O TRASNO DE MORGADE

                                              O TRASNO DE MORGADE

                                                                                                                  Xaime Félix López Arias

Na corga fonda de Morgade hai un trasno que se chama don Fagundo, O "don" venlle de vello, dun daqueles xudeus  do Burgo Vello de Portomarín que trocaban moeda no Mercado da Serra. O xudeu, chamado Dom Eliazar Tomb, era moi sabido en encantamentos  e maxia e tivo encadeado para o seu servizo ao trasno ao que lle deu por nome o de Fagundo, Morto dom Eliazar  o trasno pasou en propiedade de pais a fillos até que os Reis Católicos botaron fora dos seus reinos  a canto xudeu neles había, Deste xeito Fagundo quedou ceibe de todo elo de suxeición , ou así o creeu el , e así puido voltar para o Castro de Barán dentro de cuxos foxos fixera el vida até que dom Eliazar o soubo domeñar.

Dos dous séculos que pasara entre os xudeus quedoulle o "don" e o gusto pola lectura das vellas linguas. Mentres estivo de  criado o trasno fixo cantos traballos lle puxeron  e non se podía negar a nada pois eles tiñan un vello códice no que ían ensalmos cos que moito o fixeron sufrir.-

Agora o trasno anda da Pena Furada ao Castro de Barán. O inverno pásao no castrro ondia a trave de chapapote  fervendo que garda a longa cadea de ouro que hai na cova, cuxa saída queda perto do Muiño de Veiga, no río Loio,,  e que os mouros deixaron  na súa fuxida, aínda que o "Ciprianillo" non di cousa  do choio, nin do grande tesouro de ouro e prata amoedado ali agochado. O tempo de verán vaino pasar ás devesas de Morgade, pois gusta dos avesedos, e hai quen sostén que pasa as noites empiricotado  nunha pola do Carballo de Filgueiras, botando fora a moita calor que carga no inverno.

Don Fagundo é un trasno insatisfeito. Amólao moito  estar de setembro a San Xoaán gardando silandeiro o grande tesouro e que se teña que limitar só ao tempo de verán para sair de troula. Séculos atrás foi un grande xogador , mais agora o malpocado anda tristeiro dende que as xentes xa non o mentan, e , o que é pior, xa non cren que ande pola terra, por estaren , segundo din, sabedorres de que os trasnos só están presentes  nos contos de vellas parrumeiras e nos libros de folcloristas mentireiros.

Hai anos, ¡ Cantos guizos e candís apagou nos fiadeiros !, ¡ cantas pullas meteu no muiño de Veiga !, ¡ cantos medos puxo nos pelengríns que andaron o camiño francés !.

E... dende que viu á bonita costureiia de Valiñas o trasno xa foi outro. E disto haberá cando menos oitenta anos..

Namorou dela un día no que andaban a apañar  os da casa a folla da chousa  da Corga do Inferno. Don Fagundo xa sabía de amores pois estivera namorado da dona Noemí, a filla meirande de don Eliazar, moi xeitosa ela ,  e el ningunha chata lle poñía a aquel nariz froito dos xenes xudaicos porque a amaba toda enteira  e  aquel grande marco entre fazulas  até tiña a súa graza . E moito se aproveitou dos seus puros e nobles sentimentos  aquel merdán de patrón  que, cando soubo do seu querer, prometeulle que se ficaba contente del faríao home e podería casar coa súa filla..

O trasno cumpriu o pauto establecido e abriulle as portas do tesouro enterrado baixo do adro da igrexa de Calvor e tamén  o levoun ao Castro dos Moimentos, onde durmían os moitos haberes de ouro  bagdasí amoedado ,  vixiados polo Tesouro chamado Brándegas, que aínda que estaba privado de ámbolos dous  ollos levaba a conta diaria  de sacas, foles e arcas  onde os dourados froitos  das menas de Montefurado se gardaban.

Grazas ás habilidades de Fagundo, dom Eliazar  cargou canta riqueza acharon,   e formando por medio dos seus encantamentos unha grande rea de mulas provistas de  amplas e xenerosas alforxas, levou todo o acadado  , sen poñer pés na terra, até París da Franza. Don Eliazar  abría camiño polo medio das nubes montado nun cabalo branco, e dona Naomí ía a carón del , montada de donas  nunha fermosa e grosa mula mansa, eela  levaba de ramal, atado cunha cadea de ouro  de cinco varas de longo ao noso bon  Fagundo, que ía ledo porque era quen de ver de esguello aquel característico  nariz que sobresaía por riba dun fermoso veo branco feito a rendas no porto de Camariñas..

