdo cursiños para formar a mestres no uso da escrita , diante da orfandade froito dos séculos de exclusión da língua galega na escola, fíxoo estar presente en numerosas vilas e cidades galegas , nas que tamén como coferenciante levou adiante un labor de apostolado heroico en tempos nos que exercer de galego, e máis de mestre galego, eran actividades de risco.
Sementou galeguidade.
Autor de "A Lingua Galega na Escola", " A Escola Rural en Galicia", "Lois e Sabela ", "Catro Nenos", "En galego sen erros", "Escribir ben", "Libro de Estilo", " Prontuario ortográfico do galego", escribiu tamén unha biografía de Avelino Pousa Antelo, e con este fixo a biografía de Antonio Fernández López.
É na súa actividade como colaborador en publicacións xornalisticas onde se encontra o mellor da súa produción literaria.
Os seus artigos publicados baixo do rótulo "Eido Rural", que nos anos primeiros do século viron luza en "El Progreso" , están a agardar un labor de recopilación e publicación , porque son fonte na que xorden unha lingua fresca e ricaz e unha poliédrica temática , constiuindo case delicto de lesa galeguidade o que permanezan durmindo nos andeis das hemerotecas.
Como tradutor, labor que inicia en 1980 coa obra "A guerrilla antifranquista en Galicia" ( recuperación da memoria histórica ) , de Helmunt Heine en 2008 e remata na obra "Robinson Crusoe " ( anosamento do ideario do home libre ) , amosa a vontade de anosar o alleo e de amosar o propio , loitando contra todo intento de lle poñer chata ao galeguismo de embiguismo e autocompracenza , pois quen abre portas e xanelas á luz e á luz de fora amosa o sentimento de facer común patrimonio de todas as luces : quen ama o propio tamén ama e respecta o que ven de fora.
Como non podía ser menos na hora do compromiso politico tamén estivo na loita, con máis sentdio da responsabilidade do moento que co desexo de tomar bandeiras ondantes ou de obter prebendas. E cando xa se abriron novos vieiros , volveu ao seu labor de sempre, sen se perder en Capuas de dourados viños ou en cuarteis de inverno de tépedos seráns de intrascendencias. O seu era aloita día a día.
E no mundo da Cultura, no que sempre se moveu, estivo a carón de asociacións e grupos de toda a xeografía galega , co consello pronto, coa participación, espallando as inquedanzas mozas....
Se en 1964 promoveu en Sárria un escrito dirixido á xeraquía eclesiástica de Galicia solicitadno que a liturxia en Galicia se fixese en galego, conseguindo mesmo que o alcalde da época asinase este escrito ( exemplo e petición que, por desgfraza, aínda non foron escoitados hoxe ) : se polo labor daqueles anos se podería calificar de activo Axente de Extensión Cultural que o fixo estar presente en numerosas actividades por toda a xeografía galega ; se foi verdadeiro introdutor de embaixadores , no senso de que grazas a el tiveron presenza viva nos foros da Cultura, e en direito, persoeiros que poderían parecer inacesibles , e quero recordar que grazas a Valentín Arias, podemos escoitar a Ramón Piñeiro na vila de Sárria.onde se iniciara a súa vocación galeguista e politica, e así pidemos ter en Sárria a presenza tutelar da Policía Armada, mentres durou a conferenza ( viñera a falr de Castelao ) e despois nos seguiu regalando a presenza , grazas ás súas xestións de moitos outros escritores e persoeiros galegos e esa acción puntual na súa vila de orixe a multiplicamos por toda Galicia, só é posible chegar a unha conclusión :
Ao longo dunha vida de compromiso con Galicia , Valentín Arias López, exerceu un verdadeiro labor de apostolado.
Remato.
Como nauqel debuxo no que un home interroga aoutro dicíndolle: "¿ E logo tinon te vistes de galego ?", e o interpelado lle responde: "Non, eu xa son ", Valentí Arias López, como aquel Don Quixote , que el axudou tamén a verter ao galego, e que era quen de dicir fachendoso "Eu sei quen son", puido dicir e dixo sempre :
"Eu son galego"
E a ese galego firme e poliédrico, de seixo e mel, e ao que hoxe quixen recordar, dende a amizade e do maxisterio que sempre lle recoñecín e agradecín , porque seguindo o seu exemplo, hoxe aquí, en Meira , todos amosamos e proclamamos o orgullo de sermos e renarcermos galegos, pola virtude simbólica das augas que rosman mainas no Pedregal de Irimia.
Comentarios
Publicar un comentario