Chegados á bela Lutecia foron parar cas de Isacar Rostchild, curmán de don Eliazar, a quen confiaron  o contido das cen alforxas, porque era o gardián  dos fondos reunidos , según escoitou dicir, que serían destinados  a alzar o Templo de Xerusalén. Un mes despois voltaron  para Portomarín  e se para aló foran polo aire para acó "viñeron polo vento",

Morreu don Eliazar deixando casada a filla con Joshua Rostchild, o que quer dicir que o dom Eliazar non cumprira o trato e Fagundo  só tivo o consolo de coñecer sucesivos narices das xentís descendentes do marrán de dom Eliazar, ata que no remate do século XV colleron  camiño de Amberes por mor do decreto de expulsión  de dona Sabela e don Fernando,  poñendo así remate á rea de namoramentos platóncos  de narices tan perto fisicamente e tan alonxados no espiritual.

 E a Fagundo deixárono en Portomarín coa encarga de que vixiara os caneiros do Areal. E así foi como por vez primeira en   tres séculos quedou dono de si , sen casa e sen facenda, o que non é maior problema  para un trasno, e axiña percurou o  amparo  da cova do Castro de Barán.

E pasados moitísimos anos, e cando xa non gardaba  lembranza de nariz ningún da castimonia eliazariana , don Fagundo volveu a escoitar a chamada do amor. 

Moito lle quería  a aquela costureiriña que non  era quen de saber dicir como podía perder tantas agullas e alfinetes  ou quen lle podía agachar os dedís nos sitios máis insospeitados. " Nin que ande por aquí o trasno facendo das súas ", cavilaba algunhas veces. E para esquecer a raiba que lle daba perder tempo na percura de agullas ou tesouras, mirando de saber quen llas collera ou mesmo con medo de que algún picariño  metese unha agulla na boca, poñiase a canar aquelo de

            "Costureiriña de Valiñas,/  cose de balde e pon as fías-

            "Costureira do pío-póp, /  cose de balde e pon o fío.

E ría como rin os anxos. ¡ Que belido caravel era a rapaza ! . E o trasno namorábse dela cada día un pouco máis.

Seguían a lle desaparcer agullas decote e de nada servía que a arresponsasen co de Santo Antonio.

 Un día o trasno lembrou que en certa ocasión aquel seu amo dom Eliazar dixera que no Castro do Toural había uns peragmeos feitos en pel de vitela nos que se podía ler  o que un trasno ten que facer  para se volver en home, e dixera que el non ía aló para lelos porque el prefería ter trasnos escravos a homes vasalos.

Foi até o Castro do Toural  e entrou na cova polo portelo que hai  baixo da Fonte de Randulfe. Pasou de vagar pola por riba da  trave de fumegante fume e riba dunha grande cadeira de ouro dos vedraños e antergos druidas , Don Fagundo sentou na cadeira, que lle viña pequena, e estivo a ler  nel moitas horas. 

No libro aprendeu  en primeiro lugar  que os trasnos, en figura de home, só poden ser  afiadores, follalateiros, canteiros e bufariñeiros,  xentes de andar camiños a quen ninguén lles pregunta de onde son , chámanse por caso Silvestre, Flaminio  ou Pedro, e abonda con que digan que son de cara Pontevedra ou de Nogueira de Ramuín. 

- Eu serei canteiro, -dixo o trasno-,  Os canteiros botan moito tempo fora da casa , traballan a mantidas  e ata os percuran no tempo de inverno.

Os pergameos tamén poñían  que os trasnos só poden ser homes por unha soa vida , aparecen da edade que libremente escollan  e cando morran de vellos , sen padeceren doenzas, voltan á súa natura de trasnos. 

- Eu quero aparecer de vinte e cinco anos e cun bigote ben feito. 

Seguiu a ler un bon anaco, fixo todo o que alí se sinalaba  e cando veu á luz do día  era home feito e dereiro con roupa e ferramentas de canteiro. 

Foi ao Nove en Portomarín  pois naquel día era cando facían trato os canteiros de Salvaterra e achegouse a un patrón a quen chamaban " O Portuguesiño"

- ¿ Hai traballo para un bon canteiro ?

-  Hai rapaz, hai, que  un dos meus tivemos que deixalo con febre no Hospital de Lalín,

- ¿ E a onde imos traballar ?

- A un lugar  que queda no camiño de Sárria que lle chaman A Pinza, que xa do ano pasado quedamos de volvermos  cas do Airexe  para rematarlle a palleira nova e facerlle un hórreo.

- ¿ E hai traballo para tempo ?

. Só nesa parroquia xa temos apalabrada obra para catro ou cinco meses.

O trasno , que dixo chamarse  Amable Sampedro e ser da banda de Santiago e que deprendera o oficio cun mestre de obras de Moraña , ficou ledo ao saber que ían traballar perto de Morgade , onde , como de costume,  a costureira andaba a facer camisas e roupa de muller, dalle que dalle á máquina Singer mercada na Casa de Marzán. Non lle habían fallar  ocasións de parolar coa moza  e malo sería que non a namorase  pois escollera unha cara tan ben feita que máis dunha ducia de mulleres das que estaban na feira quedaron mirando para el  un bon cacho.

A costureira  nunca  de amores soubera   e quedou presa nos ollos e nas falas  daquel galán  garuleiro e gaioso. ¡ Cantos parrafeos tiveron !,

Cando os canteiros voltaron para Salvaterra o Amable quedou nesta terra, porque el non tiña casa nin familia, e como era quen de traballar a pedra coma o mellor non lle fallaría  traballo, comida e leito.

- Ben, Amable, non che se ocurra ir con outra cadrilla, ti es un dos meus.

.Xa sei , meu mestre, non teña dó que para o ano que ven heino agardar en Portomarín, que van  facer a ponte nova  e vai haber pan para ben meses.

- E coida ben da túa costureiriña...

Amable xa esquecera o seu estado de trasno. Agora era un home forte e san, aínda  que cando estaba nas tabernas cos amigos ou nas feiras   soía facer  algunha que outra falcatruada  coa que todos rían.

Xa eran noivos o canteiro e maila costureira  e a todos lles parecía ben pois era traballador e honrado, falangueiro  e serio nos compromisos..

Un día díxolle á costureira que  na noite do sábado  baixaría a Valiñas  para falar de casamento cos pais dela. A rapaza brincaba de contenta.

Foi unha noite escura . O vento bruaba nas xesteiras  e dende o Loio subía o rusmusmús das augas batendo nas laxes . 

A costureira estaba co fole nas mans  dándolle vida a unhas brasas da lareira, Petaron na porta. " É o Amable que chega ", pensou.

- ¡ Maruxa ! ¡ Maruxa !,-berraron de fora.

Era a voz do Amable. Todos os da casa a recoñeceron.  Xa vou", respondeu .  A Maruxa, leda e cantareira, tirou a tranca da porta, correu o pecho , abriu toda sorridente a folla.... E alí non había ninguén. No rueiro só había un fermoso cabalo branco que rinchaba con desacougo,,, E do Amable non había rastro ningún.

Foron cas dos veciños para saber se estaba ali.

- Acaba de sair de aquí, Estivo xogando unha partida  e dixo que ía para ondia vós, que xa se lle facía tarde a hora..Non hai nin seis minutos que botou fora,

Sairon polas corgas adiante alumándose con fachos de palla e lanternas , chamárono a berros, mandaron razón ás aldeas da contorna, Ninguén o vira. ¡ Nin que o tragase a terra !.

En Castromeixe, en Lavanderia , no Neo... as mulleres  e homes marmuriaban que o  pillabán do canteiro fuxira  deixando á Maruxa metida nun mar de bágoas.

                                           ¡ Vaia trasnada lle fixo ! ,- dicían -, ¡ Que pena para a rapaza !

A costureira non fixo caso de falas . O corazón de nena que por vez primeira soubo do mel do amor recibiu unha ferida que cos anos foi esquecendo. Foi de criada para o pazo do Tumbiaodio  e só de tempo en tempo lle viñan algúns dos saudosos recordos das horas pasadas co Amable,

Meteran o cabalo branco na corte, O pedáneo baixou a Sárria  a falar co alcalde. E como ninguén se chamou a el, as autoridades acordaron que xa que o atoparan diante da porta os pais da Maruxa quedaron co valioso animal, Acabaron vendéndollo ao cura da Pinza que botou moitos anos sendo fachendoso cabaleiro  do équido que ano a ano seguía en toda a súa forza  e  mesmo semellaba que se lle adiantaba aos seus pensamentos  , nunca se perdeu nos camiños  e ata sen gallopar era quen de chegar a tempo a calquera lugar, 

O cabalo branco morreu de vello... E polo que dicían aparecu comesto dos lobos, aínda que iso deu moito que falar, pois o esquelete  estaba sen restos de carne , de sangue ou de pel, e os osos víanse cunha cor branca intensa que reflectía a luz do sol coma un espello. "Moi famentos debían estar os lobos para que o deixasen nos puros osos ",

                                                 ................................

E morto o cabalo xa temos  a don Fagundo  no ser e estar naturais, é dicir  na súa forma de trasno... Non achou razón para o troco de ser Amable e aparecer en forma de cabalo. Non soubo   o por que daqueles longos anos de équido ao servizo do cura da Pinza, que era groso dabondo, e non paraba na rectoral...

Algo debera esquecer na súa visita ao Castro do Toural, e alo voltou para coñecer a verdade. Camiñou paseniño por riba da trave  de chumbo fumegante e sentou na cadeira de ouro e tornou a ler os vellos pergameos, para ver as instrucións a seguir para que un trasno se volvese home....

Alí, no último pergameo, na páxina final, ao pé dos ritos e os esconxuros, en letra miúda, moi miúda, agora sí que  leu o seguinte : "  Se un trasno volto home quixer casar con algunha moza humana ,  voltará ao seu estado de trasno , despois de pasar vinte anos  e un día  convetido en cabalo branco",

Ficou abraiado, Xa tiña a resposta. A letra miúda, sempre hai que ler a letra miuda... Ou ao mellor non tiña a resposta. ¿ De que coñecía el aquelas letras semellanates a unha ringleira de mouras formiguiñas ?. Volveu a ler o parágrafo, aquela letra case microscópca , enadida no remate do pergameo , estaba asinada da man de dom Eliazar.

Unha  sospeita foi medrando  na súa cabeza: ¿ Non sería esta a derradeira vinganza imposta polo avarento xudeu  por se ter namorado el do nariz e do conxunto todo daquela  fermosa dona Noemí ?-

El coidara que cando lle romperan os elos da cadea dourada da que, sempre de ramal, seguira a dona Noemí e a todas as seguintes mociñas dela descendentes, sería un trasno libre de seguir os camiños que desexase andar,

Mais axiña descubríu que ademáis dos pergameos lidos, había centos  de  follas de pale chino, libros manuscritos , papiros, notas e borradoees  nos que o vlelo mago e alquimista, dom Eliazar,  deixara escrito o  extenso guión de canto ao longo dos séculos tería que vivir, penar e sufrir.

Desexou morrer. Maís os trasnos nunca morrerán entrementres na Terra haxa homes e mulleres, e por iso don Fagundo chorou a mares  e botou xuramentos coma sapos  e aldraxes variopintos contra aquel renarte de Portomarín  que o tivo escravizado tantos anos, porque agora sabe  que o deixou atado a canto deixou escrito nos documentos gardados no Castro do Toural,

Agora ten o convencemento  de que dom Eliazar , dona Noemi e toda a súa caste son verdadeiros Trasnos Maiores e el e outros coma el non son outra cousa que trasnos escravos postos ao seu servizo.

El vai do Castro de Barán á Pena Furada , e da Pedra Furada ao Castro de Barán, sen manter contacto ningún con outros trasnos, poucos quedan,, tendo a segreda esperanza de que do mesmo xeito que as xentes hai tempo que o esqueceron, os Trasnos Maiores  metidos de cheo noutras cuestións e negocios  o deixen  onde agora anda, ata que chegue a hora da longa Noite do Sono de dosucentos anos .

Aínda sendo trasno non se pode ser bon.   Aínda sendo trasno non se pode ter corazón sinxelo.

                                             Aos bons sempre hai quen  lles pon cadeas,

 

Comentarios

Publicacións populares